main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

22/07/202012:55
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O CPEIG e a Amtega organizan campamentos tecnolóxicos en liña nos que poderán participar ata 200 familias de toda Galicia

  • Enmárcanse no Plan DigiTalent da Xunta e ofrecerán deseño de videoxogos, robótica, programación, creación de aplicacións para móbil ou presentación dos traballos escolares
  • Están dirixidos a nenos e nenas de 1º e 2º ciclo de Primaria e Secundaria
  • Os interesados poderán inscribirse desde hoxe e ata o 27 de xullo

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan nestes meses de verán -xullo, agosto e setembro- uns campamentos tecnolóxicos sobre deseño de videoxogos, robótica, programación, creación de aplicacións para móbil ou presentación dos traballos escolares. Enmárcanse no programa “TechKids”, actividade do Plan DigiTalent de Amtega destinada a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega, a partir dos 6 anos de idade.

Constrúe na Casa

Esta nova edición do TechKids celébrase en liña co campamento tecnolóxico “Constrúe na Casa”, que engloba cinco actividades a elixir en función da idade dos rapaces. Celebraranse do 30 de xullo ata o 9 de setembro e están dirixidos a nenos e nenas de 1º e 2º ciclo de Primaria e Secundaria. O prazo de inscrición, que remata o 27 de xullo as 12.00 horas pódese realizar en https://digitalent.xunta.gal/gl/content/tech-kids-2020 e poderán participar ata 200 familias.

Para participar nestes campamentos non son necesarios coñecementos previos pero si cumprir os requisitos técnicos indicados en cada proposta. Terán preferencia os usuarios das Aulas CeMIT, cun máximo de 20 alumnos por grupo. 

Cada familia pode anotarse a cada proxecto e terá a posibilidade de ver o seguimento do mesmo nunha charla (videoconferencia ou telefónica) cun colexiado que os asesorará e titorizará. Os proxectos realizados pódense documentar en vídeo ou fotos e presentalos a un concurso entre todos os participantes. 

Cinco proxectos

Os participantes poderán elixir entre os cinco proxectos. Así, poden optar por aprender a deseñar e construír diferentes tipos de xogos de plataformas en 2D e 3D, xogos de rol completos, xogos de avance liñal e xogos baseados na física. 

Tamén se poderán aprender os fundamentos da robótica e programación básica con contornas virtuais, o funcionamento básico dun robot e a lóxica computacional.

Outra das opcións é a creación de aplicacións para móbil ou tablet, empregando unha linguaxe de programación visual moi fácil de usar. 

Así mesmo, poderase aprender todo o necesario para os traballos de clase dos rapaces, coñecendo os compoñentes dun computador e os seus periféricos, sabendo como crear e organizar os traballos no ordenador e na nube; así como ferramentas para a edición de textos, imaxes, vídeos e presentacións; ademais de obter información da Internet de forma segura e saber como compartir os traballos.

Nas actividades centradas no videoxogo Minecraft, os alumnos desenvolveranse nunha contorna de programación baseada en bloques. Dentro desta plataforma os rapaces tamén poderán crear bloques e texturas personalizadas completamente funcionais dentro do xogo. Desenvolverán así a súa creatividade e aprenderán a cooperar e a traballar en equipo.

22/07/202009:17
Gañadores dos concursos.
Santiago de Compostela

Os gañadores dos concursos da Estratexia Dixital 2030 explican como ven a Galicia do futuro

A AMTEGA vén de publicar na súa web o vídeo no que os seis gañadores dos concursos de microrrelatos e debuxos da Estratexia Dixital de Galicia 2030, explican como ven a Galicia do futuro e como a plasman nos seus traballos. Este vídeo realizouse como recoñecemento aos seus traballos, ante a imposibilidade de celebrar o acto de entrega dos premios (unha tableta) por mor da crise sanitaria.

A través destes certames, nos que participaron máis de 300 rapaces e rapazas, quíxose recoller a achega dos máis novos a elaboración desta folla de ruta para a vindeira década, unha estratexia en proceso de elaboración na que están a colaborar axentes económicos e sociais, académicos e tamén os galegos do futuro, rapaces e rapazas de 5 a 18 anos .

Concurso de debuxo Captura a sociedade dixital!

Neste certame debuxo, no que participaron 213 alumnos e alumnas de Educación Primaria, de entre 5 e 12 anos, resultaron gañadoras tres composicións que representan as necesidades, novos hábitos e solucións que as novas tendencias dixitais poden proporcionar á nosa sociedade.

  • O robot do monte, de Iago Álvarez do CEIP As Nogais, mostra o pensamento do autor sobre o futuro próximo ligado a como a robótica pode axudar a defender os montes galegos e preservalos.
  • A cura contra o cancro de Noa Digón do CEIP San Xoán, describe o desexo de que aquí a 10 anos exista unha máquina que cure completamente esta enfermidade.
  • Galicia en Marte de Naiara Veiga do CEIP As Nogais, reflicte o viaxe dun robot no seu foguete Nagala10, que plantará a bandeira de Galicia en Marte.

Concurso de microrrelatos Viaxe ao 2030

No concurso de microrrelatos, no que participaron 120 estudantes de ESO ou Bacharelato, de entre 11 e 18 anos, resultaron gañadoras tres obras que mostran como os avances tecnolóxicos e o uso das TIC poden mellorar o noso día a día.

  • Bo día Uxía de Antía Otero do IES Antonio Fraguas Fraguas, describe como unha rapaza interactúa cun obxecto inanimado que lle fai a vida máis sinxela, indicándolle o clima en tempo real, preparándolle a comida ou reservando unha viaxe de forma inmediata.
  • Corazón Robot de Iria Araújo do CPR Sagrado Corazón Celanova, mostra como unha muller cun transplante experimenta unha mestura de medo e alegría por poder continuar a súa vida gracias ao seu novo corazón de metal.
  • Tan lonxe, tan preto de Breixo Antelo do IES Campo de San Alberto, trata sobre un enxeñeiro que describe as vantaxes dos avances tecnolóxicos para a sociedade no ano 2030 como a diminución da contaminación ou a mellora no sistema sanitario, por exemplo.
21/07/202009:26
Fotograma do novo episodio de ON Fologüers.
Madrid

"ON Fologüers" mostra o barreirismo producido pola situación do Covid-19 para as persoas con discapacidade

A Fundación ONCE difundiu a segunda parte da serie animada 'ON Fologüers', que nesta ocasión alerta das barreiras que creou a 'nova normalidade' para a cidadanía con discapacidade e que na súa segunda entrega céntrase nas dificultades que atopan nela as persoas xordas e as persoas cegas.

Baixo o cancelo #BarrerismoCovid, os protagonistas abordan con humor como se enfrontan as persoas con discapacidade á situación que deixou a pandemia do coronavirus e que inclúe centos de normas pouco accesibles, biombos, máscaras ou xeles hidroalcohólicos que dificultan a súa vida cotiá.

No seu segundo e último capítulo, que como sempre se distribúe por redes sociais, os protagonistas son Toni e Amaia, que teñen discapacidade auditiva, e Laura, unha moza cega.

Barreirismo na nova normalidade

Baixo o título 'Non é normal a nova normalidade', Toni e Amaia poñen de manifesto as dificultades que atopan as persoas con discapacidade auditiva para entender correctamente toda a información, xa que en moitas ocasións a que se difunde en medios audiovisuais non conta con servizo de subtitulado nin de intérprete de lingua de signos e no 'ti a ti' está a barreira da máscara, que impide a lectura labial.

Pola súa banda, as vivencias de Laura reflicten os obstáculos que deben sortear a diario as persoas cegas ou con discapacidade visual á hora de gardar as distancias sociais recomendadas ou de transitar por lugares onde se instalaron biombos de separación.

Pola existencia destas e outras dificultades, José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, sinala que a 'nova normalidade' non debe deixar atrás ás persoas con discapacidade. 'Durante o Estado de Alarma moitas persoas con discapacidade viviron situacións de discriminación, encerradas nas súas casas e vimos como se recriminaba a mozas con autismo e aos seus acompañantes que saían a dar paseos terapéuticos. Nesta nova etapa as persoas con discapacidade non podemos quedarnos fora e debemos poder facer a nosa vida diaria con total liberdade'.

Ademais da difusión de 'ON Fologüers', a Fundación ONCE publicou xunto co Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e o Real Padroado sobre Discapacidade o tríptico '11 claves para unha 'nova normalidade' accesible', no que se fan recomendacións tendo en cuenta as necesidades das persoas con discapacidade na adecuación dos espazos e edificios públicos a esta nova realidade froito da loita contra a Covid 19.

A publicación aborda, de maneira fácil e sinxela, once elementos como son as 'Pautas de conduta', 'Información en diferentes formatos', 'Adecuación de Equipos de Protección', 'Dispensadores de Xel Hidroalcohólico', 'Espazo de separación mínima', 'Biombos separadoras de protección', 'Terrazas e veladores', 'Sistemas de activación de elementos', 'Espazos hixiénicos de uso público', 'Transporte colectivo' e 'Redución de aforo de espazos públicos'.

'ON Fologüers'

Tras o éxito da primeira tempada, estreada en xuño de 2016, a Fundación ONCE volveu insistir neste formato para visibilizar e tratar de normalizar o día a día das persoas con discapacidade retratadas nunha cuadrilla de amigos que se enfrontan a situacións cotiás e que resolven con moito sentido do humor.

Grazas á súa aposta por normalizar a discapacidade, a serie da Fundación ONCE foi recoñecida no 2017 co Premio Cermi.es na categoría de Comunicación e Imaxe Social da Discapacidade.

Despois de 16 capítulos, emitidos en dúas tempadas, a serie volve agora para sumarse á loita contra o coronavirus e as desigualdades e barreiras que xera.

A serie emítese nas canles de redes sociais da Fundación ONCE e tamén pode accederse a ela a través da web da Fundación ONCE.

Ligazón ao segundo capítulo de OnFologüers.

21/07/202009:18
Cartel da iniciativa.
Madrid

A Fundación ONCE lanza o Selo Amóvil para acreditar a accesibilidade dos móbiles

  • A Fundación ONCE pon ao dispor das empresas de tecnoloxía o Selo Amóvil, un distintivo que acredita a accesibilidade dos dispositivos móbiles para as persoas con discapacidade.

Está baseado na norma europea EN 301 549 que certifica que un dispositivo móbil é accesible para un ou máis dos seguintes perfís de usuario: persoas con visión nula ou parcial; audición nula ou parcial; dificultade severa ou moderada para a manipulación; dificultade para a comprensión; dificultade para ver cores, e dificultade de fala.

As entidades interesadas en certificar a accesibilidade dos móbiles que desenvolvan ou comercialicen deberán poñerse en contacto co equipo de Amóvil para solicitar unha auditoría de accesibilidade na dirección amovil@fundaciononce.es.

O equipo de Amóvil levará a cabo unha avaliación da accesibilidade a partir da metodoloxía de Amóvil elaborada pola Fundación ONCE e ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, que foi contrastada e avalada por expertos en accesibilidade. Dita metodoloxía baséase no estándar internacional WCAG 2.1 e a norma europea EN 301 549, requisitos de accesibilidade de produtos e servizos TIC aplicables á contratación pública en Europa.

Unha vez realizada a avaliación, o equipo de Amóvil emitirá un selo que mostrará os perfís de usuario para os cales o móbil é accesible ou non é accesible. Así mesmo, emitirá un documento ou ficha de datos que incluirá a descrición dos criterios de accesibilidade cos que cumpre o dispositivo; a descrición das barreiras de accesibilidade presentes no dispositivo, e recomendacións para evitar cada unha das barreiras nunha próxima actualización do sistema operativo e/ou o terminal.

Ademais, o equipo de Amóvil facilitará ás entidades os coñecementos necesarios para interpretar adecuadamente as pautas de accesibilidade e resolverá dúbidas sobre accesibilidade que poidan xurdir no proceso de mellora do dispositivo.

21/07/202008:27
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Preto de 50 nenas e nenos galegos participaron no campamento virtual de tecnoloxía “Digital Summer Camp” a través da rede CeMIT

  • O aliado dixital everis, a través da súa Fundación realizou o Digital Summer Camp, un campamento de tecnoloxía para á xuventude en formato virtual e gratuíto que puido ser seguido nas aulas da Rede CeMIT do 7 ao 16 de xullo
  • Nas dúas semanas de duración do campamento, leváronse a cabo charlas con expertos e obradoiros sobre superintelixencia tecnolóxica, creación de videoxogos, apps, drons, seguridade nas redes, robots, realidade virtual e deseño en 3D ou talleres de Scratch

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co aliado dixital everis, a través da súa Fundación, participou este verán no “Digital Summer Camp”, un campamento de tecnoloxía creado para rapaces e rapazas de entre 7 e 15 anos para mellorar as súas habilidades dixitais.

Trátase dunha iniciativa totalmente gratuíta que se realizou en formato webinario e en Galicia foi posible a participación a través da Rede CeMIT. As aulas CeMIT abertas ao público ofreceron estas actividades de xeito presencial, e os axentes TIC acompañaron aos rapaces interesados, mantendo en todo momento as medidas de seguridade, e o resto de aulas, puideron compartir estas actividades para que os usuarios interesados participaran desde as súas casas co acompañamento dun adulto.

O campamento realizouse en horario de 16:00 a 17:30 horas e contou con charlas con expertos en diferentes temáticas e talleres prácticos que se dinamizaron coa colaboración de persoas voluntarias da fundación everis para espertar a creatividade dos máis pequenos.

O balance do campamento foi moi positivo, tivo unha participación de máis de 430 rapaces de entre 7 e 15 anos e as súas familias e concretamente, nas aulas CeMIT participaron preto de 50 nenas e nenos durante as dúas semanas do Digital Summer Camp.

A primeira semana as actividades destináronse para os máis novos, os nenos e nenas de 7 a 10 anos, comezando coa charla “Se o podes pensar, pódelo crear” co experto en videoxogos Luis Iturra e o taller de Scratch “1, 2, 3, ... probando. Como crear os elementos do meu primeiro videoxogo”. O segundo día, a comandante de aviación Yolanda Canales debateu cos asistentes sobre “A superintelixencia da tecnoloxía” e levouse a cabo o obradoiro con App Inventor “A miña primeira APP”, e a primeira semana de campamento finalizou co piloto instrutor de drons Juan José González coa charla “Que podemos facer cun dron?” e o taller con Scratch “Movemento e ... acción! Xa teño listo o meu videoxogo”.

Durante a segunda semana realizáronse outras 6 actividades orientadas a rapaces e rapazas de entre 11 e 15 anos, concretamente, a primeira delas, da man do Director de participación cidadá da Policía Nacional, a charla “A seguridade nas redes” e continuouse co taller con Tinkercad “Primeiros pasos en realidade virtual: deseña en 3D”. Continuouse coa intervención da directora da fundación everis, Karla Alarcón, coa charla “O que nunca poderán facer os robots” seguido do obradoiro con App Inventor “Crea a túa propia aplicación móbil”. E para rematar o campamento, levouse a cabo a charla “Robot, faime os deberes” con Javier Rodriguez Molowny, experto en loT e o taller con Scratch “Desafía á túa imaxinación”.

Estas actividades contaron coa participación das aulas CeMIT de Celanova, Guitiriz, Leiro e Pontedeume. Adicionalmente, todas as sesións estarán dispoñibles a través da canle de Youtube da Fundación everis.

Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 - Aliad@s Dixitais

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación e implicación dos axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta con máis de 850 aliados dixitais, entre os que se inclúe a empresa everis, quen leva colaborando coa Xunta de Galicia a través do seu Programa de Voluntariado Dixital desde 2012 e como aliado dixital desde 2016 e que este ano amplían a súa participación grazas á Fundación everis que conta co compromiso de estimular o espírito emprendedor, o impulso da innovación e o fomento do talento das persoas coa colaboración dos voluntarios/as canalizando de forma altruísta as capacidades e transformando o enxeño en propostas de valor.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS