main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

04/09/202012:23
Robot na semana tecnolóxica de China. Foto: Efe.
Santiago de Compostela

Robótica asistencial: O futurista apoio para as persoas dependentes

Os proxectos relacionados con investigación en robótica asistencial poderían mellorar a calidade de vida daquelas persoas que presenten determinadas dependencias. Así o explicou Carme Torras, unha das principais relatoras da ECAI 2020, quen este martes interveu no panel 'IA de asistencia: retos da investigación, ética e ciencia ficción' desta conferencia organizada polo CiTIUS.

Torras, que é licenciada en Matemáticas e doutora en Informática, traballa como profesora no Instituto de Robótica e Informática Industrial (CSIC-UPC) de Barcelona, onde actualmente están a desenvolver o proxecto 'Clothilde', co obxectivo de deseñar e programar robots que axuden a persoas con mobilidade reducida a vestirse.

Así mesmo, a experta sinalou que estes autómatas tamén poderían dar para comer ás máis vulnerables, mediante unha cámara que detectase esta necesidade.

Aínda que á súa 'fazaña' aínda quedan dous anos e medio de desenvolvemento, ademais de ter que pasar os requisitos de seguridade para comercializarse, Torras espera que en menos de 20 anos existan robots en centros de saúde, hospitais e residencias 'axudando en tarefas que requiran contacto coas persoas'.

Fonte da noticia

04/09/202010:11
Unha moza utiliza a lingua de signos fronte ao seu teléfono móbil.
Vigo

Unha base de datos para facilitar a tecnoloxía que recoñece a lingua de signos

Todos estamos afeitos xa á tecnoloxía que recoñece a fala e que se pode controlar mediante a voz, con todo, a identificación da lingua de signos está moito menos avanzada, a pesar de que supoñería unha substancial mellora de vida de millóns de persoas con discapacidade auditiva que son signantes.

Un dos obstáculos que dificulta o desenvolvemento destes sistemas que identifiquen e recoñezan a lingua de signos é a falta dunha base de datos que permita aos creadores de tecnoloxía avanzar nos seus proxectos dunha forma moito máis sinxela.

Por esta razón, dous equipos de investigadores da Universidade de Vigo comezaron a traballar na creación desta base de datos co obxectivo de fomentar a creación desta tecnoloxía que aumentaría de forma exponencial a capacidade de comunicación, a autonomía e a privacidade das persoas con discapacidade auditiva que utilizan a lingua de signos.

O desenvolvemento e madurez desta tecnoloxía permitiría que as persoas signantes se puidesen comunicar con calquera persoa descoñecedora da lingua de signos de forma automática e sen a necesidade dun intérprete.

Os investigadores da Universidade de Vigo fixáronse como obxectivo desenvolver un recoñecedor automático da lingua de signos española (LSE) e o primeiro paso é a creación desta base de datos.

Esta base de datos será útil se conta cunha gran cantidade de exemplos de signos que permitan crear patróns de recoñecemento para cada un deles, polo que é necesaria a participación e achega de persoas signantes.

Para facilitar estas colaboracións, os investigadores crearon unha metodoloxía de gravación dos signos para lograr unha certa uniformidade e facilitar a creación da base de datos.

Por agora, os investigadores crearon unha primeira base de datos centrada en 40 signos de distinto tipo, algúns estáticos como números, outros monomanuais como 'ben', outros bimanuais simétricos como 'bicicleta' e, por último, bimanuais asimétricos como 'arroz'.

Agora, a súa intención é ampliar o número de colaboradores para cubrir cada vez unha maior cantidade de signos e lograr que esta base de datos sexa a base sobre a que medren proxectos que melloren a comunicación de millóns de persoas.

04/09/202009:49
Presentación dos cursos.
A Pobra do Caramiñal

A Pobra oferta por partida dobre un curso de deseño e impresión en 3D

A Concellería de Mocidade da Pobra do Caramiñal e Tecelán organizaron para este remate de verán un curso de deseño e impresión en 3D co fin de introducir á xuventude local nalgunhas das tecnoloxías dixitais máis creativas e de meirande proxección profesional de cantas están a abrollar nos últimos anos.

Se ben foi convocada nun principio un único obradoiro, a desenvolver os días 5, 12 e 19 de setembro no Fab Lab da Casa da Mocidade (no antigo Restaurante Lagar), finalmente, dado o éxito da iniciativa (cuxas prazas foron esgotadas axiña), a Concellería decidiu argallar unha segunda convocatoria, que terá lugar no dito emprazamento os días 26 de setembro e 3 e 10 de outubro.

O edil da Mocidade, José Andrés Lojo, explicou que esta proposta naceu “baixo a demanda existente de coñecemento sobre estas novas tecnoloxías”, polo cal o Fab Lab da Casa da Mocidade converteuse, dixo, “no lugar idóneo para impartir a formación ao contar con tódalas ferramentas necesarias”. Trátase, engadiu, dunha actividade formativa de nivel básico que “toca os ámbitos do deseño, da laminación e do manexo da impresora 3D, divididos en tres días”. Pola súa parte, o alcalde Xosé Lois Piñeiro lembrou que esta actividade se engloba nunha programación (música, audiovisual, etcétera) que está ultimándose e que se focaliza no Fab Lab, así como na propia Casa da Mocidade en xeral; “unhas instalacións dispoñibles para uso e desfrute da veciñanza, así como para a súa formación”. 

A primeira edición deste curso, organizado polo Concello e Tecelán, xa está completo e transcorrerá como dixemos nos días 5, 12 e 19 de setembro, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Para a segunda edición tan só quedan catro prazas vacantes, pois as restantes están ocupadas polas persoas que non lograron entrar na primeira quenda. A inscrición é de balde e pódese formalizar a través do teléfono de contacto 981843281 ou dos enderezos electrónicos alcaldia@apobra.gal e correo@apobra.gal.

03/09/202013:26
Aula Tecnópole.
Ourense

Os nosos futuros makers xa poden inscribirse nas Aulas Tecnópole e en STEAM Kids Tecnópole

Parque Tecnolóxico de Galicia (San Cibrao das Viñas, Ourense) ten aberto o prazo de inscrición en Aulas Tecnópole e STEAM Kids Tecnópole, os cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para estudantes de 8 a 18 anos. A matrícula poderá realizarse ata o 30 de setembro. O obxectivo é ofrecer ás novas xeracións, por sexto ano consecutivo, “unha aproximación innovadora ao mundo da ciencia e a tecnoloxía desde unha óptica artística e creativa”. Haberá un límite de 25 asistentes.

O programa consta dun conxunto de actividades que xiran arredor de diferentes eidos do coñecemento e que requiren, segundo informa a Tecnópole, “do uso de todo tipo de habilidades, tal como acontece na vida real”. Os participantes levarán a cabo pequenas investigacións, construirán robots programables, aprenderán a crear aplicacións e funcionalidades informáticas, terán a oportunidade de voar drons, deseñarán instalacións artísticas de base tecnolóxica, superarán retos interdisciplinares e descubrirán a maxia das matemáticas. Estas sesións celebraranse os mércores de 18.10 a 19.40 horas durante os meses de outubro de 2020 a maio de 2021. A cota mensual é de 50 €, que inclúe o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense. As inscricións poden facerse a través da web da Tecnópole.

Aulas Tecnópole para rapaces de 12 a 18 anos

As Aulas Tecnópole, que este ano alcanzan a súa undécima edición, están pensadas para espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre o alumnado de 12 a 18 anos. As prazas están limitadas a 40 asistentes. Os estudantes, procedentes de centros de toda a provincia de Ourense, trasládanse unha tarde por semana a Tecnópole, os xoves de 17.00 a 19.00 horas, durante os meses de outubro de 2020 a maio de 2021. Unha vez alí dispoñen das instalacións e recursos do Parque Tecnolóxico de Galicia para levar a cabo os seus proxectos, axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características. Os estudantes, todos eles de Secundaria e Bacharelato, reciben formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa e a estrutura que debe ter a memoria escrita na que se recolla o proxecto. Os seus ámbitos de traballo abranguen todas as áreas do coñecemento, desde as novas tecnoloxías e a informática ata as ciencias ou as humanidades. Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos en Galiciencia (Tecnópole) e noutros certames nacionais como Jóvenes Investigadores do Ministerio de Ciencia e Innovación. A cota mensual é de 15 €, que inclúe o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense. Os pasos da inscrición tamén poden facerse dende a web da Tecnópole.

03/09/202008:48
Dúas nenas usando un portátil.
A Bola

A rapazada do concello da Bola introduciuse nos segredos do PowerPoint

Concello da Bola e a aula CeMIT local organizaron este 27 de agosto unha xornada tecnolóxica dirixida á rapazada e co obxectivo de introducir ás nenas e nenos do termo municipal ourensán, dun xeito divertido, nos usos e vantaxes creativas das novas tecnoloxías da información.

Máis en detalle, a sesión (que se desenvolveu pola mañá, de 10 a 13.00 horas) puxo o foco nas posibilidades lúdicas e educativas da ferramenta PowerPoint de Microsoft, poñendo en xogo recursos para familiarizar aos rapaces (de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos) con este programa e permitíndolles que o empreguen no futuro dunha maneira interactiva e dinámica, ao tempo que “axeitada para a súa idade”. Pablo Vázquez, o técnico da aula CeMIT da Bola, foi o encargado de transmitir todos estes coñecementos aos pequechos e pequechas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS