main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

30/09/202008:36
Aula CeMIT de Cuntis.
Cuntis

A aula CeMIT de Cuntis achega un outubro de formación e asesoramento TIC

aula CeMIT do Concello de Cuntis vai achegar en outubro máis formación tecnolóxico-dixital para as veciñas e veciños, co obxectivo de tirar abaixo todas as barreiras que as e os podan afastar das máis importantes utilidades das novas ferramentas (informática básica, redes sociais, móbiles, eAdministración, vídeo-conferencia, etc). O programa cubre tanto a xente adulta como aos menores de idade do concello. Os obradoiros comezarán xa a partir do vindeiro luns. A isto súmase un Servizo de Axuda Tecnolóxica, disposto pola aula CeMIT todos os luns, martes e mércores do mes, en horario de 12.00 a 14.00 horas, para resolver as posibles dúbidas da cidadanía en cuestión dixital.

A listaxe de cursos previstos inclúe un de edición e deseño con programa de retoque e edición fotográfica GIMP (por vídeo-conferencia os días 5, 6, 7 e 8 de outubro se 10.00 a 12.00 horas); os cursos de preparación das probas libres CODIX (a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, do 19 de outubro ao 5 de novembro, de 10.00 a 12.00 en formato telemático), e máis os obradoiros de programación para a rapazada: Scracth para nenos (os sábados de outubro de 12.00 a 13.00 horas) e Microbit para nenos (os sábados de outubro de 13.00 a 14.00).

As persoas interesadas en participar deberán contactar coa propia aula CeMIT para reservar unha praza, posto que son limitadas en todos obradoiros. Poden facelo a través do enderezo electrónico cemit.cuntis@xunta.gal, do teléfono 683 147 165 ou dende a páxina web da Rede CeMIT.

28/09/202013:58
Cartel da iniciativa.
Ames

A aula CeMIT de Ames volve con cursos de iniciación TIC telemáticos e presenciais

aula CeMIT do Concello de Ames vén de compartir o seu programa formativo para outubro, novembro e decembro, unha completa axenda de cursos para introducir á veciñanza nas vantaxes das novas ferramentas da información e a comunicación, todos eles co nexo común de ser cursos seguros con aforo limitado, medidas hixiénico-sanitarias e distancia de seguridade para as e os participantes. Na programación do último trimestre de 2020 da Aula CeMIT incorpóranse tres cursos presenciais para adultos. Comezarase en outubro co de iniciación á informática para, unha vez asentados os contidos básicos coma o manexo do rato e teclado, acender e apagar os equipos e coñecer a xestión do sistema operativo. Este curso será do 6 ao 22 de outubro (os martes e xoves), de 10.30 a 12.00 horas.

Continuarase co curso de iniciación á Internet. Este impartirase entre o 27 de outubro e o 19 de novembro. Nel explicarase como funciona a web: manexo de navegador, interface das páxinas, servizos de interese e introdución ao uso dun ordenador para seguir os nosos cursos telemáticos dende a casa. Os cursos presenciais, que teñen un aforo máximo de 9 participantes, rematarán co obradoiro de iniciación ás redes sociais, que se impartirá do 24 de novembro ata o 3 de decembro (os martes e xoves), en horario de 10.30 a 12.00 horas.

Ofimática dende a casa

Como nas programacións anteriores, ofertaranse cursos telemáticos. Para poder inscribirse precísase un ordenador co software necesario (LibreOffice) e conectado á Rede para poder seguir a retransmisión en directo dende YouTube (luns, martes e xoves) e conectar coas prácticas voluntarias en Jitsi Meet (mércores e venres). En outubro comezarase cos cursos destinados a introducir á suite ofimática LibreOffice, con dous obradoiros sobre o procesador de textos LibreOffice Writer (un de iniciación e outro máis avanzado) e outros dous de follas de cálculo. Introdúcese tamén o curso telemático de presentacións de LibreOffice Impress. Trátase dunha actividade formativa de introdución ata o nivel medio de creación de presentacións con Impress: peculiaridades das presentacións, interface do programa, así coma inserción e formante de diferentes elementos.

Cursos dende a casa para menores

En canto ás actividades formativas destinadas a menores, está previsto un curso de informática de mecanografía que se realizará o xoves 1 de outubro, en horario de 17.30 a 19.00 horas. Será unha sesión única dende YouTube coma introdución á mecanografía mediante a plataforma en liña de Typing.com.

Tramites de inscrición

Para inscribirnos nalgunha das actividades será preciso estarmos rexistrados de balde na rede CeMIT. Para máis información ou facer a reserva podemos acceder á aula no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns ou poñernos en contacto a través do número teléfono: 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal.

28/09/202008:23
Dous mozos usando un sistema FPV de radiocontrol.
Bergondo

Rematan con éxito os campamentos tecnolóxicos ofertados pola Xunta de Galicia en Gandarío coa participación de máis de 40 mozos e mozas

Co obxectivo de impulsar as vocacións tecnolóxicas entre os mozos e mozas galegos, os campamentos tecnolóxicos Digitalia enmarcados no Plan de Talento Dixital de Galicia DigiTalent 2020, seguen a ser un referente grazas á colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

Baixo o lema “O verán que necesitas”, a Campaña de verán de 2020 da Xunta incluíu este ano os campamentos tecnolóxicos, coas máximas garantías de prevención e hixiene, cun espazo de ocio educativo no que traballáronse 3 temáticas: o videomaping, os drons e a robótica, e combinouse a formación con actividades na praia e no mar como vela, kaiak, snorkel ou paddle surf, entre outras.

Así pois, un ano máis Digitalia levouse a cabo nas instalacións do Albergue Xuvenil de Gandarío, situado no municipio coruñés de Bergondo e pecha o seu rexistro con éxito de asistencia entre os mozos e mozas de entre 13 e 14 anos nos tres campamentos tecnolóxicos ofertados.

O grupo de rapaces e rapazas que participa no “Video Mapping: fai visible o que levas dentro” puideron compartir vídeos, crear as súas propias animacións e realizaron representacións nocturnas en edificios

En paralelo, os participantes en “A vista de páxaro: primeiros pasos con drons” adquiriron os coñecementos necesarios para crear, controlar e voar drons.

E, finalmente, os asistentes a “Adestrando o meu robot” aprenderon os principios necesarios para a construción, funcionamento e control de robots sinxelos que superaron probas e retos grazas á aplicación dos coñecementos aprendidos e o traballo en equipo.

25/09/202017:52
Smartphone mostrando a web do Concello de San Sadurniño.
San Sadurniño

San Sadurniño mostra en tres obradoiros online as posibilidades dos móbiles para comunicarnos, mercar e mellorar a saúde

aula CeMIT de San Sadurniño vai retomar en outubro os seus cursos de alfabetización dixital, aínda que, por razóns preventivas e de seguridade sanitaria, non serán presenciais. O catálogo de actividades, que forman parte do programa Obradoiros TIC na Casa 2020-21, optará pola vídeo-conferencia como medio de comunicación, deixando as titorías en persoa (con cita previa) para consultas técnicas ou problemas que non se poidan resolver por teléfono. O primeiro curso (Uso da vídeo-conferencia) empeza o 6 de outubro e xa é posible facer a inscrición a través da conta cemit.sansadurnino@xunta.gal ou do teléfono/Whatsapp 616 016 793.

Esta primeira actividade está programada para os martes 6, 13, 20 e 27 de outubro de 10 a 11.30h. A través dela verase o funcionamento básico dos programas de parola grupal ao vivo e tamén a maneira de instalalos e de configuralos, insistindo moito no control da privacidade. Botarase luz sobre algúns dos máis coñecidos, como Skype, Zoom e Google Hangouts, aínda que para este curso tirarase partido, pola súa sinxeleza e polo seu carácter de aberto, da ferramenta Jitsi. O seguinte curso, Compras seguras por Internet, está previsto para os mércores 7, 14, 21 e 28 de outubro, tamén en horario de 10 a 11.30h. Neste caso coñeceranse as distintas maneiras que existen na Rede para mercar e pagar de forma segura, así como múltiples trucos para aforrar comparando prezos e buscando ofertas vantaxosas.

A última acción formativa programada leva o nome de Saúde no móbil e fixouse para os xoves 8, 15, 22 e 29 de outubro das 10 ás 11.30h. Nesa hora e media diaria descubriranse as maneiras de controlar a actividade física e a alimentación, ademais de varios aplicativos gratuítos para exercitar a memoria. No curso tamén se ensinará a pedir cita médica no SERGAS sen necesidade de chamar ao Centro de Saúde e incluso se verá a maneira de consultar informes médicos.

A maiores destes cursos de outubro, a Aula TIC está a preparar para máis adiante outros obradoiros de interese para a cidadanía: Trámites coa Administración por Internet, Iniciación ao manexo dos dispositivos móbiles (teléfonos e tabletas), Aprender a aprender coas TIC, Crea a túa canle en Youtube e Crea o teu Blog. De todos eles darase información cando estea pechado o calendario.

25/09/202015:47
Un mozo mirando a través dun microscopio.
Ourense

A Tecnópole e Atresmedia lanzan unha plataforma docente online para a rapazada de toda España

Parque Tecnolóxico de Galicia - Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense) e Atresmedia anunciaron este venres 25 o lanzamento dunha plataforma formativa de ciencia e tecnoloxía, en colaboración coa empresa Ceo Aberto, especializada na educación e divulgación científica e co punto de mira nos investigadores e tecnólogos do mañá. Esta plataforma de aprendizaxe online, denominada STEAMbites, vaise desenvolver desde o Parque para todo o ámbito estatal, non só o galego. O alicerce, explica a Tecnópole, “é a nosa ampla experiencia en formación científica, tanto presencial como en liña”.

Esta iniciativa, dirixida a rapazas e rapaces de 8 a 16 anos, xorde como “unha alternativa á formación tradicional”, empregando un modelo educativo no que se traballa por proxectos, con materias que comparten coñecementos. De aí nace o concepto STEAM, acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas. En concreto, STEAMbites parte dunha metodoloxía learn by doing (“aprender facendo”), baseada na experiencia práctica.

A Tecnópole explica que en virtude desta iniciativa o alumnado terá á súa disposición un kit con materiais específicos para que as rapazas e rapaces poidan experimentar, manipular e realizar nas súas casas as diferentes propostas e retos didácticos que os mestres lles irán propoñendo. “O kit permite garantir unha formación totalmente activa, xa que, durante a transmisión online, os participantes realizarán as experiencias amosadas de xeito simultáneo co seu profesor”, explica a Tecnópole, engadindo que o kit inclúe un microordenador con diversos complementos, paper crafts para a creación de proxectos e materiais de laboratorio para o desenvolvemento de iniciativas.

O lanzamento desta plataforma arranca con dous cursos, que comezan o 2 de outubro e rematan o 17 de decembro. Por unha banda, STEAM 101, de iniciación ao STEAM, diríxese a estudantes de 12 a 16 anos. Pola súa parte, STEAM KIDS está enfocado para nenas e nenos de 8 a 12 anos. Cada semana terán acceso a tres horas de novos contidos, que combinarán con retransmisións por streaming e clases gravadas con materiais descargables. Unha vez completado o curso, cada alumno recibirá un diploma emitido por Atresmedia Formación e o Parque Tecnolóxico de Galicia.

Para a mocidade de 12 a 16 anos

A mocidade participante no curso STEAM 101 adentrarase, entre outras materias, en ciberseguridade e hacking ético, programación de microordenadores ou deseño 3D. Aprenderán, ademais, a crear as súas propias aplicacións para móbil de xeito rápido e sinxelo, ao tempo que descubrirán o mundo da Realidade Aumentada e Virtual, e mesmo se achegarán á cociña molecular.

Para a rapazada de 8 a 12 anos

As e os participantes no curso STEAM Kids iniciaranse, partindo do entretemento, na programación a través de Microbit e nos coñecementos matemáticos e científicos de Minecraft. Converteranse tamén en construtores dos seus propios prototipos mediante ferramentas 3D e introduciranse no mundo maker (argalleiro) a partir de circuítos con plastilina, postais luminosas, técnicas de stop motion e hologramas.

O equipo de profesores está integrado por científicos, expertos en comunicación e programadores. A matrícula nestes cursos está aberta na páxina web do proxecto STEAMbites.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS