main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

09/10/202008:05
Espectáculo de ciencia da Tecnópole.
Ourense

A Tecnópole celebrou un espectáculo de ciencia online que reuniu máis de 10.000 estudantes

Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) acolleu este xoves 8 de outubro un espectáculo de ciencia online para alumnado de Secundaria. A cita, abeirada ao proxecto Ciencia e Tecnoloxía en feminino promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), reuniu máis de 10.000 rapaces de toda España (a través da participación dos 18 parques que impulsan o proxecto). O obxectivo desta iniciativa, que este ano cumpre a súa terceira edición, é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de ciencias ou tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas (STEM polas súas siglas en inglés).

A presentación realizouna a directora de GAIN -Axencia Galega de Innovación-, Patricia Argerey, conselleira delegada de Tecnópole. Salientou que para o Goberno galego “é unha prioridade espertar o interese e a motivación das nenas e nenos pola ciencia e a innovación, xa que o capital humano é un dos factores clave para a competitividade do noso tecido produtivo e nos nosos centros de coñecemento e, por tanto, da nosa Comunidade”.

Durante o evento deuse a coñecer o proxecto e presentouse tamén a guía Que quero ser de maior?, da man do presidente de APTE, Felipe Romera, e da directora xerente da Asociación, Soledad Díaz. A través desta guía, que se fará chegar aos centros educativos de Secundaria de toda Galicia, búscase promover as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. Recóllense as saídas profesionais dun total de 37 titulacións, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual.

Polo que respecta ao espectáculo de ciencia en si mesmo, foi dinamizado polos divulgadores científicos Patricia Barciela e David Ballesteros, e consistiu na realización dunha serie de experimentos, xogos e curiosidades. A finalidade desta experiencia era que os máis novos descubrisen que a ciencia pode ser atractiva e divertida para todos. Nesta proposta os dous divulgadores achegáronse á problemática do fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as mozas e os aspectos que xeran un déficit de estudantes universitarias nestes ámbitos. Para iso, romperon roles e estereotipos, aproximáronse a momentos estelares da ciencia protagonizados por mulleres e desenvolveron experimentos de grande espectacularidade. Aínda que o evento foi online, 50 rapaces de primeiro a terceiro da ESO tiveron a oportunidade de asistir ao espectáculo en directo, nas instalacións de Tecnópole.

A mostra sobre as mulleres que cambiaron o mundo

O evento rematou coa presentación da exposición Mulleres que cambiaron o mundo, que se exhibe de xeito permanente nas instalacións de Tecnópole e que para esta edición se enriqueceu coa incorporación de novos paneis relativos a catro científicas relevantes que desenvolven o seu labor no Parque Tecnolóxico de Galicia. Trátase de Esther Merlo, pioneira en España en utilizar a velocidade de desprazamento dunha onda dentro da árbore para avaliar a rixidez da madeira, fundadora da empresa Madera Plus Calidad Forestal, e que traballa para optimizar a xestión forestal sustentable e o uso da madeira; Mª Azahara Soilán, especialista na utilización de madeira como material estrutural para unha construción respectuosa co medio, exerce o seu labor no CIS-Madeira; Enma Conde, que traballa no eido da biotecnoloxía como directora de I+D+i da empresa Glecex, emprestando servizos tecnolóxicos a empresas do sector agroalimentario, cosmético e de nutracéuticos; e Lucía Novelle, socia fundadora da empresa Ingeo, especialista no estudo e deseño de instalacións de enerxía xeotérmica.

A exposición amosa a traxectoria de mulleres científicas e tecnólogas no ámbito galego, nacional e internacional que deixaron a súa pegada ao longo da historia e que agora se pretende que sexan referentes para as novas xeracións. É o caso da precursora do libro electrónico, Ángela Ruiz Robles; a pioneira da programación que levou o Apolo á Lúa, Margaret Hamilton; a astrónoma que descubriu a materia escura, Vera Rubin; a primeira persoa que creou un programa de computador, Ada Lovelace; ou a bioquímica Gertrude B. Elion, que descubriu tratamentos para a leucemia e a malaria e fixo posible os transplantes de órganos; entre outras.

08/10/202013:18
Dúas mozas traballando diante dun portátil.
Vigo

A Cátedra Feminismos 4.0 impulsa seis proxectos para rachar coa fenda dixital de xénero

A Cátedra Feminismos 4.0, impulsada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra para impulsar o debate arredor das novas tecnoloxías e o papel das mulleres neste ámbito, amais de para dar azos a proxectos de investigación en clave feminina, xa recibiu seis proxectos para a súa convocatoria de axudas de investigación. Tocan temas diversos, aínda que unidos pola súa vontade de favorecer a igualdade no eido das tecnoloxías: a presenza das mozas nas enxeñarías, os machismos e os imaxinarios de xénero na rede, as vocacións matemáticas entre as alumnas ou a Intelixencia Artificial e o xénero. En total son seis propostas que reciben unha achega de entre 6000€ e 3500€. 

O proxecto mellor valorado e que recibe a contía máxima posible da axuda está coordinado pola profesora de Ciencias da Educación e do Deporte Mari Lires e versa sobre as percepcións do alumnado de Bacharelato sobre as enxeñarías. Trátase de analizar o porqué da persistencia desta fenda que separa ás mozas das titulacións técnicas que provoca que, na Universidade de Vigo as mulleres representen só o 23% do alumnado dos graos de enxeñaría. 

Outro dos proxectos tamén aposta por analizar a perspectiva de xénero á hora de escoller os estudos, en concreto a proposta de Marta Pérez, docente da Escola Superior de Enxeñaría Informática, centrarase nas vocacións matemáticas na última etapa da educación primaria. 

Outra das propostas que se desenvolverán ao longo deste curso ao abeiro da cátedra está dirixido polo profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Luis Xabier Martínez Rolán e centrarase en analizar a presenza das mulleres pontevedresas na Rede, estudando as situacións de micromachismo e os discursos de odio en Twitter. Partirá dunha “escolma de mulleres cunha presenza activa nas redes”, da que formen parte deportistas, artistas, políticas ou científicas, e entre as que figure unha “porcentaxe grande” de mulleres pontevedresas. 

Outro dos proxectos pon o foco nas redes sociais, e vén da man de Rut Martínez, docente do Departamento de Didácticas Especiais. En concreto centrarase en Instagram para avaliar os imaxinarios de xénero na mocidade, facendo un estudo comparativo entre os espazos virtuais dos campus galegos. 

A listaxe de proxectos seleccionados nesta convocatoria de axudas inclúe tamén o estudo proposto por Patricia Valcárcel, profesora da Facultade de Ciencia Xurídicas e do Traballo, sobre Intelixencia Artificial e xénero. Baséase en avaliar as bases éticas e problemas de nesgo de xénero na elaboración de algoritmos para políticas públicas e procedemento administrativos. Neste proxecto están implicados investigadores das áreas de Dereito Administrativo, Dereito Constitucional e Filosofía do Dereito, co obxectivo de afondar, por unha parte, “nos dilemas éticos na aplicación da Intelixencia Artificial, para seguidamente analizar a problemática dende a perspectiva de xénero que pode derivarse da utilización dos algoritmos para a adopción de decisións ou realización de tarefas nas políticas públicas ou nos procesos administrativos”. 

A lista de proxectos seleccionados complétase coa proposta sobre microaprendizaxe feminista corporativa presentada pola profesora da EE de Telecomunicación Soledad Torres. A idea é realizar unha investigación co fin de seleccionar contidos formativos de xénero e igualdade destinados a empresas, e desenvolvelos logo mediante a ferramenta didáctica da microaprendizaxe.

08/10/202013:11
Presentación dos cursos.
Lugo

Benestar de Lugo organiza cursos de capacitación dixital para a terceira idade e a persoas usuarias dos Servizos Sociais

área de Benestar Social do Concello de Lugo que dirixe a edil Olga López Racamonde organiza este outono dous cursos TIC para favorecer o uso das novas tecnoloxías entre a veciñanza e rachar con problemas de exclusión por este motivo: por unha banda un curso de alfabetización dixital dirixido a persoas maiores de 65 anos que teñan interese pola aprendizaxe do funcionamento das ditas ferramentas da información e a comunicación, e pola outra unha actividade formativa dirixida a achegar competencias en Administración Electrónica, neste caso, destinado a persoas usuarias dos Servizos Sociais que xa teñan coñecementos básicos no manexo do ordenador.

A formación desenvolverase na aula CeMIT María Balteira e no Edificio de Novas Tecnoloxías, onde se habilitarán 9 prazas por curso e centro coa posibilidade de facelo tanto en quenda de mañá como de tarde. Para o de alfabetización dixital realizaranse, en total, catro convocatorias, en períodos de 10 días, a razón dunha hora por xornada. As persoas interesadas en participar nel deberán indicar na solicitude cales son as súas preferencias de localización e horario. 

Segundo indicou a concelleira, dende o servizo priorizarase a situación de vulnerabilidade das e dos usuarios, en canto aos recursos económicos dos que dispoñen pero tamén se terán en conta outros factores como o nivel de soidade ou o descoñecemento do uso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), etc.

A inscrición poderá realizarse, do 6 ao 9 de outubro, ben a través dos números de teléfono 646 706 344/ 689 307 601 en horario de 9.00 a 14.00 horas; ben do correo electrónico animacion.sociocultural@lugo.gal ou ben de xeito presencial, solicitando cita previa nos centros sociais Maruja Mallo ou Milagrosa.

07/10/202008:24
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A cuarta edición de Youtubeir@s recibiu 300 vídeos e 50 canles a 17 días de pechar a inscrición

As entidades organizadoras dos Premios Youtubeir@s (os servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades da nosa terra e da Deputación da Coruña) veñen de facer balance do acadado até o momento pola cuarta edición do certame, que vén marcado polas restricións da COVID e, para contrarrestar e conxurar a adversidade, por unha participación que rompe todas as marcas. Segundo fixeron saber, xa se presentaron máis de 300 vídeos e 50 canles á nova edición do concurso, a 17 días de pechar o prazo de presentacións. Competirán nas doce categorías nas que se dividen os galardóns. O obxectivo, unha vez máis: encher as redes de contribucións audiovisuais na nosa lingua.

Os concellos explican que a participación superou xa as cifras rexistradas na edición de 2019, ano no que concorreron ao certame 240 vídeos e 31 canles. Dende a organización dos Premios Youtubeir@s, agárdase que estes números aumenten nas últimas semanas de prazo, tendencia que se vén repetindo dende a posta en marcha desta iniciativa. O prazo de inscrición finalizará o vindeiro 23 de outubro de 2020 ás 23.59 h.

7.500 euros en premios

Segundo engaden as entidades organizadoras, a cuarta edición dos Premios Youtubeir@s conta con cambios significativos nas súas bases en comparanza con anos anteriores e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nas doce categorías do certame neste ano. O concurso está aberto a todas as persoas maiores de 14 anos con canles e/ou vídeos en galego, auto-producidos, subidos a Youtube e que estean publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019. No caso de presentar unha canle, esta debe conter polo menos 5 vídeos, maioritariamente en galego e realizados con posterioridade a esa mesma data. 

Ampliación de categorías

Unha das grandes novidades desta cuarta edición de Youtubeir@s será a reorganización e ampliación das diferentes categorías. Se en 2019 o certame estaba dividido en oito galardóns, para este 2020 haberá doce diferentes. Así, o concurso contará cos seguintes premios: canle, vídeo, youtubeir@, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. En total, Youtubeir@s repartirá entre as persoas gañadoras 7.500 euros e o palmarés será decidido por un xurado conformado por persoas de recoñecido prestixio.

Premio do Público

Ademais de todo o que o xurado experto seleccione, tamén caberá a opinión xeral do público. Nesta cuarta edición, serán os/as seguidores/as quen propoñan os seus vídeos preferidos para concorrer ao Premio do Público. As propostas poderanse facer só a través do formulario habilitado na páxina web do Proxecto Youtubeir@s, cumprirán cos mesmos requirimentos das bases xerais e realizaranse antes do 23 de outubro de 2020. Entre o 2 e o 16 de novembro, abrirase a través das redes sociais un formulario de votación. Os tres vídeos que reciban máis votos do público pasarán ao xurado dos premios, que ratificará a votación do público logo de comprobar que cumpre as bases xerais.

Entidades organizadoras

Esta cuarta convocatoria do proxecto Youtubeir@s organízana os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, A Baña, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago e Teo; ademais das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña. Con ela, preténdese seguir consolidando a comunidade creadora galega na rede mediante o fomento da creatividade con temas propios e ir xerando referentes en galego na plataforma Youtube.

07/10/202008:15
Imaxe dun obradoiro na pasada edición do XGN R Encounter.
Santiago de Compostela

XGN R Encounter contará con máis de 30 actividades lúdicas e formativas

XGN R Encounter, que se celebrará en liña os días 10 e 11 de outubro, xa vai definindo os seus contidos. O encontro virtual albergará no seu programa máis de 30 actividades lúdicas e formativas, incluíndo competicións de arte dixital, hardware, software libre e torneos de videoxogos. Ademais, as charlas formativas estarán centradas na intelixencia artificial e a programación. E por se fixesen falta aínda máis atractivos, o programa de televisión que será retransmitido por streaming de forma gratuíta e que servirá de fío condutor ao evento comeza xa a desvelar a identidade dos seus invitados; rostros coñecidos como os protagonistas de La Resistencia Grison e Jaime Caravaca, xunto a coñecidos streamers, entrevistaranse durante o programa.

Deste xeito, a XGN R Encounter está xa ultimando os detalles para presentar en breve o seu programa de actividades. Nesta edición número vinte habilitáronse 1.080 prazas virtuais, dispoñibles de forma gratuíta a través da páxina web do evento para aqueles que queiran participar.

Programa de televisión

Moitas das actividades, tanto dirixidas aos inscritos como abertas ao público xeral, retransmitiranse e comentaranse nun extenso programa que se emitirá en streaming durante os dous días do evento, a través de Twitch. A través desta canle fomentarase a interacción cos participantes, que ademais recibirán información de interese sobre o propio evento. Xunto as entrevistas e actividades formativas, haberá tamén tempo para as actuacións musicais e o humor.

A Feira Internacional de Galicia ABANCA atópase actualmente a pleno rendemento para culminar a organización desta edición, a cuarta con R como colaboradora e patrocinadora oficial, que proporciona ademais a conectividade ao evento, e que de novo conta co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, impulsora da party.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS