
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Concello de Oroso, a través da súa aula de formación EducaOroso, vai pór en marcha un novo curso de edición de imaxes a través da ferramenta de software libre GIMP, moi acaída para a edición e retoque de fotografías. A actividade desenvolverase en horario de mañá, de 10.00 a 12.00 horas, e de luns a venres, dende o luns 5 ata o xoves 8 de outubro. O obxectivo de esta actividade é aprender o manexo básico do software GIMP, abordándose tarefas como a creación de carteis sinxelos, a elaboración de pequenos retoques nas nosas fotos e a realización de montaxes simples combinando os coñecementos aprendidos.
Estes serán os contidos da actividade:
A solicitude de inscrición pode facerse a través da ligazón da aula CeMIT de Oroso, ou tamén de xeito presencial na propia Aula Mentor EducaOroso na rúa do Deporte, nº 7 en Sigüeiro. A causa da excepcional situación que se está a vivir pola COVID-19 só se ofertarán 6 prazas presenciais, reservando outras 6 para realizar a actividade formativa a través de vídeoconferencia.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, o reforzo da actividade educativa cun plan de educación non presencial e semipresencial, que permitirá aos alumnos contar, ao longo do curso, con 55.000 dispositivos dixitais.
“Estamos a falar dun plan para afrontar coas máximas garantías a educación non presencial e semipresencial e estar preparados para calquera situación que obrigue a suspender a educación presencial, como: supostos de corentenas no caso de contactos estreitos ou supostos de illamentos no caso de positivos”, salientou, incidindo en que a semipresencialidade está prevista só para alumnos de Bacharelato e FP; mentres que os supostos de non presencialidade se producirán no caso de corentena ou illamento, e se estenderían así tamén para o resto do sistema educativo.
Durante a súa intervención, Feijóo subliñou que o plan está estruturado en catro grandes eixes de actuación, con medidas dirixidas ao alumnado, ao profesorado, aos centros e ás familias.
No caso do alumnado, reiterou que a primeira acción pasará pola dotación de dispositivos dixitais, co obxectivo de contar cun total de 55.000 dispositivos electrónicos: 20.000 para prestar ao alumnado con máis necesidades económicas, mentres que os restantes corresponden aos participantes no programa de libro dixital E-Dixgal.
Para acadar este fin, investiranse 5,3 millóns de euros en equipamento dentro da iniciativa E-Dixgal, cos que se adquirirán os 10.000 novos equipos necesarios para a ampliación do programa este curso: 8.000 para alumnado e 2.000 para profesorado. Deste xeito, un total de 34.000 alumnos disporán de ordenadores dentro do E-Dixgal.
Ademais, subliñou que o Consello deu luz verde á sinatura dun convenio de 8,5 millóns de euros para cofinanciar co Goberno central a adquisición de 17.000 portátiles, aos que se sumarán outros máis de 3.000 portátiles que achegará a Xunta: 1.000 de maneira inmediata e outros 2.000 que estarán listos ao longo deste primeiro trimestre.
Por outra banda, e no apartado dos contidos, resaltou que o plan inclúe orientacións sobre o estudo e aprendizaxe semipresencial e non presencial, con estratexias de organización. E estenderanse ademais os contidos dixitais para os cursos de 3º e 4º da ESO.
En relación ao eixe dirixido ao profesorado, este centrarase sobre todo na formación, coa elaboración dun plan de formación sobre as aulas virtuais nos centros, así como a posta a disposición da comunidade educativa dun Banco de recursos educativos, para facilitar a semipresencialidade. Ademais de intensificarse o uso da plataforma do libro dixital -que pasou dunha media de 1 millón de accesos a 2,3 millóns- e o servizo de videoconferencia.
No que atinxe aos centros, Feijóo explicou que se publicarán orientacións sobre semipresencialidade para alumnado e familias; “e haberá formación para todos os membros da comunidade educativa, desde a perspectiva educativa e sanitaria”, engadiu.
Finalmente, no referido ás familias, o presidente do Executivo autonómico asegurou que a clave será a información, co espazo virtual Volvamos á escola con sentidiño e o reforzo da app AbalarMóbil, que actualmente conta con 290.000 usuarios rexistrados e á que durante o confinamento accederon unha media de 60.000 usuarios diarios.
“Nunca fixemos un inicio dun curso escolar durante unha pandemia e estamos someténdonos a unha proba de estrés docente e sanitario sen precedentes. Estou convencido de que isto non é fácil e haberá dificultades, atascos e problemas puntuais que, espero, poidamos ir resolvendo nos próximos días e semanas”, concluíu Feijóo.
O Concello de Rianxo publicou na súa web as bases do seu Obradoiro de Garantía Xuvenil Carnero Valenzuela, que, como lembraremos, porá en xogo recursos formativos para capacitar á mocidade local na especialidade de Confección e publicación de páxinas web. O obradoiro é unha iniciativa destinada a ampliar a formación da xente nova e dotar ás mozas e mozos de instrumentos, recursos e coñecemento que lles permitan abrir a meirande cantidade de portas no mercado laboral. Desta volta trátase de converter a 16 alumnas/os e traballadoras/es en especialistas na creación e mantemento de sitios online, un ámbito profesional cada vez máis demandado por empresas e entidades, tanto para ampliar os seus equipos como en materia de servizos requiridos.
O obradoiro terá 12 meses de extensión e as persoas interesadas en participar nel terán que cumprir, entre outros, os seguintes requisitos: estar no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil; ter entre 18 e 30 anos; ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 ou de 45; ou posuír o título de Graduado en ESO, certificados de profesionalidade de nivel 2 e 1 da mesma familia e área profesional. O programa de emprego Carnero Valenzuela II é un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a inserción das persoas desempregadas mozas incluídas no Ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, co-financiado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo, e promovido polo Concello de Rianxo.
Un total de 50 mulleres con discapacidade inician este martes a súa formación para acceder a postos tecnolóxicos grazas ao Programa Radia, unha iniciativa impulsada pola Fundación ONCE, a Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas (CCS) e a Fundación CEOE, cuxo obxectivo é favorecer a inclusión de persoas con discapacidade en contornas de traballo dixital.
A presidenta da Fundación CEOE, Fátima Báñez; o presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas, Antonio Abril Abadín, e o director xeral da Fundación ONCE, José Luis Martínez Donoso, foron os encargados de presentar este programa.
Segundo explicaron, trátase de ofrecer oportunidades de emprego ás mulleres con discapacidade, que constitúen o grupo que menos opcións ten de desenvolvemento profesional nos ámbitos tecnolóxicos.
Na súa intervención, Fátima Báñez subliñou que 'o maior activo estratéxico que teñen as empresas e tamén España son as persoas, e ese talento, na súa rica diversidade e independentemente das súas capacidades, necesitámolo para contar con empresas máis competitivas e unha sociedade mellor para todos'.
Pola súa banda, Abril Abadín recalcou que "ser capaces, nunha circunstancia como a que vivimos, de poñer en marcha este Programa supón a confirmación do compromiso de todos co impulso da diversidade e da igualdade de oportunidades na nosa sociedade'. Engadiu que as 50 elixidas teñen o reto de cimentar a necesaria aposta polas áreas de coñecemento STEM. 'Temos o talento e contamos coa capacidade de formación nas nosas universidades. Só falta mostrar, nas etapas educativas previas, as enormes posibilidades das ciencias, tecnoloxías, enxeñerías e matemáticas tanto para os homes como para as mulleres'.
Finalmente, Martínez Donoso lembrou que, segundo todas as análises, o 90% dos empregos requirirán de competencias dixitais no futuro e que, ao mesmo tempo, existe unha fenda de xénero en relación ao acceso e uso da tecnoloxía. Por iso, continuou, 'e sabendo que no caso do noso colectivo a fenda é aínda maior, deseñamos un proxecto de formación tecnolóxica moi potente para universitarias con discapacidade, co que queremos que fagades unha inmersión profunda sobre as tecnoloxías dixitais, imprescindibles hoxe para empregos técnicos e cualificados'.
'Nós como ninguén', concluíu o director xeral da Fundación ONCE, 'sabemos que o talento non está rifado coa discapacidade e que podemos chegar aos máximos niveis de formación e de liderado e desenvolvemento profesional se nolo propoñemos'.
O período formativo está dividido en tres fases, que combinan a modalidade presencial e virtual, sobre os asuntos máis candentes da transformación dixital, como intelixencia artificial, fintech, esport, ecommerce, ciberseguridade, biotecnoloxía, blockchain ó Green teach. Ademais, contará con tutela e formación inspiradora con mentoras de diferentes empresas e prácticas en empresas tecnolóxicas.
A primeira fase, Brain Storm, comeza este martes cunha charla sobre intelixencia artificial impartida por Carlos Santana. A fase Mentor Women desenvolverase ao longo de 12 semanas nas que as bolseiras coñecerán os contextos reais do ámbito tecnolóxico da man de profesionais que traballan no dixital e mostraranlles o seu día a día, coa finalidade de ensinarlles, inspiralas e empoderarlas.
Na última fase, denominada Real Work, as seleccionadas recibirán unha formación dixital en 100 sesións de 4 horas e estarán apoiadas por mentores para realizar prácticas nas empresas seleccionadas. Está previsto que finalice o 30 de xuño de 2021.
Programa Radia
A historia de Radia Perlman inspirou o nome do programa RADIA WOMEN'S DIXITAL INCLUSION. Radia é a creadora dun dos protocolos de comunicación máis utilizados do mundo que fai que as redes funcionen correctamente, sexan estables, robustas e seguras.
Actualmente, só un de cada seis especialistas TIC incorporados ao mercado laborais é unha muller. A este dato únese ademais a circunstancia da discapacidade, que dificulta a inclusión das mulleres con discapacidade no ámbito da educación superior e o emprego. Por iso o propósito do programa é ofrecer formación e emprego que inclúa a máis mulleres con discapacidade no sector dixital, recoñecendo tanto o valor das súas contribucións, como o seu talento, algo esencial para construír unha sociedade dixital inclusiva, competitiva e dinámica.
Desde esta perspectiva, RADIA establece unha serie de pasos encamiñados a aumentar o número de universitarias con discapacidade sentadas en postos de traballo baseados no manexo de tecnoloxía dixital.
A Universidade de Vigo informou este martes 22 da convocatoria duns novos galardóns directamente encamiñados a “incentivar, apoiar e fomentar os estudos STEM entre as mulleres”. Ou sexa, os estudos relacionados coas ciencias, as tecnoloxías, as enxeñarías e as matemáticas. Trátase dos galardóns GirlGeekCovid, convocados ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 que impulsaron no seu día a Universidade de Vigo e máis a Deputación de Pontevedra. A iniciativa pon o foco nunha das grandes eivas do noso tempo: a baixa presenza de rapazas nos estudos tecnolóxicos, unha cifra que se reduce co paso dos anos.
De feito, segundo o Observatorio da Igualdade da UVigo publicado este mes, as alumnas son maioría en todos os eidos do coñecemento, excepto no da enxeñaría e a arquitectura, no que representan tan só o 23% do total de estudantes matriculados. Para facer fronte a esta situación e fomentar a presenza de mulleres no eido científico e tecnolóxico, a Universidade de Vigo conta con varias iniciativas como as xornadas Elas fan CienTec ou Exxperimenta en Feminino, ao tempo que colabora cos institutos que imparten o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMbach. A estas propostas agora súmanse os Premios GirlGeekCovid, destinados ás alumnas da UVigo matriculadas nalgunha das titulacións STEM nos Campus de Vigo e Pontevedra. Ten como obxectivo incentivar, apoiar e fomentar este tipo de estudos entre as mozas con dous galardóns de 2000€ e dous accésits de 1000€ para as que teñan mellor expediente e maior motivación. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, animou ás estudantes a presentarse a estes premios “porque as rapazas máis novas necesitan referentes femininos que lles expliquen a importancia de cursar estas carreiras, que lles reafirmen que unha nena pode estudar o que ela queira, e o relevante que é para a sociedade actual poder contar co talento e co coñecemento das mulleres”. Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, remarcou que “o firme compromiso da Presidencia da Deputación e da nosa Universidade está posibilitando impulsar e reforzar as oportunidades para que as mozas opten e permanezan formándose no ámbito STEM, tan estratéxico na actualidade”.
Dous premios de 2000€ e dous accésits de 1000€
Segundo explica a directora da Unidade de Igualdade da UVigo Águeda Gómez, “estes premios nacen co fin de reforzar e apoiar as vocacións STEM das mozas da nosa Universidade e está na liña marcada por esta cátedra co fin último e incorporar ás mulleres ao mundo dixital e acabar co machismo e o sexismo dixital, máis aínda neste tempo de COVID-19 onde o ámbito dixital resulta fundamental en todos os ámbitos da nosa vida social, laboral e persoal”. Os premios recoñecerán o mellor aproveitamento académico das candidatas, ademais da súa motivación explícita nos estudos STEM. Así, poderán presentarse as mulleres matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2020/2021 en 60 créditos en titulacións de grao ou mestrado das ramas de Enxeñaría ou Ciencias dos Campus de Pontevedra e Vigo. O prazo de presentación das solicitudes remata o 16 de outubro. A convocatoria contempla que se outorgará un primeiro premio de 2.000€ e un accésit de 1.000€ en cada eido do coñecemento (Ciencias e Enxeñaría). O xurado valorará tanto o expediente académico como a motivación das mozas.