main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

22/06/202013:40
Pablo Casal.
Santiago de Compostela

A Xunta anima ao talento mozo a potenciar a súa formación dixital para garantir a inserción laboral e reforzar o tecido empresarial

  • O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, participou esta mañá no webinario inaugural de “Impulso da empregabilidade”, centrado na mellora das competencias tecnolóxicas e virtuais dos máis novos

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, participou esta mañá no webinario inaugural de Impulso da empregabilidade, un programa formativo de vocación virtual dedicado a mellorar a empregabilidade do talento mozo galego, potenciando as súas competencias en materia de xestión dixital.

Casal vencellou a mellora da inserción laboral a un entendemento claro das novas tecnoloxías e da comunicación en liña, cada vez máis hexemónicas no escenario actual, situando á formación especializada neste contexto como un dinamizador da ocupación á hora de ingresar nos mercados laborais.

Deste xeito, o director sinalou a necesidade de contar cun modelo educativo como o impartido no propio programa que incentive as posibilidades de conexión coas redes de emprego, respondendo efectivamente ás demandas do tecido empresarial e contribuíndo a reforzalo mediante a aposta por unha maior dixitalización da súa produción.

O programa de #EmpregabilidadeDixital conta coa participación de 100 mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego nos últimos tres meses, cun modelo formativo instruído exclusivamente mediante a fórmula telepresencial. O desenvolvemento do programa inclúe a mellora en competencias tecnolóxicas coas ferramentas máis innovadoras, a análise das dinámicas de contratación en liña, o estudo sobre a construción de marca e dun perfil profesional virtual, cun modelo adaptado ao horizonte laboral actual.

Este programa enmárcase dentro do paquete formación dixital coa que a Xunta busca mellorar os coñecementos e habilidades de 2000 persoas, unha iniciativa integrada no Plan de reactivación económica. Este paquete inclúe catro iniciativas dirixidas a autónomos, formadores e docentes e menores de 30 anos, ofrecendo obradoiros dixitais para adquirir competencias en materias virtuais.

Formación no escenario poscovid-19

Casal mantivo así mesmo un encontro por videoconferencia cos responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Confederación Provincial de Empresarios da Coruña. Na reunión, Casal sinalou a importancia de reforzar as competencias dos profesionais ante o novo escenario económico poscovid-19, ofrecendo programas formativos que faciliten a inserción laboral e blinden o tecido empresarial.

22/06/202009:42
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

Os galegos realizaron preto de medio millón de trámites online coa Xunta durante o estado de alarma

  • O proceso de dixitalización en marcha e o reforzo das infraestruturas tecnolóxicas facilitaron a relación telemática dos cidadáns e a dispoñibilidade dos servizos dixitais
  • Activáronse máis de 11.000 conexións en remoto para que os empregados públicos puideran traballar a distancia
  • Habilitouse unha plataforma de videonconferencia que rexistrou máis de 370.000 comunicacións na Administración xeral, de Xustiza e no ámbito educativo
  • A Plataforma de correo electrónico corporativo xestionou máis de 59 millóns de correos
  • Nestes tres meses asináronse online máis de 1,4 millóns de documentos e enviáronse preto de 190.000 notificacións electrónicas

Durante o estado de alarma as canles electrónicas foron a única vía de comunicación coa administración autonómica e durante esas 12 semanas os galegos realizaron máis de 478.000 xestións online coa Xunta, máis do dobre que no mesmo período de 2019. A dispoñibilidade da sede electrónica e as oficinas virtuais foi clave para garantir a relación telemática dos cidadáns coa Administración e a xestión dos trámites abertos durante ese período, como a presentación de ERTES, a presentación de escritos ou a solicitude de axudas para libros de texto ou o recoñecemento á dependencia. 

O proceso de dixitalización no que está inmersa a Administración autonómica e o Plan de continxencia tecnolóxica que se puxo en marcha permitiu garantir o funcionamento dos servizos dixitais e a relación telemática dos cidadáns coa Administración durante a crise do coronavirus. 

Unha das primeiras medidas foi a activación das conexións remotas para poder traballar a distancia e que permitiu que máis de 11.000 empregados públicos da Administración xeral autonómica puideran desenvolver a súa actividade desde o fogar. So nos primeiros quince días do estado de alarma a Xunta multiplicou por dez o número destas conexións ao escritorio remoto, que permiten, tamén, o acceso ás plataformas de tramitación electrónica de expedientes coas que conta a Administración autonómica. 

Videoconferencias, sinatura electrónica

Ademais das plataformas existentes para facilitar o traballo non presencial, a Xunta puxo a disposición dos empregados públicos outros servizos dixitais como o de videoconferencia, que permitiu preto de 370.000 comunicacións tanto no ámbito da Administración xeral autonómica, como no de xustiza e de educación, que aglutinou a maioría das comunicacións.

Desde a entrada en vigor da situación de emerxencia sanitaria en Galicia boa parte das ferramentas que posibilitan a tramitación electrónica de expedientes experimentaron un incremento de uso. 

As plataformas para a sinatura dixital permitiron a rúbrica electrónica de máis 1,4 millóns de documentos e o volume de correos electrónicos superou os 59 millóns de envíos. Ademais, desde a Administración autonómica enviáronse preto de 190.000 notificacións electrónicas durante o estado de alarma.

Ademais os Centros de Atención ao Usuario para os empregados públicos ampliaron o seu horario para ofrecer soporte telemático ante dúbidas ou incidencias. 

Como apoio complementario, a Xunta publicou unha guía específica sobre o teletraballo para empregados públicos, dispoñible no portal corporativo e na intranet, na que poden atopar información sobre ferramentas, necesidades e tecnoloxías que posibilitan o traballo en remoto. 

19/06/202015:45
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe no webinario ‘Re-acciona. Negocios que non paran. A dixitalización como resposta á pandemia’.
Santiago de Compostela

A Xunta destaca que a dixitalización é o elemento diferencial que permitirá ao tecido produtivo galego ser máis competitivo

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe no webinario ‘Re-acciona. Negocios que non paran. A dixitalización como resposta á pandemia’
  • A directora da Amtega, Mar Pereira, destacou a importancia de facilitar ás pemes o acceso ás novas tendencias tecnolóxicas
  • Hoxe ábrese o prazo para solicitar o cheque dixital, que ten como obxectivo apoiar o teletraballo e as iniciativas empresariais no rural mellorando a conectividade, así como Galicia Exporta Dixital, para favorecer a chegada a novos mercados e potenciar as vendas online

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, participou hoxe no webinario Re-acciona. Negocios que non paran. A dixitalización como resposta á pandemia, que pecha un primeiro ciclo de encontros convocados dentro do servizo Igape Responde, activado desde o estado de alarma como xanela única para centralizar todos os servizos de apoio e asesoramento da Xunta a disposición de pemes e autónomos no novo contexto económico. Durante a súa intervención, asegurou que a dixitalización é unha necesidade estratéxica para o tecido empresarial galego e un elemento diferencial que lle permitirá ser máis competitivo.

Mar Pereira destacou que o programa Reacciona ofrecerá nesta convocatoria ata 178 servizos para a dixitalización de pemes, facendo fincapé tanto en novas tendencias tecnolóxicas como naquelas máis demandadas polas empresas como a ciberseguridade, a xestión en mobilidade ou o marketing de contidos. A directora da Amtega lembrou que estes servizos se dinamizarán, tamén, a través do Centro Demostrador TIC, un instrumento chave para favorecer a dixitalización empresarial.

Este ciclo de webinarios supuxo unha aproximación aos retos aos que se terán que enfrontar as empresas na etapa poscovid-19, así como aos apoios aos que poden acceder. No caso concreto de hoxe, o foco púxose na importancia da dixitalización e do uso da tecnoloxía para xerar un impacto positivo nas empresas e negocios galegos. Tal e como destacou Conde, a dixitalización é unha necesidade estratéxica xa que o futuro pasa por ela.

Por este motivo, o Plan de reactivación económica incorpora medidas que afondan na transformación dixital do tecido empresarial como o Cheque dixital (7M€) que se pode solicitar desde hoxe para a instalación de tecnoloxías dixitais nas empresas que reforcen a conectividade, impulsando o teletraballo e as iniciativas empresariais no rural, entre outras cuestións. As axudas, do 80% do investimento e destinadas a microempresas, entidades de economía social e agrupacións empresariais, concédense en réxime de concorrencia non competitiva e os gastos realizados deberán ser dun mínimo de 1.500 euros e un máximo de 12.000.

Unha medida á que se suma o programa Galicia Exporta Dixital (3,5M€), que tamén se abre hoxe para impulsar a chegada a novos mercados e potenciar as vendas online -xa que por primeira vez poden acceder os comercios-, e a convocatoria de apoios para a dixitalización de pemes con ferramentas 4.0 que se abrirá a próxima semana.

O conselleiro rematou explicando que con este conxunto de iniciativas se pretende acompañar ao tecido produtivo galego na reactivación e reinvención de negocios a través da aplicación das novas tecnoloxías.

19/06/202014:19
Momento do seminario online de presentación do #HACKatHOME.
Santiago de Compostela

A Xunta organiza o primeiro hackathon virtual de Galicia co obxectivo de desenvolver solucións innovadoras dirixidas ao comercio, a industria e o emprego

  • Do 27 ao 30 de xuño, empresas, centros de coñecemento e persoas innovadoras traballarán en 5 retos cos que adaptar o tecido empresarial á nova realidade
  • #HACKatHOME conta coa colaboración de preto de corenta entidades, entre as que se atopan clústers empresariais, empresas tractoras, as tres universidades galegas e centros tecnolóxicos
  • O prazo de inscrición no evento, do que se informou esta mañá nun seminario online, está aberto ata este domingo 21 de xuño

A Axencia Galega de Innovación (Gain) da Consellería de Economía, Emprego e Industria celebrou esta mañá un seminario online de presentación do #HACKatHOME, o primeiro hackathon virtual de Galicia, que se celebrará do 27 ao 30 de xuño co obxectivo de desenvolver solucións innovadoras que dean resposta ás necesidades xeradas pola pandemia na industria, o comercio e o emprego.

A directora de Gain, Patricia Argerey, explicou que a nova realidade demanda de novas ideas para adaptarse en ámbitos como a seguridade das persoas, a mellora dos espazos de traballo para evitar a dispersión do virus, incrementar a seguridade dos espazos comerciais, optimizar o teletraballo, coordinar equipos nun contexto de separación física ou reducir as necesidades de desprazamento da industria, entre outros.

Co obxectivo de desenvolver ideas innovadoras que ofrezan solucións físicas ou virtuais a esta nova realidade nace este hackathon virtual que unirá, de xeito remoto, a persoas de diferentes ámbitos relacionados coa innovación, co apoio de empresas tecnolóxicas, universidades e centros tecnolóxicos. O #HACKatHOME ofrece unha experiencia intensiva e inmersiva de creación de catro días de duración na que se intentarán desenvolver dun xeito áxil prototipos e solucións innovadoras con formato transversal, aberto e de aplicación o máis inmediata posible no ámbito industrial, comercial e do emprego.

Patricia Argerey apuntou que esta iniciativa se enmarca, por un lado, na estratexia de fomento do emprendemento da Xunta de Galicia e, por outro lado, no fomento da Compra Privada Innovadora como unha ferramenta que permite promover a innovación desde a demanda, a través da compra de produtos ou servizos que aínda non existen no mercado e que requiren un proceso de co-deseño e co-creación entre comprador e provedor.

“Neste caso -sinalou- pretendemos dinamizar a identificación de solucións ás necesidades do tecido empresarial galego no ámbito da loita contra a COVID-19 e os seus efectos, aliñando a I+D+i co tecido empresarial, potenciando as capacidades para a innovación que temos no noso ecosistema e estimulando o investimento en actividades de ciencia, tecnoloxía e innovación”.

Sobre o #HACKatHOME

Do 27 ao 30 de xuño, empresas tecnolóxicas, universidades e persoas innovadoras traballarán para dar solución a 5 retos cos que adaptar o tecido empresarial á nova realidade. O #HACKatHOME pretende involucrar a estudantes e profesionais da programación, a investigación, o deseño e, en definitiva, a calquera persoa que crea que traballando en grupo e colaborando é posible sentar as bases coas que construír solucións, tanto físicas como dixitais, para afrontar os cambios aos que se enfronta a sociedade.

Os participantes poderán presentarse individualmente ou en grupo, pero todas as persoas formarán equipos de traballo co fin de aproveitar a sinerxía á que dá lugar a cooperación. Durante 4 xornadas intensivas de traballo, cada equipo presentará unha ou varias propostas de produtos físicos ou solucións TIC e converteraas nun prototipo mínimo viable.

Os integrantes contarán, para o seu desenvolvemento, coa axuda dun equipo de mentores e titores vinculados ao mundo empresarial que os asesorarán sobre as liñas xerais dos proxectos e os detalles técnicos e poderán gozar, para atopar inspiración, dunha serie de minieventos paralelos ao hackathon.

#HACKatHOME conta coa colaboración de preto de corenta entidades, entre as que se contan clústers e asociacións empresariais de Galicia (Clúster TIC, Aclunaga, Cointega, Bioga, Clúster Alimentario de Galicia, Ceaga, Federación Galega de Comercio, Clúster Madeira, DiH DATAlife e Clúster Saúde Galicia), empresas de primeiro nivel (Grupo Nueva Pescanova, Imatia, Zendal, Televés, Kelea, Hack a Boss e No Legaltech), as tres universidades galegas e centros de coñecemento, centros tecnolóxicos (Instituto Tecnológico de Galicia, Gradiant, Atiga, CTAG e CETIM), outras organizacións e axentes (Cesga e Ilustre Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Galicia), así como distintos departamentos da Administración autonómica.

Solucións a cinco retos

O obxectivo de #HACKatHOME é darlle solución a cinco retos e non existe para conseguilo ningún tipo de límite en canto a ideas ou utilización de tecnoloxías: desde propostas de aplicación hardware e prototipos de software ata propostas de redefinición de metodoloxías. Poderán utilizarse para o seu desenvolvemento aplicacións software, tecnoloxías móbiles, realidade aumentada, xeolocalización, machine learning, intelixencia artificial, robótica, blockchain, internet das cousas, etc.

O período de inscrición de #HACKatHOME permanecerá aberto ata as 23:59 horas do 21 de xuño. Tras 4 xornadas de traballo intenso, os 3 mellores proxectos contarán cun apoio económico de 1000 euros e un seguimento específico por parte das entidades colaboradoras do hackathon.

19/06/202010:12
Unha nena levanta a man nunha clase.
Madrid

Nenas e mozas con discapacidade denuncian "falta de apoios e de accesibilidade" no acceso á educación telemática durante a pandemia

Un grupo de nenas e mozas con discapacidade denunciou este mércores as dificultades engadidas que sufriu esta parte do alumnado no acceso á educación durante a pandemia da COVID-19, como consecuencia da "falta de apoios" e "as carencias en materia de accesibilidade" das plataformas telemáticas de ensino.

Así se puxo de manifesto durante o oitavo webinario do ciclo "Non estás soa", unha iniciativa coa que a Fundación CERMI Mujeres (FCM) analiza cada mércores de maneira telemática un asunto concreto relacionado coa pandemia do coronavirus e coa que impulsa o acompañamento e participación das mulleres con discapacidade e as nais e coidadoras en primeira persoa. Esta sesión contou cunhas 200 rexistradas, tanto de España, como doutros países europeos e latinoamericanos.

Durante o encontro, conducido pola vicepresidenta executiva da FCM, Ana Peláez, a representante do CERMI Estatal no Consello Escolar do Estado, Mariluz Sanz, cargou contra "os moitos fallos" que ten o sistema educativo español, "aínda que se nos diga que é moi bo".

Sanz destacou que as últimas leis educativas en España recollen principios encamiñados cara á igualdade do alumnado con discapacidade, "pero o papel aguántao todo e a realidade logo é moi diferente". Así mesmo, advertiu da "fenda de xénero" que existe no acceso ao ensino do alumnado con discapacidade.

Neste sentido, a portavoz de Esquerra Republicana na Comisión de Dereitos Sociais e Políticas Integrais da Discapacidade e na Comisión de Dereitos da Infancia e Adolescencia do Congreso dos Deputados, Norma Pujol, dixo que "a educación inclusiva e de calidade é un dereito de todos e todas", aínda que advertiu de que "require de traballo e esforzo das escolas e necesítanse recursos e maneiras diferentes de traballar".

A parlamentaria republicana lamentou a "fenda" que sufriu o alumnado con discapacidade durante a pandemia no acceso aos recursos de ensino, aínda que precisou que nas escolas de Cataluña "fíxose un gran esforzo" para tratar de paliar esta situación.

Desde Chile, a presidenta da Federación Iberoamericana de Síndrome de Down, Irma Iglesias, criticou que no seu país exista o prexuízo de que "se unha nena con discapacidade non recibe formación, non pasa nada". Coa pandemia, segundo indicou, "ao ir á educación online, os nosos fillos quedaron fóra e moitos mestres nin os consideran, non lles envían material adaptado e iso aféctanos moito".

Irma Iglesias expresou a súa preocupación pola saúde mental das nais e coidadoras, "que teñen que ser profesoras, nais e traballar ao mesmo tempo. Todo isto sen apoios. As nais son persoas fortes, que encaran a adversidade e son capaces de vivir con alegría e coraxe".

Falta de accesibilidade

Tamén desde Latinoamérica, a salvadoreña Juana Aide, profesora itinerante con discapacidade que traballa brindando apoio ao alumnado con cegueira, puxo de relevo a falta de accesibilidade das ferramentas telemáticas, a pesar de que durante a pandemia son fundamentais. Ademais, alertou de que algunhas das súas alumnas residen en contornas rurais e "teñen grandes dificultades para acceder a internet", á vez que "moitas teñen que encargarse de tarefas domésticas", o que "aumenta a fenda de xénero".

Entre os testemuños que se compartiron no webinario, destaca o de Irene, unha estudante cega de sexto de Primaria, quen pediu "que, para avanzar cara á inclusión, cambiase o concepto de que a discapacidade é algo malo". En canto a situacións cotiás, lamentou "a dobre discriminación que sofre por ter discapacidade e ser nena" cando, por exemplo, os seus compañeiros non lle pasan a pelota no recreo.

Sobre a pandemia, relatou que, "como na miña familia non estivo ninguén enfermo, o máis difícil para min foi o colexio, porque os programas cos que se estudou a distancia non son plenamente accesibles", un problema co que tamén se atopa en bibliotecas e lugares de xogo, lecer e cultura. Por iso, denunciou que "a inclusión é un longo camiño e existen moitas cousas que se deben cambiar con esforzo".

Tamén se escoitaron testemuños de universitarias con discapacidade como o da peruana Abigail Terán, estudante de Filosofía, e o de Inés Martínez, moza xorda estudante de Medicina, quen explicou que as clases online "foron duras" para ela pola falta de subtitulado das sesións ou pola dificultade engadida ao ler os beizos do profesor, "e iso se poñen a cámara, porque ás veces nin é posible".

Nais que fan de profesoras

Por outra banda, María del Carmen La Osa, nai dunha nena con discapacidade do desenvolvemento nun pobo de Ciudad Real, denunciou que só "en raras ocasións" a súa filla tivo adaptacións metodolóxicas. "As adaptacións que precisou fíxenas sempre eu, aínda que non son profesora, senón que son agricultora, e teño que contratar a unha persoa para que faga esa tarefa e eu encargarme dos labores de ensino".

Segundo comentou, a súa filla estuda agora primeiro de Bacharelato, de novo sen apoios, "e co confinamento empezaron as presións, os prazos de entrega dos traballos", e mesmo "hai profesores que dubidaron de que a miña filla sexa a que faga as actividades lectivas". Así, instou as administracións a que "se de verdade queremos inclusión, se faga efectiva xa, porque isto non o é".

Nuria, nai dunha nena con trastorno do espectro autista (TEA) e autora do conto "Unha familia atípica", declarou que a súa filla estuda nun centro ordinario con apoios pois, por exemplo, o seu sistema de comunicación habitual é a través de métodos como os pictogramas. Igualmente, reprobou o feito de que cando se fala da planificación do próximo curso "non se teña en conta ao alumnado con necesidades especiais" e avisou de que moitas familias non poden dedicar aos seus fillos con discapacidade o tempo que puido empregar ela durante o confinamento.

"Co peche do colexio pola pandemia, aínda que a profesora mostrou interese polo estado emocional da miña filla Daniela, eu sentinme moi desamparada e tiven que facer as adaptacións dos materiais como puiden. Aínda non recibimos as notas, aínda que espero que co que traballamos en casa a miña filla non sufra moito atraso ao regresar a clase en setembro", desexou esta nai.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS