main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

06/07/202008:49
Cartel da iniciativa.
Teo

Teo pon a disposición da rapazada local dous obradoiros estivais de robótica

A aula de informática municipal do Concello de Teo vén con tecnoloxías para a rapazada nesta recta inicial do verán: un programa de dous obradoiros de robótica para achegar lecer, coñecementos e formación útil, entretida e segura ás crianzas do concello. O primeiro obradoiro, baixo o título Scratch+Lego está dirixido a nenos/as empadroados/as no concello de 8 aos 11 anos. Será do 13 ao 17 de xullo de 10 a 12 horas na aula de informática municipal. Durante as 10 horas que dura o curso as persoas participantes construirán robots de Lego e comezarán a programar coa ferramenta de programación para escolares Scratch.

O segundo obradoiro é sobre Arduino, unha plataforma de desenvolvemento baseada nunha placa electrónica de hardware libre que incorpora un microcontrolador re-programable e unha serie de pins femia que aprenderán a recoñecer os asistentes ao obradoiro. Neste caso está dirixido a nenos/as empadroados/as de 12 aos 16 anos e celebrarase do 20 ao 24 de xullo de 10 a 12 horas. Para anotarse hai que entregar a ficha de inscrición (PDF) e presentala por sede electrónica ou no Rexistro Xeral do Concello. O prazo está aberto do 30 de xuño ao 10 de xullo para o curso de Scratch+Lego e ata o 17 para o de Arduino. As prazas ofertadas son 8 para cada un dos obradoiros e debe haber un mínimo de 5 inscricións para realizar a actividade.

06/07/202008:44
Camiño de Santiago.
Santiago de Compostela

A Xunta invita ás Comunidades a sumarse a canle do Camiño de Santiago que porá en marcha con Google

  • A Administración autonómica remite ás Comunidades interesadas o protocolo para adherirse á iniciativa liderada por Galicia
  • Galicia xa trasladara no Consejo Jacobeo celebrado o pasado mes de maio a invitación ao resto de comunidades para que se incorporen a un proxecto estratéxico na difusión do Xacobeo 2021
  • A canle abrirase na plataforma Google Arts&Culture e contempla a creación de exposicións interactivas así como a dixitalización a grande escala das Rutas e os seus monumentos a través da tecnoloxía Street View
     

A Consellería de Cultura e Turismo e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen de remitir ás Comunidades autónomas polas que discorre o Camiño de Santiago o protocolo para adherirse a canle sobre a Ruta Xacobea que porán en marcha a Xunta e Google. Con este protocolo búscase formalizar a invitación que a Administración autonómica trasladou ás Comunidades no reunión do Consejo Jacobeo celebrada o pasado 4 de maio, para sumarse a iniciativa liderada por Galicia e colaborar na difusión e promoción internacional do Camiño de Santiago.

O Goberno autonómico e o xigante tecnolóxico están xa a definir as liñas de traballo desta colaboración que se considera estratéxica na proxección do Xacobeo 2021 e que se concretará na creación dunha canle de contidos que divulgue a riqueza cultural do Camiño na súa condición de Patrimonio Mundial da Unesco.

Trátase dunha canle que se abrirá na plataforma Google Arts&Culture, o proxecto cultural de Google, e que contempla a creación de exposicións interactivas, a dixitalización a grande escala de varios Camiños e dunha selección de monumentos e bens de interese cultural coa tecnoloxía Street View.

Ata o momento non existía ningunha exposición virtual deste calado dedicada ao Camiño e o fenómeno xacobeo desde a súa dimensión artística, cultural e patrimonial. O seu papel como elemento vertebrador de Europa trasládase así a novas contornas que, como está a demostrar a actual crise sanitaria, é un ámbito privilexiado para o uso, consumo e desfrute cultural, así como un punto de encontro de persoas e pobos cun potencial enorme.

Este foi un dos temas abordados nunha recente Comisión Executiva do Consejo Jacobeo, celebrada a petición de Galicia e que serviu para avanzar na posta en común de medidas para a reactivación do Camiño de Santiago de maneira coordinada a nivel estatal.

06/07/202008:24
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O primeiro hackatón virtual de Galicia premia un supermercado 3D, unha app para feiras virtuais e un dispositivo para minimizar o contacto con superficies

  • O evento, organizado pola Xunta en colaboración con preto de 40 entidades, celebrouse entre os días 27 e 30 de xuño, co obxectivo de desenvolver solucións innovadoras para axudar á industria, o comercio e o emprego na nova realidade
  • As propostas presentadas por equipos formados por participantes de Vigo, Santiago, Lugo, A Coruña, Oleiros, Muros, Murcia e Madrid foron escollidas como as tres mellores solucións tecnolóxicas aos retos industriais da covid-19
  • Os seleccionados levarán un premio de 1.000 euros e o asesoramento e seguimento personalizado dos proxectos durante un período de seis meses
  • Máis de 50 participantes traballaron durante catro xornadas en 16 equipos para intentar dar resposta a cinco retos

Un dispositivo para minimizar o contacto con superficies como pantallas informativas ou máquinas de vending, un supermercado online que mellore a experiencia de compra a través da simulación en 3D e unha aplicación para organizar feiras virtuais son os tres proxectos que resultaron seleccionados no HACKatHOME, o evento en liña no que a Xunta de Galicia xuntou durante catro xornadas a persoas de diferentes ámbitos relacionados coa innovación, co apoio de empresas tecnolóxicas, universidades e centros tecnolóxicos, para desenvolver solucións innovadoras que dean resposta ás necesidades xeradas polo coronavirus na industria, o comercio e o emprego.

Os tres proxectos seleccionados no pitching final levarán un premio de 1.000 euros e o asesoramento e seguimento personalizado dos proxectos durante un período de seis meses polas entidades organizadoras e colaboradoras.

Máis de medio cento de persoas procedentes principalmente de España pero tamén doutros países como Reino Unido ou Polonia traballaron en equipo para dar resposta a cinco retos definidos conxuntamente pola Administración e as entidades colaboradoras. Durante 4 xornadas intensivas de traballo, os participantes agrupados en equipos transformaron as propostas de produtos físicos ou solucións TIC en prototipos minimamente viables, coa axuda dun equipo de mentores e titores vinculados ao ecosistema innovador galego.

Das 23 ideas presentadas chegaron á fase final 16, nas que estaban representados os cinco retos: solucións “de baixo contacto” para minimizar o contacto de traballadores e clientes co virus nos espazos de traballo; incrementar a seguridade dos espazos comerciais; optimizar o teletraballo e minimizar o contacto interpersoal naqueles sectores que requiren traballo presencial; reducir as necesidades de desprazamento da industria; e coordinar equipos de traballo no novo contexto de separación física.

Proxectos seleccionados

O equipo TouchLess Technologies, formado por Xabier Crespo Álvarez; Luis Miranda Acebedo e Daniel Pérez Milian da empresa viguesa Scrobotics e Pedro José González González e Rafael R. Gerardo Weisz da empresa madrileña Ubiquotechs, titorizados por Iago Soto da empresa Quobis, presentou unha solución ao reto de Solucións “de baixo contacto”. SC Touchless é un dispositivo deseñado para minimizar o contacto con superficies coas que habitualmente interactúan múltiples usuarios, como por exemplo as pantallas de información ou as máquinas de vending. Ao longo do HACKatHOME desenvolveron un caso de uso concreto que resulta nunha usabilidade elevada e unha curva de aprendizaxe reducida para evitar que o dispositivo sexa unha barreira de entrada a aquelas persoas que queren facer uso das máquinas.

O equipo Virtual Market, formado por Manuel Canedo Tabarés de Santiago de Compostela; Amanda Cifuentes Dengra de Murcia e Alba Arrojo Centeno de Lugo, e mentorizados por Santi Vidal, María Luaces e Estefanía Montero da empresa Kelea, responderon ao reto “Repensando a venda ao público”. A partir dunha análise dos factores que inflúen no volume de ventas dos supermercados online, desenvolveron un prototipo de supermercado virtual que mellora a experiencia de compra satisfacendo necesidades como a de percepción visual, interacción social, etc.

Por último, o equipo FEDI, composto por Pablo Boullosa García de Cambre; Jacobo Fiaño Salinas de Oleiros e Jesse Anthony Lago López de Muros e titorizados por Andrés Gómez do CESGA presentaron unha solución ao reto dun novo comercio. Para elo, desenvolveron unha aplicación que serve como solución estándar para organizar feiras virtuais en 3D de diferentes características, ofrecendo múltiples opcións de personalización.

Colaboración

Na organización do evento a Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia contou coa colaboración de preto de 40 entidades que participaron na validación dos retos, na difusión do evento, na mentorización dos proxectos e no comité de avaliación. Entre os colaboradores cóntanse clústeres e asociacións empresariais de Galicia (Clúster TIC Galicia, Aclunaga, Cointega, Bioga, Clúster Alimentario de Galicia, Ceaga, Federación Galega de Comercio, Clúster da Madeira, DiH DATAlife e Clúster Saúde Galicia), empresas (Grupo Nueva Pescanova, Imatia, Zendal, Televes, Mestrelab Research, Quobis, PSA, Kelea e El Corte Inglés) as tres universidades galegas (Universidade de Vigo, Universidade da Coruña e Universidade de Santiago de Compostela) e centros de coñecemento (Citic, Citius, Itmati e atlanTTic), os centros tecnolóxicos (Instituto Tecnológico de Galicia, Gradiant, Atiga, CTAG, Fedit, Aimen e Cetim), outras organizacións e axentes (Cesga e Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia), así como distintos departamentos da Administración autonómica.

03/07/202008:45
Sinatura do convenio Amtega, Uvigo, Retegal.
Vigo

O Laboratorio 5G da AMTEGA e a UVigo inicia a súa actividade cun proxecto de Network Slicing

Universidade de Vigo e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) informaron este xoves 2 de xullo do inicio da actividade do Laboratorio 5G. Faino cun proxecto de innovación de Segmentación de Rede (Network Slicing), que permite aproveitar as características de virtualización do dito estándar móbil para crear redes illadas e adaptadas ás necesidades específicas, como por exemplo as das redes especializadas en Internet das Cousas, de banda larga, as do vehículo conectado ou redes privadas para usuarios corporativos, etc.

Estas redes habilitaríanse sobre a mesma infraestrutura coa vantaxe de non ter que despregar novos equipos específicos, engadiu a axencia autonómica, que lembra que o dito laboratorio é unha iniciativa impulsada ao abeiro do acordo asinado en marzo entre a Xunta e a Universidade de Vigo. A AMTEGA e a Uvigo lembran que a Segmentación de Rede é unha das características máis innovadoras do estándar da tecnoloxía 5G, pero, aclaran, “o seu desenvolvemento aínda está nun punto moi inicial a pesar das grandes vantaxes que introduce na eventual compartición de redes, na asignación de largo de banda de acordo cos requisitos de cada usuario en cada momento ou para poder garantir as calidades de servizo acordadas”. O novo laboratorio ofrece, por unha banda, equipamento específico para realizar todo tipo de probas sobre esta tecnoloxía e, pola outra, asesoramento dos especialistas da Universidade.

A súa constitución enmárcase nas actuacións do Nodo 5G, impulsado pola Xunta a través do Plan Galicia 5G, e ao que se adheriu a Universidade de Vigo en 2019, e do que tamén forman parte os operadores Telefónica, Vodafone e R e co que tamén colabora o Observatorio Nacional do 5G. “Temos equipamento e experiencia e interésanos poñelo ao servizo da contorna que nos rodea, de empresas e institucións que queiran colaborar coa Universidade. É o que damos en chamar a innovación aberta, un espazo de transferencia no que poder sacar partido dos coñecementos que hai na UVigo”, explicaba Felipe Gil no intre de constituírse o laboratorio. Non se trata, remarcaba, “de que empresas e organismos se limiten a empregar as nosas instalacións”, senón que o que se busca é xerar sinerxías, colaborar en proxectos e abrir novas áreas de investigación en liña coas necesidades do tecido empresarial da contorna.

02/07/202012:52
Fachada do Concello de Vilagarcía de Arousa.
Vilagarcía de Arousa

Vilagarcía lanza 14 cursos para loitar contra a fenda dixital

Concellería de Promoción Económica e Emprego de Vilagarcía retomou estes días as actividades do programa de Inclusión e Capacitación Dixital que non puideron comezar a celebrarse en marzo, como estaba previsto, debido ao confinamento pola COVID19. Desde o departamento que dirixe Alba Briones lémbrase que está prevista a realización de 14 cursos de diferente temática, adaptados aos diversos niveis de coñecemento dixital das usuarias e usuarios. As actividades, que se dirixen a loitar contra a fenda TIC no concello, son de balde e están dirixidas a maiores de 18 anos. Vanse impartir de forma presencial na aula CeMIT do Centro de Formación de Matosinhos até finais de ano.

Segundo informou a Concellería de Promoción Económica e Emprego, a oferta desta edición componse de 14 cursos diferentes, repartidos en cinco bloques temáticos que, comezando dende o nivel de iniciación en temas informáticos, van aumentando en grao de complexidade co obxecto de facilitar unha formación completa ao alumnado. O primeiro bloque será o de Inclusión Dixital e nel inclúense os cursos dirixidos a persoas con pouco ou ningún coñecemento. Son os de Iniciación á informática e Internet para adultosCorreo electrónico: webmail e Seguridade na Rede.

Cunha orientación máis profesional deseñouse o segundo bloque temático sobre Ofimática en Software Libre composto de catro cursos: Procesador de textos, Folla de Cálculo, Elaboración de presentacións e Base de datos.

Dada a finalidade última deste programa formativo -a busca de emprego e acceso ao mercado laboral-, o terceiro bloque temático refírese á Orientación ao Emprego e nel impartiranse cursos sobre Redes Sociais e procura de Emprego e de Deseño dun perfil profesional. Esta última acción formativa inclúese por primeira vez na carta do programa.

O cuarto bloque temático versa sobre Capacitación avanzada en ferramentas TIC. Neste apartado impartiranse os cursos de Deseño de páxinas webs con Wordpress, e dous que se inclúen por primeira vez no programa: Deseño de contidos interactivos: Canva e Genially e Sincronización de dispositivos e control parental.

Por último, atendendo ás necesidades da vida cotiá e ás esixencias dos trámites online coas entidades públicas, o último bloque temático céntrase precisamente na Administración Electrónica. Aquí inclúese un curso que xa se impartiu na pasada edición para formar aos usuarios sobre o procedemento de realización de Trámites electrónicos, con especial atención ao uso e funcionamento da sede electrónica do Concello de Vilagarcía. O segundo curso deste bloque versará sobre o Uso do DNI electrónico e o Certificado Dixital.

Os cursos serán impartidos por persoal especializado da Consultora Kaeme, nas dependencias do Centro de Matosinhos. As inscricións poden realizarse xa no centro de Matosinhos en horario de 9 a 14 horas. Os interesados poden anotarse a máis dunha acción formativa e tamén poderán elixir o horario que máis lle conveña. A formación é presencial e a duración dos cursos é de 15 e 30 horas lectivas, coa excepción dos do último bloque temático, que será de 4 horas en cada unha das accións formativas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS