main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

25/05/202007:51
Olga López, concelleira de Benestar Social do Concello de Lugo.
Lugo

O Concello de Lugo abre unha canle de actividades seguras en YouTube para os maiores

O Concello de Lugo, a través de Benestar Social, abriu unha canle en YouTube para proseguir cos grandes avances en materia de comunicación dixital coas persoas maiores acadados durante a fase máis crítica do Estado de Alarma. En termos máis concretos, a canle Acompañámoste empregarase para trasladar as actividades que estaban a realizar presencialmente as usuarias e usuarios nos Centros de Convivencia á contorna telemática e, polo tanto, cos mellores garantías de seguridade. O servizo de vídeos estará aberto a todo público e será de doado acceso dende a web do Concello de Lugo, segundo explicou Olga López, concelleira responsable da devandita área.

Segundo fixo saber, “a duración dos vídeos oscilará en función da actividade a levar a cabo para que o usuario poda gozar dunha sesión na súa casa de 45 minutos, como era habitual antes de que se decretara o Estado de Alarma”. Todas as semanas a canle renovarase con novo material, explicou, engadindo que os contidos foron elaborados polos monitores do servizo de animación logo dunha fase de estudo, segundo as necesidades e demandas dos usuarios dando prioridade ás tipoloxías de actividades físicas, actividades de expresión corporal, actividades de expresión plástica, accións da área de alfabetización dixital (obradoiro de iniciación ás novas tecnoloxías orientado a estreitar a fenda dixital existente na poboación de maior idade, con medidas para favorecer que os asistentes se familiaricen cos recursos que as TIC brindan de cara a mellorar o seu día a día), actividades para a estimulación cognitiva, e, tamén, accións para a educación compensatoria.

22/05/202008:20
Persoa traballando nunha mesa con portátil e apuntes.
Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia e a Fundación Vodafone España lanzan o reto DigiCraft online aos 50 centros que participan no programa

  • Os alumnos e alumnas terán que crear, de forma colaborativa, un cómic dixital
  • O centro gañador recibirá novos materiais para traballar con realidade aumentada, videoxogos, intelixencia artificial e robótica
  • DigiCraft é o primeiro programa educativo creado en España para potenciar a formación en competencias dixitais de nenos e nenas de entre 6 e 12 anos co obxectivo de romper a fenda dixital e espertar vocacións tecnolóxicas

 

A Xunta de Galicia e a Fundación Vodafone España lanzan o Reto DigiCraft Online para os alumnos e alumnas dos 50 centros que participan no programa educativo DigiCraft: no teu cole, que busca potenciar as competencias dixitais de rapaces e rapazas de 6 a 12 anos. Esta actividade, que estaba prevista para desenvolverse de forma presencial para pechar o curso, adaptouse ao novo contexto da educación online derivada da crise do coronavirus.

A actividade, denominada Reto DigiCraft Online, compartiuse cos profesores e profesoras dos 50 centros escolares galegos participantes no programa DigiCraft. Os alumnos e alumnas terán que crear, de forma colaborativa, un cómic dixital e, para que sexa o máis divertido e sinxelo posible, proporcionaráselles a historia base, os escenarios e os personaxes, de forma que eles terán que completar o texto e debuxar as súas propias viñetas.

Os colexios terán ata o 12 de xuño para enviar a súa proposta e posteriormente, ao longo da seguinte semana, elixirase o equipo gañador. O centro gañador recibirá novos materiais para traballar con realidade aumentada, videoxogos, intelixencia artificial e robótica e continuar desenvolvendo o programa DigiCraft nas súas aulas.

Para facilitar o labor dos docentes, a Fundación Vodafone levará a cabo ademais unha sesión de formación o próximo 26 de maio para explicar aos profesores e profesoras o desenvolvemento da actividade, as ferramentas de traballo online e a metodoloxía para seguir para realizala en remoto coas súas clases.

Convenio de colaboración asinado en xuño de 2019

Esta actividade enmárcase no convenio de colaboración asinado en xuño de 2019 pola Fundación Vodafone España, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para implementar DigiCraft nas aulas de Galicia.

Neste primeiro ano de programa participan 50 centros, 3.800 nenos e nenas e 250 profesores e profesoras, e continuará desenvolvéndose o próximo curso escolar con novos itinerarios e as tecnoloxías máis innovadoras. Ademais, grazas á colaboración da Xunta de Galicia, a plataforma online e aberta do programa tivo tamén moi boa acollida, superando xa os 2.700 usuarios en Galicia desde o pasado 11 de marzo, pouco antes de que se iniciara o confinamento.

DigiCraft é o primeiro programa educativo creado en España para potenciar o desenvolvemento das competencias dixitais na infancia e a mocidade, poñendo ao dispor de nenas e nenos de entre 6 e 12 anos (con especial foco en infancia vulnerable) diferentes xogos colaborativos e manualidades para aprender utilizando como vehículo a intelixencia artificial, a realidade aumentada ou o deseño 3D dunha forma fácil e divertida. Todo iso articulado a través dunha metodoloxía de aprendizaxe baseada no xogo e a experimentación deseñada pola Fundación Vodafone España en colaboración coa Universidade de Salamanca.

21/05/202018:04
Portada do informe.
Madrid

O informe 'La Sociedad Digital en España 2019' salienta os avances en transformación dixital

A Fundación Telefónica presentou hoxe o seu informe La Sociedad Digital en España 2019 no que analizan a revolución que estamos a vivir por mor da dixitalización e os datos que provocan cambios radicais nas nosas vidas, nos xeitos de traballar e nos modelos de negocio, provocando unha transformación que hoxe está aínda máis presente por mor da crise da COVID-19, que en España puido sobrelevarse bastante ben grazas ao elevado nivel de dixitalización.

Unha vez máis, o informe da Fundación Telefónica incide na necesaria aceleración da dixitalización da industria (especialmente nas pequenas e medianas empresas e autónomos), así como unha maior formación dixital dos cidadáns, elementos chave para a reactivación da economía tras a crise sanitaria que estamos a vivir.

A nivel de infraestruturas constatan a boa posición de España a nivel europeo, o que posibilita que 9 de cada 10 españois sexan usuarios da Internet e 3 de cada 4 fogares teñan cobertura de fibra óptica, sendo esta a tecnoloxía que máis está a medrar, pasando dunha cobertura do 63% ao 77% en só 2 anos.

No ámbito galego o informe recolle que o 88,8% dos fogares contan con conexión á Internet, o que supón un crecemento internaual de 6,2 puntos, medrando tamén un 6% as contratacións de banda larga. Consideran que o uso da Internet en Galicia é universal entre os menores de 34 anos, mentres que entre os individuos de entre 65 e 74 anos experimentouse un incremento importante.

O informe da Fundación Telefónica salienta especialmente o incremento galego do comercio electrónico, que acadou o 39,2% en 2019, superando en máis de 20 puntos o resultado rexistrado en 2017. As microempresas tamén medraron considerablemente na contratación de conexións á Rede, chegando ao 72,8%; e tamén resulta destacable ver que o 62,4% dos cidadáns galegos que fan uso da Rede interactuasen coas Administracións Públicas por canles electrónicas.

O documento publicado hoxe tamén menciona a moitas das iniciativas da Administración para avanzar na dixitalización, como o Plan de Banda Larga de Galicia 2020, o Plan Galicia 5G, a Axenda Dixital de Galicia 2020, o proxecto de libro dixital e-Dixgal, a Historia Social Única Electrónica, o Plan de Innovación Sanitaria Código100, a plataforma É-saúde, o Plan DigiTalent, o Plan DICO MindSet, o programa Galicia Open Future, o programa Connecting for Good Galicia, a estratexia Edudixital 2020, o Plan Senda 2020 de modernización da Administración de Xustiza e incluso o Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020.

20/05/202008:41
Eléctrodos implantados nunha cabeza.
Santiago de Compostela

Crean un implante cerebral para que as persoas cegas vexan a forma das letras

  • Un grupo de científicos do Baylor College of Medicine en Houston desenvolveu un implante cerebral que permite ás persoas cegas e con problemas de visión 'ver' a forma das letras.

Son moitas as innovacións tecnolóxicas que pretenden mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas: desde extremidades biónicas, algoritmos, wearables e chips intelixentes. Aqueles que viven con cegueira seguramente poderán beneficiarse no futuro de descubrimentos como este eléctrodo cerebral. 

Como se detalla nun novo artigo publicado na revista Cell, o dispositivo creado por científicos do Baylor College of Medicine en Houston funciona transmitindo información visual desde unha cámara directamente aos eléctrodos implantados no cerebro. É un paso cara a unha prótese visual perfeccionada que permitiría ás persoas cegas recuperar a visión por completo, cando a ciencia e a tecnoloxía nos doten de recursos para iso.

Este implante cerebral propiciou que os participantes sexan capaces de 'ver' os contornos das formas, grazas ás complexas secuencias de pulsos eléctricos enviados aos seus cerebros. 'Usamos a estimulación eléctrica para rastrexar dinámicamente as letras directamente no cerebro dos pacientes'. que puideron identificar correctamente os distintos exemplos, explicou Daniel Yoshor, un dos principais autores.

O novo dispositivo difire das axudas visuais anteriores que trataban cada eléctrodo como un píxel. Nese caso, no canto de construír formas partindo de múltiples puntos de luz, trázanse contornos. 'A nosa inspiración para isto foi a idea de trazar unha carta na palma da man de alguén', agregou Michael Beauchamp, outro dos responsables deste proxecto innovador.

'A capacidade de detectar a forma dun membro da familia ou permitir unha navegación máis independente sería un avance marabilloso para moitos pacientes cegos', dixo Yoshor a Live Science. Polo momento, non hai que cantar vitoria antes de tempo, xa que a creación do dispositivo atópase nas súas primeiras etapas e trátase dun implante situado nun órgano tan tremendamente complexo como é o cerebro.

O equipo ten claro o camiño para seguir. 'Un próximo paso importante será traballar con neuroenxeñeiros para desenvolver conxuntos de eléctrodos con miles de eléctrodos, o que nos permitirá estimular con maior precisión', agregou. 'Xunto co novo hardware, os algoritmos de estimulación mellorados axudarán a facer realidade o soño de ofrecer información visual útil ás persoas cegas'.

20/05/202008:20
Imaxe do persoal You Tube Kids de Grid3 sobre unha tableta.
Santiago de Compostela

Os pequenos poden gozar de YouTube de forma segura coa nova plantilla de Grid3

  • Grid3 lanzou unha nova plantilla pensada para que os máis pequenos poidan gozar dos vídeos de YouTube dunha forma segura utilizando esta tecnoloxía que facilita a comunicación ás persoas que non poden falar ou con dificultades na fala a través dunha serie de plantillas.

Estas plantillas están deseñadas para facilitar o seu uso por persoas que utilizan sistemas de comunicación alternativos e aumentativos (AAC), tanto os que utilizan símbolos ou pictogramas, como aqueles que usan textos e saben escribir.

A nova plantilla de Grid3 está pensada para axudar aos nenos para descubrir e ver os seus debuxos ou vídeos preferidos dunha forma simple e segura.

YouTube Kids permite buscar os vídeos dunha forma rápida e sinxela, con controis fáciles para poñer e parar o vídeo e para axustar o volume.

Tamén facilita o acceso mediante unha lista personalizada de favoritos e recomendacións para cada usuario.

Estas plantillas están personalizadas para calquera tipo de control por parte do usuario, xa sexa mediante varrido ou con control da mirada.

Os usuarios de Grid3 xa poden acceder a esta nova plantilla a través do menú de engadir cuadrículas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS