main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

28/05/202008:17
Investigadores/as grupo Cies da Universidade de Vigo.
Pontevedra

Impulsan dende a UVigo un microproxecto para garantir ás familias a docencia online segura

O grupo Cies da Universidade de Vigo, integrado por investigadoras e investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra e da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, vén de impulsar un proxecto para contribuír á transformación da Rede nun lugar seguro para as familias, agora que Internet, coa suspensión das clases, é o gran referente docente para profesorado e alumnado.

En termos concretos, o equipo interdisciplinar desenvolve e difunde, a través da iniciativa Sentidiño na Rede, contidos centrados en promover un uso seguro de internet por parte das e os menores, así como amosar tamén a pais e nais as oportunidades que achega a Rede.
Trátase dun dos microproxectos inseridos en Redes de innovación para la inclusión educativa y social, un proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Economía, que, no marco do Plan Nacional de Investigación 2016-2019, levou a cabo o grupo Cies (Colaboración, Innovación e Investigación para a Equidade Socio-educativa).

No marco deste proxecto, as profesoras Esther Martínez e Manuela Raposo coordinan unha iniciativa que integra, nunha “rede de innovación interprofesional”, a especialistas, profesionais e representantes de diferentes ámbitos. Todos eles traballaron conxuntamente na elaboración dunha serie de podcast que poñen o foco en cuestións como os sinais de alerta que é preciso ter en conta, os sistemas de control dos dispositivos dixitais ou as normas de cortesía na Rede. O obxectivo desta iniciativa, explican as súas coordinadoras, é desenvolver “un espazo de encontro destinado fundamentalmente ás familias, que fomente un uso responsable dos dispositivos móbiles e unha participación positiva dos menores en Internet e nas redes sociais”. Ademais de por Raposo, Martínez e a coordinadora do grupo Cies, a catedrática Ángeles Parrilla, o microproxecto foi desenvolvido por diferentes expertos e profesionais. Deste equipo formaron parte a educadora do Concello de Pontevedra e profesora da UNED Patricia González; o experto en seguridade e privacidade en novas tecnoloxías José Torres; a técnica da subdirección xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia da Xunta de Galicia Teresa Gutiérrez, o docente do CEIP Barcelos Justo Fernández; os representantes da Federación de Asociacións de Pais e Nais de Pontevedra (Fanpa) Rogelio Carballo e Francisco Freire, o profesor do Centro Rural Agrupado de Vilaboa Miguel Robiás, e a investigadora da Universidad Federal de São Carlos (Brasil) Fernanda Barboza Cid.

28/05/202008:12
Persoa traballando nun portátil.
Boiro

O Concello de Boiro abre as inscricións para tres novos cursos telemáticos da aula CeMIT

Concello de Boiro, ao abeiro do seu programa de actividade formativa alternativa para estes tempos de restricións ao presencial, vén de presentar unha completa axenda de cursos tecnolóxicos para este mes de xuño que está a piques de comezar. Os cursos, que se van realizar por vídeo-conferencia, veñen da man da aula CeMIT local, en colaboración coa Asociación ComparTIC. Este mes de xuño haberá tres grandes novidades: Deseño 3D con Tinkercad, Iniciación ao GIMP e Iniciación ao Libreoffice Calc.

No curso de deseño 3D con Tinkercad, que se vai impartir os días 8, 9, 19 e 11 de xuño de 11.00 a 12.00 horas, os participantes terán a oportunidade de elaborar os seus primeiros deseños en 3D. Pola súa banda, o curso de iniciación á ferramenta de edición e tratamento de fotografías, deseños e gráficos GIMP, vaise realizar os días 15, 16, 17 e 18, tamén en horario de 11.00 a 12.00 horas e nel os usuarios van aprender os conceptos básicos de imaxes dixitais, tamén unha introdución da interface gráfica e a facer montaxes simples con uso de capas para a elaboración de carteis sinxelos. No curso de inicio a Libreoffice Calc, que será os días 22, 23 e 25 de xullo de 10.30 a 12.00 horas, os participantes van aprender a traballar con follas de cálculo, ordenación de datos, creación de gráficos... 

Para inscribirse en calquera dos cursos ou solicitar información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa aula CeMIT a través da web www.compartic.org, o enderezo electrónico axentetic@boiro.org ou no teléfono 981 84 26 35.

27/05/202007:54
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O cuarto certame Youtubeir@s abre prazo de inscrición con 12 categorías e 7.500 euros en premios

Os Premios Youtubeir@s, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos da nosa terra, das nosas tres universidades e da Deputación da Coruña, lanzan a súa cuarta edición con cambios significativos nas súas bases e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nas doce categorías do certame neste ano. O concurso estará aberto a todas as persoas maiores de 14 anos con canles e/ou vídeos en galego, auto-producidos, subidos a YouTube e que estean publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019.
Nas bases tamén se especifica que no caso de presentar unha canle, esta debe conter polo menos 5 vídeos, maioritariamente en galego e realizados con posterioridade a esa mesma data. 

Diversidade

Os Premios Youtubeir@s regresan por cuarto ano consecutivo co obxectivo de animar a creación de vídeos con temáticas e formatos diversos, dende vídeos de deportes, viaxes ou videoxogos até vídeoblogs políticos ou vídeoconsellos de moda. Ao tempo, buscan dar visibilidade á produción en galego e á comunidade creadora e, tamén, “Expandir a Rede”, como versa o lema deste ano.

Ampliación de categorías

Unha das grandes novidades desta cuarta edición de Youtubeir@s será a reorganización e ampliación das diferentes categorías. Se en 2019 o certame estaba dividido en oito galardóns, para este 2020 contémplanse doce diferentes. Así, o concurso contará cos seguintes premios: canle, vídeo, youtubeir@, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. En total, Youtubeir@s repartirá entre as persoas gañadoras 7.500 euros.

Xurado

O palmarés desta cuarta edición será escollido un ano máis por un xurado profesional, conformado por persoas de recoñecido prestixio. Nesta ocasión, estará conformado por Brais Romero, crítico audiovisual e director da revista A Cuarta Parede; Matías Tarrío, xornalista, redactor e director de programas de televisión; Rosa Moreiras, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames; Xoana, compositora e cantante; e a xornalista audiovisual Mabel Montes. O xurado decidirá a relación de finalistas en cada apartado con anterioridade ao acto de entrega e non poderá deixar deserta ningunha das categorías. 

Prazo de inscrición

O prazo para inscribir os vídeos e canles no Premio Youtubeir@s abre este mércores, 27 de maio de 2020, e pecharase o 23 de outubro de 2020 ás 23.59 h. Cada participante debe inscribirse a través do formulario que figura na web do concurso, onde se poden consultar as bases completas desta cuarta edición.

Premio do Público

O único galardón que non decidirá en exclusiva o xurado será o Premio do Público. Nesta cuarta edición, serán os/as seguidores/as quen propoñan os seus vídeos preferidos para concorrer neste apartado. As propostas poderanse facer só a través do formulario habilitado na páxina web do Proxecto Youtubeir@s, cumprirán cos mesmos requirimentos das bases xerais e realizaranse antes do 23 de outubro de 2020. Entre o 2 e o 16 de novembro, abrirase a través das redes sociais un formulario de votación. Os tres vídeos que reciban máis votos do público pasarán ao xurado dos premios, que ratificará a votación do público logo de comprobar que cumpre as bases xerais.

Organizadoras

Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

26/05/202008:00
Cartel dá iniciativa.
Santiago de Compostela

Google Maps mostrará os lugares accesibles para persoas con discapacidade

Google segue apostando por mellorar a accesibilidade da súa tecnoloxía para facilitar o uso e a mobilidade das persoas con discapacidade. A súa última innovación en Google Maps é Accessible Places, que destacará aqueles establecementos accesibles para os visitantes.

Desta forma Google recompila información sobre a accesibilidade dos edificios e locais, para que as persoas con discapacidade poidan coñecer desde un primeiro momento se poderán facer uso das instalacións.

A compañía apunta que esta tecnoloxía xa está dispoñible en Estados Unidos, Australia, Xapón e o Reino Unido, aínda que está a traballar en ampliar esta lista de países.

Por agora, esta tecnoloxía ofrece información de accesibilidade de máis de 15 millóns de lugares ao redor do mundo, grazas aos datos achegados por 120 millóns de guías locais e outras fontes de información que colaboraron con Google.

Tamén son os propios establecementos os que poden engadir esta información sobre accesibilidade para informar os seus visitantes sobre a súa adaptación para persoas con discapacidade.

25/05/202007:56
Cartel da iniciativa.
Ourense

A Tecnópole lanza unha guía en galego para incrementar a presenza de rapazas nos estudos STEM

Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) vén de publicar en galego a guía Que quero ser de maior?, destinada a impulsar a presenza de rapazas nas carreiras vencelladas á investigación e á innovación. Forma parte do proxecto Ciencia e Tecnoloxía en feminino, da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España -APTE-, na que está integrada Tecnópole.

O obxectivo deste proxecto, que cumpre a súa terceira edición, é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras de CTIM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) ou tamén denominado co seu equivalente en inglés como STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics).

A Tecnópole explica que “esta guía ilustrada recóllense algúns exemplos de estudos científicos e tecnolóxicos e as súas posibles saídas profesionais”. A razón de ser da publicación rastréxase no potencial dos parques tecnolóxicos para dar unha viraxe á desigualdade nas carreiras máis ligadas á innovación, e así nolo explican dende o complexo empresarial de San Cibrao das Viñas: “Podemos contribuír en gran medida ao aumento da presenza feminina en carreiras STEM, de feito a promoción das vocacións científicas e tecnolóxicas é unha das actividades pola que máis estamos a apostar nos últimos anos, sobre todo polo impacto que estas poden ter no desenvolvemento dun sistema de innovación competitivo, para o cal, é indispensable contar co 100% da sociedade”.

Neste documento indícanse as saídas profesionais dun total de 37 titulacións, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual. No eido da Arquitectura e Enxeñería destácanse: Arquitectura; Camiños, Canles e Portos; Minas; Montes; Agronomía; Topografía; Xeodesia e Cartografía; Automática e Electrónica Industrial; Telecomunicacións; Imaxe e Son; Naval; Aeronáutica; Industrial; Química; Reciclaxe e Informática. No eido das Ciencias da Saúde abórdanse as titulacións de: Enfermería, Farmacia, Fisioterapia, Medicina, Logopedia, Odontoloxía, Veterinaria, Podoloxía, Nutrición e Ciencias dos Alimentos, e Biotecnoloxía e Xenética. E no campo das Ciencias: Matemáticas, Estatística, Bioloxía, Bioquímica, Xeoloxía, Ciencias Ambientais, Antropoloxía, Oceanografía, Física, Química, xunto a Óptica e Optometría. Ao longo da guía tamén se amosan unha serie de curiosidades para os máis novos como que o primeiro robot humanoide da historia, chamado Elektro, exhibiuse no ano 1939. Tamén se indica que é posible que unha persoa poida ter dous tipos distintos de ADN (porque durante o embarazo os xemelgos poden intercambiar células entre si), ou que a montaña máis alta da Terra é en realidade o volcán Mauna Kea, de máis de 10.000 metros de altura, situado na illa de Hawai.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS