
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Universidade da Coruña organiza este mes de outubro, entre este venres 2 e o vindeiro día 9, a segunda edición das xornadas Mulleres detrás dos videoxogos. Trátase dun programa de charlas divulgativas e ilustrativas (botando luz sobre a importancia de achegar unha óptica feminina nunha industria arestora tan puxante) impulsado pola Facultade de Ciencias da Comunicación coa colaboración da asociación internacional Women in Games (WIGJ), o Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF) e o Campus Innova, e financiada polo Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades.
O programa, que será integramente online, combina relatorios e faladoiros en directo, abertos á participación do público, con outro tipo de contidos en vídeo e unha exposición virtual sobre pioneiras dos videoxogos.
A xornada dará comezo o venres 2 de outubro ás 16.30 horas horas coa benvida do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e as intervencións de Teresa Piñeiro, como representante da organización das xornadas; Susana Ladra, directora do Campus Innova; e Beatriz Gimeno, directora do Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades. A continuación, o evento continuará coa conferencia Las aportaciones de las mujeres a las tecnologías digitales, da man de Cecilia Castaño, Catedrática de Economía Aplicada e co-directora do Máster sobre Igualdad de Género en la Perspectiva de las Ciencias Sociales da Universidad Complutense de Madrid; e unha conversa entre Jane McGonigal, directora de Game Research and Development no Institute for the Future de Palo Alto (California), e Luz Castro, profesora da Facultade de Comunicación da Universidade da Coruña, cofundadora de Imaxin|Software e directiva de Videoxogo.gal.
Desde o luns 5 ao xoves 8 de outubro a xornada acollerá diversas actividades diferidas como a exposición virtual Mulleres e videxogos. Pioneiras ou as vídeo-charlas de Eurídice Cabañes, directora executiva de ArsGame; Susana Broullón, artista senior en King; e Eva Cid, crítica especializada en videoxogos.
A xeito de remate, o venres 9 de outubro, ás 13:00 horas, celebrarase o faladoiro Talento galego na industria dos videoxogos no que participarán Dhaunae De Vir, desenvolvedora de Negocio en Paradox Interactive, e Carla Bolaños, deseñadora UX en Monster Interactive e estudante do Mestrado en Deseño, Produción e Comercialización de videoxogos da UDC.
A Comunidade galega rematou hoxe os traballos técnicos para deixar libres as frecuencias incluídas no denominado segundo dividendo dixital. Ás 07:00 horas procedeuse ao apagado dos centros emisores da rede de telecomunicacións da empresa pública Retegal, dependente da Xunta de Galicia, para liberar esas frecuencias ocupadas ata agora polas canles da televisión dixital terrestre (TDT).
Este proceso, que se desenvolve a nivel europeo, consiste no desprazamento das canles da TDT a novas frecuencias, co fin de liberar a banda de 700 megahercios do espectro radioeléctrico na que se van despregar as futuras redes de telecomunicacións 5G.
Os centros que se apagaron esta madrugada nas provincias de Ourense e Pontevedra estaban emitindo desde febreiro nas antigas e nas novas frecuencias de modo simultáneo, co que se garantiu o mínimo impacto na poboación.
Para a execución deste proceso de liberación do segundo dividendo dixital en Galicia, Retegal tivo que actuar en 115 centros emisores nas áreas técnicas (provincias) de Ourense e Pontevedra.
En Lugo os traballos xa remataran a principios deste ano, antes da corentena por mor da covid-19. Esta liberación de frecuencias desenvolveuse nun tempo récord nun total de 89 centros emisores, concluíndo os labores na noite do 10 ao 11 de febreiro.
Polo que respecta á Coruña, esta provincia non está afectada polos axustes derivados do segundo dividendo dixital.
A maiores tamén mudou a frecuencia de emisión do múltiple autonómico noutros 216 centros de extensión de cobertura municipal.
A partir de hoxe, a emisión da programación da TVG será na canle 25 para Ourense e na 37 para Pontevedra. En Lugo emite na canle 31.
Concellos e poboación beneficiarios
Os municipios afectados polos cambios de frecuencia na TDT son 101 de Ourense (351.332 habitantes) e 60 de Pontevedra (970.905 habitantes). Mentres, en Lugo foron 58 concellos que suman unha poboación de 289.761 habitantes –a zona sur de Lugo está incluída na área técnica de Ourense-.
Os centros que se desconectaron esta madrugada son:
Provincia de Ourense:
Provincia de Lugo:
Provincia de Pontevedra:
Galicia, xa preparada para o 5G
A liberación das frecuencias da TDT dentro do proceso do segundo dividendo dixital permitirá outros usos diferentes da radiodifusión, principalmente os relacionados cos servizos avanzados de comunicacións electrónicas de carácter paneuropeo, o que vén sendo a nova tecnoloxía 5G.
Deste xeito, a Comunidade Autónoma de Galicia estará en condicións de beneficiarse da tecnoloxía móbil 5G, o que traerá grandes avances na produtividade, competitividade e oportunidades do tecido produtivo e para o benestar social.
Previamente, o Estado deberá proceder á poxa das frecuencias liberadas da TDT, dado que é a Administración competente no proceso de adxudicación de licencias de telefonía móbil.
Impulsaranse así os servizos asociados á telefonía móbil de quinta xeración (5G), tendo en conta que o impacto desta nova tecnoloxía non se limitará ao ámbito do sector das comunicacións electrónicas, senón que facilitará a introdución de aplicacións innovadoras en empresas, cidadáns e Administracións públicas, destacando as aplicacións que marcarán o futuro próximo, como o Internet das cousas (IoT), o vehículo conectado e autónomo ou a telemedicina e a telecirurxía.
O Concello de Tomiño vai pór en marcha un curso de competencias dixitais para mulleres en situación de vulnerabilidade. O obradoiro, que é de balde, celebrarase do 5 de outubro ao 10 de decembro na Aula Obradoiro de Goián. O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de setembro. O curso Competencias dixitais para o emprego e nas relacións coa Administración vén da man dos departamentos municipais de Benestar Social e Orientación Laboral.
Ten o obxectivo de “facilitar ás participantes ferramentas na procura da súa inserción laboral dende o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e paliar a brecha laboral, dixital e territorial de xénero que a crise sanitaria derivada da COVID-19 acentuou e que trae como consecuencia o risco de illamento socio-laboral, especialmente no caso das mulleres, tradicionalmente dedicadas aos coidados de menores e dependentes, en detrimento da súa formación e do seu desenvolvemento socio-laboral”.
O curso, co-financiado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Tomiño, impartirase dous días á semana do 5 de outubro ao 10 de decembro na Aula Obradoiro de Goián. A xornada será de dúas horas e media ao día, dividindo ás participantes en tres grupos, dous de mañá (luns e mércores, de 09.30 a 12.00 h e martes e xoves de 09.30 a 12.00 h) e outro de tarde (luns e mércores, de 16.00 a 19.30 h).
Ademais o Concello ofrece ás participantes que o precisen servizo de canguraxe de balde no grupo de tarde. As participantes recibirán formación teórico/práctica en Internet básica e media (correo electrónico, Google office…), Internet para o emprego (novos traballos e profesións, elaboración de CV e distribución por web/mail, boas prácticas en redes sociais para uso profesional, portais e buscadores de emprego…) así como no uso das webs da Administración (sinatura dixital, SEPE, Seguridad Social…).
O curso completarase cun módulo dedicado a dereitos laborais e un módulo básico de igualdade, impartidos por profesionais de ambas áreas. Para a inscrición, as interesadas poden enviar un correo electrónico a ana.sanchez@tomino.gal, indicando no asunto “obradoiro competencias dixitais” e achegando os datos persoais.
GaliciaTIC, con probabilidade o encontro centrado nas novas tecnoloxías da información máis antigo da nosa terra, regresa este outono para pór de manifesto dúas cousas fundamentais: que tanto o formato elixido polo evento dende o seus inicios (un formato que se vai completar este ano cunha marcada viraxe cara ao virtual) como a temática (as novas ferramentas e as posibilidades que abren para impulsar as nosas empresas, o teletraballo, a xestión, a comunicación, a aprendizaxe, etc) resultan idóneos para superar os atrancos da COVID-19 e mesmo para combatela. A edición (a número catorce) deste ano celebrarase os días 14 e 16 de outubro, sendo o seu fío temático as Tendencias tecnolóxicas no futuro próximo (oportunidades para Galicia).
No novo escenario marcado pola pandemia e a necesidade de garantir a seguridade sanitaria dos asistentes, combinarase a posibilidade da asistencia virtual coa física, esta última centrada durante a mañá do dia 14. Como nas anteriores edicións, GaliciaTIC contará cunha mesa da asociación Ineo, onde os membros da entidade empresarial TIC poderán explicar os seus produtos e servizos tecnolóxicos. O programa xeral do evento contará con relatores de empresas de primeiro nivel do sector, como Gardner, Oracle, Orange, E&Y ou Deloitte, entre outras. O programa artellarase en debates, conferencias, demostracións e webinars, ademais de showrooms virtuais e as actividades propias do espazo de networking.
GaliciaTIC ten a día de hoxe aberto o prazo de inscrición. O obxectivo da organización é converter o evento “nun foro de reflexión e debate sobre o novo escenario marcado pola COVID-19”, abordando as diferentes tendencias tecnolóxicas, as empresas dixitais e conectadas e as oportunidades que brindan para Galicia. O foro, organizado pola Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo), ten asistencia gratuíta, pero require inscrición previa que pode realizarse solicitando un convite aos patrocinadores ou organizadores do evento e cubrindo o formulario creado para tal na web de GaliciaTIC.
GaliciaTIC2020 conta co respaldo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), EDISA, GBTEC, Imatia, Inycom, Oracle, Orange, R, Deloitte, Leyton, OpenSoft e Sistemius.
A Fundación ONCE concedeu un total de vinte e nove bolsas a persoas con discapacidade dentro do seu programa 'Por Talento Dixital', iniciativa de axudas á formación tecnolóxica que pretende mellorar o acceso a empregos cualificados de cidadáns con discapacidade.
Segundo se pon de manifesto na convocatoria do programa, lanzada o pasado mes de febreiro, 'a revolución tecnolóxica e dixital está a transformar o mercado de traballo e favorecendo en moitos casos a accesibilidade de persoas con discapacidade a novos empregos'. Con todo, estes empregos requiren da adquisición de novas competencias tecnolóxicas para o seu bo desempeño.
Desde esta perspectiva, 'Por Talento Dixital' proponse axudar ás persoas con discapacidade a adquirir as competencias e habilidades tecnolóxicas necesarias para encaixar nos perfís profesionais que teñen maior demanda no mercado, á vez que quere tamén 'reducir a fenda dixital de xénero'.
Os beneficiarios das axudas concedidas, que cobren como máximo o 80% do custo total da formación, cursarán estudos de impresión 3D e aplicacións profesionais de drons, deseño dixital (web e app), Marketing e Comunicación Dixital ou de deseño e creación de videoxogos, entre outras materias.
E farano en centros de estudos como a Universidade a Distancia de Madrid (UDIMA), a Escola de Organización Industrial (EOI) ou CREANAVARRA, que son os lugares onde eles elixiron cursar a súa formación.
Programa aberto
O programa de bolsas 'Por Talento Dixital' é unha iniciativa aberta, polo que as axudas concederanse progresivamente ata esgotar a dotación económica establecida para o seu desenvolvemento.
En función das bases da convocatoria, a axuda económica haberá de solicitarse para sufragar cursos ou accións formativas presenciais, online ou mixtas, nalgunha das seguintes áreas de coñecemento: másteres e posgraos nos ámbitos de Enxeñería Informática, Electrónica ou de Telecomunicacións; Industria 4.0 e Internet of Things; Ciberseguridade; Big Data, Data Science; Intelixencia artificial/Aprendizaxe automática; Computación na nube; CRM e ERP (Software de xestión de clientes e empresarial); Marketing Dixital; Deseño e UX/UI (Experiencia de Usuario e Interacción de Usuario); Lean e Agile Project Management; Desenvolvemento de webs e apps, e Informática de xestión.
Así, poderán pedir as axudas os estudantes maiores de 16 anos que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. Toda a información está dispoñible na web https://portalentodigital.fundaciononce.es.