
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A accesibilidade tecnolóxica expándese e as investigadoras e investigadores son en parte responsables deste proceso. Por exemplo os integrantes do Grupo de Tecnoloxías da Información da UVIgo (Centro atlanTTic, Campus de Vigo), que veñen de poñer a disposición dos usuarios de dispositivos móbiles Android a ferramenta TalkAACtive, destinada a romper as barreiras, comunicativas e tamén sociais, que a sociedade pon arredor das persoas con trastorno autista. En concreto, diríxese a subministrar a este colectivo unha aplicación que lles permita, no ámbito laboral, practicar e autoavaliar a súa fala e escritura mediante pictogramas, e todo isto grazas a un sistema de xeración de linguaxe natural.
A iniciativa foi seleccionada (xunto a outros dos proxectos das universidades de Salamanca e Málaga) na segunda convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de tecnoloxías accesibles, lanzada pola empresa Indra e a Fundación Universia. O impulso acadado pola ferramenta foi posible, precisamente, grazas ao financiamento achegado polas entidades Indra e Universia, que seleccionaron este proxecto, entre máis de 70 presentados por diferentes universidades españolas, como un dos tres traballos gañadores da dita convocatoria. Dispoñible a través da tenda de Google Play, a aplicación desenvolvida polo equipo vigués permite que calquera persoa que teña dificultades de comunicación, xa sexa Transtornos do Espectro Autista (TEA) ou calquera outra dificultade (afasia, disartria, dislalia…) practiquen e/ou autoavalíen a súa fala ou escritura mediante pictogramas, grazas a un innovador sistema de xeración de linguaxe natural de concepción propia e facilmente adaptable a calquera contorna laboral. Xunto a isto, a app ten tamén a capacidade de funcionar coma un comunicador pictográfico para facilitar o proceso de aprendizaxe (comunicación, práctica de escritura e práctica de fala) a través dunha única aplicación.
O Grupo de Tecnoloxías da Información, que grazas á súa inclusión na dita convocatoria recibiu 24.000 euros para o desenvolvemento do proxecto, está formado por Enrique Costa, Milagros Fernández, Silvia García e Jonathan Juncal e o director do mesmo, Javier González Castaño. Para o impulso da ferramenta móbil, o equipo de atlanTTic contou coa colaboración das asociacións Teavi e Autismo Ourense, con cuxos usuarias e usuarias puideron probar a aplicación e darlle forma. A elección de TalkAACtive na dita convocatoria non é o primeiro recoñecemento que recibe o traballo do Grupo de Tecnoloxías da Información no ámbito da comunicación de pictogramas e xeración del linguaxe natural. Dentro do proxecto Accegal teñen publicadas varias aplicacións de comunicacións con pictogramas e unha das liñas de traballo do grupo é a xeración de linguaxe natural.
O Proxecto Innovador da confederación COGAMI de colectivos galegos de persoas con diversidades funcionais estreou os días pasados un blog propio, baixo o título A nosa life story. O caderno dixital foi posto en marcha por un grupo de persoas usuarias do Proxecto Innovador de Autonomía Persoal que desenvolve COGAMI nas instalacións do CEGADI de Santiago, para mellorar e posibilitar a inclusión dos colectivos que precisen de apoios para unha recuperación funcional e promoción da autonomía persoal.
O blog ten a súa orixe no Estado de Alarma e na importancia que cobraron nos meses máis críticos as novas ferramentas para manter a comunicación entre todos os integrantes da comunidade de COGAMI e das entidades que forman parte da confederación. Daquela púxose o foco nas moitas e variadas posibilidades das vídeo-conferencias, nas que os usuarios interactuaron, compartiron as súas inquietudes e traballaron as habilidades sociais e relacións interpersoais. Neste punto xurdiu a idea de pór en práctica un sitio online no que continuar esta actividade de comunicación persoal e de intercambio de impresións e experiencias.
Os nomes que saen publicados no caderno virtual son ficticios, elixidos por cada unha das persoas participantes e os textos que publican son previamente revisados polas psicólogas do programa que supervisan e asesoran. COGAMI engade que aínda que o blog xorde tralo confinamento, a idea é que continúe, “para que as autoras e autores sigan expresando todo aquilo que lles conmova no seu día a día”.
A Federación Down Galicia vén de lanzar unha campaña de micromecenado co obxectivo de obter fondos para adquirir equipamento tecnolóxico co que intentar reducir a situación de fenda dixital na que se atopan moitas das súas persoas usuarias. Desta forma, a Federación busca crear un banco de recursos para o préstamo temporal de equipos, facilitando ás persoas usuarias máis vulnerables o acceso aos servizos que, desde o peche das entidades Down por mor da crise sanitaria derivada da COVID-19, se prestan a distancia.
Os cartos recadados con esta iniciativa destinaranse á compra de tabletas, computadores, teléfonos móbiles, altofalantes-micrófonos e conexións á Internet que poidan mellorar esta situación. Nos últimos meses, a fenda dixital existente fíxose máis evidente e un gran número de persoas usuarias dos servizos da Federación e das súas entidades non puideron continuar recibindo sesións de apoio durante este tempo, chegando nalgúns casos a evidenciar un retroceso na súa capacidade cognitiva. A campaña atópase activa na plataforma GoFundMe, de forma que calquera persoa que o desexe poderá realizar a súa achega a través desta páxina. Neste sentido, o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, indicou que «buscamos a solidariedade de aquelas persoas que desexan axudarnos a eliminar a fenda dixital na que se atopan as persoas con discapacidade, asegurando deste xeito maiores cotas de inclusión na sociedade para o colectivo».
Novamente As Pontes vai ser estes días de lecer estival un referente en tecnoloxías para crear, compartir e divulgar. Estamos a falar do Campamento de Ciencia e Tecnoloxía que se desenvolve entre os días 27 e 31 de xullo, no Lar de Endesa nas Pontes, da man da Asociación Informática Amigus en colaboración con Ciencia Kids. O campamento, unha actividade dos obradoiros Amigus Kids Labs, celebrarase en horario de 9.00 a 14.00 e está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 16 anos, e ten un prezo de inscrición de 50 €.
No campamento as e os participantes realizarán obradoiros de robótica, impresión 3D, enxeñaría, experimentos de química, física, botánica, bioloxía e ciencia na cociña. Serán actividades de creación e participación de espírito maker e argalleiro, participativas e innovadoras, moi adaptadas para as idades ás que van dirixidas.
O obxectivo, sinalan dende Amigus, é proporcionar á rapazada unha base de pensamento lóxico dedutivo, con iniciativas que esperten o seu interese pola ciencia e a investigación, “favorecendo o desenvolvemento da nosa sociedade”. Outra das características dos obradoiros é que serán interactivos e incluirán experimentos científicos axustados en contidos que todos os participantes poderán levar a cabo: “Coa realización destes experimentos foméntase o traballo en equipo, a elaboración de hipótese e a experimentación con materiais, para despois desenvolver pensamentos que boten á luz o que sucede e así reflexionar sobre os resultados”, explican dende a organización. Quen precise máis información sobre o campamento tena na páxina web dos Amigus Labs.
Esta semana soubemos máis detalles da iniciativa gañadora do Premio Gradiant LPRO Days 2020, galardón do Centro Tecnolóxico Gradiant dirixido a impulsar novos proxectos tecnolóxicos da nosa mocidade innovadora e investigadora. O premio, que vén con 500 euros de contía, foi dar á aplicación Pic4Learn, baseada na tecnoloxía de recoñecemento de imaxes e dirixida a simplificar e adaptar textos en contos infantís. Os LPRO Days veñen da man da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo. No xurado participou Gradiant, participando na selección dos proxectos participantes.
As presentacións realizáronse de forma virtual e, de entre as cinco contribucións escollidas finalistas, Pic4Learn resultou gañadora do Premio Gradiant, valorado en 500 euros.
Pic4Learn ten a finalidade de traducir pictogramas de texto sen formato a partir de imaxes, o que derivou no deseño dunha tecnoloxía para o recoñecemento de imaxes e a simplificación e adaptación de textos en contos infantís.
Os seus creadores, Ana Purriños (AP), Shaila Calvo (SC), Jorge Núñez (JN), Lorena Gil (LG) e Mónica Loureiro (ML) crearon coa súa proposta unha ferramenta que dá resposta ás necesidades que cada día sofren as máis de 27.000 persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) en Galicia. Ana Purriños sinalou que “a idea xurdiu por mor dunha profesora de educación infantil que nos fixo chegar a dificultade á que se enfrontan os profesores ao ter que traducir manualmente todos os contidos para os nenos con Trastorno do Espectro Autista (TEA)".