
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Universidade de Santiago e a Universidade da Coruña porán a disposición do alumnado galego aulas con acceso á Rede para que poidan realizar as súas probas de avaliación. Estes espazos con reforzo Wi-Fi estarán situados nos Campus de Lugo, Santiago, A Coruña e Ferrol, co único requirimento de que se solicite previamente o seu uso e se acuda cun equipo portátil propio. Estas aulas únense á oferta de postos realizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) a semana pasada, que, xunto coa FEGAMP e as universidades galegas achegarán ao alumnado universitario as aulas da Rede CeMIT de diversos concellos para levar a cabo as devanditas probas.
Volvendo ás aulas presentadas pola USC e a UDC, son froito dun acordo entre as dúas universidades. Segundo sinalan, o alumnado de cada unha delas poderá utilizar instalacións destas dúas institucións en función das súas necesidades. No caso das Aulas da USC, estarán emprazadas na sala Norvet da Facultade de Veterinaria de Lugo e na sala de lectura da Facultade de Dereito de Santiago. Na Universidade da Coruña, o alumnado poderá achegarse a calquera dos puntos de acceso nos campus de Riazor, Elviña ou Esteiro. Para realizar a reserva en calquera delas nas datas que fora preciso, as persoas interesadas so deben cubrir o conseguinte formulario.
O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude, vén de lanzar unha campaña online para avanzar en igualdade e poñer o foco, nesta cuestión, nas novas xeracións. A iniciativa ten o obxectivo de encher as redes de mensaxes que rompan os estereotipos e os roles de xénero. Fai fincapé nos espazos dixitais por estes espazos “onde máis se move hoxe en día a xente nova”, sinala a edil de Xuventude Ana González Abelleira. A campaña de igualdade foi lanzada en TikTok, que é, en palabras da concelleira, a “rede social máis de moda entre os adolescentes”, un dos seus grandes puntos de encontro durante o Estado de Alarma e o confinamento.
O obxectivo é estimular a reflexión e a capacidade creativa da mocidade en canto a igualdade de xénero e as relacións afectivas entre mulleres e homes, así como o rexeitamento e a prevención da violencia de xénero.
Amais de polos ditos motivos, elixiuse a rede social TikTok por ser unha comunidade cunha notable presenza de persoas de entre 18 e 24 anos, especialmente mulleres. Nesta proposta, con “contidos animados e frescos”, empregaranse persoas con perfís activos en TikTok para que sexan protagonistas dos vídeos e poidan promover as mensaxes no perfil creado para este fin @XuventudeLugo.
Realizaranse un máximo de 10 vídeos con 5 tiktokers e 5 liñas temáticas que buscan ilustrar os roles de xénero, a desigualdade e a violencia contra as mulleres: oficios, coidados, entretemento, estereotipos e celos. Dentro de cada área temática realizaranse dous audiovisuais abordando dúas realidades diferenciadas, pero serán protagonizadas por dous tiktokers diferentes. “Os mozos e mozas que se animen a participar terán liberdade creativa para seguir todos e cada un dos desafíos”, engadiu o Concello.
Hoxe reanúdanse os prazos para solicitar as bolsas do Programa DigiTalent, que ofrece 32 prazas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura para realizar prácticas formativas en empresas do sector tecnolóxico. Os interesados poderán remitir as súas candidaturas ata o próximo día 23 de xuño (incluído).
Estas bolsas están orientadas a estudantes universitarios menores de 31 anos, matriculados en Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura de calquera das tres universidades galegas e que teñan máis do 75% e menos do 100% de créditos aprobados.
Tras a suspensión da convocatoria publicada no (DOG) o pasado día 5 de marzo pola declaración de situación de emerxencia sanitaria en Galicia, hoxe faise efectivo o publicado no Real Decreto 537/2020 (BOE), que prevé a reapertura dos prazos que foran interrompidos con efectos desde hoxe día 1 de xuño.
Candidaturas e seleccións das persoas bolseiras
Os estudantes interesados deberán presentar telematicamente a súa solicitude para poder acceder ás prazas do programa, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento PR607A). Ademais, deberán estar rexistrados e ter o seu perfil actualizado no portal de becas Feuga na seguinte ligazón: http://www.becasfeuga.es/ofertas/listar/etiqueta/amtega.
As candidaturas dos bolseiros valoraranse en función da nota media do expediente académico e unha memoria explicativa sobre a motivación dos solicitantes para realizar a práctica formativa e os resultados que pretende acadar.
Realización das prácticas formativas
Unha vez realizada a selección, os beneficiarios realizarán prácticas remuneradas nalgunha das 21 empresas seleccionadas como entidades colaboradoras, por un período de 3 meses e unha duración de 20 horas semanais, contando cun plan de formación e recibirán asesoramento, orientación e dirección das persoas responsables das empresas TIC.
As empresas teñen experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, wearables, entre outras. A listaxe completa de entidades que participan no programa está dispoñible na web: https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent.
Cabe sinalar, que no contexto actual de transición á nova normalidade, aos beneficiarios do programa aplicaranlle as mesmas medidas de protección y protocolos levados a cabo polas empresas colaboradoras para protexer e promover a seguridade e a saúde no traballo do conxunto dos seus empregados.
Colaboración institucional
As bolsas DigiTalent articúlanse a través dun convenio de colaboración asinado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA); e contribuirá a dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre os sectores TIC e non TIC.
Os centros educativos públicos galegos sitúanse á cabeza do Estado na disposición de servizos dixitais provistos pola Administración pública como entornos virtuais de aprendizaxe, aulas virtuais e servizos na nube. Así se recolle na estatística "Ensino non universitario. Sociedade da información e a comunicación nos centros educativos. Curso 2018-2019", que vén de publicar o Ministerio de Educación e Formación Profesional e que reflicte a boa situación da dixitalización nos centros públicos galegos no contexto nacional.
O 96% dos centros de ensino públicos de Galicia dispoñen de aulas virtuais, grazas aos proxectos EDIXGAL e Webs dinámicas, fronte o 41,3% da media estatal. Ademais, o 99% dos centros públicos dispoñen de servizos na nube e o 93,3% dos centros públicos dispoñen de páxina web, fronte ao 86,9% a nivel nacional.
A dispoñibilidade de servicios educativos dixitais vai en consonancia coa implicación dos centros educativos públicos en proxectos relacionados coa tecnoloxía educativa, que en Galicia está nun 60,8%, moi por riba do 36,5% da media nacional, e só por detrás da Rioxa, Ceuta e Castela e León.
A estatística estatal, realizada na totalidade dos centros públicos, concertados e privados de España, analízanse parámetros como o número de ordenadores por alumno, o tipo e calidade da conexión a Internet dos centros educativos, a cobertura de WIFI dentro dos centros, a dispoñibilidade de sistemas dixitais interactivos nas aulas, ou de servizos de entornos virtuais de aprendizaxe e outros servizos educativos na nube.
Galicia, no relativo aos centros educativos públicos, situase mas primeiras posicións na maioría dos indicados medidos.
Ratio de ordenador por alumno e grupo
Así nos indicadores relativos ao número medio de alumnos por ordenador destinados a tarefas de ensino e aprendizaxe, nos destinados á docencia, e nos conectados a internet destinados a docencia situase na terceira posición, só por detrás do País Vasco e Estremadura, cunha media de 1 ordenador para cada 1,7 alumnos no primeiro caso, e 2 nos restantes, cando a media do estado e de 2,7 3,3 e 3,4 alumnos por ordenador.
Igualmente, Galicia ocupa o terceiro posto do Estado en canto a ordenadores por grupo, con 10 equipos por grupo, só por detrás do País Vasco e de Illas Baleares e moi por riba da media nacional, que é 6,7 ordenadores por aula.
Conectividade
No relativo aos indicadores relativo ao ancho de banda da conexión a Internet dos centros educativos, Galicia situase a cabeza xunto con Canarias, cun 96,7% dos centros públicos con conexión a Internet superior a 100 Mbps, fronte ao 35% en España. Esta porcentaxe crece ata o 98,1% se consideramos os centros con velocidade superior a 50 Mbps.
No relativo as aulas con conexión a Internet, Galicia tamén se sitúa no grupo cabeceiro, co 98,1% das aulas habituais de clase con conexión a Internet, por detrás de Valencia, Mellia, Ceuta, Canarias e Cataluña. En canto á porcentaxe de centros con cobertura WIFI, cunha porcentaxe do 98% Galicia sitúase por riba da media nacional que é de 93,6%.
No tocante á dotación de Sistemas Dixitais Interactivos, Galicia situase na cuarta posición, detrás de Melilla, Ceuta e Estremadura, cun 66,6% das aulas con estes servizo, fronte a 58 da media nacional.
As novas ferramentas tecnolóxicas de loita contra a COVID-19 que o Goberno puxo en marcha son accesibles para as persoas con discapacidade grazas á participación da Fundación ONCE no proxecto.
Trátase da aplicación oficial de AsistenciaCOVID-19 (https://asistencia.covid19.gob.es/), impulsada polo Goberno para que a poboación poida facerse un autodiagnóstico do coronavirus, e da Hispabot-Covid19, unha canle de consulta sobre a COVID-19 a través de WhatsApp.
O Goberno informou o mércores da posta en marcha do asistente conversacional Hispabot-Covid19. É unha canle de consulta automática que utiliza a intelixencia artificial e a linguaxe natural para responder as inquietudes da cidadanía sobre a COVID-19 con información oficial, precisa e actualizada.
Hispabot-Covid19 é un servizo "chatbot" que permitirá aos cidadáns obter respostas inmediatas ás preguntas máis comúns sobre o coronavirus durante as 24 horas do día.
Ambos os servizos son accesibles para as persoas con discapacidade grazas á participación da Fundación ONCE no proxecto.
AsistenciaCOVID-19
O obxectivo desta aplicación AsistenciaCOVID-19, posta en marcha o pasado luns pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, é desconxestionar os teléfonos de atención sanitaria das diferentes comunidades autónomas, á vez que ofrecer información oficial e de confianza.
Técnicos do departamento de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE traballaron para que as persoas con discapacidade poidan acceder ao autodiagnóstico, ben sexa a través da aplicación, da web ou usando o chatbot desenvolto para o proxecto.
Así, traballouse no correcto uso do idioma nalgúns elementos como, por exemplo, a lectura dos emojis ou iconas, a boa contextualización da cantidade de ligazóns e referencias que o chatbot prové, sendo fontes de recursos que complementan a información do propio compoñente, así como a correcta orde de lectura para persoas con discapacidade, que usan como ferramenta de apoio un lector de pantalla.
A aplicación permite ofrecer recomendacións e pautas de actuación a través da solicitude dunha serie de datos de identificación e de saúde relacionados cos síntomas experimentados. Ademais, a través do sistema de xeolocalización vía GPS do teléfono móbil, con permiso do usuario, validará a comunidade autónoma na que se atopa para personalizar as respostas en función dos protocolos de cada unha delas.