main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

10/09/202008:29
Mans tecleando nun portátil.
Santiago de Compostela

En outubro iníciase o programa da AMTEGA para favorecer a transformación TIC das empresas: AceleraTech

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vai intensificar a actividade para favorecer a transformación tecnolóxica das empresas: unha adaptación ás novas demandas e realidades dixitais en boa medida aceleradas pola actual situación sanitaria. E farao a través do programa formativo Aceleratech, impulsando a transición dixital, no que se poderán inscribir as pemes da nosa terra até o 1 de outubro. O seu obxectivo é ofrecer ás pequenas e medianas empresas, poñendo o foco no persoal directiva, a posibilidade de achegar ás máis destacadas, evolutivas e innovadoras ferramentas actuais.

As prazas para participar neste programa formativo son limitadas. Deste xeito, as persoas interesadas poderán preinscribirse ata o día 1 de outubro na ligazón específica habilitada na web do CDTIC. De entre as solicitudes recibidas, a AMTEGA seleccionará a 25 directivos para asistir ás sesións formativas.

O programa desenvolverase a partir de outubro e estenderase ao longo de cinco sesións formativas e un obradoiro final. As temáticas das sesións versarán sobre os seguintes aspectos: A competencia na era dos negocios dixitaisBig Data, Data Science e Intelixencia Artificial; Internet of Things e 5Gg; Blockchain; CiberseguridadeConstruíndo a transformación dixital da peme: taller Lego® Serious Play®.

A axencia salienta que a sesión de ciberseguridade enmárcase nas iniciativas do nodo de ciberseguridade CIBER.gal, estrutura de cooperación que implica ao conxunto de Administracións Públicas do territorio galego nesta materia, e en coordinación coas organizacións de referencia a nivel nacional, INCIBE e CCN para o desenvolvemento de actividades que permitan concienciar e capacitar á cidadanía, ás empresas e ás administracións públicas de Galicia en relación á ciberseguridade co obxectivo de garantir unha contorna dixital segura e afrontar de maneira colaborativa os retos neste eido.

10/09/202008:19
Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
Santiago de Compostela

O CPEIG publica unha guía TIC para familias e docentes no inicio do novo curso

Comezan as clases para a meirande parte dos escolares da nosa terra (este xoves) e as incógnitas sobre como se vai desenvolver o curso son tan grandes, nesta complexa situación marcada pola COVID, que é difícil saber por onde comezar. No longo paquete de incertezas tamén hai unhas cantas cuestións tecnolóxicas relevantes, entre outras cousas porque está claro que as TIC terán este ano un papel máis relevante aínda có ano pasado. Para axudarnos a clarificalas, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de achegar unha serie de consellos para axudar aos pais, nais, titores e docentes a “faceren unha transición máis doada”. E mais, apunta a entidade que preside Fernando Suárez, “tendo en conta o gran papel que cumpre a informática nestes tempos de pandemia na educación dos menores, e presumindo que a formación online pode ter unha presenza destacada no contexto actual marcado pola COVID-19”.

Para comezar, o CPEIG explica que “é importante dispoñer dun equipo informático axeitado para estudantes, pais ou titores e docentes, aínda que todos deben estar preparados para os problemas tecnolóxicos que trae consigo á volta ao cole”. Os casos máis frecuentes, apunta o colectivo profesional, “poden ser problemas coa temperatura do terminal, fallos de conexión Wi-Fi, a pouca duración da batería do portátil, o almacenamento do ordenador e os problemas á hora de enviar arquivos pesados”. Para evitar o sobrequecemento da máquina, o CPEIG sinala que “é preciso manter limpo e libre de obstáculos o sistema de ventilación, detectar que funciona correctamente e entender que programas están mellor ou peor adaptados ás especificacións do seu ordenador”. 

Por outra banda, o colexio lembra que son moitos os usuarios que se queixan de problemas de conexión que fan que a educación a distancia sexa imposible, malia ter contratado un acceso a Internet óptimo. Para emendalo, “pódese buscar unha localización mellor na casa que estea máis próximo ao router, usar puntos de acceso ou repetidores, ou recorrer a unha conexión por cable”, explican os expertos do CPEIG, poñendo o foco noutro problema relevante: a escasa autonomía dos portátiles, que se poden resentir por condicionantes como un uso intensivo ou unha inadecuada configuración da xestión de enerxía, un “grave problema que lle pode xurdir ao estudante especialmente se a batería se esgota durante unha clase importante ou un exame”. Segundo sinala o CPEIG, uns trucos sinxelos son “cambiar a configuración de enerxía do portátil, manter abertos só os programas que se estean usando ou reducir o brillo da pantalla”. 

O colexio recorda que o almacenamento tamén é un cabalo de batalla no que “se debe traballar para mellorar o manexo de documentos e arquivos do ordenador e ter espazo libre”. A este respecto, os informáticos lembran que “existen solucións que van desde a eliminación de arquivos prescindibles e a desinstalación de aqueles programas aos que non se lles dá un uso frecuente, ata a incorporación dunha unidade de almacenamento externo que poida garantir un espazo extra”. 

Por último, o CPEIG destaca que moitos pais soen queixarse da dificultade para enviar arquivos por email a raíz das limitacións de espazo que moitas plataformas de correo electrónico impoñen á hora de adxuntar elementos. O CPEIG propón como solución útil recorrer a servizos de almacenamento na nube, con opcións de balde como WeTransfer, Dropbox, Google Drive, OneDrive ou iCloud.

Protección de datos na volta ao cole

Outro aspecto non menos importante á hora de volver ao cole é a cuestión da privacidade. O CPEIG ofrece unha serie de consellos para pais, profesores e centros educativos para que fagan un esforzo na protección dos menores: “Deben ter un especial coidado coa publicación de fotografías, vídeos ou audios de rapaces, e deben pensar no contido dese arquivo antes de compartilo”. Un punto destacado a ter en conta é a imaxe. O CPEIG sinala que os familiares que tomen fotografías nun evento do centro educativo, tales como festas, actividades deportivas, funcións de teatro, etc., “só poden facer uso delas no seu ámbito persoal e doméstico, e non compartilas nin publicalas en aberto nas redes sociais”. Ademais, cando os centros queiran utilizar datos persoais dos alumnos cunha finalidade distinta á educativa, como o uso de imaxes para publicidade ou promoción en redes sociais, “deberán informar aos pais ou titores, ou aos propios alumnos se estes son maiores de 14 anos, e solicitarlles o consentimento”. 

Por outra banda, os centros educativos e profesores “deben prestar atención ás novas tecnoloxías que utilizan no desenvolvemento das súas labores educativas e na súa organización”. O CPEIG explica que algunhas apps e servizos na nube “poden non proporcionar a seguridade necesaria ou tratar os datos dos menores para crear perfís de aprendizaxe, preferencias ou comportamento”. E engade: “Os profesores só deben utilizar aplicacións que ofrezan a suficiente seguridade e estean supervisadas polo centro e informar aos pais ou titores. Por iso deben comunicarse preferiblemente con centro educativo a través das plataformas e medios proporcionados”.

09/09/202008:31
Pantallazo da web Accessibilitas.
Madrid

Medio cento de entidades súmanse á plataforma 'Accessibilitas' da Fundación ONCE para impulsar o deseño universal

  • Trátase dun portal para impulsar o deseño universal e está aberto a persoas e institucións que poidan mellorar coas súas prácticas a accesibilidade dos espazos, bens e servizos

Medio cento de entidades sumáronse xa á plataforma 'Accessibilitas' un portal creado pola Fundación ONCE e o Real Padroado sobre Discapacidade para impulsar o deseño universal.

 

Trátase dunha plataforma dixital concibida para mellorar o deseño universal de espazos, bens e servizos e dirixida, por tanto, a persoas e institucións interesadas en facer realidade este fin.

 

Desde o seu lanzamento o pasado mes de abril xa son moitas as entidades que se sumaron ao proxecto, entre elas universidades como as de Zaragoza, Sevilla e Xaén; así como distintas administracións públicas como os concellos de Oviedo, A Coruña, e Ávila e comunidades autónomas como Estremadura e o País Vasco, entre outros.

 

A plataforma pretende fomentar a xeración e difusión do coñecemento en materia de accesibilidade universal e contribuír así á creación dunha sociedade máis solidaria, tal e como indica Jesús Celada, director do Real Padroado sobre Discapacidade e director xeral tamén de Políticas de Discapacidade do Goberno de España.

 

'Unha sociedade máis solidaria é aquela que inviste en accesibilidade, só así evitaremos a exclusión dos máis vulnerables no acceso a bens e servizos. 'Accessibilitas' supón un espazo de consulta obrigada para todos os profesionais que queiran ser diferentes e auténticos, desenvolvendo produtos cun valor engadido tan necesario como recoñecido: a accesibilidade', declara Celada.

 

Na mesma liña, Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE, sinala que 'Accessibilitas' pretende ser unha ferramenta de apoio para todas as persoas e institucións interesadas en achegar coas súas accións un gran de area ao deseño universal e mellorar así a plena inclusión da cidadanía con discapacidade.

 

Desde esta perspectiva, a plataforma está dirixida especialmente a todas as persoas cuxas prácticas profesionais poidan influír na accesibilidade dos espazos. "En esencia, ten cabida nela calquera persoa e institución interesada en contribuír ao deseño universal", aseguran o Real Padroado e a Fundación ONCE.

 

Conta con seccións tales como 'Actualidade', 'Cursos e xornadas', 'Produtos de apoio', 'Guías, manuais e estudos' ou 'Casos de éxito', onde se mostran exemplos de accesibilidade ben entendida e correctamente aplicada para que poidan servir de inspiración a organizacións e persoas que dan os seus primeiros pasos nesta materia. Permite tamén descargar deseños de produtos de apoio en 3D.

 

Ademais, o portal dispón dunha área privada dirixida nunha primeira fase a administracións públicas, universidades e organizacións sen ánimo de lucro que operen en España. Nela pódese acceder á normativa técnica de UNE en materia de accesibilidade e a foros especializados atendidos por expertos, así como difundir eventos relacionados coa accesibilidade universal e o deseño para todas as persoas.

 

Os interesados en coñecer o portal poden dirixirse a https://accessibilitas.es/

09/09/202008:23
Cartel da iniciativa.
Vigo

Este mércores inaugúrase a primeira mostra virtual galega sobre videoxogos

Este 9 de setembro ás 18.00 horas inaugúrase en Vigo, no Museo MARCO, a exposición virtual A historia dos videoxogos en 360º. Creada pola Fundación Museo do Videoxogo de Galicia para a Fundación Carlos Casares, no marco das II Xornadas Videoxogo e Literatura, é, segundo indican estas dúas entidades, a primeira mostra virtual de videoxogos que se organiza na nosa terra. Nela explórase o medio século de historia que vai cumprindo sector do lecer interactivo.

O seu punto de orixe está na pegada imprimida polo lecer interactivo nas últimas décadas, unha breve pero intensa de historia de produtos tecnolóxicos que foron quen de chegar a millóns de persoas e exercer un impacto maiúsculo a nivel sociocultural. En palabras das ditas fundacións, “a historia do videoxogo é unha historia apaixonante que combina os ingredientes dos produtos tecnolóxicos máis avanzados coa creatividade e o empeño dos creadores, deseñadores e publicistas, nun camiño de humildes comezos pero con resultados sorprendentes nesta nova industria cultural”. Na visita á exposición poderemos atopar deseños de consolas, o universo arcade, produtos móbiles, Realidade Virtual, mandos de control revolucionarios, videoxogos que marcaron épocas e os principais fitos no emerxente sector do videoxogo en Galicia.

A exposición está coordinada por Jacobo e Galo Martínez, da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI).

Visita presencial

A exposición, instalada no corredor e sala cubo do MARCO de Vigo, poderá ser visitada o mércores día 9 de setembro dende as 18:00 horas ata o peche do museo. Os asistentes terán acceso a “unha experiencia integral e interactiva”, explican os organizadores da mostra, engadindo que esta repetirase nas dúas visitas guiadas programadas para os días das xornadas, venres 11 e sábado 12 de setembro, “seguindo sempre as normas hixiénico-sanitarias en vigor”. Tamén responderán as preguntas e dúbidas das persoas que acudan a visitar a mostra.

Visita virtual

O mesmo día 9 tamén quedará aberto o acceso virtual público e de balde á exposición, na web das xornadas, na web do MUVI e en datas vindeiras na páxina do MARCO.

09/09/202008:19
Cartel da iniciativa.
Baiona

Baiona organiza cursos para mellorar coas TIC a empregabilidade das mulleres

Concello de Baiona, a través do seu departamento de Igualdade, comunicou estes días a apertura do prazo de inscrición para participar nunha iniciativa de alfabetización e capacitación dixital que pon o foco na poboación feminina. Trátase do programa Achégate ás novas tecnoloxías, unha iniciativa que busca equipar ás mulleres dos recursos precisos para afrontar todo tipo de operacións e trámites online (como por exemplo trámites dixitais coas administracións), para mellorar a súa empregabilidade ou para ampliar os seus coñecementos tecnolóxicos.

A actividade, que é cen por cen de balde, foi concedida ao Concello de Baiona no marco do programa de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero da Secretaría Xeral da Igualdade e co-financiada pola Unión Europea a través do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020. Inclúe catro cursos de 12 horas de duración cada un e desenvolveranse en horario de mañá e tarde do 15 ao 24 de setembro. As mulleres interesadas en participar poden contactar co Centro Municipal de Información á Muller (CIM) no teléfono 986 35 75 54 de luns a venres en horario de 8:30 h a 13:30 h.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS