main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

21/08/202013:41
Mans usando un smartphone.
Santiago de Compostela

Sanidade publica no DOG a orde que regula o funcionamento da aplicación ‘Passcovid’

  • A descarga e uso da aplicación, que está en fase de pilotaxe, terá sempre carácter voluntario e estará dispoñible tanto para os residentes como para os transeúntes na Comunidade
  • O novo sistema de información estará activo namentres non finalice a actual crise sanitaria

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Sanidade pola que se regula o sistema de información ‘Passcovid’, que desenvolve a Xunta de Galicia, como medida complementaria na xestión da crise sanitaria ocasionada pola covid-19.

A aplicación ‘Passcovid’ actuará como canle telemática e preferente de contacto con residentes e transeúntes en Galicia, conectada co Servizo de Saúde e a Central de Rastrexo de contactos e a aplicación estatal RadarCovid, como un complemento para o traceo automático de contactos. A través de “Passcovid” recibirase o código alfanumérico que debe introducirse en RadarCovid no caso de que, de forma voluntaria, a persoa desexe reportar o positivo.

Así mesmo, entre as funcionalidades que integran a aplicación galega tamén se atopan a de achegar información relevante e consellos sobre a evolución da covid-19 en Galicia, anunciar a adopción de medidas ou os protocolos vixentes, e mesmo trasladar recomendacións sobre o xeito de como afrontar a actual situación sanitaria.

Coa intención de optimizar ao máximo a xestión e control da expansión do virus na comunidade, a axilidade da nova ferramenta de participación cidadá, permitirá adoptar medidas axeitadas cunha maior celeridade e precisión segundo evolucione a situación epidemiolóxica.

O novo sistema de información, en fase de pilotaxe actualmente, estará dispoñible para as persoas usuarias a través dunha aplicación para dispositivos móbiles, e poderá ser utilizado por calquera persoa, maior de idade, que resida ou se atope temporalmente na nosa comunidade. Neste senso, o acceso e uso da aplicación por menores de idade está limitado a aquelas funcionalidades do sistema que non requiran do tratamento dos seus datos persoais. Nestes casos, e de acordo co artigo 7 da Lei Orgánica de Protección de Datos, será necesario o consentimento, ben do menor cando sexa maior de 14 anos, ou ben do seu pai/nai, titor/a, cando se trate dun menor de 14.

Cómpre subliñar que tanto a instalación da APP como a habilitación de cada unha das súas funcionalidades e o seu uso, serán sempre voluntarias, garantindo a privacidade e confidencialidade dos datos que se insirán na mesma.

Deste xeito, a Xunta de Galicia agrupa nunha única app un conxunto de utilidades para a cidadanía, que servirán de soporte e axuda para os profesionais sanitarios.

As persoas que descarguen a aplicación ‘Passcovid’, poderán optar por facelo mediante un perfil personalizado, ou ben, por un perfil anónimo. No primeiro dos casos, os usuarios que desexen rexistrarse poderán facelo por medio da identificación segura Chave365, recibindo alertas, mensaxes e consellos prácticos, en función das súas características en relación con la covid-19. Se deciden optar por un perfil anónimo, as mensaxes e alertas gozarán dun carácter moito máis xenérico, e incidirán nos protocolos sanitarios vixentes en Galicia.

En ámbolos dous casos, se a persoa usuaria decide, de xeito voluntario, activar a súa xeolocalización, as mensaxes e alertas estarán referenciadas de acordo á ubicación da persoa en cada intre. Así, ‘Passcovid’ facilitaralle datos moito máis específicos, como poden ser os brotes activos nese concello, os protocolos vixentes no municipio ou as medidas sanitarias que debe adoptar.

Vixencia até a finalización da crise sanitaria

O sistema de información ‘Passcovid.gal’ estará vixente até a finalización da situación de crise sanitaria, que será declarada polo goberno estatal, ou, de ser posterior, até o momento da declaración polo goberno autonómico da finalización da situación de emerxencia sanitaria.

O fin da vixencia do sistema de información será publicado no DOG, e implicará a inmediata desactivación da APP, sen prexuízo de que os datos deban conservarse en cumprimento da normativa sanitaria, ou polo seu valor científico e epidemiolóxico, en cuxo caso se conservarán de forma anónima.

A información acerca do sistema e da APP estarán dispoñibles no portal informativo https://passcovid.xunta.gal

19/08/202008:31
Cartel da iniciativa.
Madrid

O Goberno garante que a app Radar Covid será 'totalmente accesible' para persoas con discapacidade

O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) denunciou ante a Oficina da Atención á Discapacidade (Oadis) do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 "graves deficiencias de accesibilidade" da app Radar Covid, ao entender que "exclúe do seu uso a determinadas persoas con discapacidade".

A secretaria de Estado de Dixitalización, Carme Artigas, recoñeceu nas redes sociais que 'é certo" que a versión que se puxo en marcha da app Radar Covid para a proba piloto da Gomera "non cumpre o cento por cento dos requisitos de accesibilidade porque era un beta dun piloto".

Con todo, garantiu que no desenvolvemento que se está realizando actualmente, "como xa fixemos noutros desenvolvementos tanto da app AsistenciaCovid como do 'chatbot', vai ter en conta os niveis que se requiren polos usuarios con discapacidade'.

A escalada nacional de implantación da app será para mediados de setembro, aínda que algunhas rexións poden empezar a integrala de forma acelerada en breve se Sanidade o estima oportuno.

Queixas de persoas e de organizacións da discapacidade

O Cermi sinalou nun comunicado o pasado venres que recibiu en poucos días queixas de persoas e de organizacións da discapacidade que sinalan "relevantes carencias de accesibilidade, que a converten en inutilizable para grupos específicos deste sector social".

O comité denunciou que na súa realización da app Radar Covid "ignoráronse inescusablemente os criterios xerais de accesibilidade universal establecidos para este tipo de solucións dixitais". Por iso, pediu á Oadis que abra unha investigación á Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial "por proporcionar unha aplicación inaccesible e lle inste a liquidar as deficiencias detectadas coa maior urxencia".

O Cermi lembrou que "non deseñar produtos tecnolóxicos accesibles vai en contra da normativa vixente e supón unha infracción legal sancionable, pero agrávase como neste caso cando a falta de accesibilidade deixa desprotexidos ou en peor situación ás persoas con discapacidade ante o impacto da pandemia causada polo coronavirus, comprometendo o seu dereito á saúde sen discriminacións".

18/08/202018:34
Radar COVID.
Santiago de Compostela

Galicia comunícalle ao Ministerio de Sanidade a súa adhesión á aplicación estatal de rastrexo ‘Radar Covid’

  • A comunidade galega súmase ás rexións que xa comunicaron a súa vontade de empregar a app de rastrexo ‘Radar Covid’
  • A aplicación galega ‘Passcovid’ será interoperable co sistema de rastrexo nacional

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, comunicoulle está mañá ao Ministro de Sanidade, Salvador Illa, a vontade de Galicia para adherirse á aplicación de rastrexo “Radar Covid” que desenvolve o Goberno central.

O responsable galego de Sanidade apuntou que a aplicación de rastrexo estatal engadirase ao sistema “Passcovid”, que neste intres está a testear na súa fase piloto a Xunta de Galicia, e que será completamente interoperable coa app estatal.

Por medio dunha carta, o titular do departamento sanitario da Xunta Galicia, trasladoulle ao Ministro de Sanidade que a comunidade galega sumarase ao novo sistema de rastrexo e control a covid-19 -Radar Covid-, que vén desenvolvendo nos últimos meses o goberno de España.

Almuíña sinala que a actual crise sanitaria fai preciso atopar novas vías de control e seguimento para combater a expansión do virus Sars-cov2, e así acadar unha xestión o máis optimizada posible da súa evolución.

Neste senso, Almuíña remarca que “Radar Covid” é unha ferramenta de participación cidadá que, grazas a súa axilidade e eficacia, contribuirá a mellorar a detección precoz de novos casos e, así mesmo, adoptar tamén medidas axeitadas con maior celeridade e precisión, respecto da situación epidemiolóxica.

‘Passcovid’ a aplicación na que está a traballar a Xunta

A aplicación ‘Passcovid’, é un canal telemático e preferente de contacto de residentes e transeúntes en Galicia que, por medio da tecnoloxía Bluetooth e grazas á conexión co Servizo Galego de Saúde e a Central de Rastrexo de contactos, permitirá coñecer con precisión a trazabilidade da covid-19 na comunidade galega.

A Xunta de Galicia agrupará nunha única app un conxunto de utilidades para a cidadanía, incluída a do rastrexo automatizado de contactos, que servirán de soporte e axuda para os profesionais sanitarios. Así, a adhesión a app será voluntaria e garantirá a privacidade e confidencialidade dos datos que se insiran na mesma.

As persoas que descarguen a aplicación ‘Passcovid’, poderán optar por facelo mediante un perfil personalizado, ou ben, por un perfil anónimo.

No primeiro dos casos, os usuarios que desexen rexistrarse poderán facelo por medio da identificación segura Chave365, recibindo alertas, mensaxes e consellos prácticos, en función de sus características en relación con la COVID. Se deciden optar por un perfil anónimo, as mensaxes e alertas gozarán dun carácter moito máis xenérico, e incidirán nos protocolos sanitarios vixentes en Galicia.

En ámbolos dous casos, se a persoa usuaria decide, de xeito voluntario, activar a súa xeolocalización, as mensaxes e alertas estarán referenciadas de acordo á ubicación da persoa en cada intre. Así, ‘Passcovid’ facilitaralle datos moito máis específicos, como poden ser os brotes activos nese concello, os protocolos vixentes no municipio ou as medidas sanitarias que debe adoptar.

18/08/202009:15
Cartel da iniciativa.
As Pontes

Amigus organiza o 22 de agosto unha cita co maker Álvaro Rey

A Asociación Amigus, con sede nas Pontes e centrada en tirar abaixo barreiras entre a cidadanía e as tecnoloxías abertas e construtivas, vai organizar o vindeiro 22 de agosto unha cita activa de divulgación co argalleiro tecnolóxico Álvaro Rey, da asociación Maker Gal. A sesión, unha nova entrega das sesións maker dos Amigus Labs, servirá para introducir aos participantes no proceso de creación dun ficheiro GCode dende bCNC e envialo a CNC.

Como lembraremos, por CNC (Control Numérico por Computadora) enténdese, en termos xerais, o proceso para controlar os movementos dunha máquina ou ferramenta a través dunha computadora. Amigus lembra que a devandita ferramenta bCNC ten entre outras vantaxes a de permitir o control dos CNC para que funcionen a través da placa libre Arduino, empregando o firmware GRBL. Quen precise máis información sobre esta charla gratuíta, pode recadala a través da páxina web dos Labs de Amigus, onde tamén se permite formalizar a inscrición.

17/08/202008:55
Cadeira de rodas ante unha escaleira.
Madrid

A pandemia da Covid 19 aflora novas barreiras para as persoas con discapacidade

As situacións derivadas do Estado de Alarma para loitar contra a Covid 19, así como das medidas adoptadas na 'nova normalidade', afloraron novas barreiras ás que as persoas con discapacidade deben de facer fronte no seu día a día. Esta é unha das principais conclusións do segundo informe da Fundación ONCE, realizado en colaboración con Citibeats, unha plataforma de Intelixencia artificial Ética que analizou as máis de 300.000 opinións recollidas en Twitter.

 

Nesta segunda análise identifícanse a que barreiras se enfrontan con máis frecuencia os cidadáns españois con discapacidade e que diferenzas existen entre colectivos. Nesta ocasión, inclúese ademais un enfoque especial sobre o impacto da pandemia e o papel dos videoxogos e a impresión 3D na inclusión social.

 

A irrupción da pandemia do Coronavirus supuxo un cambio de escenario para toda a sociedade, destapando carencias ocultas e acelerando a dixitalización do emprego, a educación e o comercio entre outros. Para os colectivos de persoas con discapacidade, supuxo un novo reto ao que adaptarse e xerado novas barreiras que superar.

 

Así, o teletraballo trouxo novas barreiras de comunicación e solucións tecnolóxicas para as persoas con discapacidade visual e auditiva. Ademais, as persoas con discapacidade cognitiva sufriron distintas mostras de discriminación e falta de empatía durante o confinamento e as medidas posteriores.

 

Por último, constátase que afloraron novas barreiras loxísticas para as persoas con discapacidade física e unha incertidume crecente en canto ás medidas de desconfinamiento. 

 

Respecto aos videoxogos e á impresión 3D afírmase que as novas tecnoloxías foron desenvolvendo novas aplicacións para liquidar algunhas das barreiras ás que se enfrontan as persoas con discapacidade. A escoita cidadá permítenos capturar e visibilizar historias de éxito nestes campos. 

 

Os impulsores do estudo destacan que os cidadáns e as súas opinións son os mellores sensores para identificar problemas e necesidades sociais. 'A dixitalización da sociedade, as canles de participación cidadá e as redes sociais convertéronse en plataformas para expresar as demandas cidadás. Iso converte ás opinións cidadás nunha rica fonte de información para identificar aqueles problemas que máis preocupan á sociedade'.

 

O modelo de intelixencia artificial e procesamento de linguaxe natural de Citibeats consiste en capturar e estruturar as opinións cidadás para detectar necesidades e retos aos que se enfrontan as persoas. Así, este proxecto de escoita cidadá serviu para identificar e localizar no mapa as distintas barreiras ás que se enfrontan os colectivos de persoas con discapacidade.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS