
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convocou a undécima edición do Premio Proxecto Fin de Carreira e Mestrado en Enxeñaría Informática. O galardón quere ser “un estímulo para os estudantes e recentemente titulados ou mestrados en Enxeñaría en Informática”. Entregarase na duodécima edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebra o 30 de outubro en Santiago.
Tal e como se recolle nas bases do devandito premio, “poden concorrer a el todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en Informática que presentaran nunha universidade galega o proxecto fin de carreira da Enxeñaría en Informática ou o traballo fin de Mestrado en Enxeñaría Informática nos anos 2018, 2019 e 2020. Aqueles estudantes que queiran optar ao galardón do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do proxecto, resumo e memoria completa do mesmo) ata o día 3 de outubro ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura están xa dispoñibles no portal do colexio.
Mediante a organización deste premio, o CPEIG busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de afiliación de balde e a asistir gratuitamente á Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. O gañador ou gañadora recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os proxectos recibidos e seleccionará o traballo gañador. A convocatoria realizada polo CPEIG insírese nos premios da XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que, como dixemos, o colexio organizará o día 30 de outubro en Santiago de Compostela. Este evento anual, ademais de representar un punto de encontro entre todos os colexiados, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.
A aula CeMIT de Ribeira vai desenvolver durante o mes de setembro dúas charlas online gratuítas dedicadas, respectivamente, a ferramentas de control online de contidos e servizos para familias e á iniciación á edición dixital de imaxes.
A primeira delas (baixo o título Ferramentas de control parental e seguridade en contornas dixitais) desenvolverase o 24 de setembro en horario de 18 a 19.45 horas, con oito prazas habilitadas.
A segunda (Iniciación á edición dixital en imaxes) desenvolverase o 29 de setembro de 10 a 11.45 horas, tamén con oito prazas.
Ambas accións realízanse en colaboración coa Redes de Puntos de Inclusión Dixital de Castela A Mancha. As inscricións pódense formalizar na aula CeMIT (sita en Cubeliños número 1 / teléfono 981 876 043) ou ben de maneira telemática no propio espazo web da aula ribeirense.
A aula CeMIT do Concello de Boiro oferta novos cursos en informática para o mes de outubro, que se van realizar de xeito presencial no Centro Social de Boiro. A programación de outubro inclúe catro actividades formativas de distintas modalidades: retoque de fotos, edición de vídeo e usos e vantaxes da suite de ofimática libre Libreoffice Writer e Calc.
O primeiro dos obradoiros que se vai impartir é o de Retoque de fotos con GIMP, que se vai impartir os días 5 6, 7 e 8 de outubro e no que os usuarios van aprender o funcionamento desta ferramenta de retoque de imaxes, debuxos ou fotografías. Os días 13, 14, 15 vaise realizar o curso de edición de vídeo.
As últimas actividades formativas van ser de manexo de Libreoffice. A primeira delas, os días 19, 20, 21 e 22 de outubro será de LibreOffice Writer para a creación de documentos en diversos formatos. Os días 26, 27, 28 e 29 vaise realizar o curso de LibreOffice Calc, no que os asistentes poderán aprender a traballar con follas de calculo. Todos os cursos se van realizar de forma presencial cumprindo coas medidas de seguridade e aforo, en horario de 10.00 a 12.30 horas. As prazas son limitadas e as inscricións poden facerse en axentetic@boiro.org ou no teléfono 981 84 26 35.
Até este 18 de setembro vai ficar aberto o prazo para presentar propostas de relatorios á sétima Xornada de Usuarios de R en Galicia. Os traballos recibidos serán sometidos a revisión polo comité científico e logo notificarase por correo electrónico o resultado da revisión. A xornada, como dixemos, celebrarase o 15 de outubro de 2020 en formato virtual (por primeira vez na historia desta xuntanza de traballo e divulgación e como medida de seguridade sanitaria anti-COVID para as e os participantes). Polo tanto, as diferentes actividades retransmitiranse en vivo e en streaming. Ademais, os vídeos serán pendurados ao remate da xornada no sitio en YouTube da Xornada de Usuarios de R en Galicia.
Esta iniciativa enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a axencia autonómica AMTEGA e o CIXUG para a realización de actividades de fomento do software libre en Galicia. O evento ten como obxectivos a promoción da linguaxe R e as súas aplicacións, ademais de facilitar o traballo en rede entre a comunidade de persoas usuarias da linguaxe e aquelas outras interesadas en coñecela ou en poñer en común as súas experiencias. Como lembraremos, R é un software orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos e que nestes intres estase a utilizar en numerosos eidos relacionados coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, Big Data, bioloxía...). R ten unha natureza dupla de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL.
O vindeiro sábado 26 de setembro vaise celebrar en formato online a edición 2020 do evento FLISoL A Coruña, un encontro directamente encamiñado a mostrar achados e contribucións en materia de software libre e a deixar espazo aberto, sen atrancos, para o intercambio de recursos e coñecemento. A xornada contará con diferentes charlas relacionadas co mundo do software libre e a cultura sen cancelas. Segundo fai saber a organización, achegarase a máxima interactividade cos internautas, que poderán enviar preguntas e comentarios aos participantes nas charlas a través de chats e audio-conferencias.
O FLISoL é o evento de difusión de software libre máis referencial no ámbito latinoamericano e está dirixido a un amplo abano de destinatarios (estudantes, académicos, empresarios, traballadores, funcionarios públicos, seareiros dos programas e das tecnoloxías libres, etc), abranguendo dende expertos avanzados en programación até usuarios con niveis básicos de coñecemento informático. O FLISoL, no que podemos participar de xeito gratuíto, ten a finalidade de impulsar o software libre, dando a coñecer ao público, segundo reflicte o portal Mancomún, “a súa filosofía, alcances, avances e desenvolvemento”.
Nas charlas previstas para esta edición falarase, entre outras, das seguintes cuestións: