main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

01/09/202008:04
Cartel da iniciativa.
Madrid

A Fundación ONCE ofrece cursos para mellorar as habilidades en coñecementos dixitais das persoas con discapacidade

As persoas con discapacidade que queiran mellorar as súas habilidades en coñecementos dixitais poderán facelo nalgún dos cursos que levará a cabo a Fundación ONCE dentro do seu programa Por Talento Dixital ao longo dos próximos meses de setembro e outubro.

Consciente de que hoxe en día as profesións tecnolóxicas teñen moita saída no mundo laboral, a Fundación ONCE impulsou esta iniciativa, que proporcionará ao alumnado formación en contidos dixitais e tecnolóxicos

Así, por exemplo, os amantes dos videoxogos poderán inscribirse ata o próximo 15 de setembro en dous programas relacionados con esta materia. Un deles é o 'Curso de formación-investigación de videoxogos', que ten carácter presencial e está organizado xunto con The Global Esports Academy.

O outro denomínase 'Curso de testeo e QA de videoxogos', impártese tanto de forma presencial como 'online' e conta coa colaboración do Polo Nacional de Contidos Dixitais de Málaga. O seu obxectivo é capacitar aos alumnos no manexo das metodoloxías, ferramentas e técnicas que se utilizan a nivel profesional no control de calidade e testeo de videoxogos para lograr unha incorporación ao mercado laboral.

Programa formativo

Estes programas formativos complétanse con tres cursos máis. O primeiro deles é o titulado 'Cidadanía e Identidade Dixital', que se impartirá de forma 'online' e cuxo prazo de inscrición termina o 7 de setembro. Nel, os participantes aprenderán a interactuar dixitalmente coas diversas administracións e empresas.

Os outros dous cursos incluídos neste programa son o de 'Ciberseguridade básica' ('online'), ao que os interesados poden apuntarse ata o 21 de setembro, o de 'Comunicación e colaboración en contornas dixitais', que fará tamén a distancia e cuxo prazo de inscrición finaliza o 12 de outubro.

31/08/202008:31
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A nova edición de Youtubeir@s incrementará a contía dos premios en 1.000 euros

O proxecto Youtubeir@s vén de abrir o prazo de presentación de audiovisuais. O obxectivo desta nova edición do certame é, novamente, fomentar a creación de vídeos con temáticas e formatos diversos e de dar visibilidade á produción en galego na rede e á comunidade youtubeiraRepartiranse un total de 7.500 euros en premios, cun incremento de 1.000 euros con respecto á pasada edición.

O prazo para participar neste certame está aberto ata o 23 de outubro. Repartiranse un total de 7.500 euros en premios, cun incremento de 1.000 euros con respecto á pasada edición. Esta cuarta convocatoria do proxecto Youtubeir@s organízana os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, A Baña, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago e Teo; ademais das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña. Con ela, preténdese seguir consolidando a comunidade creadora galega na rede mediante o fomento da creatividade con temas propios e ir xerando referentes en galego na plataforma Youtube. Cómpre recalcar que na pasada edición houbo 252 inscricións de vídeos e canles, o que se traduciu en máis de 1.000 minutos creados en galego e incorporados á plataforma mundial de YouTube.

31/08/202008:20
Persoa artersá tomando notas nunha libreta.
Santiago de Compostela

As axudas do Programa de formación dixital para desempregados maiores de 45 anos poden solicitarse ata o 7 de setembro

  • O programa Sénior dixital está dirixido a empresas con experiencia no ámbito da formación e, posteriormente, seleccionaranse as persoas participantes a través do Portal de Emprego de Galicia e das oficinas de emprego
  • Conta cun orzamento de 500.000 euros para a impartición de cursos de formación de 70 horas de duración distribuídas ao longo de tres semanas
  • O contido da cualificación centrarase no coñecemento avanzado de ferramentas open office e outras indispensables para o desenvolvemento do traballo compartido ou do teletraballo

O prazo para solicitar as axudas do novo programa da Xunta de formación dixital, dirixido a desempregados de longa duración maiores de 45 anos, continúa aberto ata o próximo 7 de setembro. A Consellería de Economía, Emprego e Industria busca con esta iniciativa dar resposta aos compromisos adquiridos dentro dos Acordos do Diálogo Social asinados en decembro entre o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e os sindicatos CCOO e UGT co obxectivo de poñer en marcha un plan de recualificación profesional que favoreza a incorporación ao mercado laboral das persoas que, pola súa idade, teñen máis dificultades para atopar un posto de traballo.

O programa conta cun orzamento de 500.000 euros e está orientado á impartición de cursos de formación de 70 horas de duración distribuídas ao longo de tres semanas e cun número máximo de 10 alumnos por edición. As axudas están dirixidas a empresas con experiencia no ámbito da formación e, posteriormente, seleccionaranse as persoas participantes a través do Portal de Emprego de Galicia e das oficinas de emprego. A previsión é chegar a 17 empresas beneficiarias que poderían ofrecer formación a un total de 600 persoas.

Tendo en conta que o manexo das tecnoloxías dixitais é hoxe en día indispensable para acceder ao mercado laboral, o programa Sénior dixital abordará temáticas tales como coñecemento avanzado de ferramentas open office, de xestión documental compartida na nube, de almacenaxe de información ou para o envío de grandes volumes de datos, e de traballo compartido na nube ou en streaming. Está dirixido a un perfil de alumnado cun nivel de competencias medio no manexo de ferramentas en liña para o desenvolvemento de traballo compartido e/ou teletraballo.

As persoas desempregadas de longa duración son das que máis sofren as dificultades de reincorporarse ao mercado de traballo. Por iso, resultan particularmente necesarias as medidas para o emprego que faciliten o seu retorno ao mundo laboral.

31/08/202008:12
Mans usando un smartphone.
Santiago de Compostela

Galicia consegue un novo piloto 5G por importe de 9 millóns de euros na segunda convocatoria estatal de axudas para probar esta tecnoloxía

  • É o segundo proxecto de maior importe dos oito concedidos nas diferentes comunidades autónomas e permitirá desenvolver 14 casos de uso en Galicia
  • O adxudicatario foi a UTE liderada por Orange con dúas pemes galegas, Opatere e Info, xunto coa empresa Gamera Nest
  • Con esta nova adxudicación desenvolveranse na Comunidade máis de 30 casos de uso con tecnoloxía 5G cun investimento previsto de 22 millóns de euros

Galicia suma un novo piloto 5G que permitirá desenvolver 14 casos de uso con esta tecnoloxía na Comunidade. O Ministerio de Economía e Transformación Dixital publicou este mes de agosto a resolución da adxudicación da segunda convocatoria de axudas para probar esta tecnoloxía que outorga ao operador Orange unha axuda pública de 9 millóns de euros para realizar un piloto 5G que abrangue 14 casos de uso destas redes sen fíos. Trátase do segundo proxecto de maior importe dos oito concedidos en España nesta nova convocatoria

Este piloto súmase ao concedido a Telefónica na primeira convocatoria estatal, cun importe de 11 millóns de euros e aos impulsados pola Administración autonómica desde o Nodo 5G Galicia cos tres operadores, Telefónica, Vodafone e Orange cun investimento de 2 millóns de euros. En total, desenvolveranse na Comunidade máis de 30 casos de uso baseados en tecnoloxía 5G por importe de 22 millóns de euros.

Plan Galicia 5G

Estes pilotos dan resposta ao requisito marcado por Europa de que os Estados membros realicen casos de uso, é dicir, escenarios nos que se teste e pilote esta tecnoloxía, como paso previo ao seu despregamento. Consciente desta realidade, a Administración pública autonómica apostou por exercer un papel facilitador á hora de abordar o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia. Por iso en xullo de 2018 foi a primeira Comunidade en aprobar un Plan para impulsar o ecosistema 5G galego e favorecer o despregamento destas redes no territorio.

En menos dun ano puxéronse en marcha as principais liñas do plan. A primeira, conformar un Nodo 5G co compromiso dos tres principais operadores (Vodafone, Telefónica e Orange) de realizar 9 casos de uso 5G, actualmente en marcha.

Este posicionamento de Galicia no 5G contribuíu a que fose unha das dúas Comunidades en conseguir a subvención estatal para desenvolver un piloto de Telefónica, ao que se engade agora o de Orange nesta segunda convocatoria e que suman 22 casos de uso. En total, e grazas ao impulso de ambas administracións, en Galicia desenvolveranse máis de 30 pilotos de 5G repartidos nas sete grandes cidades en ámbitos de especial interese para a Comunidade como a sanidade, a loita contra os incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación.

Ademais, o Plan Galicia 5G aposta tamén pola formación e puxo en marcha o primeiro curso de Especialista Universitario en 5G, en colaboración coa Universidade de Vigo, que vai iniciar a súa segunda edición.

27/08/202008:43
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Eusumo achega un novo obradoiro en liña sobre mercadotecnia dixital

A Rede Eusumo vai organizar entre o 3 e o 24 de setembro unha nova edición (a undécima) do seu obradoiro Impulsa o teu negocio co marketing dixital. Achegarase en formato de teleformación, en liña, e terá unha duración de 20 horas. O obxectivo é facilitar novos métodos e recursos de mercadotecnia nas redes e comunicación ás empresas de economía social.

Vai dirixido sobre todo a grupos promotores, persoas interesadas en emprender e integrantes do noso tecido produtivo con vertente máis solidaria. A inscrición, que é de balde, pode facerse até o 2 de setembro, enchendo un formulario habilitado na web de Eusumo.

A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento e o desenvolvemento da economía social. Con ela procúrase o fomento do espírito emprendedor prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS