main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

30/07/202016:34
Rolda de prensa do Consello.
Santiago de Compostela

Galicia iniciará unha experiencia piloto no mes de agosto a través da aplicación móbil ‘PassCOVID’ para que os cidadáns poidan acceder a toda a información sobre a pandemia

  • Feijóo avanza que esta aplicación podería implementarse no mes de setembro despois de ser testada en agosto, nun grupo pechado de persoas, e presentada ao Goberno central
  • Sinala que sería completamente voluntaria e mantería a privacidade dos usuarios, que poderán ser tanto residentes en Galicia como viaxeiros
  • Esta aplicación permitirá identificar o nivel de risco transmisor do usuario fronte á covid-19
  • A persoa que descargue a app poderá optar por identificarse, empregando a Chave 365, ou escoller un perfil anónimo

O presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que Galicia iniciará no mes de agosto unha experiencia piloto nun grupo pechado de persoas a través da nova aplicación para o móbil ‘PassCOVID’. En base aos datos do Servizo Galego de Saúde, esta aplicación permitirá identificar o nivel de risco transmisor da persoa usuaria fronte á covid-19 e facilitar a xeración de alertas aos contactos indicados por esta no caso de dar positivo nunha proba PCR.

Logo de testar este novo sistema en agosto, Feijóo sinalou que en setembro se valorará a posibilidade de implementalo para que tanto os residentes en Galicia como os viaxeiros poidan descargala nos seus dispositivos móbiles. No caso de que se chegue a implementar, precisou que PassCOVID será sometida a consideración do Consello interterritorial de Saúde.

O presidente da Xunta en funcións fixo fincapé en que este sistema será completamente voluntario. Así, a persoa que descargue a aplicación poderá optar por identificarse empregando o sistema de identificación seguro Chave 365, o que lle permitirá acceder a todas as funcionalidades de PassCOVID; ou escoller un perfil anónimo, en cuxo caso a aplicación lle proporcionará información xeral e consellos sobre a situación da pandemia.

Deste xeito, a información será personalizada, no caso dos perfís identificados; e local, no caso dos usuarios que activen voluntariamente a xeolocalización. Isto último permitiralles recibir alertas sanitarias da zona de Galicia na que se atopen.

PassCOVID tamén servirá de canle de comunicación entre o sistema público de saúde e os cidadáns con información sobre novidades e evolución da pandemia; zonas de risco; datos; indicadores xerais e por concello; recursos e servizos dispoñibles; e recomendacións e información sobre protocolos de protección e seguridade aplicables en cada momento e lugar.

O titular da Xunta en funcións avanzou que esta nova aplicación podería, ademais, contar con novas funcionalidades en seguintes versións, como a coordinación coa aplicación estatal RadarCOVID. Esta última identifica contactos detectados automaticamente pola app, mediante a aplicación de tecnoloxías de proximidade.

Tamén, no caso dos establecementos de restauración, estase a traballar para que o cidadán poida rexistrar na aplicación PassCOVID o establecemento no que estivo a través dun código QR. Así, no caso de que a Administración identificase algún positivo ou contaxio no local, activaría unha alarma aos usuarios da aplicación.

A previsión é publicar a orde na que se determinará o marco regulatorio do sistema PassCOVID na próxima semana.

30/07/202012:21
Alumnado do grao de Robótica do Campus de Lugo nunha imaxe de Santi Alvite.
Santiago de Compostela

A USC distinguirá o empuxe innovador feminino co terceiro Concurso Innovatia 8.3

Recoñecer e visualizar as importantes (e imprescindibles) contribucións das mulleres á innovación e ao emprendemento. Este é o gran obxectivo do Concurso Innovatia 8.3, que chega á súa terceira edición e que terá aberto o prazo de presentación de proxectos até o 8 de setembro (as solicitudes poden facerse a través dun formulario en liña). O certame vén da man da Universidade de Santiago e mailo Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades.

O seu obxectivo concreto é “distinguir a empresas sobre proxectos innovadores liderados por mulleres e creados co apoio das universidades ou Organismos Públicos de Emprego (OPI)”. Poderán participar no certame aquelas mulleres que creasen empresas con presenza maioritaria de mulleres no seu Consello de Dirección ou Consello de Administración e que fosen postas en marcha co apoio dalgunha das universidades españolas ou dos OPI. O concurso tamén busca promover a igualdade de oportunidades entre persoas de ambos os dous xéneros no ámbito universitario e tecnolóxico. As empresas candidatas optarán a dous galardóns. Por unha banda, o premio ao proxecto empresarial de base tecnolóxica dotado con 10.000 euros; e pola outra, o premio a proxecto empresarial startup dotado con 7.000 euros. En ambos os dous casos, a antigüidade das iniciativas que se presenten non pode superar os cinco anos. Cada contribución participante poderá recibir como máximo un premio.

O comité avaliador terá en conta a viabilidade económica e financeira do proxecto; o grao de innovación do produto, proceso ou servizo; o volume de emprego creado ou proxectado; o carácter multidisciplinar do equipo promotor formado por mulleres e homes; así como ter en consideración políticas de igualdade, na actividade da empresa.

30/07/202008:35
Proba da aplicación cunha persoa con parálise cerebral.
A Coruña

O CITIC colabora na creación dunha app para persoas con parálise cerebral

O estudante de Enxeñaría Informática da UDC, Alejandro López, creou unha aplicación para persoas con parálises celebral, no seu Traballo de Fin de Grao dirixido polo subdirector do CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña), Javier Pereira, en colaboración con Adriana Dapena, profesora da Facultade de Informática. Segundo informa o CITIC, o obxectivo desta app é mellorar a atención das persoas con parálise cerebral, integrando diferentes xogos terapéuticos.

Os destinatarios son persoas con parálise cerebral de calquera idade, e especialmente os pacientes de ASPACE na Coruña, entidade coa que o CITIC mantén unha estreita relación. Foi precisamente nas dependencias desta asociación onde o pasado luns 27 probouse a ferramenta por primeira vez e de maneira oficial, nunha xornada na que estiveron presentes, ademais do estudante Alejandro López, Javier Pereira e Adriana Dapena, os fisioterapeutas de ASPACE Coruña Laura Quiroga e Rubén Carneiro. Alejandro López explicou que esta aplicación permitirá extraer parámetros sobre a evolución dos pacientes en canto á súa mobilidade, postura ou equilibrio. E, ademais, pode utilizarse no catro recursos de ASPACE: atención temperá, centro educativo, centro de día e servizo residencial.

29/07/202009:01
Cartel da iniciativa.
Madrid

Renfe e a Fundación ONCE promoven a accesibilidade na 'nova normalidade' coa emisión de 'ON Fologüers'

  • Nos trens AVE e Longa Distancia durante agosto e setembro

Renfe emitirá nos seus trens AVE e Longa Distancia os dous capítulos da serie animada 'ON Fologüers' que deseñou a Fundación ONCE para sensibilizar á sociedade das barreiras ás que se enfrontan as persoas con discapacidade na chamada 'nova normalidade'.

 

Coa emisión destes episodios nos seus trens e como xa fixo en 2018, Renfe únese de novo á Fundación ONCE no obxectivo común de transmitir unha imaxe adecuada das persoas con discapacidade, máis aló dos estereotipos sociais; promover a súa plena inclusión e facilitar a eliminación de barreiras sociais, agora impostas pola epidemia do coronavirus.

 

'ON Fologüers' é unha serie animada que a Fundación ONCE estreou en 2016 e que, debido ao éxito obtido, retomou máis tarde con novos episodios para visibilizar e tratar de normalizar o día a día das persoas con discapacidade, retratadas nunha cuadrilla de amigos que viven situacións cotiás e que resolven con moito sentido do humor.

 

Agora, a entidade social creou dous capítulos máis que se emiten en redes sociais baixo o hashtag #BarrerismoCovid co fin de sensibilizar á poboación sobre as barreiras ás que ten que facer fronte a cidadanía con discapacidade para cumprir debidamente coas normas de distanciamento e hixiene impostas pola pandemia do Coronavirus. Estes dous episodios estarán na programación dos trens AVE e Longa Distancia durante os meses de agosto e setembro.

 

O primeiro dos dous capítulos, titulado 'Miña nai, a nova normalidade', pon de manifesto, a través de Dani, un mozo con discapacidade intelectual, as dificultades que ten este colectivo para comprender toda a información, a linguaxe e a normativa xerada para loitar contra a pandemia.

 

Ademais, da man de María conta como as persoas que como ela van en cadeira de rodas deben sortear a diario barreiras como os biombos instalados nos espazos públicos para que os cidadáns manteñan a distancia de seguridade. Tamén advirte das dificultades para acceder a un xel hidroalcohólico situado moi alto para alcanzalo.

 

Pola súa banda, o segundo dos dous episodios dedicados a esta 'nova normalidade' leva por título 'Non é normal a nova normalidade'. Ten como protagonistas a Toni e Amaia, quen pon de manifesto as dificultades que atopan as persoas con discapacidade auditiva para entender correctamente toda a información, xa que en moitas ocasións a que se difunde en medios audiovisuais non conta con servizo de subtitulado nin de intérprete de lingua de signos e no 'ti a ti' está a barreira da máscara, que impide a lectura labial.

 

Igualmente, difunde as vivencias de Laura, que reflicte os obstáculos que deben sortear as persoas cegas ou con discapacidade visual á hora de gardar as distancias sociais recomendadas ou de transitar por lugares onde se instalaron biombos de separación.

 

Pola realidade destas e outras dificultades, José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, sinala que a 'nova normalidade' non debe deixar atrás ás persoas con discapacidade. 'Durante o Estado de Alarma moitas persoas con discapacidade viviron situacións de discriminación, encerradas nas súas casas e vimos como se recriminaba a mozas con autismo e os seus acompañantes que saían a dar paseos terapéuticos. Nesta nova etapa as persoas con discapacidade non podemos quedarnos fose e debemos poder facer a nosa vida diaria con total liberdade'.

'ON Fologüers'

Grazas á súa aposta por normalizar a discapacidade, a serie da Fundación ONCE foi recoñecida en 2018 co Premio Cermi.es na categoría de Comunicación e Imaxe Social da Discapacidade.

 

Despois de 16 capítulos, emitidos en dúas tempadas, a serie volve agora para sumarse á loita contra o coronavirus e as desigualdades e barreiras que xera.

 

Emítese nas canles de redes sociais da Fundación ONCE e tamén pode accederse a ela a través da web da Fundación ONCE (www.fundaciononce.es).

29/07/202008:48
Cartel de la iniciativa.
As Pontes

EuroEume e Amigus ofrecen un agosto argalleiro de obradoiros tecnolóxicos

As entidades EuroEume e Amigus organizan este mes de agosto dúas actividades para introducir nas vertentes máis creativas e participativas da informática e da robótica a colectivos de argalleiras e argalleiros principiantes. Estamos a falar, por unha banda, do Obradoiro de Modelado e Impresión 3D, que se celebra os días 24 e 25 de agosto e que porá o foco en mostrar ás mulleres os principios e segredos das ditas disciplinas. A actividade, que se celebra de 10.00 a 13.00 horas, vai orientada a makers principiantes que non están familiarizadas coa Impresión 3D, e/ou estudantes que queren introducirse nesta tecnoloxía. Non é necesario ningún coñecemento anterior.

A outra proposta de EuroEume e Amigus é o Obradoiro de robótica en familia. Iniciación a Arduino, que se desenvolve os días 26 e 27 de agosto, en horario de 10.00 a 13.00 horas. Trátase de facer descubrir a crianzas e maiores as aplicacións e ferramentas que lles permitan desenvolver as súas capacidades. Sera unha cita de robótica en familia, unha actividade conxunta e orientada a que impulsar a máxima participación dos pais e nais coas fillas e fillos.

Os cursos son gratuítos, dado que contan con financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade e da Consellería de Política Social, respectivamente. As inscricións formalizaranse por orde de rexistro na web dos Labs de Amigus.
Os dous obradoiros celébranse nas Pontes, no número 14 da praza do Hospital.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS