main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

15/05/202008:24
Acto de sinatura dun acordo recente entre AEMOS e R.
Mos

R achega tarxetas e plans de datos para facilitar a formación de mulleres vítimas de violencia de xénero

operadora galega R segue adiante co seu labor solidario-tecnolóxico para facer fronte aos efectos da pandemia. Este xoves 14 deu a coñecer que vai achegar tarxetas e plans de datos de 20 GB para facilitar a formación e a orientación laboral que a Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) leva a cabo con 31 mulleres vítimas de violencia de xénero na comarca de Vigo. O material é de balde para as persoas beneficiarias. O obxectivo é facer avanzar a súa inserción laboral a través do emprego de tecnoloxías.

A iniciativa forma parte dun programa de colaboración que xa ven de antigo entre a operadora e a asociación de Mos. O fornecemento de recursos tecnolóxicos canalízase a través do programa Insere Activa 4, que financia a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e desenvolve AEMOS, achegando a máis de trinta mulleres formación, seguimento e orientación laboral co “fin último de multiplicar as súas oportunidades de inserción no mercado laboral”. Segundo explica R, esta iniciativa chega nun intre crítico para todos os colectivos que loitan por superar a crise sanitaria e económica: “Nunha conxuntura extraordinaria como a que estamos a vivir, onde o emprego pasa por momentos de grande incerteza, con gran cantidade de traballadores en situación de ERTE ou desemprego. A situación é aínda máis grave no caso de colectivos desfavorecidos, ou con maiores barreiras no acceso ao mercado laboral, como ocorre con estas mulleres vítimas da violencia de xénero”. A compañía galega de cable engade, a respecto das motivacións desta iniciativa solidaria, “que a formación camiña necesariamente da man das novas tecnoloxías, o que nos sitúa ante un reto descoñecido, inédito nas nosas vidas. Non podemos permitir que ninguén quede atrás neste camiño, e moito menos nun período tan extraordinario como este onde as telecomunicacións convertéronse por activa e por pasiva nun recurso esencial”.

13/05/202008:20
Estantería con libros.
Santiago de Compostela

As bibliotecas públicas da Xunta súmanse á programación online conmemorativa do Día das Letras Galegas

  • Exposicións virtuais e iniciativas en redes son as propostas destes equipamentos culturais para homenaxear ao escritor ferrolán Ricardo Carvalho Calero
  • Estas actividades enmárcanse nas actividades dixitais deseñadas pola Consellería de Cultura e Turismo na campaña #aculturasegue

As Bibliotecas Públicas de Galicia xestionadas pola Xunta súmanse aos actos para renderlle tributo a Ricardo Carvalho Calero, autor ao que este ano a Real Academia Galega (RAG) lle dedica o 17 de maio. A situación actual xerada polo coronavirus motivou que as ferramentas e materiais deseñados pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coas numerosas empresas, entidades e institucións que participan na Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020, fosen reformuladas para que se poidan acceder a elas de xeito virtual ao abeiro da campaña #aculturasegue. Neste contexto, as bibliotecas ofrecerán durante esta semana diversas actividades a través das súas redes sociais e páxinas web.

A Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña pon esta semana a disposición dos usuarios unha guía de lectura con recursos sobre o escritor ferrolán así como outra guía con datos curiosos sobre a súa vida e obra. Esta última será obxecto de concurso nas redes sociais, onde se formularán diversas preguntas.

Pola súa banda, a Biblioteca Pública de Lugo puxo en marcha Carvalho Calero Lucense, a exposición virtual na que, a través dunha liña do tempo, presenta a obra poética, teatral, prosa e ensaio que escribiu durante a súa estadía en Lugo.

Na fin de semana das Letras, a Biblioteca Pública de Ourense une esta celebración coa festa dos maios e compartirá nas súas redes unha creación floral dedicada a Carvalho Calero. Así mesmo, ofrece unha exposición dixital de obras do intelectual titulada Lembrando a Carvalho, e outra mostra virtual na que se lembra a autores que escriben en galego baixo o título As nosas letras, os nosos autores.

A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra manterá unha intensa actividade nas súas redes a partir do día 17 de maio a través da iniciativa Letras con moito ritmo a través da cal o público infantil e xuvenil están invitados a escribir e recitar poesía. Ademais, tamén na súa web, ofrecerá a exposición virtual Ricardo Carvalho Calero: compromiso coa lingua que repasa a súa vida e obra.

En Santiago, a Biblioteca Pública Ánxel Casal tamén homenaxeará ao escritor cunha exposición virtual dispoñible ao longo desta semana nas súas redes sociais que conta con infografías sobre o autor homenaxeado este ano e a través da cal, se porán tamén de manifesto os fondos da plataforma dixital GaliciaLe que se poden tomar emprestados.

A Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel súmase á celebración deste día tamén con dúas exposicións virtuais dispoñibles a partir de mañá: Carvalho Calero, Pretérito (im)Perfecto: traxectoria e obra, e As Letras de grandes e pequenos, esta última pensada en clave infantil para que os nenos coñezan aos autores aos que se lle dedicaron as Letras Galegas desde o ano 1963 ata hoxe. Por último, a Juan Compañel animará as redes sociais durante o mes de maio coa iniciativa #FragmentosGalegos, mediante a cal os que desexen tomar parte deberán compartir con dita etiqueta fragmentos de obras de autores galegos.

Biblioteca de Galicia

A Biblioteca de Galicia tamén formará parte das celebracións dixitais do Día das Letras Galegas a través da incorporación no seu portal dun microsite no que se incluirán todos os artigos e poemas, entre outros, que publicou Ricardo Carvalho en diferentes cabeceiras da prensa galega e que se atopan dixitalizados. Deste xeito, darase un acceso máis directo a estas pezas que o escritor foi publicando ao longo da súa vida.

Así mesmo, a Biblioteca de Galicia, como centro de conservación e difusión do depósito legal electrónico, quere destacar todos os recursos web que se están a xerar en internet con motivo da conmemoración das Letras Galegas este ano. Neste sentido, publicará unha relación de todos estes recursos cun pequeno resumo da información que conteñen.

13/05/202008:08
Mesa chea de portátiles.
Santiago de Compostela

A Xunta inicia a creación do Nodo de Ciberseguridade de Galicia, que ofrecerá servizos a empresas, administracións e cidadáns

  • A Administración autonómica invita ás entidades locais a sumarse á iniciativa para a que xa estableceu alianzas estatais co Incibe e o CCN
  • Publícase o Informe de Situación da Ciberseguridade en Galicia, que identifica aos axentes do ecosistema galego e as necesidades e retos neste ámbito
  • O 80% das entidades consultadas considera necesario establecer mecanismos de colaboración público-privada para reforzar as capacidades de Galicia neste ámbito
  • Consideran que a creación desta entidade favorecerá o crecemento do sector da ciberseguridade en Galicia, incrementará a concienciación de empresas e cidadáns e o investimento en I+D+i nesta área
  • A Comunidade rexistra en torno a un 4% dos incidentes de seguridade do Estado, situándose na sexta posición no ranking estatal

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia mantivo no mes de marzo unha xuntanza de traballo con representantes da Federación Galega de Municipios (FEGAMP), das deputacións provinciais, do Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe) e do Centro Criptolóxico Nacional (CCN) para darlles conta dos pasos que está a dar a Xunta para crear o Nodo de Ciberseguridade de Galicia, CIBER.gal e convidalos a sumarse á iniciativa.

Coa creación de CIBER.gal, a Xunta busca poñer en marcha un modelo de cooperación que, de forma conxunta con outros axentes públicos e privados, impulse a concienciación e a formación de cidadáns e empresas en materia de ciberseguridade; que dea resposta coordinada a retos complexos; que promova a xeración, atracción e retención de talento especializado e que contribúa ao posicionamento de Galicia neste ámbito a nivel estatal e europeo.

Tras esta primeira posta en común, a Amtega remitiu esta semana a proposta concreta de acordo á Fegamp e ás deputacións para a súa posterior sinatura. A Amtega xa asinou sendos acordos de colaboración en materia de ciberseguridade co Incibe e co CCN.

Situación da ciberseguridade en Galicia

No encontro do pasado mes de marzo presentouse o Informe de Situación da Ciberseguridade en Galicia, no que se identifican os axentes implicados neste ámbito na Comunidade, púlsase a súa opinión sobre os retos e necesidades e sinálase a folla de ruta inicial para a posta en marcha do Nodo e a súa carteira de servizos.

O informe identifica ata 167 entidades relacionadas coa ciberseguridade en Galicia, das que 103 son empresas que ofrecen produtos e servizos de ciberseguridade. Os consultados coinciden na necesidade de incrementar as accións de formación e concienciación á cidadanía.

Desde o sector público sinalan a importancia de impulsar proxectos de colaboración público-privada e promover eventos, formación e certificacións no ámbito da ciberseguridade. Desde o sector privado demandan o acceso a instalacións e infraestruturas comúns e a posibilidade de facilitar o contacto entre os diferentes axentes.

O 80% dos axentes entrevistados consideran que a iniciativa da Xunta de crear un Nodo de Ciberseguridade é unha necesidade e unha proposta moi acertada. Os axentes consultados apuntan que a posta en marcha do Nodo CIBER.gal contribuirá ao crecemento do sector da ciberseguridade na Comunidade, incrementará a concienciación en empresas e cidadáns, facilitará a xeración dunha rede de colaboración e aumentará o investimento na I+D+i en ciberseguridade.

O Incibe, segundo se recolle no informe, sinala que Galicia rexistra un 4,3% dos incidentes de ciberseguridade identificados no ámbito nacional. Esta porcentaxe sitúa á Comunidade no sexto posto da clasificación estatal, liderada por Madrid, Andalucía e Cataluña, con porcentaxes próximas ao 20%.

Servizos para cidadáns, Administracións públicas e pemes

O inicio da actividade do nodo CIBER.gal focalizarase na formación e concienciación da cidadanía, as empresas, en especial ás pemes, e ás Administracións públicas, dando resposta ás inquedanzas e necesidades sinaladas polos axentes consultados.

Para a cidadanía os servizos centraranse en accións de formación a estudantes e eventos participativos para os diferentes niveis educativos (secundaria, bacharelato, formación profesional e universidade). Ademais, desenvolveranse accións de capacitacións básica no uso seguro das tecnoloxías para persoas maiores.

Para as pemes e autónomos a concienciación e a difusión tamén serán eixos prioritarios dos servizos de CIBER.gal, a través de xornadas, en colaboración con outros axentes do Nodo.

Para os concellos e deputacións deseñaranse actividades de capacitación e concienciación para axentes clave destas entidades e formación técnica avanzada para os seus profesionais dos servizos tecnolóxicos. Ademais, prevese a creación dun Observatorio galego da Ciberseguridade.

Ciberseguridade, piar da EDG2030

A ciberseguridade é unha das tecnoloxías disruptivas sobre as que pivota a futura Estratexia Dixital de Galicia 2030, en proceso de elaboración. A creación do Nodo de Ciberseguridade de Galicia enmárcase tamén nas directrices europeas para incrementar as competencias da UE nesta materia.

A Xunta de Galicia conta cun Plan Director de Seguridade 2015-2021, que permitiu incrementar a súa capacidade de prevención, detección, resposta e recuperación ante incidentes de ciberseguridade. Entre as últimas medidas do Plan está a posta en marcha do Centro de Servicios de Ciberseguridade, CSIRT.gal, que dá servizo ao sector público autonómico e forma parte da plataforma CSIRT.es, integrada por 42 centros, entre os que está o Centro Criptolóxico Nacional, o Incibe, a Policía Nacional, Garda Civil e outros organismos, ademais dalgunhas comunidades.

13/05/202008:04
Voluntario preparando as tabletas.
Madrid

A Fundación ONCE distribúe 200 tabletas entre vítimas de violencia de xénero con discapacidade e emprendedores

  • A iniciativa enmárcase dentro dun programa articulado pola Asociación Española de Fundacións, que reparte un total de 7.336 tabletas doadas por Indra

A Fundación ONCE participa no proxecto colaborativo máis potente de España na loita contra a fenda dixital educativa e formativa, agravada polo confinamento ante a pandemia da COVID-19. Para iso, distribuíu 200 tabletas, doadas pola empresa Indra, entre mulleres con discapacidade vítimas de violencia de xénero e emprendedores con discapacidade. Esta acción é parte dunha iniciativa conxunta articulada pola Asociación Española de Fundacións (AEF), na que participan outras 27 entidades colaborativas. O montante total da doazón é de 7.336 dispositivos.

 

A Fundación ONCE, a través de Inserta Emprego, a súa entidade para a formación e o emprego, conta con "Mulleres en Modo ON VG", un programa cofinanciado polo Fondo Social Europeo que ten como obxectivo mellorar o emprego das mulleres con discapacidade vítimas de violencia de xénero, ás que ofrece unha atención personalizada.

 

Ademais, coa iniciativa "Por Talento Emprende", dáse resposta ás inquietudes que mostran moitas persoas con discapacidade por poder poñer en marcha os seus proxectos vitais a través dos seus propios negocios.

 

Desta forma, os dispositivos entregados permitirán mellorar a formación destas persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade.

 

Todas as tabletas entregadas pola Fundación ONCE teñen pantallas de sete polgadas e repartíronse coa configuración necesaria para a súa utilización inmediata como ferramenta formativa. Esas tabletas son o nó central de toda unha cadea de solidariedade contra a fenda dixital na educación e formación. Unha cadea na que tamén participan as tres principais operadoras de España, Orange, Telefónica e Vodafone, que achegaron ao programa 3.000 tarxetas SIM para facilitar a conectividade a internet naqueles fogares que carecen dela. Ademais, tanto as fundacións destas tres compañías como a Fundación Altran suman ao programa os seus "voluntarios dixitais", que asesoran, acompañan e monitoran aos educadores sociais, familiares e alumnos no bo uso dos aparellos.

 

Con esta acción articulada pola AEF, as fundacións chegan onde case ninguén estaba a chegar: os nenos e adolescentes que, sen o vínculo presencial do colexio, corrían o risco de quedar atrás. É a iniciativa educativa máis potente da "cadea de solidariedade" que puxo en marcha a AEF o pasado mes de marzo, co obxectivo de paliar os efectos da crise da COVID-19. Desde entón, preto de 120 fundacións activaron centenares de iniciativas para axudar aos colectivos máis vulnerables ante os efectos de todo tipo da emerxencia sanitaria.

12/05/202011:48
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha un programa pioneiro en Galicia para formar a 1200 autónomos en comercio electrónico e novas canles online

  • A iniciativa Autónomos dixitais forma parte das medidas que se están deseñando dentro do Plan de reactivación económica
  • Inclúe dúas accións formativas en liña: Fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico e Especialista en e-commerce
  • O prazo de matrícula está aberto ata o 22 de xullo e o inicio do primeiro grupo está previsto o 21 de maio

A Xunta de Galicia pon en marcha Autónomos dixitais, un novo programa formativo que pretende reforzar o tecido produtivo galego facilitando a 1200 alumnos o desenvolvemento de competencias en comercio electrónico e novas canles online co obxectivo de mellorar tanto a comunicación cos clientes como o coñecemento dos seus produtos e servizos.

A medida, que xa foi presentada ás asociacións de autónomos máis representativas en Galicia (Agtamar-UPTA, APE e ATA), enmárcase nas accións que o Goberno galego está deseñando dentro do Plan de reactivación económica e complementa tanto as axudas para compra de equipamento dixital como os servizos para facilitar as ferramentas necesarias para impulsar un cambio de tendencia no colectivo autónomo.

O programa ofrecerá dúas accións formativas online de 50 horas lectivas cada unha centradas na mellora de habilidades no eido da xestión loxística, o márketing, a venda online e a creación de tendas virtuais. En concreto, Fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico e Especialista en e-commerce.

As persoas que realizan unha actividade económica por conta propia interesadas nestes cursos poden solicitar a súa praza ata o 22 de xullo cubrindo un formulario web na páxina https://www.autonomosdixitais.com. Os cursos iniciaranse todos os xoves a partir do 21 de maio e o último comezará o 23 de xullo.

Con este novo programa a Xunta mantén a súa aposta pola formación como a mellor ferramenta para avanzar nun emprego de calidade e na mellora competitiva das empresas galegas e responde ao compromiso asumido co colectivo autónomo para achegar ferramentas que posibiliten a transformación dixital dos seus negocios.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS