
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Festival Latinoamerciano de Instalación de Software Libre (FLISoL) celebrará unha nova edición, a convocatoria FLISoL 2020 A Coruña, o vindeiro 26 de setembro, en formato online e da man da Asociación MeLiSA. Trátase do evento de divulgación e reivindicación de software libre máis grande en Latinoamérica e está encamiñado a xuntar, para o intercambio de coñecementos, recursos, solucións e colaboracións, a estudantes, académicos, empresarios, traballadores, funcionarios públicos e, en xeral, seareiros da informática sen cancelas.
O FLISoL, que se leva celebrando dende 2005, é un evento aberto, argalleiro e colaborativo organizado polas diversas comunidades locais de software libre. Inclúe charlas, relatorios e obradoiros sobre proxectos de informática non privativa tocando o seu amplo abano de ventes: social, cultural, filosófica, empresarial, etc. Por mor da crise sanitaria e a COVID-19, durante o 2020, moitas comunidades pertencentes ao FliSoL, organizaron o evento de maneira virtual. A edición 2020 do FLISoL organizada desde A Coruña, contará con diferentes charlas emitidas en liña que serán gravadas e posteriormente penduradas para poder ser vistas. Para máis información sobre o evento, podemos visitar a páxina web do mesmo, xa habilitada.
Esta xornada forma parte das actividades que a Asociación MeLiSA realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2020 da Xunta de Galicia.
Cruz Vermella en Pontevedra fixo balance da súa actividade recente contra a fenda dixital, un problema agravado durante a crise sanitaria pola imposibilidade de moitas familias (familias vulnerables e en risco) de levar a cabo teledocencia ou polas dificultades de moitas persoas que viven soas para manter a comunicación cos seus familiares. Segundo informou o grupo pontevedrés da ONG, até o día de hoxe foron entregadas máis de 170 tabletas ás persoas usuarias dos seus diferentes programas.
Esta iniciativa ten como finalidade facilitar o acceso ás novas tecnoloxías e unha mellor información ás persoas en risco de exclusión social, ao tempo que se favorece a relación cos compañeiros e os seres queridos. Para facer posible este labor, Cruz Vermella en Pontevedra contou coa colaboración de empresas e entidades como Distribucións Froiz S.A, o Colexio Internacional Sek Atlántico ou a Fundación Vodafone. Un dos programas impulsados por Cruz Vermella Xuventude foi Promoción do éxito escolar, que se adaptou a modo telemático para dar resposta á falta de recursos de conexión a Internet e de apoio escolar, permitindo que os menores tiveran acceso ás actividades escolares e acompañamentos. En total, realizáronse 798 seguimentos en toda a provincia, 1.406 intervencións educativas e atendéronse máis de 300 demandas.
Respecto ao Plan de Emprego Dixital, buscábase achegar información e orientacións laborais ás persoas na procura dun posto de traballo (fixéronse máis de 1.500 en toda a provincia), afacéndose tamén este programa ás canles multimedia. Para solucionar o problema da fenda dixital neste eido de actividade (preto dun 30% das persoas coas que se traballa dende este programa non dispuña de ningún dispositivo con conexión a Internet) procedeuse a distribuír tabletas en réxime de préstamo.
Un total de 50 mulleres con discapacidade recibirán formación para acceder a postos tecnolóxicos grazas ao Programa Radia, unha iniciativa impulsada pola Fundación ONCE, a Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas (CCS) e a Fundación CEOE, cuxo obxectivo é favorecer a inclusión de persoas con discapacidade en contornas de traballo dixital.
Trátase de ofrecer oportunidades de emprego ás mulleres con discapacidade, que constitúen o grupo que menos opcións ten de desenvolvemento profesional nos ámbitos tecnolóxicos.
A formación comezará o próximo mes de setembro e finalizará en xuño de 2021. Participan un total de 50 mulleres, o 36% con discapacidade física e con idades comprendidas entre os 20 e os 29 anos (52%). A maioría delas (72%) non proceden de carreiras STEM. O programa recibiu un total de 126 solicitudes.
Está dividida en tres fases que combinan formación presencial e virtual, sobre os asuntos máis candentes da transformación dixital, como intelixencia artificial, fintech, esport, ecommerce, ciberseguridade, biotecnoloxía, blockchain ou Green teach. Ademais, contará con tutela e formación inspiradora con mentoras de diferentes empresas e prácticas en empresas tecnolóxicas.
A primeira fase, Brain Storm, comezará o 22 de setembro. A fase Mentor Women desenvolverase ao longo de 12 semanas e nelas as bolseiras coñecerán os contextos reais do ámbito tecnolóxico da man de profesionais que traballan no ámbito dixital e mostraranlles o seu día a día, coa finalidade de ensinalas, inspiralas e empoderarlas. Na última fase, denominada Real Work, as seleccionadas recibirán unha formación dixital en 100 sesións de 4 horas e estarán apoiadas por mentores para realizar prácticas nas empresas seleccionadas. Está previsto que finalice o 30 de xuño de 2021.
Programa Radia
A historia de Radia Perlman inspirou o nome do programa RADIA WOMEN'S DIGITAL INCLUSION. Radia é a creadora dun dos protocolos de comunicación máis utilizados do mundo que fai que as redes funcionen correctamente, sexan estables, robustas e seguras.
Actualmente, só un de cada seis especialistas TIC incorporados ao mercado laboral é unha muller. A este dato únese ademais a circunstancia da discapacidade, que dificulta a inclusión das mulleres con discapacidade no ámbito da educación superior e o emprego. Por iso o propósito do programa é ofrecer formación e emprego que inclúa a máis mulleres con discapacidade no sector dixital, recoñecendo tanto o valor das súas contribucións, como o seu talento, algo esencial para construír unha sociedade dixital inclusiva, competitiva e dinámica.
Desde esta perspectiva, O Programa Radia establece unha serie de pasos encamiñados a aumentar o número de universitarias con discapacidade sentadas en postos de traballo baseados no manexo de tecnoloxía dixital.
O Concello de Rianxo ampliou o prazo para a inscrición nos seus cursos de formación en liña, unha manchea de actividades formativas sobre as máis diversas vertentes que veñen, todas elas, co nexo común de axudar ás empresas, aos autónomos e aos profesionais a combater os efectos negativos da crise sanitaria e económica. O prazo de inscrición ficará aberto até o 31 de agosto. Segundo informa o Concello, aínda hai dispoñibles 60 prazas.
En total, o Goberno rianxeiro achega case dúas ducias de actividades formativas, algunhas delas claramente tecnolóxicas (Curso de xestor de comunidades online; Curso de xestión de vendas, mercadotecnia directa e utilización das redes sociais na xestión comercial; Curso de seguridade informática e sinatura dixital; Curso de desenvolvemento web para o comercio electrónico; Curso de trámites en liña coa administración, Curso sobre creación, programación, e deseño de páxinas web con HTML5 e CSS3, Curso de xestión da seguridade informática na empresa, etc) e outras envorcadas nos coidados e na saúde (Curso de actividades acuáticas para bebés, Curso de nutrición e dietética, Curso de elaboración e conservación de alimentos, etc).
Tamén hai actividades para converternos en expertos na xestión de residuos, na xestión turística innovadora (a través da plataforma Amadeus) ou na prevención de riscos laborais. Igualmente, favorecerase a alfabetización dixital básica cun curso de iniciación ás TIC.
As persoas que soliciten a participación no programa de formación deben ser maiores de 16 anos, estar empadroadas no termo municipal e dispor de equipamento para a conexión á plataforma en liña (un PC con calquera sistema operativo, tableta ou móbil, e conexión á Internet) ademais de ter competencias dixitais básicas. O alumnado admitido disporá de tres meses para completar os cursos solicitados. A inscrición realizarase de forma preferentemente telemática na Sede Electrónica do Concello de Rianxo, ou, de non ser posible, no Rexistro Xeral do Concello de Rianxo emprazado no número 1 da praza Castelao.
Saturn Lab, a empresa que deseñou o sistema de voz de Alexa e Google Assistant, axudará agora á Fundación ONCE a crear un sistema que permita dialogar aos ascensores cos seus usuarios para moverse polas distintas alturas dos edificios sen necesidade de que toquen os botóns.
Este reto, demandado pola Fundación ONCE para minimizar o risco que supón ter que tocar os botóns para as persoas con discapacidade, será unha realidade grazas aos e-sprints B2B da Fundación Empresa e Sociedade. Estes e-sprints constitúen unha iniciativa na que grandes empresas, ONG, entidades sociais e Pemes de sectores esenciais uníronse para lanzar e atopar solucións de implantación rápida a 27 retos tecnolóxicos vinculados coa reactivación económica.
Un destes retos expostos é o da Fundación ONCE, que está preocupada polo risco que supón para algunhas persoas con discapacidade, pero tamén para a poboación en xeral, a manipulación dos ascensores á hora de contaxiarse do Coronavirus e doutros virus.
Obxectivo da Fundación ONCE
Por iso, o obxectivo da Fundación ONCE nestes e-sprints B2B era atopar startups consolidadas (scaleups) que poidan desenvolver mecanismos cos que, ben a través da voz ou doutras interaccións tecnolóxicas (dispositivos móbiles), se poidan activar os ascensores sen necesidade de tocar a súa consola de control. Un fin que é extensible tamén a calquera outro espazo común que requira a manipulación física de botóns.
A solución a este reto chega da man da scaleup Saturn Lab, unha empresa que aplicará a tecnoloxía de voz que xa usa para colaborar no desenvolvemento dos famosos sistemas de intelixencia artificial Alexa de Amazon ou Google Assistant. Con sede en Madrid, Saturn Lab foi creada en 2017 e agora traballará, xunto á Fundación ONCE, para que os fabricantes de ascensores incorporen este mecanismo que permita, sen necesidade de tocar botón algún, informar da planta na que se atopa un elevador ou movelo mediante o uso da voz e beneficiar así a toda a poboación.
'Queremos construír solucións que non só sirvan para un colectivo de discapacidade concreto, senón que sexan útiles para toda a sociedade. Que sexan solucións inclusivas e integrais para todo o mundo', explica Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE.
Na mesma liña exprésase Francisco Abad, fundador de Empresa e Sociedade, quen afirma que este reto é 'colaborativo', xa que 'ten moitos ángulos porque afecta non só ás persoas con discapacidade, senón a todos os que desexamos evitar o contacto físico cos mandos dun ascensor para suprimir riscos de contaxio'. Ademais, engade, 'implicará aos fabricantes de ascensores, aos que animará a compartir uns estándares comúns'.
Ademais da Fundación ONCE, atoparon xa resposta aos seus retos tecnolóxicos as multinacionais Aon e Sacyr, Auren e OXFAM, que son algunhas das participantes no sistema de e-sprints B2B da Fundación Empresa e Sociedade.