
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Durante o ano 2019 o número de mulleres traballadoras no Hipersector TIC, integrado polos sectores tecnolóxico e de contidos, foi de 8.119, o que representa o 33,4% dos empregados no sector. Dentro do hipersector, o sector contidos é o ámbito no que as mulleres contan cunha maior representación, acadando o 41,5%, mentres que no sector TIC a porcentaxe é do 31,1%.
Desagregando o Sector TIC as actividades relacionadas coas telecomunicacións son as que contan cunha maior porcentaxe de mulleres cun 38,9% de traballadoras femininas; en segundo lugar atoparíanse as empresas dedicadas ás Actividades Informáticas, onde as mulleres representan o 30,4% do persoal.
Afiliacións á Seguridade Social
En termos evolutivos, no ano 2019 as afiliacións á Seguridade Social no Hipersector TIC incrementáronse en 1.030 persoas o que supón un crecemento do 4,4%. Atendendo ao xénero feminino, o crecemento no Hipersector TIC foi do 2,9%, o que se traduce en 228 mulleres empregadas máis que o ano precedente.
Ese incremento de traballadoras resulta similar no sector TIC e no sector contidos se falamos en termos porcentuais, sendo en ambos casos do 2,9%. Se consideramos números absolutos, o sector TIC creou máis postos de traballo cubertos por mulleres que o sector contidos, 165 e 63 respectivamente.
Estas son algunhas das conclusións recollidas nunha nova edición do estudo temático “As mulleres e as TIC”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O sector contidos rexistra a menor fenda de xénero do Hipersector TIC
No caso do Sector TIC, o número de mulleres afiliadas á Seguridade Social acadou as 5.899 traballadoras, cun incremento dun 2,9% respecto ao ano 2018. Non obstante, a fenda de xénero continúa a súa escalada debido ao maior crecemento do emprego masculino (5,3%).
Un ano máis o sector contidos rexistra a menor fenda de xénero do Hipersector TIC, aínda que a balanza continúa a favor do xénero masculino. A porcentaxe de mulleres neste sector sitúase no 41,5%, empregando un total de 2.220 mulleres.
Perfil das mulleres TIC en Galicia
O 70,9% das empresas TIC galegas contan con mulleres entre os seus traballadores, delas, unicamente no 9,3% máis da metade do persoal son mulleres.
Respecto ás funcións desenvolvidas nas empresas TIC galegas, o 16,4% das mulleres desenvolven tarefas especificamente TIC, fronte ao 49,8% dos homes. Por outra banda, o 19,4% das empresas TIC galegas contan con mulleres en postos de dirección
En canto á formación, mentres que o 22,1% dos traballadores do sector TIC son homes que contan cunha titulación TIC superior ou media, unicamente o 8,6% das mulleres atópanse na mesma situación formativa. No caso dos ciclos formativos superiores TIC, cabe salientar os 16 puntos porcentuais de fenda de xénero existente, a maior de todos os niveis formativos.
O próximo 1 de setembro terá lugar nas instalacións da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) unha actividade formativa, dirixida tanto a empregados públicos coma á cidadanía, para profundar sobre o uso de certificados dixitais na Xunta de Galicia. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria deste e-martes, de seis horas de duración en horario de mañá e tarde, tratará polo miúdo os certificados de empregado público, os certificados de selo electrónico para actuacións administrativas automatizadas, o portasinaturas corporativo, o proxecto Chave 365, a Sede electrónica da Xunta de Galicia e a Sala electrónica de sinaturas.
Os contidos do curso serán adaptados aos dous grupos de persoas ás que vai dirixida a actividade e constará dunha breve introdución xurídica común e dunha posterior práctica nas aulas de informática da Escola.
A actividade contará con 29 prazas, 16 para o persoal empregado público e 13 para a cidadanía, que poderán ser solicitadas de xeito gratuíto dende mañá e ata o 25 de agosto na Zona de matrícula da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula). Cómpre destacar que a Escola adaptou a capacidade das aulas e tomou todas as medidas de seguridade e hixiene previstas na normativa vixente para a prevención da covid-19.
Os e-martes enmárcanse dentro do proxecto Universo EGAP Innova, unha acción multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, á autoxestión da aprendizaxe, á identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.
A alcaldesa en funcións do Concello de Ponteareas, Cristina F. Davila, convida a toda a infancia e mocidade a sacarlle o máximo partido ao novo espazo creado para eles na páxina web municipal co obxectivo de facilitarlles a súa participación. Dende a creación do consello municipal de infancia e adolescencia, os nenos, nenas e adolescentes representantes dos distintos centros escolares teñen a oportunidade de expoñer directamente ao goberno municipal a súa opinión sobre aqueles aspectos que máis lle preocupan, así como de achegar as propostas de solución que consideran máis oportunas en cada caso.
Agora dáse un paso máis coa creación dun espazo específico para a infancia e a adolescencia na páxina web municipal. Coa intención de seguir avanzando na consecución dun concello máis amigable coas persoas e no que todos os nenos, nenas e adolescentes poidan participar con normalidade das decisións importantes que lles afecten, o Concello de Ponteareas habilitou este espazo con información sobre a súa candidatura ao recoñecemento de Unicef como cidade amiga da infancia, que inclúe unha enquisa para coñecer o seu parecer sobre as actividades e recursos cos que conta o concello para persoas da súa idade ou sobre as características da localidade na que residen. Esta enquisa estará dispoñible durante todo o mes de agosto para que poida ser cumprimentada directamente por todos os cativos e adolescentes do concello que o desexen.
O Portal de Transparencia da Xunta recibiu máis de 554.800 visitas desde a súa posta en marcha en 2016 ata o 30 de xuño deste ano nas que foron consultadas máis de 2 millóns de páxinas. No último ano -entre xullo de 2019 e xuño de 2020- rexistráronse 160.128 visitas, case un 5% máis que no mesmo período do ano anterior. O portal contén máis de 1.600 páxinas web nas que se poden visualizar máis de 4.440 documentos.
Entre as páxinas máis visitadas durante o primeiro semestre deste ano destacan as referentes a altos cargos, normativa en tramitación, retribucións ou a axenda institucional de altos cargos. Cómpre destacar que entre os meses de maio e xuño as dúas que recibiron máis visitas contiñan información sobre a covid-19.
Así, a máis consultada foi a que recolle a normativa aprobada pola Xunta e as medidas adoptadas por cada un dos seus departamentos ante a situación de emerxencia sanitaria, con 4.296 visitas. A segunda máis vista, con máis de 3.000 visitas, fai referencia o apartado específico de transparencia sobre o novo coronavirus creado para centralizar toda a información no enlace https://transparencia.xunta.gal/coronavirus .
O Portal de Transparencia do Goberno galego continuou a funcionar durante o estado de alarma decretado o pasado marzo debido ao coronavirus, cunha actualización de forma regular dos seus contidos para garantir a transparencia das actuacións levadas a cabo pola Administración autonómica.
Solicitudes de acceso a información pública
Por outra banda, durante o primeiro semestre deste ano foron xestionadas 542 peticións de acceso á información pública no Portal de Transparencia, o que supón un incremento de case o 43% con respecto ao número de peticións de acceso xestionadas no mesmo período do ano anterior. A sede electrónica da Xunta tamén continuou operativa durante o estado de alarma, o que permitiu á cidadanía seguir a presentar as súas solicitudes e proceder a súa tramitación.
Con respecto a estas peticións, son de distinta natureza e van desde informacións relativas a información institucional, organizativa e de planificación; relacións coa cidadanía; relevancia xurídica; en materia de persoal; económica, estatística e orzamentaria; patrimonio; contratación pública; convenios; encomendas de xestión; así como subvencións e axudas; ordenación sobre o territorio e do medio ambiente e en materia de xogo.
Desde a posta en marcha do Portal de Transparencia en 2016, o número de solicitudes de acceso a información pública presentadas a través desta plataforma ronda as 3.000. Segundo a súa forma de presentación, máis de 2.300 realizáronse por medios electrónicos e 678 en papel, cunha clara preferencia da cidadanía pola presentación por medios electrónicos.
Por departamentos competentes para resolver as solicitudes, o maior número foi recibido na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, seguida das consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Mar; e Infraestruturas e Mobilidade.
A Xunta acaba de abrir o prazo para solicitar as axudas do novo programa de formación Sénior dixital, dirixido a desempregados de longa duración maiores de 45 anos. Trátase dunha iniciativa de nova creación que dá resposta aos compromisos adquiridos dentro dos Acordos do Diálogo Social asinados en decembro entre o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e os sindicatos CCOO e UGT co obxectivo de poñer en marcha un plan de recualificación profesional que favoreza a incorporación ao mercado laboral das persoas que, pola súa idade, teñen máis dificultades para atopar un posto de traballo.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria deste programa que conta cun orzamento de 500.000 euros e está orientado á impartición de cursos de formación de 70 horas de duración distribuídas ao longo de tres semanas e cun número máximo de 10 alumnos por edición. As axudas están dirixidas a empresas con experiencia no ámbito da formación e, posteriormente, seleccionaranse as persoas participantes a través do Portal de Emprego de Galicia e das oficinas de emprego. A previsión é chegar a 17 empresas beneficiarias que poderían ofrecer formación a un total de 600 persoas.
Tendo en conta que o manexo das tecnoloxías dixitais é hoxe en día indispensable para acceder ao mercado laboral, o programa Sénior dixital abordará temáticas tales como coñecemento avanzado de ferramentas open office, de xestión documental compartida na nube, de almacenaxe de información ou para o envío de grandes volumes de datos, e de traballo compartido na nube ou en streaming. Está dirixido a un perfil de alumnado cun nivel de competencias medio no manexo de ferramentas en liña para o desenvolvemento de traballo compartido e/ou teletraballo.
As persoas desempregadas de longa duración son das que máis sofren as dificultades de reincorporarse ao mercado de traballo. Por iso, resultan particularmente necesarias as medidas para o emprego que faciliten o seu retorno ao mundo laboral.