main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

12/05/202008:43
Pantallazos da app "SafeWalkNearby".
Barcelona

Investigadores da UPC crean unha aplicación para monitorar as saídas con nenos

O Data Management Group (DAMA-UPC) da Universidade Politécnica de Cataluña (UPC) e a spin-off Sparsity desenvolveron a aplicación "SafeWalkNearby" para axudar a monitorar o tempo e a distancia das saídas con menores de 14 anos no espazo público durante o período de confinamento.

A app "SafeWalkNearby" foi deseñada pola spin-off Sparsity Technologies, fundada polo grupo DAMA da Universidade Politécnica de Cataluña, co obxectivo de dar unha resposta inmediata a consultas complexas en bases de datos inmensas.

Trátase dunha app gratuíta, xa dispoñible en Google Play, que garante a privacidade dos datos, pois só funciona no dispositivo móbil do usuario e non está conectada a ningún servidor.

Monitoraxe do tempo e a distancia

"SafeWalkNearby" sinala a área dun quilómetro con respecto ao domicilio na que están permitidos os paseos con menores de 14 anos e monitora a distancia a través dun mapa interactivo en todo momento.

Así mesmo, a aplicación permite rexistrar o tempo que duran os paseos e envía avisos para alertar de que se superou o tempo máximo dunha hora ou a distancia dun quilómetro percorrida, así como indica cando hai que emprender o camiño de volta a casa.

12/05/202008:38
Chatbot COVID-19 accesible.
Castellón

Chatbot COVID-19, un asistente virtual para persoas con discapacidade visual

  • O chatbot accesible sobre COVID-19 creado pola empresa SemanticBots pode ser instalado de forma gratuíta en calquera web de organismos, asociacións e empresas para facilitar o acceso á información sobre a pandemia ás persoas con discapacidade visual.

SemanticBots, empresa de base tecnolóxica de Castelló instalada no Parque Científico, Tecnolóxico e Empresarial da Universidade Jaume I e formada por profesores e investigadores do Temporal Knowledge Bases Group (TKBG), ofrece o seu chatbot COVID-19 de maneira gratuíta co obxectivo de diminuír a fenda dixital da poboación con discapacidade visual.

Desta maneira, pode ser instalado nos sitios web de entidades públicas e privadas, así como asociacións que busquen mellorar a accesibilidade e facilitar a información online sobre o COVID-19 ou a realización de xestións a través de canles dixitais aos usuarios con discapacidade visual. Xa comezou a incorporarse ás webs oficiais de diversas asociacións de persoas con discapacidade da Comunidade Valenciana, como CERMI e COCEMFE.

SemanticBots comezou a desenvolver a finais de 2019 SayOBO, un sistema de intelixencia artificial inclusivo de tecnoloxía propia que facilita o acceso á información online e mellora a provisión de servizos aos usuarios. Neste sentido, o chatbot COVID-19 nace da problemática que experimentaban algúns colectivos para acceder a información dixital relacionada coa situación de crise sanitaria orixinada pola pandemia.

Chatbot COVID-19

O chatbot COVID-19 é accesible en múltiples plataformas desde as páxinas web onde está instalado, é capaz de atender a todos os usuarios ao mesmo tempo e está dispoñible tanto en castelán como en valenciano.

Este asistente virtual inclúe máis de 400 consultas relacionadas con síntomas, medidas de hixiene, laborais e dereitos sociais, ademais de medidas derivadas do estado de alarma. A base de información que posúe procede de fontes oficiais nacionais, autonómicas e internacionais, así como da Organización Mundial da Saúde, artigos científicos e datos dixitais contrastados.

12/05/202007:55
Imaxe aérea dun dron voando.
Ourense

Investigadores da UVigo desenvolverán un sistema de desinfección contra a COVID-19 empregando dispersión de líquidos con drons

  • Crearán un sistema de información xeográfica para determinar zonas de posible afluencia de xente

Na volta á “nova normalidade” trala pandemia da COVID-19, un dos retos que se afronta é a desinfección das zonas que volverán a ser usadas pola cidadanía, desde centros educativos ata parques. Investigadores da Universidade de Vigo levarán a cabo un proxecto que ten como obxectivo o desenvolvemento dun sistema de desinfección empregando dispersión de líquidos mediante sistemas aéreos non tripulados. Aproveitando a “madurez” que xa ten a tecnoloxía de limpeza con drons, o seu traballo centrarase no desenvolvemento dun sistema de información xeográfica a nivel galego e dunha metodoloxía que permita optimizar o seu uso nesta crise. 

A iniciativa, que será financiada con 55.000 euros pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, é unha das oito solucións elixidas, entre as 160 recibidas, na convocatoria feita pola Consellaría de Economía, Emprego e Industria para o desenvolvemento de proxectos innovadores fronte á COVID-19. O seu investigador principal será Higinio González, profesor titular da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, complentado o equipo os profesores Fermín Navarro, do mesmo centro, e Joaquín Martínez, da Escola de Enxeñaría de Minas; e o persoal investigador Luis Miguel González; Noelia Fariñas; Lorena Docasar e Alejandro Gómez. A finalidade do traballo, que se desenvolverá de xuño a decembro de 2020, indican os seus responsables, será “desenvolver e validar operativas de voo con sistemas aéreos non tripulados para efectuar tarefas de desinfección”. 

Concretamente, as e os investigadores da Universidade de Vigo márcase tres obxectivos. O primeiro deles é o desenvolvemento dun sistema de información xeográfico a nivel galego que determine zonas na que se prevé unha elevada afluencia de xente e son susceptibles de desinfección con drons. O segundo é determinar horas necesarias de operación e restricións de índole legal para esta desinfección, así como recursos necesarios a nivel económico, de equipos e empresas operadoras. O terceiro é o desenvolvemento e verificación de metodoloxías de desinfección específicas para estes sistemas para garantir o seu correcto resultado. 

Aproveitar unha tecnoloxía xa madura

A COVID-19, explican os responsables do proxecto, ten provocado unha pandemia global aínda en fase de contención e na volta á normalidade que comezou, indican, “un aspecto clave será continuar extremando a desinfección das superficies que poden actuar como favorecedoras para a transmisión do virus”. A medida que as restricións existentes se vaian levantando, detallan, “as tarefas de desinfección terán que estenderse con máis intensidade a lugares que actualmente non se están utilizando pero que no futuro si volverán a utilizarse, por exemplo colexios e universidades, instalacións deportivas ou lugares de lecer ao aire libre”. Neste contexto, comenta Higinio González, a crise da COVID-19 “non permaneceu allea á utilización dos sistemas aéreos non tripulados en tarefas de desinfección”, citando exemplos de uso en países como China e Francia. “Ante o escenario de volta cautelosa á normalidade cara ao que nos encamiñamos nos próximos meses, pódese observar como os sistemas aéreos non tripulados poden ser de utilidade para completar tarefas de desinfección en lugares como bancadas de instalacións deportivas, patios de colexios, parques infantís, zonas de lecer como xardíns, contornas de piscinas, ríos e praias, etc”, indica o investigador. 

Neste contexto, explica Higinio González, a tecnoloxía para dispersión de líquidos mediante vehículos aéreos non tripulados atópase “xa madura e accesible no mercado”. Dado que esta tecnoloxía “non necesita un desenvolvemento específico” pola súa madurez, detalla, o proxecto proponse “centrar os esforzos na planificación dun adecuado despregamento desta tecnoloxía, que complemente de forma sinérxica as tecnoloxías de limpeza xa existentes”. Se esta tarefa se acomete de forma correcta, engade o investigador, “máis aló de atender a actual emerxencia da COVID-19, o proxecto pode sentar as bases para estender as aplicacións dos drons noutras tarefas que requiran a dispersión de líquidos, como a aplicación de fitosanitarios en explotacións agrícolas de orografía complexa, como por exemplo a viticultura en zonas como a Ribeira Sacra”. 

Un sistema de información xeográfica e unha metodoloxía

O primeiro obxectivo ao que se enfronta o proxecto, comenta o seu responsable, consiste en desenvolver un sistema de información xeográfica a nivel galego que integre todas as zonas de aplicabilidade da tecnoloxía de desinfección con drons e que presente os lugares de potencial afluencia de xente que poderían á súa vez ser desinfectados por este método. Unha vez determinada a superficie sobre a que actuar, detalla o profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, “é necesario integrar no devandito sistema de información xeográfica as restricións legais de voo existentes e definir diferentes tipos de operacións en función disto”. Para a xeración de metodoloxías de operación específicas para a desinfección, así como a verificación das mesmas, o proxecto, indica Higinio González, parte do “extenso coñecemento que ten o equipo de traballo na operación de diferentes tipos de sistemas non tripulados”, xa que está integrado por tres pilotos de drons, dous doutores enxeñeiros aeronáuticos e unha graduada en Enxeñaría Aeroespacial. 

Outro dos retos do proxecto será, segundo explica o seu responsable, “definir a cantidade de líquido desinfectante e en que concentracións se debe dispersar para garantir a correcta eliminación do virus sobre as superficies a tratar, sempre atendendo a unha operación segura da aeronave”. Outros aspectos pendentes de definición que se abordarán no estudo, engade Higinio González, serán a velocidade de traballo recomendada, as alturas de voo e frecuencias de desinfección. Unha vez coñecido o despregamento necesario para acometer os labores de limpeza e as metodoloxías adecuadas para a operación, sinala o investigador, será necesario realizar un acompañamento das primeiras operacións para detectar usos deficientes e posibles melloras. O obxectivo que se marca o proxecto, detalla, sería que en setembro de 2020 puidesen arrancar as primeiras tarefas de desinfección con drons acompañando o inicio de actividades como o curso escolar ou ligas deportivas. “Nese momento arrancaríanse as actividades de verificación nas primeiras operacións, que actuarían a modo de piloto e que se poderían estender a partir de novembro a todo o territorio”, apunta por último o profesor da Universidade de Vigo.

11/05/202010:09
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Wellness e o CPEIG organizan un webinar con todas as claves das que podemos botar man para estar máis ciberseguros

A compañía tecnolóxica Wellness TechGroup e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) van organizar o vindeiro xoves 14 de maio un webinar de balde sobre como aplicar medidas eficaces de protección nestes tempos de crise sanitaria nos que todo apunta a un notable incremento do malware e dos ataques informáticos perpetrándose na Internet e nas redes en xeral. A sesión online Estratexia de ciberseguridade en tempos de crise será impartida por Ismael Morales, experto en protección dixital e está organizada coa colaboración da entidade profesional galega que preside Fernando Suárez.

Segundo fan saber Welness e o CPEIG a conto do webinar e as razóns para convocalo, a ciberseguridade cobrou estes días un carácter aínda máis crucial, en parte polo incremento da nosa presenza nas contornas online (debido ao teletraballo, á teleformación e á necesidade de levar a cabo xestións en liña de todo tipo e estar en contacto cos nosos amigos e familiares), polo que aumentaron as ameazas informáticas de toda índole, por exemplo as derivadas de erros non intencionados ou ben de ataques premeditados e deseñados para eventualidades tan excepcionais como a que estamos a vivir.

Neste seminario en liña repasaranse as ameazas que podemos enfrontar no transcurso dunha crise e coñeceremos como reducir a exposición ante os ciberriscos.

A sesión, como dixemos, será impartida por Ismael Morales Alonso, técnico en Xestión da Ciberseguridade de Wellness TechGroup, e contará como anfitrión con Fernando Suárez Lorenzo, director do CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia). A xornada está dirixida a persoas que traballen en equipos de IT ou seguridade tanto técnicos como responsables. Comentaranse aspectos técnicos, aínda que persoas que non teñan coñecementos en ciberseguridade poderán seguir o webinar sen problemas.

11/05/202010:00
Un portátil e un rato.
Boiro

A aula CeMIT de Boiro rematará maio con cursos sobre cibervixilancia e a aplicación Sketchup

Concello de Boiro, xunto coa asociación ComparTIC continua coa oferta formativa de cursos que se imparten por vídeo-conferencia na aula CeMIT local durante o confinamento. As dúas últimas accións formatiavs que se van impartir tratarán sobre as seguintes temáticas: Sketchup web e máis Espionaxe e Cibervixilancia. Celebraranse na ultima quincena do mes de maio.

O curso de Sketchup web vaise impartir os días 19, 21, 26 e 28 de maio, de 11.00 a 11.45 horas, e nel os participantes farán unha introdución ao deseño asistido e coñecerán o funcionamento da interface da aplicación, as ferramentas básicas para traballar con ela e unha serie de exercicios prácticos para o seu funcionamento.

Pola súa banda, o curso Espionaxe e Cibervixilancia vaise impartir os días 22, 25, 27 e 29 de maio, en horario de 11.00 a 11.45 horas, e as persoas participantes terán a oportunidade de aprender métodos de procura de información, análise de metadatos, cifrado e descifrado de mensaxes e ocultación e obtención de información.

Todos os interesados poden informarse e inscribirse aos cursos na aula CeMIT de Boiro, mediante o correo electrónico axentetic@boiro.org ou o número de teléfono 981 842 635.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS