main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

02/09/202008:06
Alumnos nunha clase usando unha tablet.
Santiago de Compostela

15.000 alumnos de 3º e 4º da ESO beneficiaranse dos contidos dixitais de E-Dixgal

A Xunta de Galicia mantén unha firme aposta pola transformación dixital da Educación, na que continúa avanzando coa extensión dos contidos dixitais para os cursos de 3º e 4º da ESO. Con este obxectivo a AMTEGA vén de licitar un contrato que permitirá dispoñer de contidos dixitais de dous provedores distintos por cada materia destes cursos.

Cun importe de 600.000 euros por dous anos, prorrogables outros dous, o contrato beneficiará a preto de 15.000 alumnos duns 130 centros E-Dixgal que imparten 3º e 4º da ESO a partir do segundo semestre do novo curso, que será cando estean dispoñibles estes contidos. Tamén está previsto incrementar os contidos innovadores Dixit, unha das últimas liñas da iniciativa do libro dixital, que facilita aos docentes a creación de contidos empregando tecnoloxías disruptivas en colaboración con empresas tecnolóxicas.

Actualmente, estase a traballar en contidos das materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeología, Xeografía, Ciencias Sociais, Física e Química e Idiomas. A todo o anterior súmanse os contidos do Repositorio Abalar, que xa ofrecen máis de 3.500 recursos en 7 idiomas dispoñibles para alumnos e profesores.

34.000 alumnos con libro dixital o vindeiro curso

Neste curso 2020-2021 serán xa 34.000 os alumnos que estudarán con libro dixital e 470 os centros integrados na iniciativa E-Dixgal para o que se investirán 5,3 millóns de euros, en equipamento, tanto para aulas de Primaria e da ESO como para as de Formación Profesional e en contidos dixitais, gratuítos para as familias.

Con esta previsión a Administración autonómica continúa a avanzar na transformación dixital das aulas, un obxectivo que se marcou en 2010 coa posta en marcha da iniciativa Abalar, na que se levan investidos 100 millóns de euros en equipamento, mellora de infraestruturas, contidos dixitais e implantación de novos servizos e canles de comunicación online. Desde a súa posta en marcha, Abalar completou a dixitalización de 6.000 aulas de 900 centros, beneficiando a máis de 120.000 alumnos.

01/09/202012:50
Mans tecleando.
Rianxo

Rianxo formará a mocidade local en páxinas web para incrementar a súa empregabilidade

O Concello de Rianxo vai poñer en funcionamento unha iniciativa para ampliar a formación da xente nova e dotar ás mozas e mozos de instrumentos, recursos e coñecemento que lles permitan abrir a meirande cantidade de portas no mercado laboral. Trátase do Obradoiro de Garantía Xuvenil Carnero Valenzuela II, que ten o obxectivo concreto de formar a 16 alumnos e traballadores na especialidade de Confección e publicación de páxinas web.

O obradoiro terá 12 meses de extensión e as persoas interesadas en participar nel terán que cumprir, entre outros, os seguintes requisitos: estar no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil; ter entre 18 e 30 anos; ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 ou de 45; ou posuír o título de Graduado en ESO, certificados de profesionalidade de nivel 2 e 1 da mesma familia e área profesional. 

O programa de emprego Carnero Valenzuela II é un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a inserción das persoas desempregadas mozas incluídas no Ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, co-financiado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo, e promovido polo Concello de Rianxo. Máis información na páxina web municipal e nas bases do obradoiro (PDF).

01/09/202009:24
Un portátil, un smartphone e unha axenda enriba dunha mesa.
Pontevedra

SmartPEME regresa a primeira semana de setembro con catro obradoiros online

O programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, impulsado pola Deputación de Pontevedra para facer avanzar a formación TIC entre autónomos, empresas e profesionais, retoma a actividade este mes de setembro e faino, na primeira semana, con catro novos obradoiros online. As accións, con 10 prazas cada unha, versan sobre xestión de redes sociais, ferramentas para a mellora da web, ciberseguridade, copywritting, ferramentas para empresas turísticas, promoción das empresas ou técnicas de mercadotecnia dixital.

O primeiro curso celébrase este martes 1 e trata sobre os Infoprodutos: que son e como crealos da man de Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. Ao día seguinte Mariana Rosa, graduada en Turismo, ensinará ás e aos participantes Medidas para enfrontar o coronavirus no teu establecemento turístico. O xoves 3 desenvólvese un obradoiro de Blockchain: a tecnoloxía que pode cambiar o mundo, co experto universitario en robótica Manuel Freire. Para finalizar a semana, o venres 4 Laura Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, impartirá un taller titulado Fotografía de produto para a túa tenda en liña ou ecommerce.

01/09/202009:20
Mans tecleando.
A Coruña

A Coruña lanza un amplo feixe de obradoiros tecnolóxicos para persoas emprendedoras

Co fin de botar unha man, nestes tempos complexos de COVID, a emprendedoras e emprendedores que queiran dar forma a un proxecto de mercado, o Concello da Coruña puxo en marcha obradoiros formativos e gratuítos que abordan cuestións relevantes sobre novos xeitos de vender produtos, xestionar un negocio ou comunicarse con usuarios e clientes. Os obradoiros tamén se encamiñan a persoas traballadoras autónomas, comerciantes e empresariado en xeral.

Esta iniciativa, que complementa o Plan de Reactivación Económica e Social da Coruña (PRESCO), ten o obxectivo de proporcionar á xente emprendedora coñecementos e habilidades necesarias para desenvolver e consolidar a súa idea de negocio, apoiando desta maneira a creación e mantemento de negocios na cidade da Coruña. Trátase de talleres formativos de carácter gratuíto e de curta duración que se impartirán en liña entre os meses de setembro e decembro, e que se agrupan en cinco bloques temáticos. Haberá, entre outros, cursos sobre como Emprender proxectos en liña (con inicio o 17 de setembro), sobre Estratexias para captar novos clientes (8 horas, con inicio previsto para o 22 de outubro), sobre Ciberseguridade na empresa (7 horas, con inicio previsto para o 8 de outubro), sobre Ferramentas de Google para emprendedores e empresas (10 horas, co comezo programado para o 27 de outubro) ou, tamén, sobre o Certificado dixital para pemes e autónomos (4 horas, con inicio previsto o 24 de novembro).

As prazas son limitadas e outorgaranse por orde de inscrición. Ademais, as persoas participantes que realicen as tarefas propostas e superen os exercicios de avaliación recibirán un diploma acreditativo da realización de cada un dos talleres. O prazo de inscrición xa está aberto. As persoas interesadas poden inscribirse desde a web do Concello da Coruña.

01/09/202009:11
Presentación das Xornadas Videoxogo e Literatura.
Vigo

As Xornadas sobre Videoxogo e Literatura poderán seguirse en streaming

Gardan dentro de si as novelas potencial para enriquecer o lecer interactivo? Poden os videoxogos ampliar os horizontes da literatura? Estas e outras preguntas serán respondidas ao detalle, con exemplos concretos de diálogo, confluencia e comunicación, no transcurso das Xornadas Videoxogo e Literatura que se celebran os días 11 e 12 de setembro no museo MARCO de Vigo. As xornadas foron presentadas este venres no auditorio do dito museo. Segundo se fixo saber, desenvolveranse baixo un epígrafe que pon as claras a vontade de xerar interactividade entre as dúas linguaxes creativas: Unha mirada transversal.

Os encontros, organizados pola Fundación Carlos Casares coa colaboración do Museo do Videoxogo de Cangas (MUVI) e mais Polygon-e Studios, contando co patrocinio do Concello de Vigo, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura e Deporte do Goberno de España, e a colaboración da Fundación MARCO e a axencia AGADIC, poderán seguirse a través de tecnoloxía streaming, e tamén de xeito presencial no auditorio do MARCO, previa inscrición, até completar un aforo de 26 persoas.

Na rolda de prensa interviu en primeiro lugar Gustavo Adolfo Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares, que tras desculpar a ausencia de Luz Castro debido a “un compromiso de última hora”, salientou como un dos obxectivos do evento “a consolidación do foro de información, formación e debate da situación e perspectivas do sector do videoxogo, maiormente, na contorna do sistema cultural galego”. Segundo fixo saber, con esta edición quérese poñer o foco nas influencias que a literatura tivo e ten nos videoxogos, asi como a que os videoxogos están exercendo na literatura. Asemade, engadiu, serán obxecto de debate os efectos sociais dos videoxogos, a problemática profesional.

Galo e Jacobo Martínez aproveitaron a súa intervención para anunciar que o Museo do Videoxogo de Cangas, MUVI, do que son co-fundadores, vén de converterse en fundación cultural galega. Amais, lembraron que a mostra A historia dos videoxogos en 360º, poderá visitarse in situ a partir da vindeira semana, e de forma virtual a partir do 7 de setembro na páxina web do evento. Tamén recordaron que durante os días de xornadas, “coas debidas medidas hixiénico-sanitarias”, os responsables do MUVI conducirán senllas visitas guiadas á mostra adicada aos grandes fitos dos videoxogos desenvolvidos en Galicia.

Pola súa banda, Miguel Areán, xerente de Polygon-e Studios, falou do programa das xornadas, resaltando o nivel profesional dalgúns dos convidados e temas das súas intervencións. Entre outros, estará David Ferriz, co-fundador, deseñador de xogos e artista gráfico en DevilishGames, e creador de Path to Mnemosyne; María Fernández, creadora de videoxogos e embaixadora de Women in Games; Onésimo Juncos, experto en Neurociencia Cognitiva Aplicada e mais en Psicoxerontología; Concepción González, responsable de desenvolvemento en Electronic Arts, e antiga xefa de proxecto en Ubisoft e Blizzard; e Gilberto Sánchez, director académico da área de Videoxogos da U TAD e coordinador de área de industria en FEVeS (Federación Española de Videojuegos e eSports).

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS