main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

29/05/202008:11
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

FEUGA introdúcenos cun webinar nas posibilidades de Office 365

fundación FEUGA, con sede principal no Campus Sur de Santiago, vai organizar os días vindeiros un webinar sobre Office 365. A actividade, de 16 horas, celebrarase os días 5, 12, 19 e 26 de xuño en formato virtual, e a persoa encargada de impartir os contidos será Javier Perucha. O curso online forma parte dun programa de choque contra as consecuencias económicas da crise sanitaria: un programa formativo en directo que bota man das novas tecnoloxías para fortalecer os recursos dos nosos estudantes e profesionais ante a desescalada. “Só se precisa un computador, tableta ou teléfono móbil conectado a Internet, altofalantes, micrófono e webcam para vernos”, explican dende FEUGA.

A fundación engade que Office 365 ofrece “un nivel de produtividade completamente novo”, permitindo aos seus usuarios crear, acceder e compartir documentos desde calquera dispositivo. Ademais, “achega aplicacións específicas en seis áreas fundamentais do crecemento do negocio: mobilidade, colaboración, comunicación, seguridade, produtividade e información”, explica a fundación, salientando a flexibilidade da ferramenta, a marxe de rendemento e o seu potencial para reducir os custes de organización. No curso aprenderase aos participantes a traballar eficazmente coas ferramentas empresariais de Office 365, tales como SharePoint, Flow, Teams ou Planner.

28/05/202014:00
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta facilita ás Universidades o uso das aulas da Rede CeMIT para a realización de exames

  • A Amtega xunto coa FEGAMP e as tres Universidades galegas asinan un acordo para que o alumnado universitario con dificultades para examinarse online desde os seus fogares poida facelo nos centros da Rede
  • As universidades porán a disposición dos estudantes o procedemento e o protocolo para facer uso das aulas
  • Este acordo enmárcase dentro das medidas da Xunta para afrontar a crise da COVID-19

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) xunto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e as tres Universidades galegas veñen de asinar un convenio para facilitar ao alumnado universitario que o precise a realización de exames online desde as aulas da Rede CeMIT.

O acordo, creado a petición das universidades, ten como obxectivo que aqueles alumnos que teñan dificultades para examinarse online desde os seus fogares poidan facelo grazas á conexión das aulas CeMIT, entre o 1 de xuño e 31 de xullo de 2020.

Poranse a disposición das Universidades as aulas daquelas entidades locais que previamente presenten o seu compromiso ante a FEGAMP para participar nesta iniciativa. A partir de aí, os centros poderán empregarse como punto de conexión para realizar os exames online e contarán ademais co asesoramento e axuda para a correcta conectividade dos axentes TIC.

As universidades galegas serán as encargadas de articular e trasladar ao alumnado o procedemento e protocolo para facer uso da Rede CeMIT para a realización dos seus exames. Os alumnos interesados terán que inscribirse previamente como usuarios da Rede, a través da web https://cemit.xunta.gal/ e reservar praza na aula da localidade do seu interese cunha semana de antelación e agardar a confirmación.

No portal da Rede estará dispoñible e permanentemente actualizada a relación de aulas nas que se poderán realizar os exames, que neste momento son 35, unha cifra que se incrementará coa adhesión de máis concellos.

Desde os concellos procederase ao cumprimento das recomendacións das autoridades sanitarias en materia de prevención e hixiene vixentes que se aplicarán en todas as aulas destinadas a este fin.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 entidades locais, está integrada por 98 aulas e está presente en 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

28/05/202013:30
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Amtega abre mañá o prazo de inscrición no curso para obter a Certificación Galega de Competencias Dixitais en Ofimática

  • Ofértanse 180 prazas neste curso de teleformación que comezará en setembro e rematará a finais de novembro, mes no que terá lugar o exame presencial
  • Os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como persoa usuaria da rede CeMIT
  • No mes de outubro abriranse novas convocatorias de avaliación para aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios adquiridos por calquera outra vía ou por autoformación
  • O certificado, que emite a Amtega, acredita a capacitación en ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá venres 29 de maio o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no DOG con 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio, que comezará o 1 de setembro e rematará o 22 de novembro, previo ao exame presencial que terá lugar na última semana dese mes de novembro unha vez rematado o curso.

Para acceder a esta actividade formativa os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como usuario da rede CeMIT. A inscrición realizarase a través de internet na web da rede CeMIT, durante os cinco días hábiles seguintes á publicación da convocatoria no DOG.

Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional das 180 persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas provisionalmente deberán aboar unha taxa de 10,63 euros correspondente aos dereitos de exame –ou presentar a documentación xustificativa da súa exención-, sendo excluídas aquelas persoas aspirantes que non formalicen a súa matriculación.

O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

Plan Formativo Ofimático de Galicia

Durante as 12 semanas de duración deste curso as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade e baseado na suite Libreoffice de oficina libre e código aberto:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT, baixo a modalidade de autoformación.

Próximas convocatorias de exames presenciais

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2020, que terá a súa continuación cunha nova edición de exames presenciais libres para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios – ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou que opten pola modalidade autoformativa-, prevista para o segundo semestre deste ano (no mes de outubro).

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 8.500 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (2.470 en cursos de teleformación titorizada e 6.050 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 3.800 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas nas aulas da rede CeMIT.

28/05/202008:36
Cartel da iniciativa.
Madrid

A Fundación ONCE concede 10 bolsas de formación tecnolóxica para persoas con discapacidade

  • A iniciativa pretende mellorar o acceso a empregos cualificados de cidadáns con discapacidade

A Fundación ONCE concedeu unha decena de bolsas a persoas con discapacidade dentro do seu programa 'Por Talento Dixital', iniciativa de axudas á formación tecnolóxica que pretende mellorar o acceso a empregos cualificados de cidadáns con discapacidade.

 

Segundo se pon de manifesto na convocatoria do programa, lanzada o pasado mes de febreiro, 'a revolución tecnolóxica e dixital está a transformar o mercado de traballo e favorecendo en moitos casos a accesibilidade de persoas con discapacidade a novos empregos'. Con todo, estes empregos requiren da adquisición de novas competencias tecnolóxicas para o seu bo desempeño.

 

Desde esta perspectiva, 'Por Talento Dixital' proponse axudar ás persoas con discapacidade a adquirir as competencias e habilidades tecnolóxicas necesarias para encaixar nos perfís profesionais que teñen maior demanda no mercado, á vez que quere tamén 'reducir a fenda dixital de xénero'.

 

Os beneficiarios das axudas concedidas, que cobren como máximo o 80% do custo total da formación, cursarán estudos de impresión 3D e aplicacións profesionais de drons, deseño dixital (web e app), Marketing e Comunicación Dixital ou de deseño e creación de videoxogos, entre outras materias.

 

E farano en centros de estudos como a Universidade a Distancia de Madrid (UDIMA), a Escola de Organización Industrial (EOI) ou CREANAVARRA, que son os lugares onde eles elixiron cursar a súa formación.

Programa aberto

O programa de bolsas 'Por Talento Dixital' é unha iniciativa aberta, polo que as axudas concederanse progresivamente ata esgotar a dotación económica establecida para o seu desenvolvemento.

 

En función das bases da convocatoria, a axuda económica solicitarase para sufragar cursos ou accións formativas presenciais, online ou mixtas, nalgunha das seguintes áreas de coñecemento: másteres e posgraos nos ámbitos de Enxeñería Informática, Electrónica ou de Telecomunicacións; Industria 4.0 e Internet of Things; Ciberseguridade; Big Data, Data Science; Intelixencia artificial/Aprendizaxe automática; Computación na nube; CRM e ERP (Software de xestión de clientes e empresarial); Marketing Dixital; Deseño e UX/UI (Experiencia de Usuario e Interacción de Usuario); Lean e Agile Project Management; Desenvolvemento de webs e apps, e Informática de xestión.

 

Así, poderán pedir as axudas os estudantes maiores de 16 anos que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. Toda a información está dispoñible na web https://portalentodigital.fundaciononce.es.

28/05/202008:31
Cartel da iniciativa.
Madrid

Mulleres con discapacidade en postos tecnolóxicos, o obxectivo do Programa RADIA

  • A iniciativa está impulsada pola Fundación ONCE, a Fundación CEOE e a Conferencia de Consellos Sociais de Universidades

A Fundación ONCE, a Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas (CCS) e a Fundación CEOE poñen en marcha un novo e innovador proxecto cuxo obxectivo é favorecer a inclusión de persoas con discapacidade en contornas de traballo dixital e ofrecer oportunidades de emprego ás mulleres con discapacidade, que constitúen o grupo que menos opcións ten de desenvolvemento profesional nos ámbitos tecnolóxicos.

 

As mulleres con discapacidade que queiran desenvolver a súa carreira profesional nun campo laboral tecnolóxico teñen agora unha oportunidade co Programa RADIA, que ofrece un total de 50 bolsas para levar a cabo un proceso de formación que comezará o próximo mes de setembro e finalizará en xuño de 2021.

 

A formación está dividida en tres fases que combinan formación presencial e virtual, sobre os asuntos máis candentes da transformación dixital, como a intelixencia artificial, fintech, e-sport, e-commerce, ciberseguridade, biotecnoloxía, blockchain ou Green teach. Ademais, contará con tutela e formación inspiradora con mentoras de diferentes empresas e prácticas en empresas tecnolóxicas. A primeira fase, Brain Storm, comezará o 22 de setembro. A fase Mentor Women desenvolverase ao longo de 12 de semanas e nelas as bolseiras coñecerán os contextos reais do ámbito tecnolóxico da man de profesionais que traballan no ámbito dixital e mostraranlles o seu día a día, coa finalidade de ensinalas, inspiralas e empoderarlas. Na última fase, denominada Real Work, as seleccionadas recibirán unha formación dixital en 100 sesións de 4 horas e estarán apoiadas por mentores para realizar prácticas nas empresas seleccionadas. Está previsto que finalice o 30 de xuño de 2021.

 

As mulleres con discapacidade interesadas teñen ata o próximo 30 de xuño para poder presentar as súas candidaturas na web www.programaradia.com

 

Unha vez analizada a documentación desenvolverase un proceso de selección que contemplará unha entrevista online ás persoas solicitantes.

 

Programa RADIA

A historia de Radia Perlman inspirou o nome do programa RADIA WOMEN'S DIGITAL INCLUSION. Radia é a creadora dun dos protocolos de comunicación máis utilizados do mundo que fai que as redes funcionen correctamente, sexan estables, robustas e seguras.

 

Actualmente, só un de cada seis especialistas TIC incorporados ao mercado laboral son mulleres. A este dato únese ademais a circunstancia da discapacidade, que dificulta a inclusión das mulleres con discapacidade no ámbito da educación superior e o emprego. Por iso o propósito do programa é ofrecer formación e emprego que inclúan a máis mulleres con discapacidade no sector dixital, recoñecendo tanto o valor das súas contribucións, como o seu talento, algo esencial para construír unha sociedade dixital inclusiva, competitiva e dinámica.

 

Desde esta perspectiva, RADIA establece unha serie de pasos encamiñados a aumentar o número de universitarias con discapacidade sentadas en postos de traballo baseados no manexo de tecnoloxía dixital.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS