main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

16/09/202008:35
Cartel da iniciativa.
A Guarda

A Guarda ofrece a partir do 21 catro cursos para introducir á veciñanza nas novas ferramentas

Concello da Guarda vén de informar de que o vindeiro luns día 21 de setembro arrancan os novos cursos de informática na aula CeMIT local. Nesta edición contarase con varios obradoiros que axudarán á cidadanía a obter capacitación tecnolóxica para tirar proveito das novas ferramentas no seu día a día. Nun plano máis concreto, aprenderán a usar un computador, a navegar por Internet, a facer e xestionar documentos de texto e a tirar proveito dun teléfono intelixente.
Estes son, máis en detalle, os cursos incluídos:

  • Manexo do ordenador (luns e mércores): Funcionamento básico do ordenador 
  • Internet (martes e xoves): Navegación básica en internet 
  • Editor de textos: (venres) Edición e escritura de textos 
  • Smartphone: (sábado) Manexo básico dun smartphone

Horarios dos cursos: 

  • Luns-Venres: 10:00h-11:00h, 11:30h-12:30h, 16:00h-17:00h, 17:30h-18:30h 
  • Sábado: 10:00h-11:00h, 11:30h-12:30h 

Segundo engadiu o Concello, por mor das restricións e os protocolos pola pandemia da COVID-19 o aforo de cada obradoiro será limitado, sendo obrigatorio o uso de máscaras de protección, xel desinfectante e manter a hixiene de mans. As inscricións están abertas chamando ao 986 611 580 ou de xeito presencial no Centro Cultural da Guarda.

15/09/202008:27
Entrada á Fábrica de Armas da Coruña.
A Coruña

A Cidade das TIC será distinguida polo CPEIG na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

O proxecto da Cidade das TIC, a gran iniciativa institucional e empresarial para converter a Fábrica de Armas da Coruña nun gran complexo de innovación arredor do coñecemento tecnolóxico (un centro referencial que sitúe a Galicia na zona máis activa do mundo dixital), vai recibir un importante pulo da man do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que anunciou este luns que incluirá o proxecto nos galardóns da súa 12 Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. Concretamente entregaralle o Premio Grandes Proxectos TIC.

A distinción recaerá no máis que completo equipo de entidades, institucións e organizacións empresariais que impulsan a devandita transformación da Fábrica de Armas: a Universidade da Coruña (UDC) e o Clúster TIC de Galicia, coa colaboración do Goberno central, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello da Coruña. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. A gala celebrarase o 30 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela.

Segundo explica a xunta de goberno do CPEIG, esta distinción premia concretamente a iniciativa, pero asegura que “é satisfactorio ver como distintas administracións, de distintos ámbitos, póñense de acordo nun proxecto de país, que demostra a importancia que cobran as TIC nos nosos días”. O presidente do colexio profesional, Fernando Suárez, lembra que xa no seu discurso institucional da Noite de 2019 facía referencia a que “esta unión é a única forma de avanzar, colaborando para ser máis fortes, aproveitando sinerxías e compartindo información e recursos”. Nesta liña, Fernando Suárez asegura que as e os profesionais da Enxeñaría en Informática comparten a profesión “máis social que existe”, porque están obrigadas e obrigados a entenderse con expertos de todos os ámbitos. “Fuximos das actitudes excluíntes doutros colectivos e apostamos pola unión, da que a Noite é referencia e que se ve levada ao seu máximo expoñente neste premio”, salienta, engadindo que “na ecuación da Sociedade da Información, a tecnoloxía é tan só un compoñente, o outro, e sen dúbida o máis importante, son as persoas”, e recalca que “o futuro non é un asunto unicamente tecnolóxico, tamén é cuestión de actitude e de talento, de curiosidade, de vocación por probalo todo, de inquietude e de ganas de mellorar”. Segundo fai saber a respecto do proxecto premiado e dos porqués da devandita distinción, “a filosofía da Cidade das TIC céntrase na economía do coñecemento, onde os recursos máis importantes son as persoas e o talento, que podemos educar e atraer ao noso país para medrar máis, crear mellores postos de traballo e unha mellor calidade de vida para todos”.

Obxectivos da conversión da Fábrica de Armas

Segundo lembra o CPEIG, a Cidade das TIC será un espazo de encontro entre empresas e Universidade, de instalación de startups tecnolóxicas e un punto de apoio para o investimento tecnolóxico en Galicia. “Trátase dun proxecto ambicioso, sustentado pola puxanza do sector TIC galego e o seu alto crecemento nos últimos anos, que busca converterse nun dos centros neurálxicos da innovación e o negocio tecnolóxico en Galicia, a través dun modelo que permita a todos os axentes implicados compartir experiencias e coñecemento empresarial das compañías socias e os seus partners, sempre co apoio do ecosistema de investigación da UDC e do sistema universitario galego en xeral, constituíndo un escaparate único para a tecnoloxía made in Galicia”.

O pasado 18 de febreiro asinouse a cesión da Fábrica de Armas, situada no barrio coruñés de Pedralonga, entre o Ministerio de Defensa e a UDC. Este convenio permitirá reconverter a Fábrica de Armas nun polo tecnolóxico único en Galicia. E o pasado xoves, 25 de xuño, aprobouse no Consello da Xunta, unha achega de 4,82 millóns de euros ao proxecto do primeiro dos edificios da Cidade das TIC, o Centro de Fabricación Avanzada, que entrará en funcionamento nun prazo de dous anos logo de que o Concello da Coruña habilite e urbanice os accesos.

Segundo datos do Clúster TIC, o 55 por cento de todos os empregos xerados polo sector das novas tecnoloxías proceden da provincia da Coruña, e a súa maior parte da área metropolitana da Coruña (A Coruña, Abegondo, Arteixo, Cambre, Carral, Culleredo, Sada e Oleiros), onde hai situadas actualmente 505 firmas vinculadas á nova economía, que suman máis de 7.700 empregos e unha facturación conxunta de 1.097.105.597 euros.

O CPEIG tamén quere destacar que “o proxecto inclúe un parque empresarial, infraestruturas de servizos e investigación compartida e centros tecnolóxicos TIC”. Os contidos iniciais da Cidade das TIC, engade a entidade, “pasan pola dinamización da infraestrutura actual dun centro de fabricación avanzada, unha instalación na Fábrica de Armas de 4.000 metros cadrados que reúna servizos de alto valor engadido, que actualmente non están dispoñibles de forma sinxela a todas as empresas do ecosistema de Galicia, tanto a nivel tecnolóxico como industrial”.

Nesta primeira fase, hoxe en definición, crearanse neste centro unha serie de infraestruturas con equipamento propio, denominadas Labs, con financiamento da Xunta e baixo a responsabilidade da UDC e o Clúster TIC, que darán servizos a todas as empresas demandantes, con independencia do seu sector e tamaño. Segundo lembra o CPEIG, o centro terá cinco liñas innovadoras: dispositivos intelixentes, tecnoloxía multimedia, Intelixencia Artificial, computación cuántica e Internet das Cousas. En cada unha haberá demostracións, produtos funcionando e un servizo de prototipado.

Tras esta fase inicial, acometeranse outras accións programadas, como o aloxamento específico para empresas e institucións nos terreos da Cidade das TIC.

15/09/202008:18
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta e a USC promoven mesas de diálogo cos principais sectores produtivos galegos para analizar as vantaxes da dixitalización

  • O obxectivo dos encontros, que se inician o próximo mércores, é diagnosticar e potenciar o impacto positivo destes procesos no contexto provocado pola covid-19
  • Participarán organizacións empresariais das TIC, o téxtil, a madeira, o granito, a lousa, a loxística, a alimentación, a pesca, o audiovisual, o turismo e a saúde
     

A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) organizan unha serie de mesas de diálogo para analizar o impacto da automatización e a dixitalización nos diferentes sectores económicos de Galicia. Buscan así favorecer a achega de propostas compartidas que contribúan a reactivar a actividade económica, nun contexto no que os procesos produtivos impulsados polas novas tecnoloxías están a cobrar aínda máis relevancia debido ás consecuencias da pandemia da covid-19.

A partir do próximo mércores 16 dan inicio as cinco mesas programadas, que se desenvolverán mediante encontros en liña nos que organizacións empresarias representativas de trece sectores económicos galegos exporán a situación dos procesos de dixitalización e automatización a día de hoxe no seu ramo de actividade. Estarán moderadas por representantes do Igape e da USC e durante cada unha, os participantes poderán enviar preguntas á persoa moderadora.

A primeira das mesas contará coa presenza de representantes dos clústeres galegos das TIC, da moda (Cointega), da función loxística e o alimentario. A sesión do seguinte día, o xoves 17, estará dedicada ao sector audiovisual, a comunicación e o turismo e serán os clústeres respectivos os que aborden a dixitalización e a automatización nos seus ámbitos produtivos.

As seguintes sesións terán lugar os días 23, 24 e 30 de setembro, e nelas participarán organizacións empresariais dos eidos da pesca e a acuicultura; a saúde e as ciencias da vida –neste caso sumarase tamén o Hub de Innovación Dixital Data Life-; así como dos sectores do granito, a lousa e a madeira. Os interesados poden consultar os programas de cada unha das mesas e inscribirse nesta ligazón.

Estas iniciativas enmárcanse no convenio de colaboración subscrito entre o Igape e a universidade compostelá o pasado mes de febreiro coa fin de analizar e facer un seguimento do impacto da automatización na economía galega, e que afianza o protocolo asinado en 2018. O convenio prevé a realización dun estudo sobre as posibilidades de implantación deste proceso tecnolóxico nos sectores produtivos e un informe económico e xurídico sobre as políticas e o estado normativo relacionados, ademais de propostas de actuación que axuden a afrontar os retos existentes e emerxentes.

Nese sentido, a Xunta segue a desenvolver as medidas de impulso á dixitalización incluídas no Plan de reactivación económica activado para afrontar as consecuencias económicas da covid-19, que inclúen programas para fomentar a implantación das novas tecnoloxías e a fábrica intelixente e o impulso do teletraballo, especialmente nas pemes galegas.

11/09/202009:33
Presentación da feira Pont-Up Store.
Pontevedra

Pont-Up Store centra esforzos na vertente formativa: catorce obradoiros sobre emprendemento, innovación e TIC

A edición deste ano da feira de emprendemento pontevedresa Pont-Up Store, organizada polo Campus local (Campus Crea) co Concello como patrocinador principal, vén cun completo programa de actividades formativas virtuais: un total de 14 coloquios e seminarios que se van desenvolver a vindeira semana a través da Rede, algúns dos cales tocarán de cheo as vantaxes da dixitalización ou as posibilidades de emprendemento dos videoxogos. Polo que respecta á axenda de actividades presenciais prevista, por mor da inclusión de Pontevedra dentro das zonas con especiais restricións pola COVID-19 serán obxecto de aprazamento á espera de que se normalice a situación sanitaria.

Polo tanto, a instalación na praza de España dunha carpa na que preto de 40 empresas ían dar a coñecer os seus produtos e servizos e na que se ían desenvolver outra serie de actividades “levarase a cabo cando a situación sanitaria o permita”, explicaron os organizadores este xoves na cidade do Lérez ante os medios. Lembrando o lema desta edición, “unha etapa no camiño de emprender”, o director do Pont-Up Store, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Pedro Figueroa, sinalou que “o camiño continúa” e que a parte presencial do evento levarase a cabo “canto antes poidamos”. No que atinxe á vertente formativa, que no seu 80% ou 90% xa fora concibida con formato online (ou reconverteuse rapidamente), levarase a cabo entre o xoves e o sábado da semana que vén, incluíndo 14 obradoiros, coloquios e seminarios, que achegarán “unha formación moi necesaria neste momento” sobre como adaptar as actividades empresariais ao contexto xerado pola pandemia.

Segundo explicaron os organizadores, a sétima edición do Pont-Up Store ten como gran novidade a incorporación dun espazo dirixido a promover a internacionalización das empresas, no que se agrupan tres obradoiros en liña organizados pola entidade Ticket2Europe, encamiñados a achegar as experiencias de emprendedores e emprendedoras doutros países e a amosar como facer fronte aos medos á hora de emprender no estranxeiro e a como construír redes de alianzas internacionais. Por outra banda, no Espazo de Desenvolvemento de Competencias e Economía Social, inclúense actividades como un seminario que desde o luns promove AJE-Pontevedra, centrado en axudar ás e aos emprendedores a facer fronte á nova situación xerada pola pandemia, baixo o título de Como deseñar a vacina para frear os efectos da COVID-19 no teu negocio utilizando metodoloxía design thinking.

Amais, o grupo WordPress Pontevedra ofrecerá, na tarde do venres, un encontro sobre dixitalización, tecnoloxía e mercadotecnia online, no que expertos e expertas nestas áreas abordarán como levar a cabo a transformación á que se viron obrigadas moitas empresas por mor da pandemia. Neste bloque agrúpanse así mesmo un obradoiro sobre seguridade informática e un seminario sobre marketing dixital.

No Espazo de Igualdade do evento reúnense nesta edición dúas actividades, unha mesa redonda con hackers éticas galegas, expertas en ciberseguridade, o sábado; e un coloquio, o xoves, sobre como a pandemia está afectando á visualización laboral das mulleres, no que intervirán seis emprendedoras participantes en anteriores edicións do Pont-Up Store.

No que atinxe ao recanto centrado nos videoxogos, o Espazo Gaming, fornecerá de tres charlas divulgativas na tarde do venres, organizadas por SPA-cc/HobbyPont e dirixidas a dar a coñecer experiencias de emprendemento neste eido. Por último, dentro do Espazo de Innovación Social, agrúpanse iniciativas como un encontro de iniciativas empresariais impulsadas no rural galego, coordinado por Espazo Arroelo, ou un coloquio sobre emprendemento social.

10/09/202013:11
Videoconferencia entre representantes de Mastercard e da Fundación ONCE.
Madrid

Mastercard doa 170.000 euros á Fundación ONCE para mellorar a formación dixital de mozos con discapacidade

Mastercard, a través do seu brazo filantrópico, doará un total de 170.000 euros (USD $200.000) á Fundación ONCE para mellorar a formación en contidos dixitais e tecnolóxicos de mozos con discapacidade e contribuír así a incrementar a súa inserción e mantemento no mercado laboral.

 

Segundo informaron este xoves as dúas entidades en rolda de prensa, os fondos utilizaranse, en concreto, para formar a 30 alumnos en competencias tecnolóxicas a través do programa 'Por talento dixital' da Fundación ONCE, e para apoiar a outros 30 emprendedores na dixitalización e mantemento dos seus proxectos empresariais.

 

'Estamos encantados de colaborar coa Fundación ONCE para poñer á súa disposición o capital do sector privado, os nosos coñecementos e a capacidade de traballar na mellora das oportunidades de emprego para as persoas con discapacidade', declarou Alejandro Banegas, director de desenvolvemento de negocio de Mastercard España. 'Cremos que este proxecto terá un efecto catalizador na promoción dun crecemento económico máis inclusivo".

 

Pola súa banda, José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, afirmou que a formación en contidos dixitais é hoxe en día fundamental para todos e, por tanto, tamén para quen ten discapacidade, xa que os postos de traballo que requiren de coñecementos tecnolóxicos avanzados son cada vez máis numerosos. 'As persoas con discapacidade', asegurou, 'debemos aproveitar as oportunidades que brindan as tecnoloxías no ámbito laboral para non quedarnos á marxe dun nicho de mercado prometedor. Por iso temos que agradecer a Mastercard a confianza e sensibilidade que demostrou ter co noso colectivo ao facernos esta doazón'.

'Por talento dixital'

Fundación ONCE creou o programa 'Por Talento Dixital' para dar resposta a dous problemas agravados pola crise da Covid-19: o desemprego das persoas con discapacidade e a inclusión deste colectivo no ámbito dixital.

 

De acordo co Servizo Público de Emprego Estatal, os contratos de persoas con discapacidade caeron un 74% en abril deste ano, en comparación co mesmo período de 2019. Ademais, segundo os últimos datos desagregados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), as persoas con discapacidade só representan o 6% do mercado laboral, contan cunha taxa de paro do 26% e só un de cada catro ten emprego (26%).

 

'Sabemos que o talento e a ambición son universais, e que se logra un crecemento económico sólido e sustentable cando liberamos o potencial de todas as persoas', dixo Payal Dalal, vicepresidente senior do Centro de Crecemento Inclusivo de Mastercard. 'Estamos comprometidos co proxecto de reconstruír o que tiñamos e facelo mellor que antes, garantindo unha recuperación inclusiva na que todos os traballadores e empresarios, incluídas as persoas con discapacidade, teñan un futuro máis seguro e próspero'.

 

Por todo o anterior, o Centro de Crecemento Inclusivo de Mastercard uniuse a esta iniciativa da Fundación ONCE para poder axudar a cumprir con obxectivos concretos, ofrecendo ás persoas con discapacidade capacitación específica para postos tecnolóxicos que teñen unha alta demanda no mercado laboral. Tamén colaborando na transición de adaptación dos seus perfís profesionais para que poidan incorporarse na economía dixital, xa que tanto a tecnoloxía como as habilidades dixitais son cada vez máis indispensables incluso para postos non tecnolóxicos.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS