
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Microsoft mobilizará recursos gratuítos da compañía, LinkedIn e GitHub para axudar ás persoas que queiran adquirir e mellorar a súa formación no ámbito dixital e facilitar a reciclaxe de profesionais tecnolóxicos. "Temos un obxectivo ambicioso", explicou Pilar López, presidenta de Microsoft España, quen non concretou o número de persoas ás que podería chegar o programa. "España é un dos países nos que queremos enfocarnos con este proxecto, e esperamos que a porcentaxe de beneficiados destes 25 millóns persoas sexa superior ao que nos correspondería polo tamaño da economía", engadiu a executiva, quen lembrou que no próximos cinco anos crearanse máis de dous millóns de empregos en España relacionados coa tecnoloxía.
LinkedIn ofrecerá ata o 31 de marzo cursos gratuítos en español de formación tecnolóxica tras identificar os perfís máis demandados na actualidade polas empresas. Ademais, a rede social ofrecerá ferramentas para axudar ás persoas para mellorar a súa empregabilidade, por exemplo cunha ferramenta baseada en intelixencia artificial para preparar entrevistas de traballo.
Ademais, dará acceso gratuíto a unha ferramenta sobre tendencias de emprego e perfís profesionais máis demandados. Denominada Economic Graph, nútrese dos datos dos 690 millóns de profesionais, 50 millóns de compañías e 11 millóns de ofertas de emprego. A información, dispoñible para 180 países, pode descargarse de maneira gratuíta.
Pola súa banda, Microsoft conta coa plataforma Learn, con preto dun cento de cursos gratuítos en español sobre as principais tecnoloxías da compañía, e o proxecto AI Business School, para xestores que queren entender o impacto da intelixencia artificial nas súas empresas. Tamén se ofrecerá acceso gratuíto a GitHub Learning Lab para os interesados no ámbito do desenvolvemento de software.
Microsoft tamén ofrece aos desempregados debido á situación xerada pola pandemia a posibilidade de realizar exames de certificación en diversas tecnoloxías da compañía por un prezo de 15 dólares, un importante desconto fronte aos 100-165 dólares habituais. Os exames deberán realizarse antes do 31 de marzo de 2021.
A Universidade da Coruña e a asociación Videoxogo.gal organizan unha game jam do 18 ao 25 de xullo, baixo o título de Meninas Jam. O obxectivo é fomentar o espírito creativo e o interese polo desenvolvemento de videoxogos. Segundo informan as entidades organizadoras, trátase de xuntar creadoras e creadores de produtos de lecer dixital para que dean forma a novas contribucións durante a experiencia colectiva.
A iniciativa xorde polo interese cada vez maior da Universidade da Coruña polas posibilidades creativas, participativas e de negocio que ofrece este tipo de lecer dixital, unha industria emerxente e grandes posibilidades na nosa terra, con grandes e prometedores talentos. A este respecto, a UDC lembra que conta cunha importante oferta para a formación de profesionais orientados a esta industria tecnolóxica. Así, en 2018 púxose en marcha o Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, unha formación pública e oficial de dous anos de duración que se empraza na Escola Politécnica Superior do Campus de Esteiro en Ferrol. As Meninas de Ferrol dan nome a este evento, e a cidade inspira algúns dos temas propostos para a creación dos xogos. A temática definitiva será escollida por votación entre os participantes da jam ao inicio do evento.
A Cámara de Comercio da Coruña vén de lanzar unha iniciativa para encher de formación online o panorama galego do emprendemento xuvenil, máis polo miúdo ás mozas e mozos innovadoras/es de idades comprendidas entre os 16 e os 29 anos. Estamos a falar da Aula Virtual da entidade cameral coruñesa, que arrinca cun catálogo inicial de 10 cursos subvencionados ao 100% polo Fondo Social Europeo e a Cámara, enmarcados no Programa PICE, que tamén ofrece axudas á contratación.
Trátase dun modelo de formación dirixido a mozas e mozos que está deseñado para mellorar os seus coñecementos a través de aprendizaxes prácticas que lles axuden a impulsar a súa empregabilidade e, polo tanto, as “súas posibilidades de acceso a un mercado laboral cada vez máis esixente”, informou a Cámara, engadindo que o catálogo estréase cunha achega de 10 cursos, aos que se engadirán, mensualmente, novas incorporacións de accións formativas. Estas novas incorporacións estableceranse conforme as peticións dos destinatarios dos cursos. As principais temáticas sobre as que se desenvolverán cursos son: Administración e Xestión; Competencias Dixitais; Hostalaría e Sector Servizos; Idiomas; Informática e Telecomunicacións; Seguridade e Medio e Electricidade e Electrónica, entre outras. Polo que respecta ao Programa PICE, céntrase en ofrecer axudas á contratación e a creación de empresas. Está deseñado para atender as necesidades das empresas, principalmente, no momento de contratar empregadas e empregados cunha formación, capacitación e cualificación profesional acorde co posto a cubrir. As empresas que opten a contratar a estes mozos pódense beneficiar dunha axuda directa de 4.950 euros por cada contrato formalizado a tempo completo, indefinido ou temporal, cunha duración mínima de seis meses. No caso dos emprendedores, pódense acoller a unha axuda de 600 euros por creación de empresa, co requisito de manter o alta e a actividade un mínimo de 12 meses.
A Tecnópole de Ourense (Parque Tecnolóxico de Galicia) vén de pór en marcha unha iniciativa para a mocidade dobremente innovadora e pioneira: o Campamento Tecnolóxico de Galicia. E dicimos o de “dobremente” porque se trata do primeiro campamento tecnolóxico galego e, tamén, do primeiro que se desenvolve en clave virtual (co fin de garantir as mellores condicións de seguridade sanitaria para as e os participantes). O T2W (Tecnópole Technological Workshops), que ata o de agora era presencial, cumpre a súa oitava edición. Vén da man da Tecnópole e conta coa colaboración da Consellería Economía (GAIN).
O campamento desenvolverase en dúas quendas, con 100 mozos e mozas de toda Galicia de entre 12 a 18 anos en cada unha delas, repartidos por grupos de idade. A primeira comezou na mañá deste 6 de xullo e prolongarase ata o día 17 deste mes. E a segunda quenda irá do 20 ao 31 de xullo. Celebrarase de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:30 horas.
Na presentación do campamento, Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e conselleira delegada da Tecnópole, salientou que “nun ano extraordinario, a Tecnópole conseguiu romper todas as barreiras batendo récords de inscricións nas dúas quendas desta edición, o que demostra que, a pesar das circunstancias actuais, a xuventude galega segue interesada neste campamento tecnolóxico e neste novo formato”. A directora de GAIN enviou un saúdo especial ás rapazas que participan neste campamento: “Tendes que saber que cada unha de vós rompe un pouco máis a barreira da presenza feminina nos estudos tecnolóxicos, científicos ou de enxeñaría. Co voso traballo e esforzo seguimos a dar pasos adiante na igualdade neste campo. Vós tamén sodes o futuro destas profesións”.
Nas instalacións da Tecnópole habilitouse un amplo espazo no que diferentes expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e en cada unha das materias que se van desenvolver proxectarán os seus coñecementos cara aos novos participantes, de xeito moi ameno, práctico e innovador.
A través dun amplo e variado programa de obradoiros, as e os participantes recibirán formación en programación, robótica, novas tecnoloxías, electrónica, mundo maker (baseado na reutilización e na reciclaxe, en particular no eido das tecnoloxías), hacking (coñecemento dos mecanismos de seguridade dos sistemas informáticos), biotecnoloxía, biomaking (crear ou fabricar os nosos propios produtos no eido biotecnolóxico) e retos STEAM (trabállanse coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias de xeito multidisciplinar, englobando Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Arte e Matemáticas, as siglas do acrónimo STEAM).
No transcurso do campamento programaranse placas electrónicas, os rapaces iniciaranse na seguridade informática, deseñarán roupa con sensores, construirán o seu propio microscopio e analizarán a luz do Sol con espectroscopios, entre outras actividades.
A Fundación ONCE e a EVAD, a Escola Superior de Videoxogos e Arte Dixital, acaban de lanzar un novo curso de Técnico en QA e Testing para Videoxogos. Este curso, inédito no noso país, está orientado a persoas interesadas na industria dos videoxogos que busquen unha formación, en excelencia, nun dos procesos máis importantes do lanzamento dun videoxogo como é o control de calidade do produto.
O curso, que comezará o 21 de setembro e finalizará o 18 de decembro, estará composto de 240 horas lectivas e 60 horas de traballo do alumno. Unha vez finalizada a formación, os estudantes contarán con 120 horas de prácticas laborais nunha empresa ou estudo de videoxogos.
Os interesados poden obter toda a formación a través da web de EVAD, www.evad.es, e teñen ata o 15 de setembro para enviar os seus datos co obxectivo de formalizar a inscrición.
A formación impartirase na Fábrica do Videoxogo, situada no campus universitario de Teatinos de Málaga. Ademais, o curso de Técnico en QA e Testing para Videoxogos terá un formato online, coas mesmas características formativas que o presencial.
Por parte de Fundación ONCE, a través do programa Por Talento Dixital, becarase a todas as persoas con discapacidade que realicen a formación. Desta maneira, a Fundación ONCE contará coa colaboración de Inserta Empleo para a captación de persoas con discapacidade que poidan realizalo.
O Testeo e QA Quality Control (QA ou Control de Calidade) converteuse nunha disciplina da creación de videoxogos clave para garantir o éxito comercial e a aceptación dos produtos polo público.
O curso de Técnico en QA e Testing para Videoxogos está concibido baixo a metodoloxía 'learning by doing' (aprender facendo), e baseado en proxectos prácticos nos que os alumnos aprenderán de maneira natural, co apoio e seguimento de traballos por parte do profesorado, e coa dispoñibilidade de realizar consultas a través de Campus Virtual de EVAD.
Ademais, no marco de colaboración entre as dúas entidades os participantes contarán cun módulo de formación específico sobre accesibilidade universal e deseño para todos, no que se estudarán os elementos de accesibilidade que deberían incluír os videoxogos para que poidan ser usados por todas as persoas, independentemente de se teñen ou non algunha discapacidade.
No competitivo mercado actual, os videoxogos son cada vez máis detallados e complexos, polo que requiren dun maior nivel de atención no control de calidade e testeo. Este detalle esténdese a todos os procesos creativos e etapas do desenvolvemento para garantir que o usuario final reciba o mellor produto posible.
Así, supón unha excelente oportunidade para tender unha ponte entre o xogador e o creador de videoxogos nunha disciplina en ocasións descoñecida para o público, pero sobre todo supón unha oportunidade para entrar no sector dos videoxogos, a maior industria do entretemento que factura 1.479 millóns de euros en España (2019) con máis de 15 millóns de usuarios. Os interesados poden consultar toda a información en www.evad.es, chamando ao 640 223 434 ou no correo electrónico secretaria@evadformacion.com. No caso das persoas con discapacidade tamén está habilitado o correo portalentodigital@fundaciononce.es.