
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, e a directora Xerente de ASPACE Coruña, Sonia Ruiz Vargas, asinaron esta mañá na Reitoría un convenio de colaboración que se materializará a través do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).
ASPACE Coruña é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como misión promover o desenvolvemento persoal e a igualdade de oportunidades das persoas con parálise cerebral e discapacidades psicofísicas e a colaboración coa Universidade permitirá desenvolver proxectos de innovación tecnolóxica que melloren a calidade de vida destas persoas.
Abalde agradeceu esta oportunidade de colaboración en “todo o que ten que ver co apoio ás persoas onde as tecnoloxías poden supoñer unha mellora na calidade de vida” e enmarcou este convenio dentro da “responsabilidade social que ten a universidade como institución pública” e que leva á UDC a desenvolver outras iniciativas deste cariz como o programa Espazo Compartido.
Para a directora Xerente de ASPACE Coruña, esta colaboración inscríbese dentro da súa liña estratéxica de ofrecer innovación e coñecemento ás súas persoas usuarias. Ruiz explicou que a entidade á que representa leva xa un ano colaborando en diversos proxectos co CITIC, polo que adiantou que este convenio permitirá “avanzar e conseguir solucións para as persoas con parálise cerebral”.
No acto de firma do convenio desta mañá estaban presentes tamén o director do CITIC, Manuel González Penedo, e o subdirector, Javier Pereira, profesor Titular da área de Radioloxía e Medicina Física e doutor en Informática. O profesor Pereira, implicado directamente nos proxectos compartidos con ASPACE Coruña, imparte docencia e investiga no ámbito da informática médica e a tecnoloxía aplicada á discapacidade.
Como en anos anteriores a Rede Europea All Digital, da que forma parte a Rede CeMIT a través da asociación Somos Digital, presenta as distintas categorías para as súas «All Digital Awards» que pretenden recoñecer os logros de persoas e organizacións en toda Europa, que permiten ás persoas explotar os beneficios e oportunidades creados pola transformación dixital.
Os premios All Digital recoñecen a súa innovación, dedicación e o papel inspirador que desempeñan para moitas persoas e colectivos.
Anímaste a participar? Tes ata o 31 de xullo para presentarte ás distintas candidaturas. Lembrámosvos que aos gañadores convidaráseos ao encontro de All Digital deste ano, que terá lugar en Berlin en outubro.
Categorías
Premios
Está previsto que a cerimonia de entrega de premios se celebre en Berlín a noite do 7 de outubro de 2020. Os gañadores recibirán trofeos e terán a oportunidade de presentar as súas iniciativas a unha audiencia de aproximadamente 100 participantes.
Gaña unha viaxe a Berlín!
Os finalistas de cada categoría serán convidados a asistir á All Digital Summit 2020 en Berlín, Alemaña, do 7 ao 8 de outubro de 2020.
Os gañadores dos premios (un en cada categoría) terán dereito a aloxamento gratuíto: 1 persoa por 2 noites e cubriranse os seus gastos de viaxe (ata 300 €).
Utilizando o hashtag #BarrerismoCovid, os protagonistas desta serie denuncian no novo capítulo os obstáculos que supoñen algúns elementos na volta á normalidade, como os biombos, as máscaras, os xeles hidroalcohólicos ou a información e as normas pouco accesibles.
Co sentido do humor que caracteriza esta serie, os personaxes mostran como se enfrontan as persoas con discapacidade á situación que deixou a pandemia do coronavirus e que inclúe centos de normas pouco accesibles e elementos que dificultan a súa vida cotiá.
Trátase do primeiro dunha nova tempada de dous capítulos protagonizados por Dani, que é un mozo con discapacidade intelectual, e María, que se move en cadeira de rodas.
Baixo o título "Miña nai, a nova normalidade", Dani pon de manifesto as dificultades que teñen as persoas con discapacidade intelectual para comprender toda a información, a linguaxe e a normativa xerada para loitar contra a pandemia.
Pola súa banda, no seu día a día María debe sortear os biombos e barreiras que se instalaron nos espazos públicos para que os cidadáns manteñan a distancia de seguridade. Tamén advirte das dificultades para acceder a un xel hidroalcohólico situado moi alto para alcanzalo.
Paralelamente a este material audiovisual, a Fundación ONCE publicou xunto co Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e o Real Padroado sobre Discapacidade o tríptico "11 claves para unha 'nova normalidade' accesible", no que se fan recomendacións tendo en conta as necesidades das persoas con discapacidade na adecuación dos espazos e edificios públicos a esta nova realidade froito da loita contra a Covid-19.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Vigo na primeira das catro xornadas do evento #HACKatHOME, o primeiro hackathon virtual de Galicia, onde destacou que agarda que do traballo destes días saian solucións innovadoras aplicables a curto prazo no novo escenario poscovid-19.
Conde agradeceu a Gradiant, unha das 40 entidades que colaboran nesta iniciativa, a súa cooperación neste evento da Axencia Galega de Innovación (Gain) xa que con esta proposta se fomenta o emprendemento pero tamén a innovación a través da Compra Pública Innovadora.
O #HACKatHOME celébrase desde hoxe e ata o 30 de xuño co obxectivo de desenvolver solucións innovadoras que dean resposta ás necesidades xeradas pola pandemia na industria, o comercio e o emprego, como a seguridade das persoas coa mellora dos espazos de traballo para evitar a dispersión do virus e o incremento da seguridade nos espazos comerciais, optimizar o teletraballo, coordinar equipos nun contexto de separación física ou reducir as necesidades de desprazamento da industria.
Este hackathon virtual unirá, de xeito remoto, a persoas de diferentes ámbitos relacionados coa innovación, co apoio de empresas tecnolóxicas, universidades e centros tecnolóxicos. O #HACKatHOME ofrece unha experiencia intensiva e inmersiva de creación de catro días de duración na que se intentarán desenvolver dun xeito áxil prototipos e solucións innovadoras con formato transversal, aberto e de aplicación o máis inmediata posible no ámbito industrial, comercial e do emprego.
Os integrantes traballarán en grupos e contarán coa axuda dun equipo de mentores e titores vinculados ao mundo empresarial que os asesorarán sobre as liñas xerais dos proxectos e os detalles técnicos.
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, reuniuse esta mañá de xeito telemático cos responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Asociación Inserta Innovación, que apoia a autonomía profesional das persoas con diversidade funcional.
Durante o encontro, Casal apuntou ao papel central que xogará a formación como dinamizadora da recuperación económica e laboral, ao facilitar a ocupabilidade e ofrecer máis oportunidades para as persoas con discapacidade, fortalecendo ao mesmo tempo o tecido empresarial. Así, o director sinalou que a base do emprego de calidade está na mellora das competencias dos profesionais, que contribúen a diversificar o modelo produtivo.
A este respecto, o responsable de Orientación e Promoción Laboral puxo énfase na realidade dixital que deben adquirir os novos traballadores, e apelou a fomentar unha formación dirixida a responder ás necesidades tecnolóxicas das propias empresas. Deste xeito, salientou Casal, facilitarase a internacionalización e a adaptación aos novos mercados laborais.
O director vinculou a recuperación laboral á consecución dos programas formativos, que durante o estado de alarma foron readaptados a un formato en liña. Sen embargo, Casal destacou que a vontade da Xunta é a finalización práctica do curso, que volvería a un modelo presencial a partir do vindeiro 1 de xullo, adaptando os protocolos sanitarios pertinentes para ofrecer plenas garantías de seguridade.
O PIE da Asociación Inserta Innovación conta con 100 participantes con discapacidade e en situación de desemprego. O alumnado recibe formación técnica para optimizar as súas competencias laborais, incluíndo aprendizaxe en novas tecnoloxías e idiomas. Ademais, teñen á súa disposición servizos de asesoramento profesional e de coaching motivacional, contando así mesmo coa posibilidade de realizar prácticas en empresas de distintos sectores.