
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Concello de Brión organiza tres obradoiros gratuítos de informática para a cidadanía, que se van desenvolver ao longo dos próximos meses en canto se xunte un grupo mínimo de 3 persoas interesadas. Trátase de pequenos obradoiros (con formatos seguros para garantir a seguridade fronte a COVID) co fin de aprender o manexo de tecnoloxías moi concretas como son a videochamada, a sede electrónica e o correo electrónico.
Ademais da cota gratuíta, o Concello de Brión ofrecerá tamén flexibilidade horaria, con sesións tanto de mañá como de tarde. As inscricións poden realizarse na aula CeMIT de Brión, chamando ao 981 50 99 08 ou enviando un correo a cemit.brion@outlook.com. A admisión realizarase por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas en Brión. O obradoiro de videochamada terá unha duración de 4 horas, nas que o alumnado aprenderá a xestionar videochamadas a través das aplicacións máis coñecidas: Zoom, Skype, Messenger... Tamén terá unha duración de 4 horas o obradoiro de manexo da sede electrónica, dende como obter certificados dixitais con Chave 365 ou Clave PIN, ata trámites que se poden facer na rede coas distintas administracións e organismos. Finalmente, o obradoiro de correo electrónico será o de máis longa duración, 6 horas, e nel o alumnado aprenderá a crear e xestionar o correo, administrar os contactos e trasladalo aos seus dispositivos móbiles.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, informou na Coruña sobre o centro de fabricación avanzada da Cidade das TIC.
Conde, que apuntou que o sector das tecnoloxías da información e a comunicación está demostrando a súa capacidade para dotar de competitividade ao tecido produtivo galego, sinalou que este novo centro “vai permitir seguir avanzando na transformación dixital do noso tecido produtivo”, resaltando que se trata dun proxecto “de colaboración público-privada” que vai permitir contar con instalacións para o desenvolvemento de novos proxectos e produtos, e trasladar eses novos prototipos e novas tecnoloxías ás pemes.
Nese sentido, o conselleiro resaltou que “o elemento diferenciador deste proxecto é que é unha infraestrutura aberta a calquera pequena e mediana empresa ou autónomo que queira utilizar estas instalacións. A iniciativa, que se enmarca nos Hubs de innovación dixital, “enmárcase nunha visión clara de que o futuro pasa pola dixitalización”, tal e como remarcou Francisco Conde.
Así, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria lembrou que no 2021 aproximadamente o 40% de todo o produto interior bruto en Europa vai estar dixitalizado, e polo tanto “as nosas empresas teñen este reto de dixitalizarse e utilizar as novas tecnoloxías para adquirir competitividade”.
O Clúster TIC Galicia é o promotor do Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC, que, cunha achega da Xunta de 4,82 millóns de euros, contará con catro laboratorios para a realización de probas e con espazos para aloxar empresas do sector.
No encontro de hoxe, ademais do Clúster TIC e a Universidade da Coruña, estiveron representadas empresas e entidades socias ou futuras usuarias do centro de servizos avanzados como Imatia, Aldaba, Xoia, DosEspazos, Idom, e Egatel, ademais do Instituto Tecnolóxico de Galicia.
A aula CeMIT de Ames porá a etiqueta de uso libre para os seus equipos a partir do xoves 2 de xullo. O horario da Aula Aberta durante as primeiras semanas será de 9.30 a 13.30 horas, deixando a tarde para continuaren as veciñas e veciños cos seus cursos dende as casas. Destes últimos, hai programados dous máis para este mes de xullo, que seguirán impartíndose dende YouTube.
As instalacións da aula CeMIT de Ames ficaban pechadas debido ao Estado de Alarma. No mes de xuño, comezaron a abrir polas mañás, co fin de resolver dúbidas con cita previa e acoller aos estudantes universitarios que precisaban dunha rede para facer os seus exames. Agora, no mes de xullo, procedese á abertura da aula para o uso libre dos seus equipos. O horario será de 9.30 a 13.30 horas, deixando a tarde libre para proceder cos seus cursos dende a casa.
Actividades para adultos no mes de xullo
En canto ás actividades formativas, estas seguirán desenvolvéndose de maneira telemática, dividíndose as súas horas lectivas en dúas modalidades: sesións teóricas dende YouTube e sesións en modo titoría de práctica voluntaria dende Jitsi Meet. Para este mes de xullo hai programados dous cursos: Traballando na nube e Sácalle partido ao teu teléfono móbil Android. O primeiro deles será dende o luns 6 ao xoves 9 de xullo, de 17.30 a 19.00 horas, mentres que a titoría voluntaria en Jitsi Meet para resolver dúbidas e realizar prácticas será o venres 10 de xullo de 17.30 a 19.00 horas.
Por outra banda, o curso Sácalle partido ao teu teléfono móbil Android desenvolverase do luns 13 ao venres 17 de xullo, de 17.30 a 19.00 horas.
'Able Center' é a idea gañadora do primeiro concurso 'Disability Serious Game', deseñado pola Fundación ONCE e o Polo Nacional de Contidos Dixitais de Málaga co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de videoxogos inclusivos que incorporen a temática da discapacidade, e de sensibilizar, concienciar e normalizar a percepción que ten a poboación xeral sobre o colectivo de persoas con discapacidade.
A idea gañadora, deseñada por Lorena, Sergio e Jorge, tres mozos estremeños, é un xogo de xestión e construción con toques de quebracabezas, no que o/a protagonista herda o centro comercial do seu avó, pero ten unha pega: é innaccesible á maioría de animais da cidade. Por iso, o xogador debe facilitar o labor aos seus visitantes adaptando a arquitectura do lugar. Está emprazado nun mundo ficticio cheo de animais moi distintos con diferentes características e necesidades. Ademais, contará con minixogos para ofrecer distintos servizos aos clientes (servir comida, bebidas, venda de roupa,...).
Os gañadores obtiveron un total de 1.035 votos, o que supón un 36,9% do total. As outras catro ideas por orde de votos foron 'Breaking up' (20,5%), 'Dungeon Masters' (18,7%), 'Finding Leo Sven' (18,6%) e 'The Bokerons' (5,3%).
Jorge Rebate, Sergio González e Lorena Moreno son tres amigos de Navalmoral de la Mata (Cáceres), aínda que Sergio naceu na localidade de Talayuela. Sempre saíron xuntos e a vida fíxo que tamén compartan as súas vidas en Madrid.
Lorena é titulada en Desenvolvemento de aplicacións Web polo IES Fernando VI, actualmente traballa en Indra; Sergio é titulado en Grao en Deseño e Desenvolvemento de videoxogos e Artes Dixitais por ESNE, e por último Jorge ten un Master en Deseño de Experiencia de Usuario por UNIR e un grao de Publicidade e Relacións Públicas e traballa como UX Designer no Grupo Onetec.
O Concello de Ribeira informou de que xa están abertas as inscricións dos cursos organizados para este verán na aula CeMIT local: sete actividades tecnolóxicas formativas nas que, de forma gratuíta, a veciñanza xa pode matricularse, das cales catro están dirixidas a nenos e nenas e tres a adultos.
Os cursos, que se van desenvolver baixo os estritos protocolos de seguridade sanitaria (só haberá oito equipos informáticos dispoñibles, co fin de asegurar a distancia entre os asistentes, e será obrigatorio levar máscaras e lavar as mans co xel hidroalcólico disposto á entrada do centro TIC de Ribeira), son recursos de gran utilidade e potencial para ampliar a formación e os coñecementos de pequenos e maiores. O calendario de cursos dirixidos a nenos e nenas queda da seguinte maneira:
Nenos e nenas
Adultos (a partir de 16 anos)
As inscricións poden facerse na aula CeMIT de Ribeira ou vía web na súa páxina en Internet.