
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
As entidades estatais SEDIA, SGAD e Red.es lanzaron este primeiro de outubro o terceiro Desafío Aporta, a edición 2020 dun reto xeral que recoñecerá as ideas e prototipos que sexan quen de identificar novas oportunidades de captar, analizar e empregar a intelixencia dos datos no avance da educación, un obxectivo que, en palabras de Red.es, “cobrou aínda maior relevancia no escenario xerado pola COVID”. Un xurado experto seleccionará tres proxectos gañadores entre as propostas recibidas de todos os recantos do ámbito estatal, que serán premiados con 4.000, 3.000 e 2.000 euros.
Nas bases especifícase que “calquera persoa física ou xurídica da Unión Europea, tanto de forma individual como en equipos, poderá participar neste Desafío Aporta”, que levarase a cabo en dúas fases: a presentación de ideas, e o desenvolvemento e defensa do prototipo. O concurso de ideas ficará aberto até o 18 de novembro, e as propostas que se presenten deberán partir da utilización de polo menos unha fonte de datos abertos publicada para a súa reutilización polas administracións públicas, xa sexan nacionais ou internacionais. Un xurado encargarase de avaliar as propostas e seleccionará as 10 mellores conforme a criterios como o impacto, a calidade e a relevancia.
Polo que respecta á segunda fase, nas bases dise que os participantes cuxas ideas fosen seleccionadas previamente disporán de 3 meses para desenvolver o prototipo asociado e presentarano ante os membros do xurado. Dita presentación realizarase, ben presencialmente en Madrid, ou ben virtualmente de acordo coa decisión que Red.es estime oportuna á vista da situación sanitaria na que nos atopemos. As tres mellores propostas premiaranse con 4.000, 3.000 e 2.000 euros.
A Xunta de Galicia reforza o seu apoio á Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) a través dun novo convenio de colaboración que ten por obxecto facilitar o acceso deste colectivo a información pública do seu interese en lingua de signos. O montante deste convenio ascende a 32.500 euros e ten vixencia para todo este ano 2020.
Deste xeito, o Goberno galego e Faxpg dan un paso máis na mellora de servizos accesibles, neste caso no que atinxe á información vinculada a axudas e recursos sociais promovidos pola Administración autonómica que sexan de interese xeral para toda a poboación e, de maneira específica, para o colectivo de persoas xordas. Para este fin, a entidade manterá a súa información institucional actualizada diariamente na súa páxina web e redes sociais con contidos en lingua de signos.
Nos últimos anos a Xunta incrementou a súa colaboración con Faxpg, o que ten permitido crear un novo servizo de atención psicolóxica e de logopedia, poñer en marcha máis proxectos de inserción sociolaboral ou desenvolver programas orientados á adquisición de habilidades para gañar en autonomía.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén a de celebrar a comisión avaliadora para a selección dos admitidos na convocatoria de bolsas para a realización de prácticas formativas en empresas do sector TIC (Bolsas DigiTalent) dirixidas a estudantes do Sistema universitario de Galicia, e que neste momento xa se atopan en escolla de empresa adherida ó programa para a realización das prácticas.
Son en total 19 estudantes, que cumpren os requisitos de ser menores de 31 anos e estar matriculados en carreiras de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura de calquera das tres universidades galegas e que teñan máis do 75% e menos do 100% de créditos aprobados.
Está previsto que, tras publicar a resolución definitiva estes bolseiros comecen o período de prácticas a primeiros de novembro nunha vintena de empresas do sector tecnolóxico por un período de 3 meses. Contarán cun plan de formación e recibirán asesoramento, orientación e dirección das persoas responsables das empresas TIC, as bolsas teñen unha duración de 20 horas semanais e son remuneradas.
Entidades colaboradoras do programa
O primeiro paso desta iniciativa foi a convocatoria para que as empresas tecnolóxicas presentasen as súas solicitudes de adhesión ao programa así como as súas preferencias en canto ás áreas de coñecemento ou titulacións dos bolseiros en función das necesidades que presenten.
As 21 entidades colaboradoras seleccionadas teñen experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, wearables, entre outras. A listaxe completa de entidades que participan no programa está dispoñible na web: https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent
Colaboración institucional
As bolsas DigiTalent articúlanse a través dun convenio de colaboración asinado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA); e contribuirá a dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre os sectores TIC e non TIC.
A VI Maker Faire Galicia, unha das feiras maker máis importantes de Europa, desenvolverase este ano de xeito 100% online e contará por primeira vez cunha xornada destinada en exclusiva á educación. O novo formato permitirá que esta sexta edición da feira de innovación se poida seguir desde todo o mundo, o que fará posible fortalecer os valores diferenciais da cita no referido ao coñecemento compartido e ao seu carácter interactivo.
O evento celebrarase do 18 ao 22 de novembro a través dunha plataforma que integrará un Museo Gaiás Virtual. Contará con dúas xornadas profesionais, que se desenvolverán os días 18 e 19 de novembro, e que estarán organizadas por sectores, poñendo en valor aqueles onde Galicia ten un gran potencial como son a alimentación, saúde, aeronáutica, automoción, enerxía e téxtil.
O 20 de novembro será a quenda para a educación, con relatorios arredor da tecnoloxía, a innovación educativa ou a inclusión. Ademais, os mellores proxectos dos centros educativos que se presenten competirán nun formato elevator pitch (é dicir, a través de presentacións breves sobre os diferentes proxectos) para elixir ao máis innovador. Por último, nas xornadas abertas dos días 21 e 22 de novembro, haberá contido moi diverso relacionado coa robótica, ciencia, innovación social, do it yourself, arte, economía circular ou gaming.
Prazo aberto para participar
Con este programa, moi variado e coa participación de especialistas en distintas áreas de coñecemento, a Maker Faire Galicia convértese nun referente na innovación 360º, compartindo contidos e proxectos relacionados coa innovación social e cultural, a innovación educativa e a innovación empresarial.
As empresas, centros educativos, asociacións ou makers que desexen participar na feira poderán presentar os seus proxectos ata o 15 de outubro. As inscricións poden realizarse a través da súa páxina web.
Esta Maker Faire Galicia celebrarase co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, e a Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convocan o certame “Conectando Xeracións coa tecnoloxía”, tres concursos de creación de contidos audiovisuais ou tecnolóxicos para fomentar a conexión entre xeracións, especialmente entre netos e avós aínda que non será necesario que exista un vínculo familiar entre os participantes.
A iniciativa ten como obxecto principal o uso de diferentes ferramentas ou soportes tecnolóxicos que permitiron e permiten manter en contacto a persoas maiores cos seus netos, sobre todo en situacións nas que non é posible estar fisicamente preto e o teñen que facer de modo virtual, ademais de procurar a ruptura da brecha xeracional.
Os proxectos poderanse presentar en tres categorías: vídeos curtos dun máximo de tres minutos, musical e audioblog, creados de forma conxunta entre nenos e avós nos que poderán contar unha anécdota, unha historia do pasado ou calquera outra cuestión creativa que lles xurda, é dicir, a temática será aberta. O prazo de presentación dos proxectos finalizará o 20 de outubro.
A dotación do premio é de dúas tablets de 10 pulgadas para cada unha das categorías do concurso. O xurado estará composto por cinco membros da xunta de goberno do CPEIG, o seu presidente, o secretario e tres vogais. O fallo publicarase no portal do colexio profesional, https://www.cpeig.gal/, e nas súas redes sociais (Facebook e Twitter: @CPEIG).
Os proxectos poderanse compartir a través de calquera ferramenta de transferencia de arquivos tipo Wetransfer ou Dropbox, facendo o envío ao correo electrónico conectandoxeracions@cpeig.gal, indicando no asunto “Premio Concectando Xeracións + categoría escollida”.
Esta actividade enmárcase no convenio de colaboración entre o CPEIG e a Amtega para a posta en marcha de actividades para o fomento da sociedade dixital.