main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

20/07/202008:52
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A creación de videoxogos enriquece o programa de talentos Xuventude Crea

A creación de videoxogos terá cabida no programa de actividades de Xuventude Crea para este 2020, iniciativa para fomentar o talento da mocidade da Consellería de Política Social. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 19 de agosto de 2020. Haberá tres premios por cada unha das especialidades: un de 3.000, outro de 1.500 e outro de 1.000 euros.

Amais da devandita, convócanse as seguintes modalidades creativas: artes plásticas, banda deseñada, cociña, danza moderna, deseño de xoias, fotografía, graffiti, moda, música, novela curta, poesía, teatro e vídeo-creación. Respecto da categoría de creación de videoxogos, os proxectos que se presenten poderán ser individuais ou en grupo; neste último caso, cun máximo de 5 integrantes. Os proxectos consistirán nun prototipo funcional ou xogo completo co aspecto e calidade final. Serán orixinais, inéditos e os textos e o audio en galego, agás a banda sonora, que poderá estar en calquera lingua. A temática será libre. Só se poderán presentar videoxogos para PC e Mac. As solicitudes poden tramitarse na Sede Electrónica da Xunta co procedemento BS310Q.

17/07/202009:20
Presentación da Semana Maker.
Ourense

Ourense vístese de maker con recursos para o emprendemento e webinars

Ourense é esta semana unha provincia argalleira. A Deputación organiza dende onte até mañá unha Semana Maker, que inclúe entre outras cousas a presentación do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Emprende Makers, celebrada este mércores 15 no Centro Cultural Marcos Valcárcel. O obxectivo non é outro que “fomentar o emprendemento para crear novas iniciativas empresariais que aposten pola innovación”, ademais de achegar formación, asesoramento e espazos e sistemas para a posta en marcha de “novos proxectos”, en palabras do vicepresidente provincial, Rosendo Fernández.

No acto de presentación da iniciativa europea Emprende Makers tamén participou a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca e a concelleira de Educación e Promoción Económica, Mª Teresa Garrido, ademais de representantes das Universidades de Vigo e do Minho, así como das Cámaras Municipais de Portugal: Paredes de Coura, Famaliçao e Melgaço. Segundo se fixo saber, Emprende Makers contempla a creación e o desenvolvemento dunha Rede de Emprendemento baseada nos centros de fabricación dixital e prototipado da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Trala presentación, desenvolveuse a mesa O movemento maker ante a pandemia da COVID-19 na que participaron o presidente da European Clusters Alliance, Antonio Novo Guerrero; o responsable de proxectos de Maker Faire Galicia, Rubén Beiroa; o director de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo; e o director xerente da Tecnópole, Ricardo Capilla.

A Semana Maker inclúe tamén a celebración de dous webinars, conferencias que se transmiten por Internet que, baixo os lemas Ecosistema emprendedor: Zaragoza cidade Maker e Emprendemento Maker: oportunidades de creación de empresas en base a tecnoloxías emerxentes, celebraranse os días 16 e 17 de xullo, respectivamente, a partir das 11.00 horas.

15/07/202009:04
Aula CeMIT.
Narón

Narón reactiva a súa aula CeMIT retomando os cursos TIC interrompidos coa COVID

aula CeMIT de Narón retomou a súa actividade con varias actividades formativas destinadas a reducir a fenda dixital entre a cidadanía. A concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, anunciou que a actividade reiníciase cun curso preparatorio para as probas de obtención do CODIX e con outro sobre Internet e informática básica. As actividades retómanse “seguindo todas as recomendacións sanitarias de prevención da COVID19 e volvendo de xeito paulatino á normalidade nestas aulas formativas”.

No que respecta ao Curso preparatorio do exame CODIX as alumnas e alumnos rematarán nas vindeiras semanas, ata o 14 de agosto, as 125 horas formativas que quedaron pendentes de impartir por mor da emerxencia sanitaria. As clases serán de 9.00 a 14.00 horas.

Así mesmo, no caso do alumnado do Curso de Internet e informática básica, quedaron pendentes de realizar 48 horas, que se reinician esta semana na quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, e que se completarán o 28 deste mes, cando finalice este curso, tal e como explicou Hermida.
A edil responsable da área indicou que “unha vez que rematen estes dous cursos, a previsión do Concello é dar continuidade á formación coas accións formativas que figuran na plataforma de aulas Cemit da Xunta e que xa estaban previstos para este ano na programación municipal”.

09/07/202008:52
Reunión de traballo.
Madrid

A equiparación do número de homes e mulleres en postos dixitais xeraría 31.200 millóns de euros anuais

A pesar de que a fenda de xénero no uso da internet pechouse en 2019, seguen existindo diferenzas nas habilidades dixitais entre mulleres e homes, e tamén entre a poboación maior. Así o demostra o Informe sobre a fenda de xénero no ámbito dixital presentado hoxe por ClosinGap e liderado por Vodafone.

Mentres que as mulleres destacan nas competencias dixitais relacionadas coa comunicación e a información, os homes puntúan mellor en software e na solución de problemas dixitais. Esta disparidade agudízase nos grupos de idade máis avanzada, a partir dos 65 anos, e desaparece por completo nas novas xeracións, coñecidas como 'nativas dixitais'.

As mulleres dominan a comunicación dixital e as competencias informáticas, os homes o software

Nas habilidades de comunicación dixital, a fenda de xénero é favorable á muller. Elas presentan un maior uso das redes sociais (67,0% vs 62,1%), da telefonía por Internet (62,3% vs 59,1%) e da publicación de contidos propios (35,5% vs 33,6%), sendo o uso do correo electrónico a única excepción (78,6% vs 80,7%). As mulleres mostran máis habilidades que os homes ata os 55 anos, idade na que se invirte a situación e son os homes os que encabezan a listaxe.

Na resolución de problemas dixitais, grupo de habilidades menos estendidas entre a poboación, o informe de ClosinGap si constatou diferenzas de xénero. Por cada 100 homes, hai 93 mulleres con altas competencias dixitais. A fenda acentúase en habilidades de software como a programación de linguaxe informática, onde o cociente de mulleres en comparación cos homes cae á metade (5% vs 10%), e no manexo do Excel (23,8% vs 31,2%).

A nivel de competencias informáticas, a fenda de xénero desaparece, de novo, na poboación nova e son as mulleres menores de 44 anos as que dispoñen de maiores competencias informáticas. Esta diferenza positiva acentúase entre os grupos máis novos, chegando ao 80,4% vs 76,2% dos 16 aos 24 anos.

Antonio Coimbra, CEO e presidente de Vodafone España comentou: 'Estamos convencidos de que España necesita unha recuperación económica en clave dixital'. Ademais, sinalou: 'tal e como expón o informe, conseguimos pechar a fenda de xénero no uso da internet, pero o número de mulleres exercendo profesións STEM no sector dixital só alcanza ao 20%, o que provoca sesgos de xénero no acceso a ferramentas dixitais que é preciso corrixir, pois a sociedade dixital e moderna que estamos a construír será mellor e máis eficaz se o talento feminino forma parte dela en condicións de igualdade real'.

As profesións STEM, terreo masculino

Nas profesións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas polas súas siglas en inglés), chamadas a ter un maior protagonismo no mundo dixital, hai unha forte infrarrepresentación de mulleres. Dos 4,2 millóns de ocupados en disciplinas STEM en España, apenas un 10% traballan en sectores dixitais. E deles, só un de cada cinco son mulleres, datos que reflicten unha acusada fenda de xénero.

Na actualidade, hai 247.600 homes máis ocupando postos STEM que mulleres. Se se igualase a ocupación de mulleres e homes, mantendo a produtividade media do sector rexistrada en 77.600 euros por empregado, xeraríanse 31.200 millóns de euros máis ao ano, equivalentes ao 2,8% do PIB de 2019.

A menor presenza feminina tamén repercute na recadación fiscal: cun tipo efectivo medio do IRPF do 10,8% e unha cotización media do 29,5%, o Estado ingresaría 12.546 millóns de euros máis ao ano. E cun tipo efectivo medio de impostos á produción (IVE) do 10,5%, a recadación podería aumentarse nuns 3.264 millóns de euros anuais.

As principais causas desta menor presenza feminina son o resultado de estereotipos de xénero que xeran unha pronunciada fenda de xénero nas carreiras STEM. A socialización de xénero, a aprobación e sentimento de pertenza ao grupo e os estereotipos asociados aos profesionais do sector provocan que as nenas mostren menos interese nestas áreas. Esta situación agudízase, ademais, coa falta de referentes femininos, ao ser ocupacións nas que predominan os homes.

Os mozos e a fenda de xénero en Twitter

A análise do clima de conversación sobre a fenda de xénero en Twitter revela que o sentimento nas conversacións é negativo (entre o 57% e o 72% dos fíos), e detectouse unha alta politización das conversacións dentro da rede social. A conversación nestes casos está dominada por maiores de 45 anos (38%) e por menores de 25 anos (35%).

O sesgo de xénero, presente en asistentes de voz e motores de procura

A procura na internet tamén difire entre xéneros: as mulleres realizan máis procuras relacionadas co entretemento (22,5% vs. 20%), mentres que o deporte sitúase como tema estrela no sector masculino (11,1% vs 2,4%). Neste sentido, a desigualdade de xénero iníciase xa nos propios algoritmos dos buscadores, que achegan resultados con sesgo de xénero mesmo en ámbitos tan comúns como a alimentación ou o deporte achegando resultados diferentes segundo o xénero do usuario.

Esta tendencia tamén está presente na función 'auto-completar' dos buscadores. De igual modo sucede nos asistentes de voz, que optaron pola voz feminina de forma xeneralizada. Este feito facilitou a extensión dos estereotipos de xénero e mantivo a asociación da voz feminina cun carácter máis atento, cariñoso ou servicial.

As mulleres, máis cautas nas compras online

O informe constata que as mulleres usan Internet cunha frecuencia algo superior aos homes (86,2% vs 84,9%), pero conclúe que non existe fenda de xénero no acceso e uso da internet en España. As diferenzas de xénero revélanse, en cambio, na precaución das mulleres á hora de realizar compras online. O 27,1% das mulleres evita comprar por Internet por vinculalo a problemas de ciberseguridade, cifra que descende ao 25,1% no caso dos homes.

Neste sentido, se as mulleres internautas comparan bens e servizos ao mesmo nivel que os homes, xeraríanse 411,6 millóns de euros adicionais ao negocio dixital, equivalentes ao preto do 4% da facturación do comercio electrónico durante o primeiro trimestre de 2019.

Os sesgos algorítmicos dificultan a igualdade de xénero

O informe de ClosinGap alerta tamén de como a crecente adopción da intelixencia artificial pode supoñer a normalización dos sesgos algorítmicos e da discriminación contra as mulleres. O feito de que sexan os homes quenes deseñan os algoritmos fan que se sitúe ao xénero masculino como o valor predeterminado e ao feminino, como o valor atípico. Para iso, é necesario corrixir con urxencia estas barreiras co fin de evitar que se acentúen as desigualdades de xénero no futuro.

'Nesta nova etapa que encara España e na que a transformación dixital ten cada vez máis relevancia, é importante que o país traballe para pechar a fenda de xénero no mundo dixital. Todos os axentes debemos involucrarnos e cooperar para continuar eliminando as diferenzas de xénero, empezando pola educación, e con proxectos e leis que aposten polo talento feminino. A desigualdade de xénero non pode seguir transferíndose á contorna dixital, senón que entre todos debemos construír unha sociedade dixital inclusiva', afirma Marieta Jiménez, presidenta de ClosinGap e presidenta europea de Merck Healthcare.

O emprego do futuro, un desafío para a igualdade de xénero

Por último, o estudo de ClosinGap pon de manifesto os desafíos que a dixitalización do emprego supón para a igualdade de xénero. As mulleres serán o colectivo máis afectado pola crecente automatización das ocupacións, dado que teñen maior presenza en empregos con maior risco de ser substituídos polas novas tecnoloxías (2,4 mulleres por cada home). Este feito súmase a dous factores máis: unha crecente fenda salarial nas profesións da economía dixital e o aumento do sesgo en algoritmos e datos como resultado da escasa presenza feminina entre desenvolvedores e programadores.

09/07/202008:38
Muller en cadeira de rodas usando un portátil.
Madrid

A fenda dixital afecta a un 45% das persoas con discapacidade

A crise da COVID-19 evidenciou a importancia das novas tecnoloxías como factor de inclusión social e laboral. Con todo, case a metade das persoas con discapacidade (45%) seguen atopando barreiras: un 42% declara que lle parece 'moi complexo e avanzado o seu uso', seguido dun 32% que atopa problemas de accesibilidade, ao non poder manexar certos dispositivos debido a incompatibilidades derivadas da súa discapacidade.

O próximo 15 de xullo celébrase o Día Internacional das Tecnoloxías Apropiadas, unha data que nos convida a reflexionar e a analizar o impacto das Novas Tecnoloxías na vida das persoas con discapacidade.

Neste contexto e, por noveno ano consecutivo, a Fundación Adecco, co apoio de Keysight Technologies Spain, presenta o informe Tecnoloxía e Discapacidade, unha análise que basea as súas conclusións nunha enquisa realizada a 300 persoas con discapacidade entre 18 e 50 anos en procura activa de emprego.

En informes anteriores, unha conclusión desprendíase de forma recorrente: as novas tecnoloxías (NT) e a Intelixencia artificial (IA) convertéronse en aliadas imprescindibles para a mellora e normalización da vida das persoas con discapacidade, así como no seu acceso ao emprego. Non en balde, a irrupción de adaptacións tecnolóxicas e a maior flexibilidade que permiten os dispositivos dixitais, permitiron achegar o seu talento a moitas persoas con discapacidade que ata o momento permanecían excluídas do mercado laboral.

Con todo, a era pos-COVID-19 alerta sobre unha realidade que é necesario visibilizar: aínda son moitas as persoas con discapacidade vítimas da fenda dixital e que atopan barreiras para acceder ás novas tecnoloxías. Un feito que podería abocalas á exclusión absoluta nun contexto no que o dixital adquiriu unha importancia sen precedentes, tanto a nivel social como profesional (a procura de emprego realízase maioritariamente online e fórmulas en auxe como o teletraballo só son posibles a través das novas tecnoloxías).

A crise da COVID-19 evidenciou a importancia das novas tecnoloxías como factor de inclusión social e laboral. Con todo, case a metade das persoas con discapacidade (45%) seguen atopando barreiras: un 42% declara que lle parece 'moi complexo e avanzado o seu uso', seguido dun 32% que atopa problemas de accesibilidade, ao non poder manexar certos dispositivos debido a incompatibilidades derivadas da súa discapacidade. Pola súa banda, un 20,6% non confía no dixital e 'ten medo' a ser enganado e/ou vítima dalgunha fraude, mentres que un 15,9% afirma carecer de recursos económicos para comprar e adquirir novas tecnoloxías.

Cinco millóns de cidadáns en España viven sen conexión a internet, sendo as persoas con discapacidade uno dos segmentos máis expostos ao illamento dixital. Segundo se desprende desta enquisa, un 13% das persoas con discapacidade non ten acceso a internet no seu domicilio. O 87% restante si dispón de conexión, pero un 38% admite non desenvolverse con soltura na contorna online.

Segundo Francisco Mesonero: 'a ausencia de conexión a internet e as dificultades para navegar pola rede profundan a fenda laboral entre as persoas con discapacidade, na medida en que non poden buscar emprego a través das canles online nin construír a súa marca persoal, entre outros.  Na era dixital, faise evidente a necesidade de dispoñer de marcos legais e regulatorios que garantan o acceso á rede como dereito fundamental e universal, en liña coa Axenda 2030. O único camiño é a aposta pola Accesibilidade Universal e o desenvolvemento de programas formativos que acheguen as novas tecnoloxías ás persoas con discapacidade dun modo crítico, eficiente e seguro'.

A pesar da importancia do dixital, as canles de procura de traballo online seguen tendo un peso inferior aos tradicionais entre as persoas con discapacidade: mentres que un 84,2% acode a organismos privados especializados e un 77% aos Servizos Públicos de Emprego, pouco máis da metade utiliza os portais de emprego online (53,2%). Así mesmo, un 18% usa Apps especializadas e tan só un 15,3% ten un perfil activo en LinkedIn.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS