main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

06/05/202016:15
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta solicita ao Goberno unha estratexia tecnolóxica que garanta a privacidade e a interoperablidade entre as comunidades

  • A directora da Amtega participou nun grupo de traballo sobre rastreo e interoperabilidade, convocado pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial
  • A Administración autonómica está a traballar nunha solución tecnolóxica integrada cos sistemas e plataformas de xestión asistencial para facilitar aos cidadáns unha ferramenta de axuda no proceso de desescalada
  • Permitirá unha comunicación personalizada en función do perfil de vulnerabilidade da persoa e a xestión de contactos, que se identificarán a través da declaración da persoa de xeito voluntario

Galicia avoga por aproveitar todo o potencial da tecnoloxía para apoiar a saída da crise sanitaria, sempre baixo as premisas de privacidade, proporcionalidade e interoperabilidade. Así llo trasladou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, aos representes estatais na xuntanza telemática do grupo de traballo sobre rastreo e interoperabilidade, convocado pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial.

No encontro a responsable autonómica incidiu en que as solucións tecnolóxicas deben formar parte dos protocolos que establezan as autoridades sanitarias e, en consonancia cos criterios e directrices fixados no marco da rede de vixilancia epidemiolóxica. Neste sentido, Pereira destacou que a integración cos sistemas e plataformas de xestión clínica e asistencial dos servizos de saúde e cos seus mecanismos de alertas e seguimento da enfermidade, permiten un mellor aproveitamento e eficacia das solucións tecnolóxicas que se habiliten para a xestión da crise sanitaria.

Solución tecnolóxica de Galicia

A responsable autonómica avanzou que, sobre esta base, Galicia está a traballar nunha app que permitirá o establecemento dunha canle de comunicación personalizada en función do perfil de vulnerabilidade da persoa, así como unha xestión de contactos que facilite o seguimento dos mesmos por parte das autoridades sanitarias. Os contactos identificaranse, a través da declaración da persoa de xeito voluntario.

A aplicación permitirá a incorporación posterior de mecanismos de detección automática a través de bluetooth, para o que Galicia solicita ao Goberno de España que estableza os criterios e os mecanismos de interoperabilidade que permitan o funcionamento a nivel global con todas as garantías de respecto a privacidade que exixe a regulación europea e estatal.

Mar Pereira explicou que a solución tecnolóxica que se está a desenvolver en Galicia respecta en todo momento o regulamento europeo de protección de datos e leva asociadas as correspondentes análises de impacto na privacidade. Os algoritmos empregados así como o funcionamento do mesmo serán públicos e auditables.

Complemento doutras medidas

No encontro a directora da Amtega sinalou que a trazabilidade dixital de contactos pode ser unha boa ferramenta de axuda aos protocolos de rastreo de contactos que definan as autoridades sanitarias, máis efectivos en tanto se consiga a interoperabilidade técnica e semántica entre rexións europeas.

No caso de Galicia, que conta con potentes sistemas de información e plataformas tecnolóxicas integrais que permiten o seguimento clínico dos pacientes a través de mecanismos de teleasistencia, as novas solucións tecnolóxicas que se adopten deberán ser un complemento para que os cidadáns se sentan mais seguros para abordar a fase de desescalada.

04/05/202013:32
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

O CDTIC comeza o mes de maio con catro novas xornadas en liña para pemes e autónomos

  • Teletraballo, ciberseguridade, sinatura biométrica ou comercio en liña centrarán as actividades da primeira semana do mes
  • As sesións celebradas ata o momento bateron récords de seguimento, co dobre de asistencia que nas sesións presenciais
  • A participación nas xornadas é de balde, previa inscrición na páxina web ou na app do CDTIC

 

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) continúa a súa actividade de sesións formativas en streaming con catro novas xornadas programadas para a primeira semana de maio. Organizadas en colaboración con diversos axentes tecnolóxicos, estas sesións por streaming están destinadas a pemes e autónomos e, co formato #DemosXweb, teñen como obxectivo fomentar o teletraballo ao longo desta etapa de confinamento derivada da crise sanitaria provocada pola COVID-19.

A programación de maio comezará o día 5 con “Inmersos no teletraballo. Estamos a facelo ben?”. Seguiralle, o mércores 6, unha sesión sobre ciberseguridade, a cargo do Incibe. A consultora tecnoloxía Unayta falará, o día 7, sobre a sinatura biométrica; e o 8 unha sesión abordará o funcionamento da plataforma viguesa de comercio en liña DBarrio.

Todas as actividades están programadas en horario de 10.00 a 10.45, son de balde e calquera persoa interesada pode inscribirse para seguilas na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/) ou a través da aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS.

Igualmente, calquera provedor tecnolóxico que desexe facer unha sesión para presentar algún dos seus produtos ou servizos pode tomar a iniciativa e solicitarllo ao CDTIC.

Actividades con récord de participación

Desde a entrada en vigor do estado de alarma celebráronse catorce actividades que tiveron unha grande acollida e nas que se bateron récords de seguimento, pois duplicouse o número de asistentes respecto ás sesións presenciais feitas con anterioridade. Así, a cifra de participantes superou os 1800, o que supón unha media de 134 persoas por sesión.

Ademais, produciuse unha elevada interacción na maioría delas, coa formulación de preguntas polo chat, atendidas no momento, coma nunha sesión presencial, por parte dos relatores. Para quen non puido seguir en directo estes seminarios, na web do CDTIC están dispoñibles para a súa visualización.

As temáticas abordadas ata o momento foron variadas, sempre relacionadas con aspectos e ferramentas que poden resultar de interese para pemes e autónomos nestes momentos de crise sanitaria, nas que o confinamento incrementa o teletraballo e a actividade en liña. Así, ciberseguridade e privacidade, comercio electrónico, uso de WhatsApp na empresa, comunicación corporativa, xestión de procesos administrativos en remoto, xestión a distancia de proxectos, videoconferencias, aspectos legais do teletraballo ou marketing dixital foron algúns dos temas tratados nas sesións retransmitidas no último mes e medio.

Emerxencia sanitaria COVID-19

A emerxencia sanitaria do coronavirus forzou a moitas empresas a recorrer ao teletraballo. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a través do CDTIC, quere servir de guía para favorecer esta modalidade de traballo publicando, cada día, un post sobre diferentes ferramentas que poden ser de utilidade a todas as persoas que, na actualidade, están recorrendo a esta práctica. Todas estas publicacións están dispoñibles a través da seguinte ligazón: https://cdtic.xunta.gal/node/9138.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

04/05/202009:54
Logo Día mundial da internet.
Santiago de Compostela

O Día da internet 2020 destaca o papel da tecnoloxía durante a crise do COVID-19

  • O papel da internet na situación de emerxencia que vivimos será o tema central para as actividades do #diadeinternet 2020, o próximo 17 de maio. Os actos celebraranse online e poñerán en valor as iniciativas dirixidas aos colectivos máis vulnerables.

A posta en valor da internet e do seu papel durante a actual emerxencia sanitaria do COVID-19, foi elixida como tema central para todas as actividades e actos programados para a próxima celebración do Día Mundial da internet 2020, o 17 de maio. Ademais, este ano todos os actos do Día da internet celebraranse sen público e retransmitiranse online, permitindo que calquera cidadán poida gozar deles desde a súa casa.

As actividades están xa abertas, cun gran nivel de participación en todas elas. Entre elas, destacan as destinadas a centros escolares, para que os alumnos de primaria e secundaria xunto cos propios profesores, dean a coñecer a súa visión da achega das tecnoloxías aos colectivos máis vulnerables. Un certame de contos, debuxo e poesía, un Hackaton de propostas, un concurso de fotografía móbil, un concerto virtual e un certamen para profesores INTEF son algunhas das iniciativas que se puxeron en marcha ao longo deste mes de abril.

Como cada ano, convócase aos comercios online a participar en Semana da internet, con ofertas e oportunidades para as compras online con motivo do Día da internet. Tamén hai que destacar que a asociación de Telecentros SomosDigital, con máis de 1500 telecentros por toda España, traballará diferentes actividades de maneira virtual mostrando como evitar o despoboamento rural a través do uso intensivo da internet.

A entrega de Premios da internet 2020 celebrarase o 15 de maio, e o acto central do Día da internet será o 17 de maio, no que participará a Presidenta do Senado e a Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, entre outros. Ambos os actos retransmitiranse por streaming.

04/05/202008:35
Mans usando un smartphone.
Santiago de Compostela

A Xunta notifica á Comisión Europea o seu Plan de mellora de cobertura móbil e solicita que se fixen mínimos de calidade nos servizos de telefonía móbil

  • A Administración autonómica cumpre con este trámite para avanzar na iniciativa de mellora das comunicacións en mobilidade en zonas illadas, á que se adheriron 94 concellos
  • Ademais, a Axencia autonómica vén de solicitar ao Organismo de Reguladores Europeos das Comunicacións Electrónicas (ORECE) que se fixen mínimos de calidade nos servizos de telefonía móbil
  • A práctica totalidade dos galegos teñen cobertura 4G e máis do 83% dos fogares teñen contratado o servizo de internet a través de banda larga móbil

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de notificar formalmente á Comisión Europea a iniciativa autonómica para a mellora de cobertura móbil en zonas illadas. Este trámite dá continuidade ao intercambio de información levado a cabo nos últimos meses para acadar a aprobación previa por parte da Comisión Europea e, deste xeito, poder levar a cabo os investimentos públicos previstos para a mellora das redes de telefonía móbil nas zonas rurais.

Un total de 94 concellos do ámbito rural solicitaron a súa adhesión á iniciativa autonómica para mellorar as comunicacións móbiles no rural, lanzada a finais de 2019 e que conta cun investimento de ata 5 M€. Para participar no plan as entidades locais debían incluír na solicitude a cesión dun terreo adecuado para a instalación das infraestruturas de telecomunicación e o compromiso de abordar a acometida eléctrica, para o que poderán solicitar unha axuda máxima de 30.000€.

Unha vez se levanten as restricións derivadas do estado de alarma, a Administración autonómica, en colaboración co Colexio de Enxeñaría de Telecomunicacións de Galicia validará as zonas con deficiencias de cobertura trasladadas polos concellos e, conxuntamente con Retegal, visitarase e comprobarase a idoneidade das parcelas indicadas polas entidades locais, creando así un mapa de zonas de actuación.

Aqueles concellos que cumpran cos requisitos, carecer de cobertura e poñer e dispoñer dos terreos adecuados, integraranse nun proxecto, que se desenvolverá a través dunha encomenda ao operador publico Retegal para a construción das torres e dunha convocatoria publica a operadores en concorrencia competitiva.

Esixencia a Europa duns mínimos de calidade

Así mesmo, co obxectivo de garantir que as redes móbiles presten un servizo de calidade, a Amtega vén de remitir á ORECE, organismo europeo que se encarga de regular as telecomunicacións na Unión Europea as consideracións da administración galega respecto da necesidade de fixar uns mínimos de calidade do servizo que se preste por parte das redes móbiles.

A ORECE realizou unha consulta pública sobre os criterios que deben cumprir as redes para ser consideradas de moi alta capacidade. O documento presentado polo regulador europeo descartaba impoñer condicións en determinados supostos sobre a calidade do servizo das redes móbiles. Dende a Amtega non se comparte este posicionamento, entendendo que para que as redes móbiles poidan considerarse de moi alta capacidade deben prestar un servizo que satisfaga as necesidades dos usuarios. Por este motivo e co obxectivo de que se teñan en conta as necesidades dos galegos e galegas no que aos servizos de telefonía móbil se refire, a Amtega solicitou á ORECE que modifique a súa proposta para incluír esixencias de calidade de servizo ás redes móbiles de moi alta capacidade.

A importancia das redes sen fíos en Galicia

A telefonía móbil é un servizo imprescindible na actualidade. Nos últimos anos a evolución do tráfico das redes móbiles medrou de xeito exponencial, tanto para chamadas de voz como no uso de datos, e as previsións para os vindeiros anos son que esta tendencia continuará. Segundo a información que ofrece o INE, a maior parte das vivendas galegas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, un 83,1% emprega unha conexión móbil de banda larga través dun dispositivo de man.

A Xunta de Galicia é consciente deste feito e non quere deixar atrás a ningún galego ou galega, por iso continúa a dar pasos para que en Galicia existan redes de telefonía móbil de calidade e accesibles para todos. Isto require por unha banda mellorar a cobertura e por outra mellorar a capacidade das redes existentes.

Así, grazas ás actuacións postas en marcha no pasado, Galicia conta cunha cobertura 4G superior ao 99% da poboación, pero a evolución e mellora destas redes debe continuar. Coa posta en marcha do Plan Galicia 5G a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) segue a promover a evolución das redes de telefonía móbil en Galicia.

O 90% dos galegos con acceso a internet de 100Mbps en 2021

Xunto coa mellora da redes móbiles, a Administración autonómica continúa co seu plan para incrementar a porcentaxe de galegos con acceso a redes ultrarrápidas. Para conseguilo puxo en marcha varias actuacións, que sumadas ás do Estado permitirán que o 90% dos galegos teñan acceso a internet de 100Mbps en 2021.

Ademais, o Plan dotou de acceso a internet de ata 350 Mbps a 81 e polígonos que contan con máis de 1.750 empresas e outras 80 de zonas illadas se beneficiaron de axudas directas para poder acceder a redes ultrarrápidas.

02/05/202012:18
Ferramenta dixital que permite medir e comprobar a lonxitude dos desprazamentos.
Santiago de Compostela

A Xunta pon a disposición da cidadanía unha ferramenta dixital para poder medir os desprazamentos autorizados

  • O visor está dispoñible na web de información xeográfica de Galicia, dependente do Instituto de Estudos do Territorio e co apoio e colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

A Xunta de Galicia pon a disposición da cidadanía unha ferramenta dixital que permite medir e comprobar a lonxitude dos novos desprazamentos autorizados polo Goberno nos últimos días. Deste xeito, a través do visor básico dispoñible na páxina web de información xeográfica de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio (IET), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ofrecen aos cidadáns a posibilidade de calcular con precisión o radio no que poden desprazarse e planificar así as súas saídas.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, da que depende o IET, considera que esta ferramenta online pode resultar útil logo da publicación da Orde do 25 de abril que regula os desprazamentos da poboación infantil durante a crise sanitaria do coronavirus e os condiciona e limita a un radio dun quilómetro con respecto ao domicilio do menor. Ademais, cómpre ter en conta que desde hoxe o Goberno autoriza tamén as saídas para practicar deporte de forma individual ou dar paseos en familia.

Os usuarios interesados en utilizar esta ferramenta teñen dúas formas de calcular as distancias. A primeira consiste en fixar directamente sobre o mapa cun punteiro a localización do lugar de residencia e establecer a partir de aí o radio máximo de desprazamento.

A outra opción é calcular directamente a través da pestaña Medidas un percorrido concreto seguindo os propios viarios.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS