
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Xunta de Galicia habilita, a través da publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), a posibilidade de que o Bono Formación se imparta na modalidade de teleformación para aquelas accións formativas financiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Esta posibilidade, que non se recollía nas bases que regulaban os incentivos á contratación por conta allea e formación, ofrécese agora como consecuencia da situación derivada da COVID-19 e co obxectivo de paliar os seus efectos e optimizar a empregabilidade das persoas traballadoras e desempregadas, contribuíndo así á mellora da competitividade dos diferentes sectores económicos de Galicia.
Entre as ordes de axudas que se poderán beneficiar desta modificación nas bases reguladoras destaca o programa Galicia Emprega e as súas diferentes liñas: Emprega Xuventude (destinada a persoas mozas), Emprega Discapacidade (dirixida ás persoas máis vulnerables), Emprega Muller e o programa para estimular a contratación de parados de longa duración. Todas estas axudas combinan os incentivos á contratación por conta allea con medidas de apoio para a mellora das capacidades das persoas traballadoras que se incorporan ao seu posto. Os apoios, cuxa solicitude está aberta ata o 30 de setembro, contan cun orzamento de 10,5M€ e poden chegar a máis de 2900 persoas.
Para poder impartir o Bono formación que estas axudas levan asociado na modalidade de teleformación, será necesario contar cunha plataforma virtual de aprendizaxe que posibilite a interactividade, asegure a xestión dos contidos, un proceso de aprendizaxe sistematizado, seguimento continuo en tempo real e a avaliación de todo o proceso. Ademais, programaranse controis periódicos de aprendizaxe.
A Xunta de Galicia pon en marcha, dentro do Plan de reactivación económica, un paquete de formación dixital para mellorar os coñecementos e habilidades de 2000 persoas no que se inclúe un programa para autónomos, outro para formadores, unha liña para menores de 30 anos sen emprego e un ciclo de obradoiros.
A primeira das iniciativas, Autónomos dixitais, é un novo programa formativo que pretende reforzar o tecido produtivo galego facilitando a 1200 alumnos o desenvolvemento de competencias en comercio electrónico e novas canles online co obxectivo de mellorar tanto a comunicación cos clientes como o coñecemento dos seus produtos e servizos. O programa, que xa está en marcha cos primeiros 160 participantes, ofrece dúas accións formativas online de 50 horas lectivas cada unha centradas na mellora de habilidades no eido da xestión loxística, o márketing, a venda online e a creación de tendas virtuais. En concreto, Fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico e Especialista en e-commerce. As persoas que realizan unha actividade económica por conta propia interesadas nestes cursos poden solicitar a súa praza cubrindo un formulario web na páxina https://www.autonomosdixitais.com. O último curso comezará o 23 de xullo.
Formadores dixitais é un programa de formación online destinado a docentes e formadores para que adquiran coñecementos nas técnicas e métodos para impartir formación online. Destinado a 100 persoas, preferentemente docentes de formación profesional para o emprego, os interesados poderán realizar a súa inscrición ata o 14 de xuño a través dun formulario web na páxina http://www.formadoresdixitais.com e as clases comezarán o 17 de xuño. Os alumnos recibirán 50 horas de formación e poderán acceder a diferentes recursos, foros e un proxecto titorizado.
Impulso da empregabilidade é a terceira das iniciativas. Permitirá mellorar a empregabilidade dos menores de 30 anos en situación de desemprego nos últimos tres meses. O obxectivo é ofrecer formación e capacitación para incrementar as súas habilidades á hora de atopar un emprego. Celebraranse un total de cinco edicións de 20 alumnos cada unha en formato online que incluirán sesións grupais pero tamén sesións individuais de coaching. En total, ofrécense máis de 55 horas de formación.
Por último, Pon Rumbo é un ciclo de obradoiros virtuais con capacidade para 500 personas que se completa con sesións de coaching individual para os 20 alumnos que reúnan os requisitos exixidos no programa. Cunha duración de 50 horas ao longo de tres semanas, traballarase en nove competencias: a análise, o traballo en equipo, a creatividade, a xestión emocional, a capacidade resolutiva, a comunicación, a conexión, a actualización e a organización para aplicar tanto no traballo e no teletraballo como na busca de oportunidades. Está dirixido a persoas en situación de desemprego, emprendedoras e autónomas. O obxectivo é comezar o 15 de xuño.
Con estes novos programas en liña a Xunta mantén a súa aposta pola formación como a mellor ferramenta para avanzar nun emprego de calidade e na mellora competitiva das empresas galegas.
A entidade bancaria BBVA e a organización Cruz Vermella xuntaron forzas na nosa terra para facilitar e impulsar a plena adaptación das persoas maiores á nova orde de cousas instaurada pola COVID, unha nova normalidade que, xunto co confinamento previo, agravou o problema da fenda dixital, ao esixir de todos os cidadáns (tiveran ou non recursos e coñecementos) capacitación tecnolóxica para comunicarse, formarse e atopar información e lecer. Para combater este problema de discriminación cos nosos maiores, voluntarios de BBVA e de Cruz Vermella impartirán preto de 50 obradoiros en Galicia para formar a 267 persoas no uso das tecnoloxías.
O obxectivo: que adquiran competencias dixitais e que poidan realizar accións tan comúns como falar cos seus familiares en vídeo ou visitar museos virtuais para exercitar as súas funcións cognitivas. Estes cursos serán unha realidade grazas ás doazóns da entidade bancaria e dos seus empregados para o Plan Cruz Vermella Responde, unha campaña que recadou en España 1.062.000 euros, a metade procedente dos empregados e a outra metade unha contribución do BBVA. Da contía total, BBVA destinou 177.000 euros a Cruz Vermella á compra de 600 tabletas e a posta en marcha de 500 talleres (offline e online) para un total de 3.000 persoas maiores en España.
En Galicia, Cruz Vermella impartirá xunto a con os voluntarios de BBVA 44 talleres de formación en xuño para persoas maiores co obxectivo concreto de ensinarlles o uso de ferramentas dixitais como WhatsApp, dos principais programas de ofimática ou das aplicacións móbiles de uso máis común. Os cursos de formación en Galicia repartiranse da seguinte maneira: 13 obradoiros na Coruña, 7 en Lugo, 13 en Ourense e 11 en Pontevedra. En total, grazas a campaña solidaria de BBVA, estímase que as actividades formativas axuden directamente a 267 maiores e que poidan entregarse un total de 53 tabletas para continuar coa súa formación. Doutra banda e de maneira adicional, o voluntariado da entidade bancaria fará un acompañamento virtual para pór en práctica o coñecemento adquirido e informarase aos participantes sobre actividades culturais e de lecer co fin de estimular as súas funcións cognitivas.
A Universidade da Coruña habilitou diversos espazos de acceso á Rede sen fíos (Wi-Fi) para que o alumnado universitario con dificultades de acceso a Internet poida realizar os seus exames online nas instalacións dos seus campus, doutras universidades e nas aulas da Rede CeMIT que a Xunta ten en diversos concellos galegos. O obxectivo é que o alumnado poida acudir, previa solicitude, aos espazos acondicionados no Centro Universitario de Riazor (Campus de Riazor); no Edificio Xoana Capdevielle (Campus de Elviña) no Edificio de Apoio ao Estudo (Campus de Esteiro-Ferrol).
A UDC lembra que as súas instalacións estarán dispoñíbles para o alumnado propio pero tamén para o procedente das universidades de Santiago de Compostela, Vigo, Cantabria, Castilla-La Mancha, Extremadura, Les Illes Balears, La Rioja, Oviedo, País Vasco, Pública de Navarra, Zaragoza, Burgos e Valladolid. O alumnado da UDC, residente preto dos campus de Compostela e de Lugo poderá, así mesmo, acudir aos espazos Wi-Fi da USC, por un acordo entre ambas as dúas universidades. Os espazos dispoñíbles están na Sala Norvet na Facultade de Veterinaria (Campus de Lugo) e na Sala de lectura da Facultade de Dereito (Campus de Santiago). A UDC subscribiu tamén un acordo coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para que o alumnado universitario poida realizar os seus exames online nas aulas da Rede CeMIT, integrada por 98 espazos de dinamización dixital de 53 comarcas de Galicia. A ocupación das aulas será por orde petición, ata completar aforo.
Así mesmo, o reitor da UDC, Julio Abalde, asinou un convenio co grupo G-9 de universidades que integra os campus de Cantabria, Castilla-La Mancha, Extremadura, Les Illes Balears, La Rioja, Oviedo, País Vasco, Pública de Navarra e Zaragoza, para que o alumnado da UDC que resida preto destas universidades poida usar as súas instalacións para a realización de exames online. Ademais, sumáronse a este convenio as universidades de Burgos e Valladolid. As e os estudantes destas universidades poderá á súa vez acudir á UDC previa solicitude na súa universidade de orixe.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia con participantes na iniciativa Autónomos dixitais, un novo programa formativo que busca reforzar o tecido produtivo galego facilitando a 1200 alumnos o desenvolvemento de competencias en comercio electrónico e novas canles online co obxectivo de mellorar tanto a comunicación cos clientes como o coñecemento dos seus produtos e servizos.
Na súa intervención, Conde puxo de relevo que os autónomos xogarán un papel central para garantir que a reactivación económica sexa o máis rápida e eficaz, apuntando que o comercio electrónico veu para quedarse, polo que a relación final co consumidor dependerá da destreza de cada autónomo para adaptarse ás tendencias dixitais.
A iniciativa Autónomos dixitais, a través da cal 420 persoas comezaron xa a formarse neste eido, ofrece dúas accións formativas online de 50 horas lectivas cada unha centradas na mellora de habilidades no eido da xestión loxística, o márketing, a venda online e a creación de tendas virtuais. En concreto, Fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico e Especialista en e-commerce.
O programa compleméntase co Plan de dixitalización co que a Xunta mobiliza 40 millóns de euros para impulsar a implantación de novas tecnoloxías e a Industria 4.0 no tecido empresarial galego. Dentro deste plan, contémplanse axudas para fomentar as iniciativas empresariais no rural; incorporar tecnoloxías que faciliten a renovación e modernización dos procesos produtivos, e promover a internacionalización a través do comercio electrónico e as novas canles de venda, entre outros aspectos.