main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

03/09/202008:37
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Maker Faire Galicia volve na súa sexta edición con máis forza que nunca

Este ano a Maker Faire Galicia presenta un novo formato 100% online, para o que desenvolvemos unha potente plataforma online que permitirá aos participantes vivir unha experiencia única desde calquera punto do planeta. Desta forma convértese nunha das primeiras Maker Faire a nivel mundial que se celebra integramente a través de Internet.

Ademais desta novidade, ás dúas xornadas dedicadas ao ámbito profesional, e ás dúas xornadas abertas a todo o público, súmase este ano unha nova xornada exclusiva sobre educación. Deste xeito a Maker Faire Galicia convértese nun referente na innovación 360º, compartindo contidos e proxectos relacionados coa innovación social e cultural, a innovación educativa e a innovación empresarial.

  • Os días 18 e 19 de novembro falaremos sobre o papel da industria en diferentes sectores: aeronáutica, automoción, alimentación, enerxía, saúde e economía circular.
  • O día 20 de novembro celebrarase a xornada exclusiva de educación, na que se falará sobre a tecnoloxía, a innovación educativa e a inclusión.
  • Por último nas xornadas abertas, os días 21 e 22 de novembro, haberá contido moi diverso relacionado coa robótica, ciencia, do it yourself, arte, música ou gaming entre outros.

Se es unha empresa de recente creación, un centro educativo, unha asociación ou un/unha  maker, non esperes máis e presenta o teu proxecto! Desde hoxe e ata o 15 de outubro temos aberto o call for makers.

Ofrece unha charla, un taller ou expón o teu proxecto e comparte coñecemento coa comunidade maker. Non te perdas o evento de innovación máis importante do ano!

A sexta edición da Maker Faire Galicia celébrase unha vez máis no Museo Gaiás, aínda que este ano de forma virtual, e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e a Fundación Cidade da Cultura.

03/09/202008:24
Lentes con sensores.
Santiago de Compostela

Unhas lentes para xogar con videoxogos movendo os ollos

  • Investigadores coreanos desenvolveron un prototipo de lente intelixente que incorpora tecnoloxía pensada para mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade en múltiples facetas, como a saúde ou o lecer.

Trátase dunhas lentes que integran distintos sensores capaces de medir desde o movemento do ollo ata os sinais do cerebro mediante un electroencefalograma.

Estes sensores axudarían a mellorar a saúde do usuario adiantando problemas ou monitorando a súa evolución. Tamén incorpora tecnoloxía útil para detectar caídas ou para a detección rápida de ataques de epilepsia, por exemplo.

Pero a utilidade destas lentes non se limita á saúde, xa que, ademais, están pensadas para mellorar o lecer de persoas con discapacidade física utilizando o movemento dos ollos.

Segundo o texto publicado na revista da American Chemical Society (ACS), este prototipo está pensado para conectarse a outros sistemas e permitir manexar videoxogos.

Por agora, nas probas estes videoxogos limítanse a accións sinxelas como o movemento de obxectos dun lado a outro, pero o obxectivo é ir mellorando para facilitar a participación en videoxogos máis complexos.

Outra función que incorporan estas lentes, cuxa moldura está fabricada mediante unha impresora 3D, é a capacidade de cambiar a tonalidade do cristal en función de se lle chegan raios ultravioletas ou non, converténdose nunhas lentes de sol e axudando a protexer os ollos.

02/09/202020:00
Mozos no Campamento Digitalia.
Bergondo

A Xunta achega os deportes naúticos e a tecnoloxía ás mozas e mozos que participan nos campamentos de verán de Gandarío

  • Pasadomañá remata a cuarta e última quenda do campamento de temática náutico-deportiva e de aventura que se desenvolve nestas instalacións autonómicas
  • Outro grupo de rapazas e rapaces achéganse de maneira lúdica ao videomaping, o manexo de drons e a robótica coa iniciativa Digitalia

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta tarde ás mozas e mozos que participan nos catro campamentos de verán que nestes momentos están a ter lugar de maneira simultánea en diferentes espazos do albergue xuvenil de Gandarío. A temática dun destes campamentos é a náutico-deportiva e a aventura, e a dos outros tres é a tecnolóxica.

O náutico-deportivo, que comezou o pasado 26 de agosto e rematará pasadomañá venres, desenvolve a última das súas catro quendas. As actividades desta iniciativa están centradas no mar, o que permite aos participantes facer deporte ao mesmo tempo que desfrutan da praia situado ao pé das instalacións xuvenís.

Outro grupo de rapazas e rapaces participan nos campamentos tecnolóxicos Digitalia, nos que adquiren novas habilidades dixitais dun xeito lúdico. A través desta iniciativa, as mozas e mozos coñecen ao videomaping, que consiste en compoñer vídeos e crear animacións; aprenden os coñecementos necesarios para crear, controlar e voar drons; e adquiren os coñecementos sobre a construción, funcionamento e control de robots sinxelos.

En total, esta Campaña de Verán, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que se prolongarán ata comezos do mes de setembro. Todas as actividades desta campaña seguen as medidas de prevención fronte ao covid-19 fixadas polas autoridades sanitarias co fin de garantir a seguridade de todas as persoas participantes.

Ademais, a Consellería de Política Social oferta neste verán 348 prazas nun total de 29 campos de voluntariado (incluíndo as tres quendas de Cíes) para maiores de 18 anos por todo o territorio galego.

02/09/202012:35
Cartel da iniciativa.
Tomiño

A OMIX de Tomiño súmase á formación online con catro obradoiros TIC

A Oficina da Xuventude (OMIX) do Concello de Tomiño vén este mes de setembro cunha axenda ateigada de actividades tecnolóxicas e desenvolvidas sobre a base do tecnolóxico. Trátase de catro cursos sobre cuestións dixitais a impartir online e que teñen xa, neste intre, o prazo de inscrición aberto. Os participantes contarán coa presenza dun titor que atenderá de xeito personalizado todas as consultas do alumnado. “Unha das grandes vantaxes do formato elearning”, explicaron fontes da OMIX, “é que permitirá a cada participante escoller o seu propio horario e facer o curso cando queira ao longo de todo o mes”.

Haberá un curso básico de correo electrónico (que aprenderá aos asistentes a crear unha conta en Google, a redactar correos electrónicos, a facer filtrado e clasificación de correos, a manexar programas de xestión de emails e a saber utilizalos de xeito efectivo e produtivo), un sobre traballo na nube de Google (que mostrará o que significa traballar en cloud, coñecer os pros e contras desta forma de traballo, afondar en programas de navegadores, trucos para dominar as buscas en Google, deseñar gráficos online ou saber xestionar a axenda con Google Calendar e outros servizos de Google como Drive, Photos, Google Alerts, as notas en liña ou o paquete de Google Office) e un terceiro sobre como aprender a utilizar a sede electrónica do Concello de Tomiño (onde descubrir máis sobre esta ferramenta que permite realizar calquera trámite administrativo as 24 horas os 365 días do ano dende casa, sen necesidade de achegarse ao Consistorio).

Por último, este mes a mocidade tamén poderá facer un curso de aplicacións de Google: Google Docs. Mediante este obradoiro básico as persoas inscritas coñecerán todas as posibilidades que lles ofrece esta aplicación e aprenderán a preparar a páxina, formatos de texto, viñetas e numeracións, encabezados e pé de páxina, táboas, inserir imaxes e/ou gráficos, índices e tabuladores, ferramentas básicas (tradución, corrección ortográfica), descargas e impresión ou complementos, entre outras cousas.

02/09/202008:19
Montaxe dun robot no campamento de Gandarío de 2019.
Bergondo

Até 40 rapaces participan nos campamentos tecnolóxicos Digitalia que se celebran en Gandarío

Un total de 40 rapaces e rapazas de entre 13 e 14 anos están a participar esta semana nos campamentos tecnolóxicos Digitalia, unha das actividades da campaña de verán 2020 da Xunta, que leva por nome O verán que necesitas. Desde o pasado día 30 e ata o vindeiro 6 de setembro o Albergue Xuvenil de Gandarío dá acubillo (un ano máis) a este campamento cuxo programa de actividades encamíñase a facilitar habilidades dixitais e diversión para as novas xeracións.

Digitalia ofrece tres actividades tecnolóxicas: o videomaping, na que os rapaces aprenderán a compoñer vídeos e crear as súas propias animacións; manexo de drons, que lles permitirá adquirir os coñecementos necesarios para crear, controlar e voar drons; e robótica, que lles achegará aos principios tecnolóxicos para a construción, funcionamento e control de robots sinxelos.

Ademais desta formación sobre o mundo dixital, os participantes poderán desfrutar con outro tipo de actividades de ocio e lecer na praia e no mar como a vela, kaiak, snorkel ou paddle surf, entre outras.

Esta iniciativa está enmarcada no Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Xunta, que pretende por unha banda poñer en valor as capacidades e empregos dixitais e, pola outra, estimular o talento precoz no ámbito TIC e fomentar o atractivo das profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS