Aprende en familia coa tecnoloxía
Segunda entrada da "Guía para entreterte na casa con nen@s".

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Segunda entrada da "Guía para entreterte na casa con nen@s".
Coa chegada do COVID-19, o peche das escolas foi unha das primeiras medidas que se levaron a cabo, o que supuxo un cambio no proceso de aprendizaxe para os rapaces e rapazas, do mesmo xeito que os adultos tivemos que adaptarnos ao teletraballo dun día para outro.
Nesta situación, as familias temos o importante labor de acompañar e axudar aos nosos nen@s no proceso de aprendizaxe desde a casa e, grazas á tecnoloxía, teremos ao noso alcance o acceso a unha gran variedade de recursos e tamén lles permitirá aos máis novos da casa estar preto dos seus profesores e profesoras, así coma dos seus compañeir@s da escola.
É importante que o uso das TIC na casa se realice de forma paulatina e adaptada ás capacidades d@s cativ@s. É fácil caer na utilización da tecnoloxía como un “premio” ou unicamente cun fin lúdico, sen integrala de forma real e planificada na didáctica e rutina diaria da aprendizaxe.
A tecnoloxía empregarémola na casa como un medio, non como un fin, polo que será unha ferramenta máis dentro do proceso de aprendizaxe que temos que adaptala ás necesidades educativas dos nen@s e ás etapas nas que se atopan. En todo caso, o uso das TIC neste contexto achegaralles moitos beneficios:
Dada a gran variedade de beneficios que teñen as TIC na educación, este pode ser un momento ideal para traballar conxuntamente cos nosos fill@s e incluír a tecnoloxía nas nosas rutinas diarias de aprendizaxe.
Existen multitude de aplicacións gratuítas para smartphones ou tablets con contido didáctico que poden axudarnos a que os nosos fill@s manteñan un ritmo de aprendizaxe adecuado desde a casa e así podan seguir aprendendo de forma divertida as diferentes materias que se imparten nos centros educativos.
Por outra banda, para os máis pequenos que están comezando e aprendendo a ler, tamén existen alternativas que dispoñen de menús intuitivos coas que poder aprender as letras, sílabas, palabras ou ler frases que lles permitirán iniciarse na lectura e a ortografía.
Así mesmo, son moitos os centros educativos que están a acompañar aos nosos nen@s neste confinamento a través da publicación de contido formativo e didáctico en webs e plataformas educativas que son un recurso seguro á hora de proveernos de información, posto que están supervisadas por expertos en educación e adaptadas a cada unha das etapas da aprendizaxe dos menores.
Un exemplo disto é a web http://aprendoencasa.educacion.es do Ministerio de Educación e Formación Profesional posta en marcha ao comezo do confinamento para facilitar o acceso a diferentes recursos, ferramentas e aplicacións que faciliten ao profesorado, familias e alumnado a continuidade da actividade educativa durante o período de suspensión das clases presenciais debido ao estado de alarma.
Outro exmeplo é a web do EspazoAbalar da Xunta de Galicia para o fomento da cultura dixital onde poderedes realizar consultas ou enviar suxestións, consultar diferentes blogs con contido educativo, acceder a vídeos e ao repositorio de contidos educativos dixitais. Ademais dispón dunha canle de YouTube especializada aberta para todo o público.
As bibliotecas públicas seguen a ser fonte de información a través da plataforma GaliciaLe de préstamo libros electrónicos, películas, revistas e audiolibros ou a través dos seus recursos en liña onde recollen multitude de temas que de seguro vos resultarán útiles.
Este momento tamén pode ser perfecto para a aprendizaxe de novos coñecementos en materia de idiomas ou para perfeccionar o noso. Para este último, o programa “Medrar en galego” recolle recursos como os audiovisuais infantís “As miñas primeiras letras Galegas” ou “Os Axóuxeres”, entre outros, recursos musicais que achegan ensinanzas sociais e comunitarias como “Nun mar azul” ou “Nun colo da fala” e propostas de diferentes xogos para facer cos nen@s que van desde adiviñanzas ata recursos interactivos.
Por último, un pouco de diversión educativa!! Desde Internet Segura for Kids ofrécenos unha recompilación dos recursos máis divertidos para xogar na casa e aprender sobre ciberseguridade. Todos os recursos están publicados na súa web e podes descargalos de xeito gratuíto. Ademais dispoñen dunha Liña de Axuda en Ciberseguridade do INCIBE, por se tes dúbidas, no teléfono 017.
As nosas aulas CeMIT non descansan en tempos de confinamento. E non o fan pola importancia dunha serie de cousas: a relevancia de aproveitar o tempo do Estado de Alarma para seguir achegando formación e empregabilidade ou a conveniencia de subministrar recursos sobre un ámbito de actividade que é cada vez máis crucial (para teletraballar, para teleformarnos, para mellorar ao máximo noso currículo), que é o ámbito informático. A aula CeMIT do Concello de Boiro rematou esta semana con actividades formativas e este venres anunciou novas sesións formativas para a seguinte semana.
Haberá, novamente, cursos online por vídeo-conferencia para desenvolver durante o confinamento. Os primeiros que se van impartir van ser os de Iniciación a Arduino nivel básico e de Opencart básico.
Respecto do primeiro, diríxese a capacitar ao alumnado nas posibilidades de Arduino, que é unha plataforma de creación de electrónica de código aberto, baseada en hardware e software libres, que serve para crear diferentes tipos de microordenadores nunha soa placa para usos moi diversos. As persoas que participen neste curso van coñecer en que consiste a linguaxe de programación, van aprender deseño de circuítos básicos e tamén simulador de circuítos. Co curso de Opencart básico as persoas participantes introduciranse nos recursos para pór en marcha unha tenda virtual e xestionala. Os contidos deste curso son o contexto tecnolóxico de Opencart, as especificacións dos requirimentos para o traballo coa aplicación e tamén a instalación e configuración para o traballo.
O curso de Iniciación a Arduino vaise facer os días 27 e 29 de abril e os días 4, 6 e 8 de maio en horario de 11.00 a 11.50 horas e o de Opencart vai ser os días 5, 7, 12 e 14 de maio no mesmo horario, de 11.00 a 11.50 e serán online mediante videoconferencia.
As inscricións deben facerse directamente na aula CeMIT de Boiro, no enderezo electrónico axentetic@boiro.org ou no teléfono 981 84 26 35.
Este 23 de abril celebrouse a oitava convocatoria do Día Internacional das Rapazas nas TIC máis intensamente virtual de cantos se teñen organizado na nosa terra, aínda que a mensaxe fora a mesma que nas anteriores edicións: fomentar a educación tecnolóxica e mitigar o sesgo de xénero nestas profesións. A xornada celebrouse integramente en liña, conectando ás organizadoras e ás relatoras con 120 estudantes nos seus fogares. A cita, que adoptou plenamente o formato virtual para sortear as restricións á actividade presencial do Decreto de Alarma, contou coa presenza de catro mulleres referentes no ámbito tecnolóxico galego: Amparo Alonso, María Fernández, Isabel Expósito e Patricia Mañana.
A xornada desenvolvida onte pola mañá veu da man do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Secretaría Xeral de Igualdade, a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) e a Asociación.GAL. O evento, creado para motivar ás novas xeracións de mozas co fin de que consideren as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional, foi inaugurado pola directora da Axencia Galega da Innovación (GAIN) e presidenta do CESGA, Patricia Argerey, quen deu a benvida ás participantes xunto ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a secretaria Xeral de Iguadade, Susana López Abella. Amparo Alonso Betanzos, María Fernández Hermida, Isabel Expósito Pérez e Patricia Mañana Borrazás, catro mulleres galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionados coas novas tecnoloxías, compartiron a súa experiencia e responderon ás dúbidas dos máis de 120 estudantes de educación primaria e secundaria que seguiron o encontro dixital. Na xornada participou tamén o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, quen explicou que a iniciativa complementa outras actividades do colexio a prol da igualdade nas TIC, como o Premio Ada Byron, pioneiro en España, e que anualmente recoñece o labor dunha enxeñeira en informática “para crear referentes femininos para as nenas a idades temperás”, ou outras iniciativas previas como rapacinos.gal. En palabras de Fernando Suárez, estes que estamos a vivir son “días convulsos” que están a demostrar “a importancia da informática en moitos ámbitos, como o educativo ou o asistencial”. Segundo fixo saber, “é fundamental potenciar a educación tecnolóxica desde o inicio do proceso educativo, o que sen dúbida mitigaría o sesgo de xénero destas profesións”.
Amparo Alonso
Amparo Alonso é catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC) e presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial (AEPIA) con recoñecemento e premios internacionais. Explicou aos estudantes que a Intelixencia Artificial está presente en moitas aplicacións e ferramentas. Ademais, como directora do grupo LIDIA (Laboratorio de I + D en Intelixencia Artificial), composto case á metade por mulleres, destacou o traballo deste equipo de investigación que desenvolve proxectos de I+D en áreas tan diversas como a medicina ou a xestión de incendios.
María Fernández
Na súa intervención, a artista dixital María Fernández explicou aos alumnos e alumnas que a industria dos videoxogos é unha “gran descoñecida”, mesmo para xogadores habituais. Faloulles das moitas e variadas opcións laborais que existen no sector e nas que especificamente traballa como son escenarios, iluminación e guión. Tamén lles comentou o importante papel que ten o feminismo na industria. Aínda que lembrou que “tradicionalmente foi un sector masculino con xogos feitos por e para homes”, actualmente iniciativas como Women in Games –organización que promove os videoxogos como unha carreira para mulleres, que organiza charlas e apoia ás mulleres nesta industria e da que é embaixadora– e outras asociacións están “conseguindo diversificar a industria para que sexa, non só máis atractiva desde un punto de vista laboral para as mulleres e outros colectivos minoritarios, senón que os produtos no mercado e o público que os consuma o sexan tamén, co obxecto de crear una industria aberta a todos”
Isabel Expósito
A enxeñeira en Telecomunicacións Isabel Expósito explicou ás estudantes o seu traballo coa medida de sinais electromagnéticos, usadas para a caracterización de antenas, tan en auxe actualmente polo cambio de frecuencias na TDT e para que funcionen moitos dispositivos electrónicos que se usan a diario, como os móbiles, ordenadores, routers ou as xa nomeadas antenas para ver a televisión e escoitar a radio. Mesmo sinalou que roupa que se merca nas tendas leva antenas con fins de loxística. Isabel Expósito é técnica do laboratorio Antelia, que pertence ao grupo de investigación de Sistemas Radio, recoñecido como grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia que forma parte do AtlantTIC, un centro de referencia a nivel internacional de investigación en Telecomunicacións da Unversidade de Vigo (Uvigo).
Patricia Mañana
Patricia Mañana Borrazás é arqueóloga especialista en novas tecnoloxías aplicadas ao patrimonio, coordinadora do proxecto DIMENSO e profesora no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Desde o seu punto de vista, “a arqueoloxía é unha profesión moi vocacional dos namorados do patrimonio, dos restos arqueolóxicos e da emoción do seu descubrimento”. Partindo desta premisa, relatou aos alumnos a súa experiencia profesional e como foi o proceso de aplicar e traballar coas tecnoloxías na arqueoloxía. O seu interese pola arqueoloxía xurdiu ao facer un traballo escolar no que tiña que presentar un castro que estaba ao carón da escola, o de Elviña na Coruña. E todas as ideas que floreceron desta actividade víronse reforzadas por un achado que fixo ao percorrer o monte da aldea dos seus avós, que todos os veciños coñecían como castro, chegando a descubrir que ese outeiro era en realidade a muralla dun castro soterrado. Aí comezou “a súa paixón pola arqueoloxía polo que se decidiu a estudar Historia”. Aínda que non foi ata anos máis tarde cando comprendeu os beneficios de aplicar as tecnoloxías ao seu traballo, e comezou a especializarse no uso de ferramentas topográficas, sistemas de información xeográfica, escáneres 3D ou fotogrametría. “Estas tecnoloxías axudan a facer copias dixitais dos restos arqueolóxicos e a identificar novos restos, co fin de obter resultados máis precisos, completos e detallados”, explicou.
Día Internacional das Rapazas nas TIC
O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar positivamente as novas tecnoloxías para o desenvolvemento académico, investigador e profesional. O evento está organizado e promovido polo CPEIG, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA, AMIT e a Asociación.GAL. Conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVIGO), a Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), GalsTech, Hello Sisters! e MujeresTech. A Secretaría Xeral de Igualdade e o CESGA, promotor e coordinador do proxecto europeo ICT-Go-Girls!: Promoting Entrepreneurship through ICT for Secondary School Girls (Promoción do emprendemento a través das TIC entre rapazas de educación secundaria), considerado como referente pola propia Unión Europea, levan desde 2013 impulsando e colaborando en diferentes iniciativas para a difusión e promoción das Tecnoloxías da Comunicación e Información (TIC), especialmente para conseguir que as mulleres alcancen unha presenza igualitaria no sector dixital, mediante accións dirixidas a rapazas entre 10 a 15 anos, franxa de idade que se considera chave para cambiar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre as rapazas.
O vicepresidente da Xunta, destacou hoxe a importancia de fomentar a incorporación das nenas e mulleres aos estudos e profesións relacionadas coas tecnoloxías da información e da Comunicación (TIC) para pechar a fenda de xénero que aínda persiste nestes estudos relacionados cos sectores da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas.
Así o expuxo durante a súa participación, xunto coa secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, no acto do Día Internacional das rapazas nas TIC que cada ano organiza o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e que nesta edición se realizou de xeito virtual debido á situación de emerxencia sanitaria polo coronavirus. No acto por videoconferencia tamén participaron catro mulleres galegas emprendedoras no ámbito da TIC -Amparo Alonso, María Fernández, Isabel Expósito e Patricia Mañana Borrazás- ademais de alumnado da Educación Secundaria Obrigatoria.
Con este acto, incluido no marco do Proxecto Europeo “ICT-Go-Girls!", Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC, o CESGA pretende dar visibilidade e empoderar ás nenas e mulleres emprendedoras no eido das TIC, así como ofrecer un espazo de intercambio e comunicación para motivar a presenza feminina en estudos neste ámbito.
O vicepresidente da Xunta avogou por aproveitar actos como o de hoxe para reivindicar a necesidade de rachar cos estereotipos baseados no xénero e que seguen presentes en moitos campos. Nesta liña, incidiu en que “non hai profesións de homes e de mulleres, senón que hai vocacións e a liberdade de cada persoa para elixir o seu futuro profesional”. Por iso, aposta porque “cada vez máis mulleres se decanten por titulacións relacionadas coas novas tecnoloxías e a ciencia, nas que se dan aínda desequilibrios entre homes e mulleres”.
Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou a utilidade das TIC nun contexto como o actual. Non só para seguir conectados para teletraballar, estudar, manter o contacto con familia e amigos e disfrutar do lecer, senón, sobre todo, na loita contra a pandemia. Precisamente, puxo o exemplo do Centro de Supercomputación de Galicia que ofrece a súa capacidade de cálculo e computación a investigacións directamente relacionadas co COVID-19. E ensalzou o papel de mulleres científicas como a viróloga escocesa June Almeida, a mediados do século XX, ou a enxeñeira de telecomunicacións galega Carmela Troncoso na identificación e prevención fronte ao coronavirus.
Para contribuír ao obxectivo de eliminar a fenda de xénero nestes estudos, a Xunta puxo en marcha o ano pasado o proxecto NIN + NIN -, IGUAIS, que tamén continúa neste exercicio. Esta iniciativa favorece o encontro de mulleres senlleiras líderes na súa actividade profesional entre o alumnado de ESO. Alfonso Rueda destacou a importancia de que as nenas e mozas teñan referentes femininos no ámbito das TIC para coñecer o traballo “de mulleres pioneiras que abriron camiño no mundo da ciencia e que son un espello no que debe mirarse toda a sociedade”.
O Goberno galego promove esa maior presenza das mulleres na actividade científica e tecnolóxica desde a Unidade de Muller e Ciencia e coa entrega dos Premios María Josefa Wonenburger Planells co obxectivo de por en valor, visualizar, dar a coñecer e recoñecer ás mulleres científicas de Galicia.
A Fundación ONCE, consciente de que a lectura pode ser unha boa aliada durante o confinamento, celebra hoxe o Día do Libro poñendo ao dispor dos nenos 'Contos que contaxian ilusión', que son historias protagonizadas por menores que pretenden dar a coñecer a discapacidade entre os máis pequenos de maneira divertida, amena e normalizada. Ademais, a colección ofrece unha serie de manualidades para facer en familia ou como recurso educativo nos centros escolares.
Aloxados na biblioteca infantil da Fundación ONCE, os "Contos que contaxian ilusión" son unha iniciativa que nace da idea orixinal de Concausa para mostrar aos nenos que é a discapacidade e fomentar neles valores como a non discriminación, o respecto ou a tolerancia.
En palabras de Sabina Lobato, directora de Formación e Emprego, Operacións e Transformación da Fundación ONCE, o obxectivo destas historias é que os máis pequenos coñezan a discapacidade e, sobre todo, a realidade de que se pode vivir con ela dunha forma normalizada.
A colección consta xa dun total de 11 títulos e pretende mostrar as vivencias de nenos e nenas con discapacidade a través das súas divertidas aventuras, posto que todos os contos están protagonizados por pequenos con discapacidade e, ademais, traducidos ao catalán, eúscaro, galego e inglés.
Desta forma, os nenos que se acheguen á biblioteca infantil da Fundación ONCE poderán coñecer a Pablo, Nacho, Aitor, Rosalía, Amador, Aurora, Silvina, Aneta, Calista, Regina e Ramón, todos eles pequenos que mostran os seus desexos de ser policías, tenistas, pilotos de aviación, espías, actores, locutores, bailaríns, poetas, xornalistas, cociñeiros ou paleontólogos nunha serie realizada por Eva Latonda e Maru García.
Os soños de todos eles atópanse baixo os títulos de 'Pablo García policía', "Nacho pista tenista", "Aitor aviador", "Rosalía a espía", "Amador actor", "Aurora locutora", "Silvina bailarina", "Aneta poeta", 'Calista xornalista', "Regina ás da cociña" e "Ramón paleontólogo de profesión", que son os contos que compoñen ata a data a colección.
Trátase de historias que pretenden ensinar aos máis pequenos que as persoas con discapacidade son moi capaces e que ofrecen actividades para facer en familia. Poden atoparse en http://bibliotecainfantil.fundaciononce.es/
Biblioteca infantil da Fundación ONCE
A biblioteca infantil da Fundación ONCE forma parte da biblioteca xeral da entidade (https://biblioteca.fundaciononce.es/), que conta actualmente cun total de 5.251 publicacións sobre discapacidade e que dispón de coleccións propias con 482 documentos. De todos estes títulos, poden consultarse online ou descargarse 1.188.
Desde que o Goberno central decretou o confinamento nos fogares para facer fronte á crise provocada polo coronavirus, as visitas online á biblioteca xeral da Fundación ONCE incrementáronse un 35,08% con respecto ao mesmo período de 2019.