main content

main content
15/11/201710:11
Accegal.

As aplicacións de Accegal acumulan máis de 80.000 descargas

A nosa diversidade é tan ampla e tan “diversa” que tamén se aplica ao noso xeito de comunicarnos: cada persoa ten o seu xeito. A clave está en abranguer a todas e todos e non deixar a ninguén fóra. Este é un dos grandes obxectivos do proxecto galego Accegal, que, partindo da base dos atrancos que supoñen os modelos de comunicación xenérica, cen por cen textuais, aposta pola comunicación visual, pictográfica, aplicada ao ámbito das TIC. Máis polo miúdo, ao ámbito dos smartphones e as tabletas. Estes, a xuízo dos responsables de Accegal, brindan ás persoas con diversidades comunicativas unha “nova posibilidade para interactuar coa súa contorna, para expresarse e para evitar a súa exclusión social”. Dito doutro xeito: Accegal busca accesibilidade e inclusión poñendo o foco nuns elementos que se teñen criticado en repetidas ocasións por excluidores: os móbiles. O proxecto arrancou en 2011 e as súas aplicacións, nove, xa acumulan máis de 80.000 descargas.

Accegal vén da man do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón en Santiago de Compostela. Durante estes seis anos, educadores e enxeñeiros deseñaron e puxeron a disposición da sociedade nove aplicacións que se basean “na comunicación alternativa e aumentativa”. Entre todas elas, como dixemos, acumulan máis de 80.000 descargas a nivel internacional. Estes e outros datos veñen de ser achegados por un dos enxeñeiros de Accegal, Jonathan Juncal, quen avaliou o impacto e a efectividade das nove ferramentas ao abeiro da súa tese de doutoramento. Nela o investigador demostra a utilidade destes recursos e avalía o seu correcto funcionamento. Trátase das ferramentas VirtualTEC (a primeira da serie, fornecida en 2011), PictoDroid Lite, PictoDroid, PictoDroid Head Lite, PictoDroid Med e PictoTalk, que empregan comunicación mediante pictogramas e MessageTTS, MyKeyboDroid e SubTitleMe, que ofrecen comunicación mediante caracteres convencionais.

A finalidade de todas estas aplicacións, sinala Juncal, é “dar soporte a persoas con diferentes tipos de discapacidade que afectan gravemente á súa capacidade comunicativa, aproveitando o potencial da tecnoloxía móbil para crear solucións sinxelas, dependentes do sistema operativo Android”. Segundo engade, trátase “dun paso adiante respecto aos comunicadores tradicionais, máis estáticos e caros, xa que os smartphones e as tabletas permiten o emprego dos comunicadores en calquera lugar, de forma rápida e sinxela”.

14/11/201709:11
Fundación Balia.

A Fundación Vodafone España e a Fundación Balia xuntos para a inserción socio-laboral de persoas con discapacidade

  • 40 persoas con discapacidade participaron no proxecto “Formación para a inserción socio-laboral para persoas con discapacidade”

 

A área de Novas Tecnoloxías da Fundación Balia ten como obxectivo paliar a fenda dixital e capacitar no uso das Tics aos colectivos en situación vulnerable.

Neste labor a Fundación Balia conta coa colaboración da Fundación Vodafone España para o desenvolvemento do proxecto “Formación para a inserción socio laboral para persoas con discapacidade”.

Un proxecto formativo, dirixido a facilitar o acceso ás NN.TT. a persoas con discapacidade para a súa alfabetización dixital, desenvolvemento de habilidades na procura de emprego por internet e a utilización de apps en dispositivos móbiles para buscar información e realizar seguimentos das súas ofertas para unha procura de emprego eficaz.

Durante o ano académico 2016-2017, 40 persoas novas, con diferentes tipos de necesidades de apoio e distinto nivel de aprendizaxe realizaron o programa favorecendo a súa inclusión social e inserción laboral.

13/11/201709:11
Carta de axuste.

Nova tecnoloxía para facer máis accesible a televisión a persoas con discapacidade visual e auditiva

O grupo de investigación SoftLab da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M) e o Grupo Lavinia estreitan a súa colaboración para conseguir unha televisión máis accesible a todas as persoas que presentan algún tipo de discapacidade visual e/ou auditiva. Esta tecnoloxía permitirá ás cadeas da TDT ofrecer un sistema de subtitulado e audiodescripción de última xeración.

Os desenvolvementos líderes en accesibilidade audiovisual do grupo da Universidade Carlos III forman parte do portfolio de produtos e servizos que agora ofrece Lavinia, converténdose así nunha das empresas provedoras de solucións de accesibilidade tecnolóxicas no mercado nacional e internacional.

O sistema de subtitulado a tempo real é posible grazas á intelixencia artificial. As novas tecnoloxías de Deep Learning con Intelixencia artificial (IA) mediante redes neurais, permiten "unha velocidade e unha calidade ata agora inimaxinables", segundo destaca Grupo Lavinia. O sistema é válido para programas en directo con "voz limpa", é dicir, sen música ou outros ruídos cando se estea falando.

En canto á nova técnica de audiodescrición, o sistema GoAll permite emitir o texto da audiodescrición nunha nova canle de subtítulos e en tempo real. Deste xeito, a persoa con discapacidade visual ten acceso fácil á audiodescrición, evitando a dificultade de elixir a canle de audiodescrición na televisión, e pode elixir a voz de locución das diversas que existen para as aplicacións tanto en iOS como en Android. A audiodescrición só a escoita a persoa interesada e non interfire co resto de espectadores.

Doutra banda, a tecnoloxía Pervasive permite o acceso á televisión ás persoas xordocegas. Trátase dun sistema que extrae todos os subtítulos e envíaos aos dispositivos dos usuarios para que poidan lelos con opcións personalizadas e mesmo cunha liña Braille portátil.

Así mesmo, esta tecnoloxía conta cun sistema de fidelización con anuncios ou promos e outro de emisión de alertas.

13/11/201709:11
Fotografía dos dispositivos de Eyesynth, as lentes e o pequeno ordenador.

Eyesynth, unhas lentes para "ver" a través de sons

Eyesynth é un dos sistemas de guiado para persoas con discapacidade visual máis avanzados que coñecemos. Tivemos a ocasión de probalo ao principio do ano no MWC de Barcelona e deseguido soubemos que será unha revolución. Agora xa ten data de lanzamento: principios de 2018.

Eyesynth está formado por unhas lentes e un pequeno ordenador. As lentes incorporan unhas cámaras que captan os obstáculos ao redor do usuario e informan ao pequeno ordenador ao que van enlazadas.

Este pequeno ordenador analiza eses obstáculos e emite sons a través dun avanzado sistema que enseguida o usuario é capaz de traducir para detectar onde se atopan os perigos para evitar.

É un sistema en 3D moi intuitivo que rapidamente permite ao usuario moverse con relativa soltura evitando os obstáculos ao seu redor. Que quere dicir que é en tres dimensións? Pois que o usuario non só identifica formas e espazos, senón que é capaz de medir a profundidade dos obxectos e a súa localización.

Todo o fai a través de sons abstractos, sen necesidade de palabras. É unha nova linguaxe que o cerebro aprende rapidamente e automatiza para que o usuario o utilice de forma natural.

O son transmítese ao usuario utilizando os ósos da cabeza deixando os oídos libres para que poida escoitar con normalidade.

O sistema ten dous modos, un de rastrexo que vai analizando os obstáculos a medida que o usuario move a cabeza dun lado a outro; e o panorámico, que fai que as lentes capten todo o espazo tanto diante das lentes como aos lados.

Este dispositivo xa se pode reservar na web da compañía a un prezo de 2.420 euros. Con todo, os 100 primeiros usuarios en adquirilo poderano facer a un prezo promocionado de 1.695 euros.

Eyesynth trátase sen dúbida dunha revolución xa que, non só se trata dun sistema avanzado de guiado, senón que está optimizado para ser o máis cómodo posible para o usuario e que este o utilice de forma natural.

13/11/201708:11
Unha moza cega utiliza Wayfindr no metro de Londres.

Un estándar para unificar os sistemas de guiado en interiores

Wayfindr é un sistema de guiado para persoas cegas, pero en lugar de tomar forma como unha aplicación única, os seus creadores decidiron configuralo como un estándar aberto que calquera compañía desenvolvedora puidese utilizar e buscar así un modelo universal para o guiado en interiores.

O proxecto desenvolveuse da man de Google.org e o organismo de transporte de Londres, de maneira que na súa primeira versión serve para guiar aos usuarios polo metro da capital inglesa.

O obxectivo de Wayfindr é estender este mesmo sistema para que os usuarios non teñan que adaptarse a cada aplicación distinta en función do medio de transporte que vaian coller, do establecemento ao que entren ou da cidade que visiten.

Para eles Wayfindr creou unha comunidade da que xa forman parte case 50 entidades distintas que perseguen universalizar este tipo de sistema de guiado en interiores.

10/11/201709:11
Pantallazo da app

App para unha maior autonomía das persoas con discapacidade intelectual

A Fundación Mapfre e a Fundación Gmp presentaron a app ‘Son Cappaz', aplicación para teléfonos móbiles desenvolvida coa colaboración da Federación de Organizacións en favor de Persoas con Discapacidade Intelectual de Madrid (FEAPS Madrid), membro de Somos Pacientes, a Federación Española de Síndrome de Down (Down España) e a Fundación Garrigou para fortalecer a autonomía das persoas con discapacidade intelectual.

Como explica Down España, “a app ten por obxectivo contribuír a que as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais sexan máis independentes, desenvólvanse con maior seguridade no seu día a día, teñan máis posibilidades de desenvolver o seu traballo nunha contorna laboral normalizada e estean mellor comunicados cos seus familiares e titores”.

 

‘Son Cappaz'

A app ‘Son Cappaz', totalmente gratuíta, xa se atopa dispoñible para teléfonos móbiles con sistema operativo Android.

E como apunta FEAPS Madrid, “a aplicación conta con catro funcionalidades prácticas e fáciles de usar. Entre elas atópase ‘O meu Calendario', que reflicte as tarefas da vida cotiá e da contorna laboral do interesado e permite que as persoas de apoio da súa contorna poidan activalo e actualizalo desde calquera dispositivo. Tamén inclúe a funcionalidade ‘Onde Estou?', que contribúe a que estas persoas realicen desprazamentos con maior autonomía e seguridade grazas á creación de rutas que guiarán ao usuario polo traxecto correcto”.

É máis; a app tamén inclúe a funcionalidade ‘Os meus Traballos', na que o usuario poderá acceder a vídeos demostrativos para saber como realizar distintas tarefas, por exemplo poñer en marcha un electrodoméstico ou imprimir un documento; e a funcionalidade ‘Necesito Axuda', coa que se facilita ao usuario a comunicación telefónica coas persoas da súa contorna en caso de requirir axuda ou atoparse nunha situación de emerxencia.

10/11/201709:11
Gravación dun video-currículo.

COGAMI e a Fundación Vodafone apostan na nosa terra polo vídeo currículo

COGAMI, a entidade galega de persoas con características diversas, está a apostar pola metodoloxía do vídeo currículo para facilitar o camiño dos seus integrantes de cara a un posto de traballo. A iniciativa, que se materializa a través da área de emprego de COGAMI, estase a desenvolver a través do programa Participa coa Dis-Capacidade, que impulsa a Fundación Vodafone e que serve para que as persoas potencien o uso das novas tecnoloxías durante a súa procura de emprego, a través do que se coñece como currículo 2.0. Segundo informa COGAMI, a importancia do currículo 2.0 é cada vez maior na sociedade actual e noso mercado de emprego. Un exemplo disto é feito de que LinkedIn, a rede social referente no ámbito do emprego, que en España conta con máis de 10 millóns de membros, vén de implantar no seu seo unha ferramenta que permite aos usuarios pendurar un vídeo ao seu perfil. 

COGAMI tamén explica que o vídeo currículo consiste nunha presentación audiovisual onde a persoa aspirante a un posto fala sobre si mesma, dando a coñecer as súas aptitudes, habilidades, logros, ambicións e expectativas. Ao fío do devandito, COGAMI e a Fundación Vodafone ofrecen aos integrantes da confederación galega a posibilidade de gravar o seu propio currículo 2.0, ademais de achegar as pautas necesarias para a correcta difusión do mesmo, tendo como obxectivo final o conseguir unha entrevista persoal. Unha das persoas que mostrou interese nesta iniciativa foi Felisa Nchama Alogo Abuy, unha moza graduada en Dereito que quere apostar polo audiovisual para presentarse ás ofertas de emprego. Felisa aproveitou esta oportunidade que se lle brinda a través de Participa coa Dis-Capacidade porque, segundo dixo, non quere pecharse a ningunha posibilidade para estar ao día no mercado laboral.

09/11/201710:11
Logo mouse4all.

A empresa española mouse4all, gañadora dos premios do cume mundial da ONU

A empresa española Mouse4all foi galardoada como mellor solución dixital con impacto social na categoría de Inclusión e Empoderamiento nos World Social Awards (WSA).

Nesta edición 2017, os WSA distinguiron a un total de 40 iniciativas en oito categorías distintas, seleccionadas dun total de máis de 400 nomeadas procedentes de países de todo o mundo. Segundo a organización, "todos os proxectos nomeados son innovadores e únicos, o que converte aos 40 mellores en excepcionais".

Estes premios son unha iniciativa enmarcada no Cume Mundial das Nacións Unidas sobre a Sociedade da Información para recoñecer a innovación dixital con impacto na sociedade.

Os gañadores dos WSA 2017 representan unha gran variedade de iniciativas de innovación dixital: desde impresión 3D de órganos, 'big data' orientado ao turismo, unha pequena computadora programable para axudar aos escolares para aprender a codificar, ou unha plataforma de traballo para mulleres centrada no talento tecnolóxico.

Mouse4all é unha empresa española de emprendemento social creada polos enxeñeiros José Ángel Jiménez e Javier Montaner, que desenvolveron un produto de accesibilidade que permite utilizar dispositivos táctiles Android a persoas que non poden manexar a pantalla por mor dunha discapacidade física.

Desta maneira, con só mover unha panca co queixo, por exemplo, ou facer 'clic' nun pulsador coa cabeza, conseguen acceder a Internet, redes sociais, xogos e calquera aplicación dun móbil ou unha tableta. Así, esta innovación contribúe a cambiar a vida de persoas que, por primeira vez, poden usar dispositivos móbiles cos que son capaces de comunicarse e interactuar con outros, potenciando a súa privacidade, autonomía e autoestima.

Segundo Jiménez, "a idea xurdiu cando fomos conscientes de que a revolución dixital deixara fóra a millóns de persoas que non poden usar unha pantalla táctil por sufrir unha discapacidade física severa como parálise cerebral, lesión medular, esclerose múltiple, enfermidades neuromusculares ou ELA".

Pola súa banda, Montaner asegurou que se senten "moi agradecidos e orgullosos por resultar premiados nunha competición tan prestixiosa que, ademais, achéganos unha proxección clave á hora de contribuír a solucionar un problema que afecta as persoas con discapacidade a escala mundial".

09/11/201710:11
Convenio ONCE - Microsoft.

A ONCE, a Fundación ONCE e Microsoft colaboran para promover a accesibilidade da tecnoloxía e o emprego das persoas con discapacidade

  • A ONCE e Microsoft manteñen unha estreita colaboración desde 1997, que foi reafirmada en 2004 por Bill Gates e agora polo Presidente da compañía, Brad Smith
 
A ONCE, a Fundación ONCE e Microsoft renovaron o seu compromiso de colaboración no ámbito da accesibilidade tecnolóxica e o apoio ás persoas con discapacidade mediante a firma dun convenio que foi rubricado por Patricia Sanz, Vicepresidenta de Políticas Sociais e Igualdade da ONCE, Brad Smith, Presidente de Microsoft Corporation, e Pilar López, Presidenta de Microsoft España. 
 
Este convenio vén a ampliar a colaboración estratéxica que as tres entidades manteñen desde fai vinte anos co obxectivo de promover a mellora da accesibilidade das tecnoloxías da información, fomentar o uso de ferramentas accesibles na escola e impulsar a empregabilidade e a integración laboral dos mozos con discapacidade. En concreto, identificáronse as seguintes liñas de actuación prioritarias no marco do novo convenio, que tamén se poden ver neste videocomunicado (http://ow.ly/wz5730grbsn):
  • Mellora da empregabilidade de persoas con discapacidade. Co fin de mellorar a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade no acceso ao emprego, impulsaranse conxuntamente actividades de inserción laboral e formación en tecnoloxía. Así mesmo, promoverase o acceso de mozos con discapacidade ás carreiras STEM (polas súas siglas en inglés: Science, Technology, Engineering, Mathematics)
  • Accesibilidade na escola. As tres entidades colaborarán na posta en marcha de accións de formación do profesorado en materia de novas tecnoloxías, fomentando a xeración de contidos accesibles e calquera outra acción que contribúa a promover o acceso á educación inclusiva para as persoas con discapacidade. 
  • Tecnoloxías máis accesibles. A ONCE, a Fundación ONCE e Microsoft colaborarán na promoción da accesibilidade universal e o deseño para todas as persoas a través de iniciativas de divulgación de tecnoloxías accesibles. Así mesmo, o CIDAT (Centro de Investigación, Desenvolvemento e Aplicación Tiflotécnica) da ONCE e Microsoft colaborarán no testeo da usabilidade dos produtos da compañía e no desenvolvemento de proxectos de investigación no ámbito da accesibilidade.
 
Vinte anos de compromiso coa accesibilidade
Microsoft e a ONCE e a súa Fundación levan colaborando desde fai vinte anos. A súa historia remóntase a 1997, ano no que asinaron un primeiro acordo, grazas ao que un equipo técnico da ONCE se uniu aos grupos de desenvolvemento de Windows de Microsoft na súa sede central de Redmond para colaborar no desenvolvemento de ferramentas que permitisen facer accesible a persoas cegas e con discapacidade visual o sistema operativo da compañía. En 2004, o por entón CEO de Microsoft, Bill Gates, reafirmou a colaboración da empresa coa ONCE a través da ampliación do seu acordo para mellorar a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico e garantir ás persoas con discapacidade o pleno acceso ás novas tecnoloxías.
 
En España máis de catro millóns de persoas ten algún tipo de discapacidade e a súa inserción no mercado laboral é baixa -a taxa de paro das persoas con certificado de discapacidade é superior ao 32%-. As empresas demandan cada vez profesionais máis cualificados, tanto nos seus estudos como no manexo das novas tecnoloxías. A mellora no acceso e na formación tecnolóxica convértese en algo absolutamente imprescindible para axudar aos mozos con calquera tipo de discapacidade na súa inserción no mercado laboral e a desenvolver unha mellor carreira profesional.
 
Para Patricia Sanz Cameo, vicepresidenta da ONCE, este acordo supón un “paso moi destacado no esforzo da Organización por lograr que a tecnoloxía que pode axudar á inclusión de persoas con discapacidade en todos os ámbitos da vida non esqueza ás persoas con discapacidade. O exemplo do labor de Microsoft provocará sen dúbida un grande impacto e arrastre para que todo o mundo das tecnoloxías non esqueza este necesario enfoque de accesibilidade universal e deseño para todos”.
 
“O compromiso de Microsoft é o de potenciar e permitir a calquera persoa facer e conseguir máis. Traballamos con organizacións de todo o mundo para crear políticas e programas que promovan a inclusión dixital e proporcionen a todas as persoas un mellor acceso á educación, ao emprego e aos servizos públicos. Bo exemplo diso é a ampliación do noso acordo coa ONCE e a súa Fundación, que nos permite contribuír no acceso á tecnoloxía, mellora da educación de persoas con discapacidade e da súa inserción no mundo laboral, onde cada vez son máis necesarias as habilidades tecnolóxicas”, sinalou Pilar López, Presidenta de Microsoft España.
 
Microsoft leva máis de dúas décadas comprometida co desenvolvemento de produtos e solucións innovadoras no terreo da accesibilidade. Entre elas, o sistema operativo Windows 10 inclúe características de accesibilidade que facilitan o uso de computadores por parte de persoas con algunha discapacidade, xa sexa visual, auditiva, motriz ou intelectual. Así mesmo, outros produtos e servizos da compañía, como o Office 365, o navegador Microsoft Edge ou Skype, inclúen características de accesibilidade. (Máis información sobre accesibilidade en https://www.microsoft.com/enable/default.aspx)
03/11/201709:11
Asociación Adisli.

ADISLI e a Fundación Vodafone España continúan coa misión de lograr a inclusión socio laboral das persoas con intelixencia límite e/ou discapacidade intelectual lixeira, a través do Proxecto “Empregando que é xerundio”

  • 80 participantes que se atopan desenvolvendo diferentes itinerarios profesionais e compártenos na nosa plataforma de blogue e videoblogue

 

A Asociación Adisli, entidade con máis de 20 anos de experiencia no ámbito social, declarada de utilidade pública no ano 2003, en colaboración coa Fundación Vodafone España, continúa a súa misión de lograr a inclusión socio laboral das persoas con intelixencia límite e/ou discapacidade intelectual lixeira, a través do Proxecto “Empregando que é xerundio”.

O proxecto fundaméntase nunha planificación centrada na persoa, favorecendo a formación, orientación e asesoramento, a incorporación laboral, a inclusión social e a sensibilización en todos os ámbitos.

Destacar os logros alcanzados polas persoas que participan activamente en Empregando “que é xerundio”, 80 participantes que se atopan desenvolvendo diferentes itinerarios profesionais e compártenos na nosa plataforma de blogue e videoblogue www.empleandoqueesgerundio.blogspot.com.es, incidindo naqueles que supoñen o maior éxito do desenvolvemento de “Empregando que é xerundio”.

Desta forma, varias persoas participantes, asumiron novos retos durante o mes de setembro e comezos de outubro. Como o caso de Gemma, que acaba de renovar o seu contrato nunha empresa de manipulados; Alejandro e Laura, que se incorporan como Auxiliar de servizos en dúas empresas; Eva e Pablo, que comezan unhas prácticas non laborais; Anabel, Laura, Sonia e Juanjo, que comezaron diferentes certificados de profesionalidade ou Diego, Víctor e Jorge, que realizaron con éxito unha formación en novas masculinidades.

A colaboración mantida coa Fundación Vodafone España, facilita e incide na mellora das competencias comunicativas e tecnolóxicas, habilidades que fomentan a inclusión e o desenvolvemento da autoestima e a motivación persoal. Grazas á colaboración mantida, as persoas participantes desenvolven o seu talento e as súas competencias, nun marco colaborativo que favorece o traballo en equipo, a solidariedade e o compañeirismo, valores que fomenta a liña da Asociación Adisli e son compartidos por a Fundación Vodafone España.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS