main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

17/06/202008:46
Estudante diante dun portátil e dunha libreta.
Santiago de Compostela

A Xunta incorpora 125 novos centros ao E-Dixgal

  • Outros catro amplían a súa participación no programa, impulsado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Universitaria e a Amtega
  • A iniciativa vai dirixida a centros que impartan os dous últimos cursos de Primaria e os dous primeiros de ESO
     

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicou no Portal Educativo a resolución definitiva de centros sostidos con fondos públicos seleccionados para incorporarse ao proxecto Educación Dixital (E-Dixgal) durante o curso 2020/21, pola que se incorporan ao programa 125 centros e outros 4 amplían a súa participación, implantándoo noutra etapa educativa. Neste sentido, a Xunta decidiu incrementar o número de 75 centros que estaba previsto incorporar este ano ao proxecto, co fin de ampliar a dixitalización do ensino galego.

Cómpre lembrar que a través deste programa se facilitan ao alumnado, de xeito gratuíto, libros e outros materiais dixitais cos que poidan desenvolver o seu proxecto curricular de 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º da ESO.

O proxecto E-Dixgal, que impulsan a Consellería e a Amtega, enmárcase na Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020). Neste curso participan neste proxecto un total de 345 centros, que continúan tamén no programa. Tras estas novas incorporacións, formarían parte do E-Dixgal 470 centros educativos.

Os centros que se incorporan a este proxecto serán dotados cos medios tecnolóxicos necesarios na aula para profesorado e alumnado. Ademais, terán acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe cos contidos gratuítos proporcionados pola Xunta e deberán utilizar para o desenvolvemento curricular materiais de referencia dixitais, que poden proceder desta contorna ou ser proporcionados polo centro.

A incorporación ao E-Dixgal en educación primaria implica impartir todas as materias en modalidade dixital; mentres que facelo en ESO supón impartir un mínimo de seis materias, a elección do centro, en modalidade dixital. Se o centro conta con libros e outros materiais didácticos dixitais, poden empregarse como complemento ou apoio.

Todos os centros implicados no programa teñen acceso á plataforma EVA E-Dixgal, con contidos de aulaPlaneta, Netex, Edebé e Pearson; ademais de ter acceso aos contidos xerados na iniciativa Dixit.

16/06/202008:55
Presentación do curso.
Madrid

Fundación ONCE fomenta o talento dixital de emprendedores con discapacidade

  • Dentro do programa "Por Talento Dixital"

Un total de trinta emprendedores con discapacidade comezaron un curso de formación para impulsar o uso das novas tecnoloxías nos seus modelos de negocio. O obxectivo é fomentar o coñecemento en áreas como o e-commerce, márketing dixital e social media. Esta acción formativa lévase a cabo dentro do programa "Por Talento Dixital".

 

Os participantes, que foron seleccionados dentro da iniciativa "Por Talento Emprende", terán un total de 160 horas lectivas ata o próximo 15 de decembro. O curso, que foi inaugurado por Sabina Lobato, directora de Formación e Emprego, Operacións e Transformación da Fundación ONCE, púxose en marcha da man da empresa especializada Canle Empresarial.

 

A formación consta dun total de sete módulos. No primeiro deles explicaranse conceptos básicos de tecnoloxía para a transformación dixital. Tamén se abordará en que consiste un plan de medios dixital e as claves para contar cunha adecuada páxina web.

 

Os usuarios aprenderán como usar as redes sociais para o desenvolvemento dos seus negocios, o uso do email márketing e contarán cun taller de e-commerce. Para finalizar a formación, os participantes estudarán casos prácticos tanto de forma individual como grupal.

 

Desta forma trátase de consolidar un repertorio de conceptos fundamentais para facer efectiva a transformación dixital dos proxectos de emprendemento, ofrecéndolles ferramentas de análises necesarias para avaliar as accións levadas a cabo e tomar decisións.

12/06/202015:20
Cartel da iniciativa.
Boiro

A OMIX de Boiro ofrece unha manchea de obradoiros de autoformación TIC para a mocidade

A Oficina Municipal de Información á Xuventude do Concello de Boiro (a OMIX de Boiro) está de volta, achegando actividades formativas e poñendo o foco na capacitación tecnolóxica da xente nova, unha cuestión básica para o seu futuro laboral e, tamén, para facer fronte a adversidades sanitarias e/ou económicas como a que estamos a vivir. Con este obxectivo, a OMIX promoveu uns obradoiros de autoformación en novas tecnoloxías para a mocidade, que se van impartir na aula CeMIT de Boiro. Estes cursos vanse realizar de xeito telemático e o prazo de inscrición está aberto durante todo o ano.

Os obradoiros de autoformación en novas tecnoloxías inclúen unha manchea de actividades, que van dende o manexo dos libros electrónicos, as cámaras dixitais ou as tabletas, ao aproveitamento das redes sociais, á creación do blogs, á realización de trámites por Internet, ás compras virtuais, á seguridade informática ou ao comercio electrónico. Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Centro Social de Boiro, ou poñerse en contacto coa aula CeMIT mediante o enderezo electrónico axentetic@gmail.com ou o teléfono 981 84 26 35.

12/06/202013:58
Pablo Casal.
Santiago de Compostela

A Xunta traslada a Feafes Galicia a importancia da formación especializada para facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade

  • O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, reuniuse esta mañá mediante videoconferencia cos responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes Galicia)

No encontro, Casal salientou a necesidade de apostar por unha formación e unha educación de calidade e especializada que faciliten a inserción laboral das persoas con discapacidade no novo horizonte socioeconómico. O director avogou por responder coa máxima eficiencia ás demandas de perfís e competencias por parte das empresas.

Do mesmo xeito, o director manifestou a vontade da Xunta de facilitar a finalización práctica do programa, recuperando as sesións presenciais que permaneceran en suspenso por mor do estado de alarma, e que se adaptaron a unha fórmula virtual para evitar a cancelación das clases. Para isto, Casal afirmou que se está a traballar nunha planificación que prorrogue os prazos lectivos correspondentes cos adiados durante o confinamento.

O programa formativo de Feafes Galicia conta coa participación de 100 usuarios en situación de desemprego pertencentes a diversos colectivos, incluíndo persoas con discapacidade, maiores de 45 anos ou alumnos e alumnas en risco de exclusión social. Os participantes reciben formación multidisciplinar repartida en materias como limpeza de inmobles, alfabetización dixital ou xestión da identidade en liña. Ademais, o alumnado recibe sesións de coaching individual, ás que se suman a participación en obradoiros de asertividade laboral e intelixencia emocional.

11/06/202018:15
Pantallazo da web.
A Coruña

En marcha unha nova web para mellorar a actividade dos nosos maiores, co-impulsada dende a UDC

As profesoras Viviana Fernández e Carmen Gómez, das universidades da Coruña e Málaga, respectivamente, veñen de poñer en marcha unha páxina web dirixida a dinamizar con recursos e actividades diversas de lecer e formación o colectivo das persoas maiores. A web, visible en quedateencasaactivo.app, é unha nova e relevante contribución de contidos e servizos tecnolóxicos para o sector da poboación máis castigado pola pandemia, tanto no que se refire a incidencia da mesma como ás limitacións de actividade e mobilidade derivadas do Estado de Alarma.

O sitio web, feito durante o confinamento, ten como obxectivo “axudar a que os maiores teñan máis opcións ao pasar tanto tempo na casa e contribuír á alfabetización dixital pois, aínda que Internet está ao alcance de todos, non é tan sinxelo atopar recursos para os maiores adultos”, explica Fernández. O proxecto ten o seu xermolo no traballo conxunto das dúas investigadoras, que colaboran decote en proxectos de investigación e artigos científicos, unha bagaxe compartida que lles valeu para pór en marcha a iniciativa. A páxina amosa recursos asumibles sobre temas como cultura, deporte, entretemento, vida saudable e tecnoloxía, entre outros. Do que se trata, indica a profesora Fernández, é de que os maiores sigan activos en casa “escoitando música, visitando museos de forma virtual, adestrando a memoria ou aprendendo novas destrezas”. “Porque a actividade é saúde”, conclúe.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS