
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A fundación Ship2B, que entre outras iniciativas encárgase de impulsar proxectos de tecnoloxía ligados ás persoas con discapacidade e as persoas maiores, lanzou unha nova convocatoria de captación de proxectos na que unificou os seus programas dedicados á tecnoloxía para a saúde (Tech4Health) e aos fins sociais (Tech4Social) denominada S2B Health&Care.
Programas como os desta fundación son clave para que moitos dos proxectos pioneiros que buscan mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e as persoas maiores poidan saír adiante.
Por esta plataforma pasaron iniciativas como Visualfy, Neki ou Berdac, que recibiron o apoio da fundación para impulsar o seu crecemento. Estes son exemplos de proxectos que xurdiron do programa Tech4Social, que agora se integra en S2B Health&Care.
Xunto a Tech4Social, baixo este novo programa enmárcase tamén Tech4Health, plataforma que acelerou proxectos dos que tamén falamos en Tecnobility, como MJN Neuroservices.
Esta nova convocatoria de captación de proxectos está aberta ata o próximo 19 de xullo. Os proxectos que entren a formar parte deste programa de aceleración recibirán asesoramento especializado, conexións con outras empresas para buscar alianzas estratéxicas, acceso a financiamento e axuda para maximizar o impacto do proxecto.
Se tedes un proxecto entre mans ligado á tecnoloxía e á saúde e o coidado de colectivos vulnerables, podedes apuntarvos a este programa a través da web de Ship2B.
A Xunta de Galicia, a través da Amtega e a Consellería de Educación, Universidade e Formación, e a Fundación Vodafone España presentan a nova edición do proxecto ‘DigiCraft no teu cole’ para o curso académico 2020/2021. A nova edición consolida o acordo de colaboración asinado por ambas as institucións en 2019 para levar a Galicia esta iniciativa pioneira en España e fomentar o desenvolvemento de competencias dixitais desde a infancia, enmarcándose no Plan DigiTalent da Xunta.
Co lanzamento desta segunda edición de ‘DigiCraft no teu cole’, a Xunta e a Fundación Vodafone España incorporarán ao programa ata 200 novos centros escolares de educación primaria en toda Galicia, que se sumarán aos 50 que xa participaron o último ano e seguirán desenvolvendo o proxecto.
Esta nova convocatoria publicarase no primeiro trimestre do próximo curso 2020/21 e a posta en marcha do programa farase no segundo trimestre do curso escolar, momento no que os centros escolares que se inscriban recibirán todos os materiais tecnolóxicos e a formación ao profesorado.
Final curso DigiCraft 2019/2020 e entrega premio Reto DigiCraft Online Galicia 2019
A primeira edición desta iniciativa conclúe agora co peche do curso 2019/2020 e nela participaron 3.800 alumnos de educación primaria e 100 docentes de 50 centros educativos galegos, que puxeron en marcha diferentes itinerarios formativos centrados en realidade aumentada, intelixencia artificial, videoxogos e robótica.
A Fundación Vodafone puxo tamén ao dispor da comunidade educativa a plataforma online de acceso gratuíto DigiCraft cuxos contidos e recursos online, grazas á colaboración da Xunta, tiveron moi boa acollida estes últimos meses, superando os 4.000 usuarios na Comunidade.
Ademais, durante estas últimas semanas, a Xunta e a Fundación Vodafone España organizaron unha actividade online para pechar o actual curso académico 2019/2020 e adaptarse ao novo contexto de educación online provocado pola pandemia. Esta actividade, denominada Reto DigiCraft Online, contou coa participación de máis de 500 escolares de forma totalmente online e a través de diferentes ferramentas colaborativas postas á súa disposición por ambas as entidades.
Mañá venres 19 de xuño terá lugar o acto de clausura do Curso DigiCraft, unha cerimonia en aberto onde poderán participar todos os alumnos e alumnas que formaron parte do programa. O evento contará coa presenza de representantes da Xunta de Galicia e Remedios Orrantia, presidenta da Fundación Vodafone España e, durante o mesmo, farase entrega do premio ao centro gañador do Reto DigiCraft Online, que recibirá novos materiais para continuar desenvolvendo o programa DigiCraft nas súas aulas o ano que vén.
Convenio de colaboración asinado en xuño de 2019
O programa “DigiCraft no teu cole” é froito do convenio de colaboración asinado en xuño de 2019 pola Fundación Vodafone España, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega.
DigiCraft é un programa educativo pioneiro, creado en España, para potenciar o desenvolvemento das competencias dixitais na infancia e a mocidade, poñendo ao dispor de nenas e nenos de entre 6 e 12 anos (con especial foco en infancia vulnerable) diferentes xogos colaborativos e manualidades para aprender utilizando como vehículo a intelixencia artificial, a realidade aumentada ou o deseño 3D dunha forma fácil e divertida.
Todo iso articulado a través dunha metodoloxía de aprendizaxe baseada no xogo e a experimentación deseñada pola Fundación Vodafone España en colaboración coa Universidade de Salamanca.
O Concello de Boiro, a través da Oficina Municipal de Información á Xuventude e a aula CeMIT local, pon en marcha para este verán un Campamento Tecnolóxico Online. A actividade, que xa ten aberto o prazo de inscrición, vaise celebrar no mes de xullo, achegando contidos creativos innovadores á rapazada, contidos que serán de gran importancia para o seu currículo futuro. Desenvolverase en formato online para garantir ao máximo a seguridade e a saúde das e dos participantes.
Os contidos do campamento incluirán formación en edición de vídeo con OBS Studio, Openshio e Inshot, deseño de cartelería e manexo das ferramentas Google Drive e Classroom. O campamento está destinado a mocidade entre os 11 e 13 anos, as prazas dispoñibles son 12 e vaise levar a cabo, de forma online entre o 6 e o 27 de xullo, en horario de 10.00 a 11.00 horas.
As persoas solicitantes teñen que dispoñer de ordenador con conexión a Internet, navegador actualizado, micrófono ou auriculares con micrófono e webcam. A persoa responsable legal do/a menor debe ter unha conta de correo electrónico de Google.
As inscricións poden facerse, ata o 23 de xuño, a través do Rexistro Xeral do Concello de Boiro, en horario de luns a venres de 9.00 a 13.30 horas, ou na Sede Electrónica. A listaxe definitiva de admitidos publicarase a través da páxina web do Concello.
A Xunta activa tres novas liñas de apoio á dixitalización do comercio, o colectivo autónomo e as pequenas e medianas empresas por 16 millóns de euros para facilitar a súa adaptación á situación derivada da COVID-19 e, polo tanto, a reactivación do tecido produtivo galego. Así, como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), a partir de mañá poderanse solicitar as axudas do programa dos cheques de dixitalización e do Galicia Exporta Dixital, aos que o Goberno galego destina nestas convocatorias 7 e 3,6 millóns de euros, respectivamente. Ademais, a próxima semana activarase unha nova convocatoria das axudas á dixitalización, dotada con 5,4 millóns de euros.
As dúas liñas publicadas hoxe, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, están dirixidas a impulsar os procesos de dixitalización máis axeitados que permitan ao comercio, autónomos e ás pequenas e medianas empresas reforzar a súa actividade. Así, mentres o Galicia Exporta Dixital, que por primeira vez tamén se abre ao sector do comercio, promove a súa expansión internacional a través de novas canles de comercialización a partir de ferramentas dixitais innovadoras, os cheques de dixitalización teñen en conta de maneira especial as necesidades do tecido empresarial situado no ámbito rural, a economía social e o impulso do traballo a distancia.
Teletraballo e impulso do rural
Destinado a microempresas, entidades de economía social e agrupacións empresariais, o programa de cheques de dixitalización achegará axudas do 80% dos investimentos realizados por proxectos que teñan como obxecto a implementación de tecnoloxías dixitais para a adaptación á situación provocada pola COVID-19, como o teletraballo, as solucións de conectividade no eido rural, ou sistemas de notificación e de control sanitario e aforo, entre outros mecanismos.
Neste sentido, as axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e os gastos realizados deberán ser dun mínimo de 1500 euros e un máximo de 12.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde mañá ata o vindeiro 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito.
Internacionalización
No que respecta ao Galicia Exporta Dixital, a convocatoria que se abre hoxe conta cunha dotación de 3,6 millóns de euros, que se suman aos 2 millóns de euros da convocatoria anterior tamén activada este ano. Esta nova edición incorpora como novidade destacada que os comercios polo miúdo poderán acollerse ás axudas. Así, pemes e comerciantes poderán obter apoios para a realización de diagnósticos de potencial exportador; plans de internacionalización dixital multicanle; plans de mercados electrónicos concretos; a creación e adaptación de tendas en liña e catálogos en liña para o márketing e vendas en mercados electrónicos obxectivo ou a adquisición de software específico, entre outros. As axudas, en concorrencia non competitiva, achegarán o 80% dos investimentos realizados e o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde mañá ata o vindeiro 30 de novembro ou ata o esgotamento do crédito.
Plan de reactivación económica
Estas medidas forman parte do Plan de reactivación económica que vén de poñer en marcha o Goberno galego. O obxectivo é facilitar a recuperación do tecido produtivo e que poida incrementar a súa competitividade, adaptándose ao novo contexto económico derivado da COVID-19.
O Plan tamén inclúe a nova convocatoria das axudas á dixitalización, que se activará a próxima semana e á que se destinarán 5,4 millóns de euros, co obxectivo de facilitar a modernización e mellora da competitividade das pemes través da interconexión dixital entre compañías vinculadas pola súa actividade e a dixitalización de procesos produtivos, ao tempo que se impulsa a xeración de iniciativas de colaboración.
Promovendo proxectos colectivos e individuais, as axudas desta liña poderán acadar o 20% dos investimentos realizados por medianas empresas e o 30% no caso das empresas pequenas. Os gastos de colaboracións externas (consultorías e asesoramento) recibirán un 50% de apoio. Esta iniciativa inclúe unha subliña que impulsa a realización de cursos de dixitalización, que incentivan a creación de espazos de colaboración entre compañías para explorar solucións tecnolóxicas e a implementación de ferramentas dixitais colaborativas, así como oportunidades de hibridación entre sectores produtivos. Estes espazos están financiados ao 100%.
Ampliación de prazos de presentación de solicitudes dos Galicia Exporta
Co obxectivo de apoiar os esforzos que están a realizar as empresas e as agrupacións empresariais para a mellora da súa presenza internacional e de minimizar os prexuízos ocasionados pola cancelación de eventos promocionais e viaxes de prospección, a Xunta vén de ampliar ata o vindeiro 17 de xullo os prazos de presentación de solicitudes para as axudas dos programas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios. Como publicou onte o DOG, tamén se prolonga a data límite de execución de proxectos e se estenden ata o 15 de novembro deste ano ou ata o 30 de novembro de 2021, segundo os casos.
A Axencia Galicia de Innovación (GAIN) vai celebrar o primeiro Hack-At-Home, un evento colaborativo virtual na procura de construír solucións tanto físicas como dixitais para afrontar os cambios derivados da crise sanitaria. A actividade celebrarase entre o 27 e o 30 de xuño co apoio das universidades, as empresas tecnolóxicas e as persoas innovadoras que traballarán en equipos arredor de cinco retos da industria, o comercio e o emprego. Participarán programadores, investigadores, deseñadores, estudantes, empresas… todos unidos ante un reto común.
Amais, de maneira paralela ao hackathon haberá una serie de mini-eventos onde atopar inspiración para os traballos. Os proxectos desenvolvidos neses días serán valorados por un comité de expertos e os tres mellores terán un apoio económico de 1000 € e un seguimento específico durante seis meses por parte das institucións participantes no hackathon.
O prazo de inscrición está aberto ata o 21 de xuño e as persoas interesadas poden presentarse tanto individualmente como en grupo, pero todos os participantes formarán equipos de traballo para realizar os proxectos. O tecido empresarial galego definiu cinco retos para afrontar a nova realidade provocada pola aparición do coronavirus. Arredor deses cinco retos traballarán os equipos multidisciplinares conformados por programadores, investigadores, deseñadores, estudantes, etc. que deberán buscar solucións tanto físicas como dixitais para afrontar os cambios do tecido empresarial ante a crise sanitaria. O primeiro dos cinco eixos é a procura de solucións “de baixo contacto”: ideas para mellorar os espazos de traballo así como a xestión de produtos, materiais e ferramentas para evitar a dispersión do virus. Un segundo reto pasa por repensar a venda ao público, buscando alternativas para incrementar a seguridade dos espazos comerciais e evitar o impacto negativo no volume de negocio. A terceira liña é o teletraballo, tratando de acadar propostas para optimizar o traballo en remoto ou minimizar o contacto interpersoal nos sectores que requiran traballo presencial. Un cuarto reto está enfocado á industria local e ás solucións para reducir as necesidades de desprazamento da industria tanto para a compra como para a oferta. Finalmente, o quinto eido de traballo pasa por avanzar nun novo concepto de equipo, con solucións para coordinar equipos de traballo nun novo contexto de separación física.