
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
En tempos de COVID-19, a innovación ábrese camiño e faino, sobre todo, en formatos virtuais que posibiliten a continuidade de iniciativas e proxectos á espera de que a situación se normalice. Un exemplo disto é o programa de Lanzadeiras Conecta Emprego de Galicia, que, segundo puidemos saber esta semana, comezarán a funcionar en formato dixital por mor da pandemia e o Decreto de Alarma, o que implica que as súas actividades de formación e asesoramento desenvolveranse online co fin de ofrecer a máxima seguridade aos participantes.
O programa terá tres iniciativas concretas na nosa terra: a de Coruña, a de Arteixo e a de Santiago. Comezarán a actividade a finais de mes coa idea de volver á metodoloxía presencial ao longo do verán, cando “as autoridades o permitan”. Esta iniciativa está impulsada por Fundación Santa María La Real e Fundación Telefónica, que contan coa colaboración da Consellería de Emprego da Xunta de Galicia e o co-financiamento do Fondo Social Europeo, dentro do programa operativo POISES. As lanzadeiras terán presenza en dúas ducias de cidades de todo o ámbito estatal. Estes acubillos de formación e asesoramento comezarán a última semana de maio con 60 participantes, 20 por cidade, que se reunirán de forma virtual a través de diferentes aplicacións informáticas para reactivar a súa procura de traballo con novas técnicas e ferramentas, acordes ao novo mercado laboral.
O programa funcionará até mediados de setembro; e a idea, como dixemos, é que poida retomar o seu carácter presencial ao longo do verán. “En marzo adaptamos os contidos de alfabetización dixital para que a actividade puidese continuar de forma telemática e agora volvemos facer outro esforzo para dixitalizar a metodoloxía de Lanzadeiras Conecta Emprego e poder seguir ofrecendo orientación laboral ás persoas en desemprego, especialmente neste novo contexto que nos deixa o coronavirus”, explica Natalia Serrano, directora de Emprego da Fundación Santa María La Real. Cada iniciativa terá 20 participantes, que se reunirán de forma virtual para reactivar a súa procura de traballo. Contarán co acompañamento e a orientación dun técnico especializado da dita fundación, que lles guiará para mellorar a súa empregabilidade e perseguir a súa inserción. Realizarán dinámicas de intelixencia emocional para aprender a desenvolver un plan de prospección laboral; actualización de currículos e simulacións de entrevistas de traballo; mapas de inserción e contactos con empresas. O prazo de inscrición para participar neste programa de orientación laboral, totalmente gratuíto, continúa aberto en Arteixo e en Santiago de Compostela. As persoas interesadas poden realizar a súa inscrición na páxina web das lanzadeiras.
Poden participar homes e mulleres en situación de desemprego, con idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos, con calquera nivel de formación e procedentes de calquera sector laboral, teñan ou non experiencia previa.
A complicada situación provocada pola pandemia levou á organización do Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media que dende hai preto de dúas décadas vénse celebrando na cidade da Coruña, Mundos Digitales, a verse na obriga de suspender a edición deste ano prevista entre os días 9 e 11 de xullo, ante a imposibilidade de poder garantir a seguridade de todos os asistentes, relatores e resto de persoas involucradas neste evento internacional.
Durante os últimos anos colleu moito peso a feira de emprego que se desenvolve durante Mundos Digitales, e que contribúe claramente á dinamización do sector
Aparte das dificultades para poder celebrar con seguridade un evento de participación masiva, tamén existe unha grande incerteza sobre as restrición de circulación de persoas, o que podería ser un grande atranco para os asistentes e relatores que veñen de fóra de España, incógnitas que fai imposible prever en que condicións podería celebrarse o congreso en xullo, o que levou á súa anulación.
Dende a organización de Mundos Digitales aseguran tomar esta decisión por causas de forza maior, ou sexa, que o seu compromiso polo sector permanece inmutable, e comezan xa a traballar na edición de 2021 do evento, á vez que procurarán involucrarse en iniciativas que estean ao seu alcance para axudar a saír da presente crise á industria dos contidos dixitais.
Balidea, a empresa tecnolóxica galega, vai iniciar en xuño o piloto da súa “neta” virtual, o asistente por voz para combater a soidade das persoas maiores e facilitarlles o día a día. Será unha iniciativa para probar en todos os seus detalles, nun contexto real, o asistente virtual NETA, que foi concibido para facer o máis doada e sinxela posible a relación da xente de idade coa súa contorna, ao achegarlles comunicación a través da voz. Esta tecnoloxía ten o engadido extra de saír ao paso dunha das grandes problemáticas do noso tempo e lugar: o envellecemento da poboación e a desatención e illamento na que viven moitas persoas maiores, unha circunstancia que se agravou co inicio da pandemia de COVID-19.
Así nolo explican dende Balidea: “Nunha situación como a que estamos a vivir hoxe a raíz da crise sanitaria, o asistente pode ser unha grande axuda para aquelas persoas confinadas en soidade, especialmente as máis vulnerables: as persoas maiores”. Trátase dunha aplicación á que se pode acceder a través de dispositivos móbiles, ben sexa un teléfono ou unha tableta, para a que, segundo explica Balidea, “non se precisa ser un experto dixital”, xa que permite interactuar con ela por voz, en galego ou en castelán.
Fiabilidade e rigor
A través de NETA poderíanse recibir consellos especializados en relación á COVID-19, vídeos con recomendacións, actividades que axuden a levar mellor o confinamento etc., e “todo isto baixo a supervisión dun equipo especializado, evitando novas falsas, información errónea ou desinformación”.
Asesoramento de expertos
Balidea explica que apoiando o desenvolvemento desta tecnoloxía houbo un amplo equipo de especialistas achegando as súas contribucións: psicólogos, neuropsicólogos, xeriatras, terapeutas ocupacionais e sociólogos que levan máis de 20 anos coidando de persoas maiores a través da empresa de servizos sociosanitarios Atendo (que na actualidade presta os seus servizos a máis de 3000 persoas) e que, no caso de NETA Balidea, xuntaron forzas para optimizar o deseño funcional. A maiores, a previsión é contar cunha solución robotizada que incorpore NETA tamén nos vindeiros meses, deseñada pola empresa FrutoDS, enxeñaría especializada en deseño, e Ledisson, empresa experta en automatización industrial e que está apostando pola robótica social.
Funcionalidades útiles para a vida diaria
Balidea pon o foco no amplo abano de funcionalidades de NETA, xa que permite transmitir á persoa usuaria todo tipo de recordatorios (medicación, aniversarios, citas médicas...) empregando sempre “unha linguaxe amigable e próxima”. Ademais, pode recompilar diversas variables de control médico da persoa usuaria, como a tensión, os niveis de azucre en sangue, o nivel de osíxeno ou o peso, que logo tería a opción de compartir con quen quixese, por exemplo, o médico de cabeceira ou os familiares que están preocupados por se se está a coidar. A empresa con sede en Santiago tamén salienta que “NETA é útil para facer máis sinxelas as actividades da vida diaria, poñendo en contacto á persoa usuaria con provedores de servizos de proximidade (tendas de alimentación, farmacias…) para facer encargas e recibir a compra no seu domicilio”. Por certo que a ferramenta tamén deixa marxe para o lecer, xa que posibilita a comunicación cos seres queridos a través de videoconferencia, teléfono ou mensaxes instantáneas; escoitar música, ver fotos e vídeos; ou acceder a xogos. NETA está deseñada baixo unha óptica de Atención Centrada na Persoa, polo que cada quen pode decidir como quere que a súa neta virtual a desperte cada día: cunha canción, cunha mensaxe da neta real ou mesmo coa previsión do tempo. Pódese configurar segundo as preferencias e gustos da persoa usuaria e, o mellor de todo, cando regresemos á normalidade achegará información de todo o que sucede na contorna: teatro, concertos, eventos, obradoiros...
X-COV, unha ferramenta en liña desenvolvida por un grupo de alumnos liderados por Joaquín López Herraiz, profesor da Facultade de Ciencias Físicas da Universidade Complutense de Madrid, resultou gañadora absoluta no hackathon global virtual CodetheCurve, organizado pola UNESCO. O equipo creou un modelo de datos que usa a intelixencia artificial e a tecnoloxía de visualización de imaxes para axudar aos médicos para tomar decisións na actual pandemia.
O resultado do hackathon global virtual CodetheCurve, organizado o pasado mes de abril pola Unesco, en colaboración coas firmas informáticas IBM e SAP, tiña como obxectivo que mozos desenvolvedores e innovadores de todo o mundo competisen coas súas propostas para crear solucións dixitais que axuden a aliviar as consecuencias da pandemia da COVID-19.
O gañador absoluto da competición foi o proxecto presentado por un equipo de estudantes liderados por Joaquín López Herraiz, profesor da Facultade de Ciencias Físicas da Universidade Complutense de Madrid (UCM), denominado X-COV para a clasificación de pacientes con intelixencia artificial.
Trátase, segundo a organización, dunha ferramenta en liña que trata de abordar a necesidade dos médicos de analizar grandes cantidades de datos, como as radiografías de tórax, para comprender a gravidade da COVID-19 nos pacientes.
O equipo creou en X-COV un modelo de datos baseado en intelixencia artificial, aprendizaxe automática e tecnoloxía de visualización de imaxes para analizar as radiografías de tórax, utilizando datos e recursos dispoñibles.
"O resultado é unha ferramenta en liña que axuda aos médicos para tomar decisións máis rápidas e obxectivas, contribuíndo así ao alivio do sistema de saúde", din estas fontes.
Propostas de todo o mundo
En total recibíronse un total de 199 proxectos de todo o mundo, dos que se seleccionaron 40. Os finalistas foron nove, de entre os que o xurado, formado por representantes dos organizadores, expertos de varios campos e membros das asociacións ITU e FOSSASIA, elixiu tres proxectos gañadores, un por categoría, e de entre eles un gañador absoluto, que foi o da UCM.
Os gañadores poderán acceder durante un ano a IBM LinuxONE Community Cloud, e recibirán mentoring de expertos de IBM Z. Ademais, serán convidados a senllos eventos virtuais para que presenten o seu proxecto a empregados e colaboradores globais de IBM.
Pola súa banda, SAP proporcionaralles, durante seis meses, mentoring dun equipo de expertos, así como soporte guiado para acceder á plataforma de formación OpenSAP. En 2021, se as condicións económicas e para realizar viaxes internacionais o permiten, os membros do equipo español de X-COV poderán desenvolver un período de prácticas en SAP Labs, en Irlanda.
O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), que impulsa (en colaboración coa Consellería de Educación) o primeiro campamento tecnolóxico online de verán da nosa Comunidade, vén de facer balance da participación e repercusión lograda coa primeira convocatoria dixital desta iniciativa, que xa vén de antigo na súa fórmula presencial (a actual sería a oitava edición). Segundo fixo saber, este luns poñíase en marcha a convocatoria deste campamento e na mañá deste xoves 7 de maio xa estaban cubertas as 100 prazas dispoñíbles.
“Que en apenas catro días se cubriran todas as prazas ofertadas é un indicador da alta aceptación e do alto valor engadido deste tipo de actividades de difusión e desenvolvemento científico entre os máis novos”, manifestou o director xerente do Parque, Ricardo Capilla, engadindo que resulta un “éxito enorme para a Tecnópole que nos obriga a abrir unha segunda quenda para dar cabida á demanda crecente que estamos a rexistrar desde que se comunicou a noticia ao público”. Segundo fixo saber, a boa acollida do evento “énchenos de satisfacción e, sen dúbida, elevará aínda máis os xa de por si altos niveis de esixencia e calidade cos que desenvolvamos as nosas actividades”. A segunda quenda deste campamento, que tamén se organizará por grupos de idade, diríxese a un máximo de 100 mozos e mozas de toda Galicia de entre 12 a 18 anos. Celebrarase do 20 ao 31 de xullo, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:30 horas. O prazo máximo para formalizar a inscrición será o 12 de xuño ou ata cubrir a totalidade das prazas.
Ciencia e tecnoloxía
Segundo informou a Tecnópole, nas súas instalacións en San Cibrao das Viñas (Ourense) habilitarase, ao abeiro do campamento, un amplo espazo no que diferentes expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e en cada unha das materias que se van a desenvolver proxectarán os seus coñecementos cara á mocidade participante, “de maneira moi amena, práctica e innovadora”. Haberá un amplo abano temático de obradoiros, nos que os participantes recibirán formación en programación, robótica, novas tecnoloxías, electrónica, mundo maker, hacking, biotecnoloxía, biomaking (crear ou fabricar os nosos propios produtos no campo biotecnológico) e retos STEAM (traballaranse coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias de maneira multidisciplinar, abranguendo os eidos Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas).
No transcurso do campamento programaranse placas electrónicas, os alumnos iniciaranse na seguridade informática, deseñarán roupa con sensores, construirán o seu propio microscopio e analizarán a luz do Sol con espectroscopios, entre outras actividades. Este campamento tecnolóxico forma parte da aposta do Parque Tecnolóxico de Galicia pola divulgación científica de calidade entre os máis novos. Así, o Parque promove ademais outras actividades nesta liña como as Aulas Tecnópole (formación en ciencia e tecnoloxía para nenos de 12 a 18 anos), STEAM Kids Tecnópole (para nenos de 8 a 11 anos) e Galiciencia, a maior feira científica que se celebra cada ano en Galicia, na que os protagonistas son estudantes de Primaria, Secundaria e Bacharelato.