main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

19/05/202008:42
Unha nai e o seu fillo realizan unha actividade educativa tecnolóxica.
Santiago de Compostela

DigiCraft, o programa de docencia online da Fundación Vodafone, chegou aos 72.000 usuarios

A Fundación Vodafone fixo balance este luns da actividade xerada a través da nova fase do seu programa educativo DigiCratf, a iniciativa da operadora para favorecer a educación dixital entre a poboación máis nova. O programa, que ten unha notable presenza na nosa terra a través do acordo da fundación coa axencia AMTEGA, desenvolveu esta tempada un papel crucial no activismo contra a fenda dixital. En concreto, intensificou as actividades desenvolvidas con Cruz Vermella Mocidade e Save the Children e conseguiu chegar á cifra dos 72.000 usuarios. Deles, 57.000 creáronse dende o cese das clases o 11 de marzo.

DigiCraft é o primeiro programa educativo creado en España para potenciar o desenvolvemento das competencias dixitais na nenez e a mocidade, pondo a disposición das crianzas de entre 6 e 12 anos (con especial foco en infancia vulnerable) diferentes xogos colaborativos e manualidades para aprender utilizando como vehículo a Intelixencia Artificial, a Realidade Aumentada ou o Deseño 3D dunha forma “fácil e divertida”. Entre as novidades postas en marcha nesta nova fase do programa para axudar aos nenos e nenas máis novas a adaptarse á sociedade dixital e ver todas as súas posibilidades, a fundación salientou o Reto DigiCraft Online en Galicia, que se complementou con sesións de formación a profesores e profesoras para o desenvolvemento de actividades de forma colaborativa.

En traballo conxunto coa Xunta de Galicia (a través de AMTEGA), a Fundación Vodafone adaptou unha das actividades que tiña até agora no seu programa de formación presencial para facela online. Así, indica a entidade, “compartimos cos profesores e profesoras dos 50 centros escolares participantes no programa DigiCraft un novo reto online para realizar co seu alumnado de forma colaborativa”. Seguindo este fío, a Fundación Vodafone levará a cabo unha sesión de formación cos docentes para axudarlles a organizar as actividades en remoto. Os colexios terán un prazo de 2 semanas para enviar unha proposta e o centro gañador recibirá novos recursos para continuar desenvolvendo o programa DigiCraft nas súas aulas.

Outra das propostas destacadas foi a Iniciativa DigiCraft infancia vulnerable: reforzo escolar en tempos de confinamento realizado en colaboración con Save the Children e Cruz Vermella Mocidade. A Fundación Vodafone proporcionou aos educadores e educadoras destas organizacións un vídeo titorial con instrucións para que todos os nenos e nenas poidan traballar desde as súas casas no deseño dun castelo en 3D. Teñen un prazo de 10-15 días para realizalo e publicar o seu deseño. O próximo 21 de maio realizarase unha sesión online en directo para presentar os mellores traballos e seleccionar aos gañadores dun kit DigiCraft, que inclúe diversos materiais tecnolóxicos para seguir desenvolvendo as súas competencias dixitais desde casa.

19/05/202008:35
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha o blog ‘O centro de día na casa’, que permite aos usuarios manterse en contacto e activos

  • Esta proposta vai dirixida ás persoas maiores que desde o 13 de marzo non poden acudir a estes centros
  • A iniciativa conta con guías de coidados e actividades para a mente e o corpo

A Xunta de Galicia puxo en marcha o blog O centro de día na casa que achega guías de coidados e actividades para mente e corpo aos usuarios de centros de día cuxas instalacións están pechadas desde o pasado 13 de marzo por mor da emerxencia sanitaria da COVID-19.

Os contidos foron desenvoltos polos profesionais do departamento de Xerontoloxía dos centros de día da Consellería de Política Social, co obxectivo de que as familias teñan á súa disposición materiais necesarios para que os maiores continúen as actividades que realizaban nos centros desde a casa e teñan un método de entretemento e envellecemento activo.

As actividades están centradas na estimulación cognitiva, en compartir experiencias e anécdotas e realizar exercicio físico. En definitiva, pretende reproducir en pequena escala o día a día das persoas maiores que acudían a estes centros desde a súa casa e coa axuda dos seus familiares.

Durante este tempo de emerxencia sanitaria, a Xunta de Galicia realizou un seguimento diario dos 14.400 usuarios de centros de día e ocupacionais. Unha medida que se enmarca dentro do Plan social de continxencia elaborado polo Executivo autonómico.

Así mesmo, tamén se puxo en marcha o blog A escola infantil na casa que achega contidos e actividades ás familias con nenas e nenos máis pequenos. Esta iniciativa procura que as nais e pais galegos teñan acceso a xogos, pautas e propostas para entreter aos seus fillos e que continúen aprendendo durante esta etapa de confinamento.

18/05/202008:41
Portada do informe.
Santiago de Compostela

A Asociación Somos Digital elabora un informe para a posta en valor dos Centros de Competencias Dixitais tras a situación de crise COVID-19

A situación actual puxo de manifesto a necesidade de dotar á sociedade de competencias dixitais, nun momento de illamento como o que estamos a vivir, as habilidades tecnolóxicas dos usuarios son as que lles permitiron, en gran medida, cumprir co seu traballo e manterse en contacto cos seus familiares.

Os centros de competencias dixitais e os seus profesionais, foron un apoio para aquelas persoas con menos habilidades dixitais, pois a súa proximidade ao territorio e o coñecemento das necesidades dos cidadáns, permitiulles ofrecer o asesoramento tecnolóxico necesario para cubrir as demandas dos usuarios.

Desde a Asociación Somos Digital a través deste informe de política, preténdese poñer en valor estes centros, para vehicular políticas públicas relacionadas coa transformación dixital da cidadanía, xa que se require liderado, coordinación e apoio, tanto técnico como económico, por parte das administracións para que estes centros poidan canalizar as diferentes políticas de cidadanía dixital.

O informe que foi consensuado e apoiado polas 13 redes que forman a Asociación Somos Dixital e que se fará publico o 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día da internet, sostense en tres recomendacións finais:

  • Necesario liderado e coordinación por parte das Administracións Públicas.
  • Apoio técnico e económico aos centros de competencias dixitais e aos seus profesionais.
  • Canalización de políticas de cidadanía dixital a través dos centros de competencias dixitais.

A distribución deste informe, súmase á realización do estudo sobre as competencias dixitais do futuro, presentado no mes de abril, e que define un amplo conxunto de servizos cara ao que tenderán os actuais centros para responder aos novos retos socioeconómicos que se prevén como consecuencia da transformación dixital nos próximos anos.

Informe "Apoiando os Centros de Competencias Dixitais para a mellora da empregabilidade e o desenvolvemento rural"

17/05/202010:00
Fotograma do vídeo, cunha muller maior usando unha tablet no seu xardín.
Santiago de Compostela

A rede CeMIT celebra o día mundial de Internet cun vídeo no que usuarios, voluntarios e axentes TIC destacan as vantaxes de vivir conectados

  • Forma parte da iniciativa lanzada desde a Rede e o Programa de Voluntariado Dixital baixo o lema “Conectad@s estámolo conseguindo”
  • As aulas públicas, presentes en 92 concellos galegos, seguen programado actividades online durante o confinamento

 

A Rede CeMIT, xunto co Programa de Voluntariado Dixital (Voldix), impulsados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), celebran este ano o Día Mundial de Internet coa iniciativa "CeMIT e Voldix contigo: Conectad@s estámolo conseguindo!". Trátase dun vídeo colaborativo onde axentes TIC, persoas voluntarias e usuarios da Rede CeMIT contan como a tecnoloxía lles axuda a levar o confinamento como consecuencia da COVID-19.

Este ano todos os actos do #diadeinternet estanse a celebrar online, permitindo que calquera cidadán poida participar neles desde a súa casa. O tema central das actividades é destacar o papel da Internet e da tecnoloxía na crise sanitaria.

Actividades das Aulas

As aulas da Rede CeMIT sumáronse a diferentes iniciativas para conmemorar o Día de Internet, como a colaboración coa Asociación Somos Digital para difundir a oferta de seminarios en liña e webinars con expertos sobre tecnoloxía en tempos do coronavirus durante toda esta semana. Esta actividade buscaba sensibilizar á sociedade galega sobre as posibilidades do uso da Internet así como da redución da fenda dixital e do fomento do uso seguro e responsable.

Tamén se ofreceu a posibilidade de participar no #RetoScratch para crear un videoxogo e participar na iniciativa Súmate ao Reto ODS dirixido a formadores e educadores co obxectivo de sensibilizar á cidadanía sobre como poden utilizar Internet e os dispositivos tecnolóxicos de forma sostible e contribuír así aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Ademais, as actividades en liña programadas desde a Rede CeMIT contan cunha oferta moi variada que abrangue temáticas como o manexo de ferramentas para a realización de videoconferencias e aulas virtuais, buscadores e consellos de navegación, protección de dispositivos electrónicos, iniciación á informática, trámites electrónicos en liña, uso do smartphone, edición de imaxes, ferramentas de control parental, manexo das redes sociais, etc.

A Rede CeMIT e o Programa de Voluntariado Dixital

A Rede CeMIT conta coa colaboración de 92 concellos e está presente nas 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital.

O Programa de Voluntariado Dixital conta con preto de 600 persoas voluntarias dixitais que coa súa solidariedade achegan a tecnoloxía á poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos máis desfavorecidos.

A rede CeMIT e Voldix son os principais instrumentos do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 para ofrecer á cidadanía recursos de alfabetización e capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

O vídeo

15/05/202008:39
Pantallazos de Samsung Kids.
Madrid

Samsung Kids, a resposta para que os nenos utilicen a tecnoloxía de maneira didáctica e segura

  • O acceso dos menores ás novas tecnoloxías adoita ser unha preocupación habitual entre os pais ou profesores. Con todo, máis aló de pensar nos riscos que poden conlevar, é importante facer un uso responsable delas para evitar calquera tipo de perigo.

Coa corentena, os menores de idade aumentaron o tempo que pasan diante dunha pantalla, xa sexa por motivos educativos ou de entretemento, xa que aínda non poden saír de casa. Ante esta situación, cada vez son máis os adultos que se interesan polas apps e sitios web que visitan os seus fillos, así como polo tempo que destinan á utilización de dispositivos electrónicos.

Segundo unha enquisa encargada por Samsung a IPSOS o pasado mes de agosto, o 74% dos pais móstranse preocupados pola seguridade dos seus fillos cando usan o móbil, mentres que a súa maior preocupación é o acceso a contidos non adecuados (59%). Ademais, tendo en conta que moitos pais atópanse actualmente teletraballando, non sempre poden estar a atender o que fan os seus fillos cando utilizan dispositivos móbiles ou tabletas, polo que a sensación de intranquilidade pode acentuarse.

Con todo, existen ferramentas moi útiles e eficaces para introducir aos menores nun uso responsable da tecnoloxía. Aplicacións como Samsung Kids non son unicamente un sistema tradicional de control parental, senón unha maneira de permitir aos fillos explorar e conectar co mundo nunha contorna segura. Espazos dixitais deste tipo son a mellor maneira de incentivar a creatividade, a imaxinación e, sobre todo, a motivación a través da tecnoloxía, e mesmo poden axudar a desenvolver capacidades intelectuais e aprender a controlar as emocións.

Ademais, o propio funcionamento de Samsung Kids permite que os teus fillos se familiaricen rapidamente coa app e que se conecten de maneira sinxela, facilitando tamén o labor dos pais. Tan só é necesario pulsar Samsung Kids ou Modo Nenos no panel de Axustes rápidos e utilizar o mesmo PIN ou datos biométricos xa configurados no dispositivo para entrar e saír da aplicación. A app axuda aos menores para desenvolver bos hábitos dixitais, establecendo límites no tempo de uso e concedendo acceso só a contactos e aplicacións específicas. Os pais, pola súa banda, poden monitorar periodicamente a actividade dixital dos seus fillos, a través dos informes de uso que xera a app, de maneira que se pode consultar como investiron o tempo ou asegurarse de que só ven contido adecuado á súa idade.

Ademais de estar protexido a través dun código PIN, o espazo funciona independentemente ao resto do móbil, de forma que o menor non ten acceso aos contidos dos proxenitores, o que evita problemas como a eliminación de arquivos por erro ou a modificación accidental da configuración do dispositivo. Aínda que Samsung Kids está deseñada para permitir a utilización autónoma do dispositivo por parte do menor, os expertos aconsellan que sexan os pais quenes revisen e acompañen a súa experiencia na medida do posible, de maneira que poidan resolver as súas dúbidas e introducirlo adecuadamente no universo dixital.

A app dispón de xogos e contidos audiovisuais que fomentan a aprendizaxe e o desenvolvemento intelectual. Poden debuxar, ver vídeos, gravar as súas voces e aplicar efectos, ademais de realizar fotografías. Desta maneira, Samsung Kids constitúe en si unha oportunidade para adaptarse a unha realidade latente, como é o crecente peso dos contidos dixitais nos sistemas educativos, algo que ademais abre un mundo de posibilidades pedagóxicas para os menores e complementa a súa aprendizaxe, establecendo un equilibrio entre o mundo físico e o virtual.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS