
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Responsables de Amtega e IESIDE presentaron esta mañá o Programa formativo “AceleraTech, impulsando a transición dixital”, que comezará en outubro. É unha iniciativa formativa que ofrece ás pemes galegas, especialmente ao seu persoal directivo, a posibilidade de achegarse ás tecnoloxías disruptivas máis relevantes e os beneficios e condicionantes necesarios para integralas na súa estratexia, estrutura e modelo de negocio.
No encontro de hoxe o docente do curso, Álvaro Gómez Vieites, avanzou as vantaxes das tecnoloxías disruptivas para o tecido empresarial co relatorio “Transformación Dixital, xestión do cambio cultural, e o impacto de Big Data, IoT, Blockchain e a IA na transformación dos negocios”
Programa específico para persoal directivo
O programa está especialmente dirixido a xerentes e propietarias/os de empresas, xa que estas son as persoas con capacidade de decisión e as que poden impulsar e liderar unha transformación tecnolóxica real destas.
As prazas para participar no programa “AceleraTech” son limitadas e os interesadas poderán preinscribirse no seguinte enlace ata o día 1 de outubro https://cdtic.xunta.gal/aceleratech2020. De entre as solicitudes recibidas, a Amtega seleccionará a 25 directivos para asistir ás sesións formativas.
Sesións formativas do AceleraTech
O programa desenvolverase a partir de outubro en colaboración con IESIDE e estenderase ao longo de cinco sesións formativas e un taller final. As temáticas das sesións versarán sobre os seguintes aspectos:
Cómpre destacar que a sesión de ciberseguridade enmárcase no contexto do nodo de ciberseguridade CIBER.gal, estrutura de cooperación que implica ao conxunto de Administracións Públicas do territorio galego nesta materia, e en coordinación coas organizacións de referencia a nivel nacional, INCIBE e CCN para o desenvolvemento de actividades que permitan concienciar e capacitar á cidadanía, ás empresas e ás administracións públicas de Galicia en relación á ciberseguridade co obxectivo de garantir unha contorna dixital segura e afrontar de maneira colaborativa os retos neste eido.
Entre as moitas actividades de interese (boa parte delas virtuais) do programa da nova edición da feira de emprendemento Pont-Up Store, organizada polo Campus (Campus Crea) e o Concello de Pontevedra, figurou unha charla baixo unha óptica feminina que contou coa participación de media ducia de expertas galegas en ciberseguridade. A sesión, moderada por Ramón Suárez, director executivo de iVigo Business Space, abriuse derrubando os falsos estereotipos sobre o perfil das persoas que se adican a traballar en contornas tecnolóxicas e que acaba por xerar (este perfil erróneo) un déficit de mulleres nas disciplinas relacionadas co mundo das telecomunicacións e outras carreiras tecnolóxicas.
Todas elas coincidiron na urxencia de tirar abaixo estes prexuízos e recordar a longa, diversa e completa variedade de perfís profesionais que atesoura o ámbito TIC, moi afastada do modelo único, predominantemente masculino e predominantemente desconectado da realidade, que os medios e a cultura de masas veñen impoñendo dende hai décadas. Tamén xuntaron forzas para salientar a importancia de mostrar ao tecido social como coidar a súa privacidade. A sesión serviu para clausurar, no mediodía do sábado 19, despois de tres días de actividades formativas en liña que foron seguidas por máis de 12 mil persoas (e que seguirán dispoñibles na web e as redes do encontro), a edición da feira pontevedresa Pont-Up Store máis dixital da historia do evento. Susana Rey, enxeñeira Teleco, experta en Ciberseguridade e delegada de Protección de Datos (DPO) no Grupo Euskaltel, Virgin Telco, R e Telecable, asegurou que “os estereotipos de xénero son roles que transmitimos ás crianzas e que acaban por limitar non só as expectativas das nenas, senón as de toda a sociedade, porque necesitamos equipos o máis diversos posible e se perdemos a visión dun 50% do mundo, quedamos a un 50% de facelo ben”. Segundo dixo, “necesitamos que as nenas xoguen con princesiñas hackers”.
Na palestra tamén se abordou o propio estereotipo da hacker para explicar que se trata de profesionais que, ao contrario do que a maioría da poboación imaxina, non son piratas informáticas, senón expertas no manexo de computadoras, que se ocupan de poñer a proba os sistemas informáticos das empresas emulando o ataque de ciberdelincuentes para encontrar fallos de seguridade que podan supoñer unha ameaza e acompañalos para resolvelos. A este respecto, Olalla Sánchez, enxeñeira Teleco, hacker ética e consultora de ciberseguridade, advertiu de que “nunha sociedade cada vez máis conectada e con millóns de móbiles activos, o cibermundo volveuse máis inseguro ca nunca”. Entre as múltiples ameazas que podemos sufrir, Sánchez destacou os fraudes online e explicou que “poderían reducirse en grande parte fomentando a concienciación e a formación das persoas usuarias, un tema de vital importancia para un futuro que xa está aquí e que se vai acelerar aínda máis a causa dos efectos da pandemia”.
Pilar Vila, enxeñeira Informática, CEO cofundadora de Forensic & Security, opina que “é certo que as organizacións son cada vez máis conscientes da necesidade de investir en ciberseguridade, pero non é suficiente; hai que investir máis en formar ás persoas que integran os equipos”. Na palestra lembrouse que “todo dispositivo conectado a unha rede é vulnerable”, e a mellor forma de protexerse fronte aos ciberataques é seguir unhas mínimas normas de funcionamento dixital que a maioría da poboación descoñece ou non practica. Sobre este problema, Susana Rey advertiu de que “temos unha xeración de orfos dixitais que se están introducindo no ciberespazo sen que ninguén saiba ensinarlles as normas básicas”. Olalla Sánchez, engadiu que “nenas e nenos teñen que estar guiados e vixiados, igual que non os deixamos sós na rúa, tampouco podemos deixar que vaian sós por Internet, e formalos no tema da privacidade é fundamental”. Pola súa banda, Sara Suárez Gonzalo, investigadora en datos masivos (Big Data), privacidade, Intelixencia Artificial e algoritmia, usou os termos “civismo dixital” para referirse á necesidade de que a sociedade aprenda a comportarse en Internet; e asegurou que “é necesario fomentar a participación de toda a sociedade na creación e mellora da tecnoloxía, que non pode ficar en mans dunhas poucas persoas expertas”. Neste mesmo sentido, Pilar Vila advertiu de que “se non empezamos a educar en competencias dixitais, imos asistir en pouco tempo a discriminacións sociais moi fortes para as persoas que queden fóra dun mundo que cada día nos vai esixir máis manexo de tecnoloxía”.
Lilian Adkinson, enxeñeira Teleco e responsable de Analítica en Seguridade e Privacidade en Gradiant, explicou que “a demanda destes perfís é maior cada día, pero que está resultando difícil encontrar profesionais con formación específica para incorporalos ás empresas e aos equipos de investigación, sobre todo en Europa”. Neste momento, segundo aclarou Pilar Vila “os 4 ou 5 xigantes que manexan o mercado do Big Data e que fan parte do denominado capitalismo da vídeo-vixilancia, están en Estados Unidos, o que supón unha importante preocupación para a Unión Europea”.
Cómpre destacar como a convivencia con nenos eleva, considerablemente, a porcentaxe de contratación de internet. O 99% dos fogares con nenos e nenas en idade escolar obrigatoria teñen internet contratado mentres que nos fogares sen menores de 6 a 16 anos a porcentaxe descende ata o 84,7%.
O informe, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito a Amtega, amosa que o crecemento na contratación a internet rexístrase especialmente nos núcleos de menos habitantes. Nas entidades de poboación con menos de 5.000 persoas, a porcentaxe de fogares con servizo de internet sitúase no 79%, fronte ao 69,7% de 2018.
Máis velocidade
Máis da metade dos fogares galegos (51%) que ten contratado Internet, conta cunha conexión á Rede superior a 30 Mbps, o que supón un incremento do 6% respecto ao ano anterior, amosando a rápida evolución na velocidade dispoñible. Así se recolle no estudo que destaca, tamén, o incremento do 81,7%, experimentado pola porcentaxe de fogares con velocidade de conexión a Internet contratada superior aos 100 Mbps no último ano, situándose no 23,8%.
Máis uso de internet
Respecto á utilización de Internet, a porcentaxe de usuarios incrementouse un 6,9% respecto ao resultado do ano 2018 e sitúase no 85,6%. No caso de convivencia con nenos e nenas en idade escolar obrigatoria a porcentaxe de uso de internet ascende ao 95,8%
No período 2016-2019, a evolución de persoas que utilizaron Internet nos tres últimos meses en Galicia foi dun 15,7% dende o ano 2016, fronte ao 12,5% do conxunto de España e o 4,9% da Unión Europea. Entre os galegos/as que utilizaron Internet nos últimos tres meses, un 85,6% faino a diario e un 11,6% todas as semanas, que sitúan a Galicia cuns datos moi semellantes -mesmo un pouco por riba- da media estatal.
O uso de Internet continúa a incrementarse en todos os tipos de hábitat analizados. É de salientar que nos concellos de menos de 5.000 habitantes experimentouse a maior suba do indicador desde o pasado ano (11,9 puntos porcentuais). Deste xeito preto do 74% das persoas que residen nestes municipios utilizaron Internet nos últimos tres meses.
eAdministración
No referente á administración electrónica, en 2019 o 70,6% dos internautas galegos interactuaron coas AAPP a través de Internet nos últimos doce meses para obter información, o que supón un incremento do 6,5% no último ano. No conxunto do Estado este indicador sitúase no 53,7%.
Ademais, o 66,8% das persoas que utilizaron Internet nos últimos 12 meses e realizaron xestións coa Administración, tamén enviaron formularios cumprimentados a través da Rede. O tipo de interacción coas AAPP que máis se incrementou o último ano foi a descarga de documentos xerados polas propias administracións a petición dos cidadáns, que experimentou un crecemento do 44,4% e sitúase no 52%.
Factores Determinantes
Con independencia do indicador que se estea a analizar, atópase un denominador común: a influencia de determinados factores e características socio-demográficas na implantación e evolución das TIC en Galicia. Os factores que inciden máis intensamente nos indicadores TIC analizados son a idade, o nivel de estudos, a renda familiar e o tamaño do hábitat.
A menor idade, maior uso da Internet, acadando niveis de uso practicamente universais nas idades máis temperás. A comparativa entre Galicia e España amosa que, ata os 44 anos, Galicia converxe coa media estatal e mesmo a supera lixeiramente entre os 16 e os 34 anos.
Estudantes, ocupados e persoas con nivel formativo secundario ou máis alto son os colectivos que máis utilizaron Internet nos últimos tres meses.
Os fogares situados nos hábitats máis poboados acadan porcentaxes superiores de contratación de Internet; situándose por riba do 90% nos concellos de máis de 20.000 habitantes.
O número de persoas no fogar novamente afecta de maneira positiva á contratación de Internet, superando o 98,6% de fogares con Internet contratado nas vivendas de 4 membros.
Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: informe completo
A plataforma Educovid, deseñada pola Xunta de Galicia como canle de comunicación interna entre os centros escolares e a administración sanitaria para a xestión de casos no eido escolar, está xa plenamente operativa, logo da sesión informativa e formativa para equipos covid dos centros escolares, que tivo lugar onte, na que interviñeron técnicos das consellerías de Educación e de Sanidade, así como da Amtega.
A plataforma telemática Educovid, -tal como establece o Protocolo de inicio de curso- é unha ferramenta que se pon a disposición dos centros escolares para facilitar e axilizar a xestión de casos da covid-19 vinculados á comunidade educativa. É, por tanto, unha canle telemática de comunicación entre os centros educativos e a Central de Seguimento de Contactos (CSC) que permite xerar alertas de positivos e activar o protocolo sanitario. Toda a información rexistrada nesta plataforma será accesible para o persoal sanitario determinado pola administración sanitaria, e estará disposición da CSC para que poidan tomar as decisións que correspondan para cada caso e realizar rastrexos.
No día de onte, representantes das Consellerías de Cultura, Educación Universidade, de Sanidade e da Amtega participaron nun webinario para informar aos equipos covid dos centros educativos de toda Galicia sobre os protocolos de actuación e o uso da aplicación ante confirmación de positivos entre alumnos ou profesores. En concreto, aos integrantes dos equipos covid dos centros proporcionóuselles instrucións precisas sobre a información que deben cargar na plataforma, así como sobre a normativa de protección de datos que se debe cumprir no que atinxe aos fluxos de información.
Cómpre lembrar que cada centro educativo conta cun equipo covid (que suman arredor dunhas 4.000 persoas en toda Galicia), que actúa como referente para o resto do persoal, profesorado, alumnado e familias en todos os asuntos relacionados coa pandemia; e é tamén o enlace entre o centro e a administración sanitaria.
Funcionamento de EduCovid
Cando un profesional ou alumno resulte positivo nunha proba PCR, os técnicos da Central de Seguimento de Contactos accederán a EduCovid, onde poden buscar o centro educativo ao que pertencen e rexistrar unha solicitude dos contactos próximos dese positivo.
Os membros do equipo covid do centro educativo, que previamente se rexistraron na aplicación, reciben o aviso nos seus dispositivos móbiles, visualizan ese expediente de petición de contactos do alumno ou profesor e acceden aos grupos de convivencia que suxire o sistema (alumnos e profesores do mesmo grupo, alumnado e persoas que comparten comedor, alumnado e persoas que comparten transporte...).
A partir de aí o centro educativo seguirá as instrucións da CSC e engadirá ou eliminará contactos desas listaxes. Unha vez finalizado ese proceso, o sistema remite a información dos contactos solicitados aos técnicos da Central de Seguimento de Casos que contactan con eles e adoptan as medidas sanitarias oportunas.
A XGN R Encounter, a meirande LAN party de Galicia, celebrarase en liña os días 10 e 11 de outubro. Non faltará así á súa cita anual coa informática e as novas tecnoloxías, aínda que adaptará o seu formato á actual situación derivada da COVID-19, que non aconsella desenvolvela de forma presencial.
Así, esta edición número vinte contará con 1.080 prazas virtuais para aqueles que queiran participar na party, para os cales a organización creou un evento no que poderán inscribirse de forma gratuíta. O día 22 de setembro abriranse as preinscricións na web do evento, mentres que o día 25 de setembro realizaranse as reservas definitivas.
Esta edición contará cun amplo programa de actividades para os inscritos, do mesmo xeito que nas pasadas citas na chamada Intranet, o cal incluirá durante os dous días actividades formativas e lúdicas, ademais de competicións de videoxogos e arte dixital. Todas elas realizaranse a través de internet.
Ademais, a denominada Extranet, que é a zona da party aberta ao público, converterase tamén nunha área virtual con multitude de propostas.
Moitas das actividades, tanto dirixidas aos inscritos como abertas ao público xeral, retransmitiranse e comentaranse nun extenso programa que se emitirá en streaming durante os dous días do evento, a través de Twitch.