
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Unha das claves para controlar a situación provocada pola Covid-19 é o distanciamento social entre as persoas para minimizar o risco de contaxio. Con todo, para moitas persoas con distintos tipos de discapacidade manter esta distancia pode ser especialmente complicado, polo que a tecnoloxía pode ser unha gran axuda.
Un exemplo é 'Social Distancing', unha tecnoloxía desenvolvida por Telefónica que mide automaticamente a distancia entre as persoas captadas por unha cámara e permite avisar cando non se está cumprindo ese requisito.
Esta tecnoloxía está pensada para axudar a empresas e establecementos a manter a distancia entre os seus empregados e entre os seus clientes, axudando a organizar o espazo dispoñible en tempo real.
'Social Distancing' ten a capacidade de avisar cando dúas persoas están demasiado preto e emitir distintos tipos de alarmas para informar sobre esta situación.
É precisamente aí onde está o gran potencial para axudar a persoas con discapacidade, como aquelas con unha discapacidade visual ou cognitiva, que poden ter maiores problemas para manter esta distancia.
A tecnoloxía de Telefónica pode avisar aos empregados ou clientes dunha empresa por distintas canles, por exemplo unha app que informaría as persoas de que están demasiado preto.
A necesidade de manter a distancia social supón unha das barreiras máis complicadas de superar por moitas persoas con discapacidade para cumprir coas recomendacións sanitarias, polo que a axuda da tecnoloxía sempre é moi importante.
A Cátedra Deloitte da Universidade de Vigo vai premiar os mellores traballos universitarios TFG (fin de grao) e TFM (fin de mestrado) do eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) con vertente social e solidaria. Concederase un premio ao mellor TFG, dotado con 750 euros, e un premio ao mellor TFM, dotado con 1000 euros.
Para poder participar nesta convocatoria, o alumnado da UVigo deberá ter superado o traballo fin de estudos durante o curso 2019/2020 nalgunha das titulacións que ofrecen a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (Campus de Vigo) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (Campus de Ourense) cunha cualificación igual ou superior a sete puntos. O traballo “deberá ter un impacto na sociedade que redunde nun beneficio para o desenvolvemento da mesma”.
O prazo de presentación de solicitudes, que é telemática, está aberto ata o 21 de setembro.
A comisión avaliadora dos premios estará formada por Íñigo Cuiñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e da Cátedra Deloitte; Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e Rubén Frieiro, socio de Deloitte Advisory. A selección dos traballos gañadores realizarase de acordo con catro criterios, que son o seu carácter innovador, o deseño do plan de traballo (obxectivos, preguntas, instrumentos de recollida e medición de datos...), os beneficios sociais e o grao de aplicabilidade.
Os galegos poderán autorizar a unha terceira persoa ou a un funcionario público a realizar trámites dixitais en nome doutra persoa no último trimestre do ano. A articulación desta fórmula recóllese no Decreto que regulará o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos da Comunidade e cuxo prazo de exposición pública acaba de abrirse. É un dos pasos previos para a súa a aprobación no último trimestre do ano, no que se prevé que estea operativo.
O Rexistro é un instrumento que facilita aos cidadáns a acreditación, ante os órganos do sector público de Galicia, dos apoderamentos que vai conceder para que realicen as xestións online coa Xunta no seu nome. As solicitudes de apoderamento poderán realizarse a través da sede electrónica da Xunta ou ben de xeito presencial nas oficinas de atención e rexistro da Administración autonómica.
O Rexistro electrónico xeral de apoderamentos estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, onde constará a relación dos trámites e procedementos da Guía de procedementos e servizos que poden ser obxecto de apoderamento. Así mesmo, as persoas interesadas poderán consultar os apoderamentos inscritos nos que figuren como outorgantes ou apoderados e o alcance de cada un deles.
O apoderamento terá unha vixencia máxima de cinco anos durante o cal a persoa poderá revogalo e o apoderado tamén poderá renunciar á representación.
O Decreto regula tamén o Rexistro autonómico no que constarán as persoas titulares de determinados órganos ou cargos, como alcaldes e presidentes das deputacións provinciais de Galicia; persoas titulares dos órganos das administracións públicas galegas cuxo nomeamento sexa publicado no Diario Oficial de Galicia ou no boletín oficial correspondente; directores de centros educativos públicos e universidades autonómicas ou delegados da Xunta no exterior.
Unha administración máis dixital
Este decreto incrementa as garantías e facilidades para cidadáns e empresas no contexto actual de transformación dixital, no que a xestión online se está a consolidar entre os galegos como a opción maioritaria para relacionarse coa Administración. Máis do 53% das xestións rexistradas pola Administración autonómica presentáronse online, ben a través da sede electrónica da Xunta, das oficinas virtuais, ou a través o rexistro electrónico.
O Plan de Goberno e Administración Dixital de Galicia 2020, elaborado pola Amtega, conta cun sistema indicadores para avaliar a evolución de uso e implantación dos diferentes servizos dixitais tanto información de uso por parte de cidadáns e empresas como a nivel interno.
Ademais de constatar o incremento da xestión online dos cidadáns, o sistema indica o aumento no uso de servizos dixitais internos por parte dos empregados públicos. É o caso da Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, que evitou aos galegos a presentación de máis de 7,8 millóns de documentos, que xa obran en poder da Administración. Os empregados públicos poden consultar en Pasaxe ata 72 tipos de documentos, como o DNI, certificados de familia numerosa ou discapacidade, títulos universitarios etc.
As notificacións electrónicas, que o usuario pode recibir no móbil en lugar de en papel a través da caixa de correo, incrementáronse máis dun 72%, pasando de máis de 309.000 en setembro de 2018 a máis de 539.000 en 2019.
Aínda que se segue asinando en papel o uso da firma dixital continúa a estenderse; en 2019 asináronse dixitalmente preto de 4 millóns de documentos.
Decretos da Ledixga
O Decreto que regula o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos é un dos tres que se están a desenvolver no marco da Lei de Administración Dixital de Galicia. Xa se aprobou o Decreto que regula a ampliación dos prazos de presentación de solicitudes, escritos, comunicacións e documentos na sede electrónica da Xunta e estase a traballar na elaboración do decreto que regulará o Marco galego de Competencias Dixitais e que permitirá á cidadanía e aos empregados públicos acreditar os coñecementos e habilidades dixitais, tomando como referencia o marco europeo.
A Xunta traballa coa previsión de poñer en marcha o Nodo de Ciberseguridade de Galicia, CIBER.gal.á volta do verán, unha vez que xa se asinou o convenio co Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), a Fegamp e as catro deputacións provinciais
Coa creación de CIBER.gal, a Xunta pon en marcha un modelo de cooperación que, de forma conxunta con outros axentes públicos e privados, impulse a concienciación e a formación de cidadáns e empresas en materia de ciberseguridade; que dea resposta coordinada a retos complexos; que promova a xeración, atracción e retención de talento especializado, e que contribúa ao posicionamento de Galicia neste ámbito a nivel estatal e europeo.
A implementación de medidas de ciberseguridade require coordinación e a compartición de recursos. O nodo é un instrumento de cooperación no que participan as tres administracións con competencias na materia para, por unha banda, facilitar a dispoñibilidade e compartición deses recursos e, por outra, tamén para artellar a colaboración público-privada neste ámbito para facilitar unha carteira integral de servizos e que o Nodo se converta nun aglutinador das iniciativas de ciberseguridade en Galicia.
Servizos para cidadáns, Administracións públicas e pemes
O inicio da actividade do nodo CIBER.gal focalizarase na formación e concienciación á cidadanía, ás empresas, en especial ás pemes, e ás Administracións públicas, dando resposta ás inquedanzas e necesidades sinaladas polos axentes consultados.
Para a cidadanía os servizos centraranse en accións de formación a estudantes e eventos participativos para os diferentes niveis educativos (secundaria, bacharelato, formación profesional e universidade). Ademais, desenvolveranse accións de capacitacións básicas no uso seguro das tecnoloxías para persoas maiores. Como primeiro paso para avanzar neste ámbito colaborarase co INCIBE na promoción e execución de xornadas técnicas de ciberseguridade nas escolas con accións dirixidas tanto a alumnos como a docentes de materias relacionadas coas novas tecnoloxías para que adquiran as habilidades para impartir os talleres aos alumnos.
Para as pemes e autónomos a concienciación e a difusión tamén serán eixos prioritarios dos servizos de CIBER.gal en colaboración con outros axentes do Nodo. Neste ámbito xa se están realizando accións como os servizos do plan Re-Acciona para a definición de estratexias de ciberseguridade nas pemes. Este ano hay dispoñibles 14 tipos de servizos nesta área por un importe de 290.000 euros.
Ademais, poñeranse en marcha acciones específicas para este público en colaboración co INCIBE como formacións no ámbito a análise dos riscos e uso de servizos de seguridade.
No ámbito das administracións públicas, identificáronse como próximos pasos a realización de xornadas de formación aos axentes clave dos concellos para a súa capacitación en competencias básicas relacionadas coa ciberseguridade e protocolos de actuación, e formación avanzada para os servizos TI das administracións autonómicas, provinciais e locais.
Unha vez lanzadas estas iniciativas, poñeranse en marcha acciones de maior complexidade para o deseño e posta en marcha de proxectos aliñados coas tendencias de evolución en ciberseguridade, e que respondan tanto ás necesidades estratéxicas das administracións como a sectores tractores en Galicia.
Reforzo da ciberseguridade da Administración autonómica
A Amtega vén de licitar un contrato para reforzar o servizo de ciberseguridade por un importe estimado de 4,7 millóns de euros por un período de 4 anos anos contando as posibles prórrogas. O contrato abrangue entre outros servizos a monitoraxe de eventos e a xestión de incidentes de seguridade 24x7; a operación, administración e evolución de diferentes ferramentas de ciberseguridade; como por exemplo o sistema de xestión de eventos e información de seguridade ou o antivirus corporativo, consultoría de alta especialización en seguridade; vixilancia dixital e ciberintelixencia; ademais da coordinación e seguimento do plan de adecuación ao Esquema Nacional de Seguridade (ENS) e a outras normas de seguridade como a ISO 27002 e o apoio técnico no mantemento das metodoloxías, normativas e estándares tecnolóxicos a seguir polo conxunto da organización, no ámbito da seguridade da información.
Este servizo colaborará co resto de servizos de seguridade xestionados pola Amtega, principalmente co servizo de soporte de seguridade en redes, co servizo de apoio aos Delegados de Protección de Datos e co de apoio á adecuación ao Regulamento Xeral de Protección de Datos, co obxectivo de acadar un bo nivel de seguridade da información e dos servizos dixitais xestionados pola Amtega para a Xunta de Galicia.
Situación da ciberseguridade en Galicia
O pasado mes de marzo presentouse o Informe de Situación da Ciberseguridade en Galicia, no que se identifican os axentes implicados neste ámbito na Comunidade, púlsase a súa opinión sobre os retos e necesidades e sinálase a folla de ruta inicial para a posta en marcha do Nodo e a súa carteira de servizos.
O informe identifica ata 167 entidades relacionadas coa ciberseguridade en Galicia, das que 103 son empresas que ofrecen produtos e servizos de ciberseguridade. Os consultados coinciden na necesidade de incrementar as accións de formación e concienciación á cidadanía.
Desde o sector público sinalan a importancia de impulsar proxectos de colaboración público-privada e promover eventos, formación e certificacións no ámbito da ciberseguridade. Desde o sector privado demandan o acceso a instalacións e infraestruturas comúns e a posibilidade de facilitar o contacto entre os diferentes axentes.
O 80% dos axentes entrevistados consideran que a iniciativa da Xunta de crear un Nodo de Ciberseguridade é unha necesidade e unha proposta moi acertada. Os axentes consultados apuntan que a posta en marcha do Nodo CIBER.gal contribuirá ao crecemento do sector da ciberseguridade na Comunidade, incrementará a concienciación en empresas e cidadáns, facilitará a xeración dunha rede de colaboración e aumentará o investimento na I+D+i en ciberseguridade.
O Incibe, segundo se recolle no informe, sinala que Galicia rexistra un 4,3% dos incidentes de ciberseguridade identificados no ámbito nacional. Esta porcentaxe sitúa á Comunidade no sexto posto da clasificación estatal, liderada por Madrid, Andalucía e Cataluña, con porcentaxes próximas ao 20%.
Ciberseguridade, piar da EDG2030
A ciberseguridade é unha das tecnoloxías disruptivas sobre as que pivota a futura Estratexia Dixital de Galicia 2030, en proceso de elaboración. A creación do Nodo de Ciberseguridade de Galicia enmárcase tamén nas directrices europeas para incrementar as competencias da UE nesta materia.
A Xunta de Galicia conta cun Plan Director de Seguridade 2015-2021, que permitiu incrementar a súa capacidade de prevención, detección, resposta e recuperación ante incidentes de ciberseguridade. Entre as últimas medidas levadas a cabo segundo este Plan, está a posta en marcha do Centro de Servicios de Ciberseguridade, CSIRT.gal, que dá servizo ao sector público autonómico e forma parte da plataforma CSIRT.es, integrada por 42 centros, entre os que está o Centro Criptolóxico Nacional, o Incibe, a Policía Nacional, Garda Civil e outros organismos, ademais dalgunhas comunidades.
A sede electrónica da Xunta vén de incorporar dous novos servizos, a consulta das notificacións electrónicas que reciba o cidadán de calquera administración e a posibilidade de obter copias dixitais auténticas da documentación que presente en papel para os seus trámites. O incremento dos servizos dixitais é un dos obxectivos do Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020 para conseguir unha administración integramente dixital, aberta e proactiva. Máis de medio millón de galegos realizaron as súas xestións online a través da sede electrónica no primeiro semestre do ano.
Consulta das notificacións electrónicas
A través do seu espazo "A miña sede’’ os cidadáns xa poden consultar as notificacións electrónicas enviadas pola Xunta de Galicia ou calquera outra administración pública galega adherida ao Sistema de Notificación Electrónica de Galicia - Notifica.gal.
Entre xaneiro e xuño deste ano a Xunta enviou máis de 343.000 notificacións electrónicas que o usuario recibe no móbil en lugar do correo postal, evitando así o envío en papel.
Copias dixitais auténticas
Ademais, a sede electrónica da Xunta facilita xa a obtención das copias electrónicas auténticas daqueles documentos en papel que o cidadán teña achegado na xestión dos trámites administrativos e que foran previamente dixitalizados nas oficinas de atención á cidadanía e rexistro.
Estas copias poderanse obter a través do seu espazo "A miña sede", dentro do apartado "Os meus datos", e reutilizala para a súa presentación en calquera outro procedemento administrativo da Xunta ou Administración pública.
Grazas a esta iniciativa, ademais de axilizar os trámites públicos, contribuirase a reducir gradual e eficazmente a cero o uso do papel na administración.
Consolidación da carpeta cidadá
A incorporación destes novos servizos online supón un paso máis no proceso de dixitalización no que está inmersa a Administración autonómica galega e consolidan a carpeta cidadá (o espazo “A miña sede”) como o espazo único de información do cidadán sobre a súa situación administrativa de xeito claro e transparente.