main content

main content
13/07/201612:07
Jordyn Castor
Santiago de Compostela

Enxeñeira invidente de Apple destaca o compromiso da compañía coa accesibilidade

A miúdo, os artigos que publicamos viran ao redor da actualidade, rumores e análises de aplicacións. Aínda que en ocasións, falar dunha experiencia de vida como a de Jordyn Castor resulta gratificante e énchenos de esperanzas.

Jordyn naceu prematuramente, con menos de 1 Kg de peso. Os médicos déronlle aos seus pais, poucas expectativas de vida. E debido ao seu nacemento prematuro, naceu cega. Os seus pais foron un factor importante para ensinarlle a superar todo tipo de obstáculos.


Traballando en Apple para mellorar a accesibilidade

A información que foi compartida nunha entrevista realizada por Mashable, cita que desde pequena estivo atraída pola informática, e foi grazas a esta que puido facerse un lugar no mundo da tecnoloxía. Ademais de ser un exemplo de superación, grazas aos seus coñecementos, axuda a outras persoas invidentes a mellorar a súa experiencia cos computadores.

Foi así que en 2015 únese ás filas de Apple como pasante, para axudar no desenvolvemento de "VoiceOver". Tras terminar a súa etapa como pasante, gañouse un lugar como enxeñeira no equipo de deseño da accesibilidade e a calidade de Apple.


A accesibilidade é un dos factores máis importantes que se consideran en Apple

Actualmente, o seu traballo céntrase en mellorar a accesibilidade para nenos invidentes, mediante o novo Swift Playground que permite ensinar de maneira divertida aos nenos a programar.

Sarah Herrlinger, Xerente Senior de Apple da política de accesibilidade, explica como a filosofía de Apple apunta a ofrecer ás persoas invidentes ou con diminución visual a posibilidade de utilizar a tecnoloxía sen necesidade de comprar accesorios adicionais.
Este esforzo por parte de Apple vese reflectido nos usuarios, e hai poucos días atrás recibiu un premio da "American Council of the Blind"s" pola súa continua dedicación á innovación baseada na inclusión dos usuarios invidentes.

Jordyn Castor, é un exemplo de superación e o seu traballo en Apple demostra o compromiso que a compañía ten cos seus usuarios.

13/07/201610:07
Desenvolvedores de CerQana.
Santiago de Compostela

CerQana fomenta a autonomía dos maiores a través dunha aplicación con xeolocalización

Trátase dunha iniciativa ligada á tecnoloxía deseñada por dous enxeñeiros da Universidade de Zaragoza

Dous enxeñeiros da Universidade de Zaragoza, Alfonso Escriche e Carlos Vicente, son os creadores dunha aplicación móbil que fomenta a autonomía e a integración de maiores. O seu obxectivo é facilitar a vida destas persoas que, en moitos casos, "perden a súa autonomía non porque sexan incapaces de manter unha vida independente, senón polo medo tanto seu como das súas familias a que lles pase algo cando están soas", explica Alfonso Escriche. A dificultade para adaptarse a complexas tecnoloxías lévalles a quedar excluídos desta posibilidade.

É aí onde xorde CerQana, unha app creada para simplificar calquera smartphone, modificándoo e engadindo novas características para axudar ás familias ou responsables a velar pola súa seguridade de forma remota e, á vez, permiten usar un móbil a alguén que até ese momento non era capaz de utilizalo.

CerQana naceu a partir dunha experiencia persoal para axudar a unha persoa maior a estar comunicada coa súa familia, que ademais pasou de non atreverse a saír de casa a poder levar unha vida normal sen ningunha limitación. Pretendía ser unha mellora que cubrise as limitacións do tradicional botón de teleasistencia. A idea era estender fóra da súa casa a seguridade que este botón lle proporcionaba. O proxecto "chamou a atención dalgunhas fundacións e asociacións, que nos fixeron ver o potencial que tiña para distintos colectivos -conta Alfonso Escriche-, así que decidimos dedicarnos a tempo completo, desenvolvendo CerQana pensando en que resultase de axuda a cada un destes perfís".

Unha app adaptada a cada usuario
Alfonso Escriche e Carlos Vicente tiñan claro cando empezaron a desenvolver o seu proxecto que debían adaptar a tecnoloxía a cada persoa para simplificar o smartphone ao seu uso concreto, "desde non ter que interactuar para nada co teléfono e que CerQana descolgue automaticamente as chamadas do seu familiar e poña o sistema de mans libres até utilizalo como un smartphone habitual" destaca Carlos Vicente. Desde a súa idea de partida, a app ha ir engadindo características para, por exemplo, fomentar a organización a través de recordatorios, diferentes rutas, ou mesmo guiarlle de volta a casa.

Doutra banda, permite á familia ou responsables coñecer a súa localización en todo momento e recibir avisos en tempo real, entre outras cousas, se o usuario entra ou sae dunha zona perigosa ou segura, se se desvía dunha ruta habitual, ou sofre unha caída. "Isto fai que a persoa poida gozar dunha maior independencia e privacidade, ao garantir a súa seguridade sen a necesidade unha vixilancia constante", comenta Vicente.

CerQana é unha empresa social co claro obxectivo de ter un impacto positivo no benestar e a calidade de vida dos nosos maiores. Nunha sociedade na que a taxa de envellecemento incrementa cada ano a un ritmo alarmante, segundo a Comisión Europea, é de vital importancia aproveitar as vantaxes que a tecnoloxía pon á nosa disposición.

O sector de e-Health é un mercado crecente, que moverá máis 17.6B de euros en 2017 só en Europa, segundo datos da Unión Europea.

CerQana aposta por un modelo cunha versión gratuíta que cubra as necesidades fundamentais e unha versión de pago con características adicionais. "Cremos importante acompañar ao usuario en todo momento, solucionando as súas dúbidas e axudándolles a obter a mellor experiencia de CerQana", apunta Carlos Vicente, quen engade que o seu obxectivo, desde o principio, "foi presentar unha alternativa económica e que ademais de cubrir as súas necesidades fomente a súa calidade de vida".

Recoñecementos
CerQana recibiu varios premios e recoñecementos. Foi finalista na primeira edición dos Premios G5 Innova, proxecto máis innovador socialmente nos Premios ZAC e gañador do concurso de emprendimiento promovido pola escola de negocios IEBS. Ademais, foi seleccionado para o programa de aceleración de Plug and Play Spain. Actualmente foi seleccionado entre máis de 80 startups de toda Europa para participar no programa ScaleUp da Comisión Europea, e forma parte do programa Sity de Incubio e Agbar en Barcelona, que promove proxectos que melloran a calidade de vida dos cidadáns.

Por outra banda, foron relatores no XII Foro de Innovación Social en Zaragoza, no II International Forum for Social Innovation en Valencia e no Think Tank about Social Innovation en Cali, Colombia

11/07/201610:07
Nenos usando smartphones.
Santiago de Compostela

As 10 mellores aplicacións españolas para nenos

No festival de comunicación El Chupete déronse a coñecer as dez mellores apps infantís desenvolvidas no noso país. Contámosche cales son.

O día 7 tivo lugar o evento appKIDS, no que o director de El Chupete, Rodrigo Ron, entregou os diplomas ao dez gañadores das mellores apps para nenos. El Chupete é o Primeiro Festival Internacional de Comunicación Infantil de carácter independente que, por quinto ano consecutivo premia os mellores traballos creativos con valores dirixidos ao público infantil.

Un dos principais obxectivos deste evento é concienciar a anunciantes, axencias, medios e profesionais da educación acerca da responsabilidade que leva a comunicación. A continuación, podes consultar as mellores aplicacións infantís premiadas no evento.

 

As 10 mellores apps infantís desenvolvidas en España

  • ABCine: Esta app permite que os máis pequenos aprendan o abecedario repasando as letras e accedendo a animacións interactivas baseadas nas mellores películas do cinema infantil. A aplicación foi desenvolvida polo estudo madrileño Meikme, que repite premio despois do recibido en 2015 pola Viaxe de Alvin.
  • Brain Aliens: Este divertido xogo de pago é herdeiro do famoso Brain Training de Nintendo, baseado na resolución de exercicios co obxectivo de desbloquear niveis e conseguir a máxima puntuación. Está creado por Blowing Minds, un pequeno estudo indie de Barcelona.
  • Comomola Piratas: Esta app para iOS fará as delicias daqueles nenos amantes das historias de aventuras. Orientada a preescolares, esta app é un conto que mestura personaxes como Pinocho, o xenio de Aladino ou Jack Sparrow. Foi creado por un estudo barcelonés denominado Comomola.
  • Creatales: CreAPPcuentos e Creatales son unhas aplicacións infantís fantásticas para a imaxinación e a estimulación da creatividade. Así, esta app permítelles xerar os seus propios contos, narrar a historia, mover os personaxes e decidir os xiros no guión. Os seus autores pertencen á startup  Creatales con sede en Galicia.
  • Dada trains: Se un neno quere coñecer o funcionamento dun tren e converterse no seu maquinista, esta app profundiza neste medio de transporte de maneira lúdica mediante minixogos, permitindo que deseñen a súa propia locomotora e resolvan labirintos, ademais de xogar por escenarios con divertidas ilustracións.
  • Kekotukos: Esta aplicación ten como protagonista a Keko, que ensinará aos máis pequenos a coñecer os alimentos e as pezas de vestir ou xogar con música, contando en total con 12 minixogos cos que desenvolver diferentes capacidades. A aplicación está creada pola empresa galega Kekotukos.
  • O que comen os ratos: Un fantástico conto dixital en formato de aplicación móbil, cuxo protagonista é Bruno White un rato con algunhas dúbidas existenciais que guiará ao público infantil e inculcaralles valores positivos. A app foi desenvolvida pola empresa madrileña e-mutation sobre guión de Fernando Royuela e ilustrado por Fernando Vicente.
  • Niní aprende a contar: Esta app contén 35 pantallas para narrar a historia de Niní, cuxo obxectivo é que os nenos aprendan os números e practiquen a lectura compartida. O seu target é o dos nenos de até 5 anos e atoparala en castelán e inglés. Os autores son o estudo barcelonés Tangible Fun e trátase da súa primeira app dirixida ao público infantil.
  • Smile & learn: Trátase da Biblioteca Intelixente do estudo madrileño Smile & Learn e funciona a modo dun colector en varios idiomas de contos e xogos interactivos para nenos de 2 a 10 anos. Todos eles foron creados por expertos en educación e tecnoloxía e están adaptados á idade e velocidade de aprendizaxe de cada neno.
  • Tiny trees: O público infantil pode viaxar con esta aplicación rumbo a un planeta máxico para facer medrar unha planta ata que se converta nunha árbore. O planeta desta app baséase en obxectos que poden tocarse e cos que os nenos poden experimentar. Os seus creadores son o estudo Tiny Cosmonauts.
08/07/201609:07
Colaboración FVE - AEERC
Santiago de Compostela

Fundación Vodafone España e a Asociación Española de Expertos en Relación cos Clientes formarán a 135 persoas con discapacidade

Ámbalas entidades renovan por cuarto ano a súa colaboración co proxecto “Accións Formativas online en contornas de Contact Center”

A Fundación Vodafone España e a Asociación Española de Expertos en Relación cos Clientes (AEERC) asinaron un novo convenio de colaboración polo que dan continuidade por cuarto ano consecutivo ao seu proxecto de formación de persoas con discapacidade, ampliando a oferta formativa con novos contidos técnicos, en concreto sobre o programa EXCEL en nivel intermedio e avanzado, ferramenta necesaria para as contornas de Contact Center.

O novo proxecto "Accións Formativas online en Contornas de Contact Center" desenvolverase entre xuño de 2016 e xuño de 2017 e potenciará a formación a 135 persoas con discapacidade, das cales 35 recibirán formación online como Axentes de Contact Center, 50 en Excel intermedio e outras 50 en Excel avanzado.

A aprendizaxe terá unha duración aproximada de cinco meses e consta de 220 horas lectivas, das cales 80 horas serán de visionado de "clases maxistrais" e outras 140 corresponden a exercicios prácticos que o alumno debe cumprimentar e superar para poder continuar.

O curso realízase coa participación en remoto de todos os candidatos en modalidade asíncrona: o alumno visiona vídeos de pílulas formativas e realiza exercicios que lle permiten avanzar de forma individual. Contarase cun titor que alentará e animará ao alumnado ademais de resolver todas as dúbidas que lle vaian xurdindo. Todas as sesións serán monitorizadas por un técnico especializado en métodos educativos a distancia. A formación é selectiva e ao final de cada módulo o usuario debe realizar varios exames que certifican a súa cualificación nas diferentes áreas.

O recrutamento e selección dos alumnos realizarase durante o mes de xullo e setembro e o curso comezará en outubro. Finalmente, no período comprendido de marzo a maio os alumnos realizarán os seus CV e comezarán os procesos de inserción laboral nas empresas que participan en Grupo de Teletrabajo DISCATEL e noutras Asociacións.

07/07/201609:07
Terminais Primux.
Santiago de Compostela

Primux activa a súa política de responsabilidade social colaborando con Down Galicia

A empresa galega Primux Tech, centrada no desenvolvemento e na comercialización de produtos de electrónica de consumo, vén de activar a súa política de responsabilidade social corporativa. E fíxoo colaborando coa asociación Down España e a súa filial Down Galicia. Ao abeiro deste compromiso e tras recibir a proposta de Down Ourense (federada en Down Galicia), a empresa de fabricación e distribución de aparellos electrónicos de lecer ofreceu o seu primeiro contrato laboral a David Novoa, ourensán de 26 anos que se integrou no cadro de persoal por un período mínimo dun ano.

Segundo informa Primux e reflicten fontes da Tecnópole (na que se empraza a sede de Primux), David Novoa conta co respaldo dunha preparadora laboral de Down Galicia e, ao igual ca todos os novos traballadores, recibe formación e apoio continuos dos seus compañeiros dentro do departamento de Loxística e Calidade, onde traballa no inventariado de pezas de reposto, tarefas de retractilado e organización do almacén do departamento técnico postvenda, entre outras funcións.

A Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) tamén lembra que Primux participou recentemente como patrocinadora no 2º Encontro Nacional de Mocidade Down España, celebrado en Santiago de Compostela a finais de maio. Segundo informa Daniel Rodríguez, director executivo de Primux, “estamos comprometidos cos retos da sociedade e, malia que non somos aínda unha gran empresa, queremos contribuír na medida das nosas posibilidades ao seu desenvolvemento”.

06/07/201609:07
Manual do curso.
Santiago de Compostela

Amtega e a Fundación Vodafone España poñen en marcha unha nova edición do proxecto "Aprende a usar o smartphone", dirixido a persoas maiores

Dezanove localidades de Galicia con aula CeMIT ofertan cerca de 300 prazas para formar aos maiores no uso destes dispositivos

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Fundación Vodafone España poñen en marcha a segunda edición do proxecto “Aprende a usar o smartphone” para introducir ás persoas maiores no uso dos teléfonos móbiles “intelixentes”.

A actividade chegará a 19 aulas da Rede CeMIT, que ofertan cerca de 300 prazas, e é continuación doutra edición realizada entre os meses de outubro e marzo na que se formaron 450 persoas de 28 localidades, con un promedio de idade de 64 anos.

Cada unha das Aulas CeMIT que participan nesta iniciativa disporá de diversos terminais telefónicos para facilitar a aprendizaxe ás persoas que aínda no dispoñen deles.

As localidades que ofertan os obradoiros son: A Coruña, Cerceda, Ortigueira, As Pontes, Santa Comba, Sigüeiro – Oroso, Vimianzo, Barreiros, Carballedo, Sarria, Manzaneda, Verín, Xunqueira de Ambía, Cuntis, A Guarda, Ponteareas ,O Porriño, Valga e Vigo.

As persoas interesadas en asistir a estas iniciativas formativas poderán consultar as súas datas de realización e formalizar a súa inscripción na páxina web da Rede CeMIT.

05/07/201609:07
Formación a maiores de Mos sobre smartphones.
Santiago de Compostela

O Concello de Mos achegou as moitas posibilidades dos móbiles aos seus maiores

O Concello de Mos vén de formar aos seus maiores en materia de dispositivos móbiles e das moitas utilidades que lles extraer a estes aparellos (estar máis e mellor comunicados coa familia e cos amigos, facer e compartir fotografías novas e antigas, colaborar en iniciativas sociais, compartir todo tipo de coñecemento, recibir coidados e atención médica). O curso Coñece o teu móbil chegou os días pasados ao seu remate e foi clausurado oficialmente polo concelleiro delegado de Participación Cidadá, Camilo Augusto. A actividade deu comezo o luns 9 de maio e rematou o pasado xoves.

Impartiuse no Multiusos das Pozas en horario de 12.00 horas a 13.30 horas. Segundo informa a dita Concellería, organizadora da actividade, foi unha acción formativa totalmente gratuíta para os participantes,persoas empadroadas no termo municipal maiores de 65 anos, ou pensionistas maiores de 55 anos. Entre os obxectivos de base do curso figurou o seguinte: desbotar a crenza de que entre os cidadáns de idade non son precisos os dispositivos móbiles, en parte porque moitas persoas aínda non os empregaron nunca, en parte debido á súa suposta complexidade. “Ambas crenzas”, sinalou o concelleiro no peche da actividade, “son totalmente infundadas, xa que os terminais móbiles ofrecen numerosas prestacións para os maiores, e tamén son cada vez máis doados de empregar”. Ademais, engadiu, “adoitan dar solución a dous dos principais temores das persoas da terceira idade: a soidade e o medo a que lles aconteza algún imprevisto, por exemplo un accidente doméstico, e que ninguén poida asistilos a tempo”. Segundo informou o Concello de Mos, proxecto Coñece o teu móbil é un obradoiro educativo “concibido para que as persoas maiores participen plenamente na Sociedade da Información, e como consecuencia, melloren a súa calidade de vida grazas ó uso cotiá das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC”.

05/07/201608:07
Colaboración HPE - Xunta
Santiago de Compostela

Feijóo resalta que a colaboración con HPE é “un paso importante para consolidar o desenvolvemento do Big Data en Galicia”

  • Anuncia a posta en marcha, xunto con Vodafone, dun novo centro para impulsar a Innovación Social Dixital
  • Destaca que a nosa é a quinta comunidade en número de empresas tecnolóxicas, con máis de 2.200 compañías e 14.400 traballadores
  • Reivindica a aposta pola formación e a colaboración entre a universidade e a empresa como piares imprescindibles na consolidación do sector
  • Subliña a transformación de Galicia nunha sociedade dixital grazas a actuacións como o programa Abalar, a receita electrónica ou a Historia Social Única Electrónica

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta mañá, durante a presentación do novo Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de Hewlett Packard Enterprise, que a colaboración coa multinacional “é un paso importante para o desenvolvemento do Big Data en Galicia”. En virtude do convenio asinado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora da Amtega, Mar Pereira, con HPE, a empresa trasladará a súa actividade á Cidade da Cultura, onde traballarán cincuenta expertos no asesoramento en proxectos de Big Data e Intelixencia de Negocio.

Feijóo resaltou a consolidación do Gaiás como “o corazón dixital de Galicia”, no que traballan 400 profesionais TIC, entre os traballadores da Amtega, de empresas tecnolóxicas que colaboran con proxectos públicos de transformación dixital e doutras iniciativas como o Galicia Open Future de Telefónica. Ademais, anunciou a posta en marcha, en colaboración con Vodafone, dun novo centro para impulsar a Innovación Social Dixital.

O titular do Goberno galego presentou o acordo como un dos resultados do Pacto Dixital de Galicia, grazas ao que 13 empresas do sector están a colaborar coa Administración autonómica para situar a Comunidade como un referente tecnolóxico na atracción de investimentos, o desenvolvemento de proxectos con potencial tractor e a internacionalización das pemes. Nese senso, lembrou que Galicia xa é a quinta autonomía en número de empresas tecnolóxicas, con 2.200 compañías e 14.400 traballadores.

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta tamén reivindicou a importancia da formación como vehículo imprescindible na consolidación o sector. Para iso, o acordo con HPE contempla o desenvolvemento dun programa de asesoramento a titulados universitarios, que permitirá seguir afondando na colaboración entre a universidade e a empresa e formar profesionais de alta cualificación nas TIC.

Galicia, sociedade dixital
O convenio asinado hoxe constitúe un paso máis na transformación de Galicia nunha sociedade dixital en todos os ámbitos, cun gran investimento das institucións públicas e privadas, que ascenderá aos 3.000 millóns de euros ao final da década. Nesa liña, Feijóo lembrou a posta en marcha do proxecto Abalar, no eido educativo, a receita electrónica, na sanidade pública, ou a Historia Social Única Electrónica, que foi presentada onte no Consello da Xunta. Grazas a este tipo de iniciativas, hoxe 8 de cada 10 trámites coa Administración autonómica xa se poden realizar por vía electrónica.

Finalmente, o mandatario galego tamén quixo salientar os esforzos do Executivo por reducir a fenda dixital, outro dos grandes retos que Galicia está a afrontar con éxito. Desde 2009, o número de usuarios da rede aumentou en 350.000, un 40%, e 700.000 galegos obtiveron cobertura. Para seguir avanzando nese camiño, Feijóo destacou o desenvolvemento do Plan de Banda Larga 2020 e do Plan de inclusión dixital, que buscan facilitar a conexión a redes ultrarrápidas a toda a poboación e fomentar o uso e a formación avanzada nas TIC.

04/07/201612:07
Logo Connecting For Good
Madrid

A Fundación Vodafone España falla a X Edición dos Premios Vodafone Connecting for Good á Innovación en Telecomunicacións

O xurado da X Edición dos Premios Vodafone Connecting for Good á Innovación en Telecomunicacións fallou por unanimidade as catro categorías convocadas. Cada gañador recibirá 15.000 € de dotación, estatua conmemorativa e formación en emprendemento por parte do CDTI, ademais doutros apoios de difusión e presencial institucional.

  • "App&Town Compagnon" (Massfactory, Barcelona)  informa en tempo real de horarios e incidencias no transporte público a usuarios con discapacidade
  • "Mouse4all" (Javier Montaner Gutiérrez e José Ángel Jiménez Vadillo, Madrid) é un dispositivo que permite utilizar dispositivos móbiles sen necesidade de tocar a pantalla, a través de diferentes produtos de apoio
  • "Eyesynth" (Eyesynth,s.l., Castellón) permite ás persoas cegas interpretar formas e obstáculos na súa contorna mediante sons
  • Por último, "As aventuras de Tate" (Teresa Puerma Vargas, Córdoba) ofrece unha ferramenta de apoio a pais, docentes e logopedas de nenos con trastornos na linguaxe ou a fala

O xurado formado por personalidades da Administración, a investigación e a empresa valorou o carácter innovador da solución dentro da Sociedade da Información, o público obxectivo que se poderá ver beneficiado pola solución, a súa viabilidade e a súa accesibilidade.

04/07/201612:07
Logos de Down España e Fundación Vodafone España
Madrid

DOWN ESPAÑA e a Fundación Vodafone España impulsan o proxecto de formación en novas tecnoloxías para a inserción laboral máis ambicioso do noso país

Máis de 700 alumnos con síndrome de Down recibirán formación tecnolóxica para poder traballar en empresas ordinarias

DOWN ESPAÑA e Fundación Vodafone España van por en marcha durante este ano o proxecto máis ambicioso do noso país de formación en novas tecnoloxías para persoas con síndrome de Down, co obxectivo de facilitar a súa inserción laboral en empresas ordinarias.

Trátase da terceira edición do exitoso programa "Yo me prep@ro", co que 720 alumnos con esta discapacidade intelectual de toda España poderán mellorar e ampliar os seus coñecementos en novas tecnoloxías en aspectos tan claves como o uso adecuado de diferentes programas informáticos, a navegación por Internet, o acceso a redes bancarias informatizadas, ou a interacción con aplicación móbiles. Todo co fin último de axudarlles a salvar a fenda dixital que condiciona enormemente ás persoas con síndrome de Down á hora de atopar un posto de traballo, o que supón unha seria traba ás súas aspiracións de mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.

Nesta edición 2016-2017 incorpóranse 240 mozos con síndrome de Down que recibirán a formación por primeira vez, cun total de 10.500 horas formativas. A estes súmanse os 480 mozos das dúas edicións anteriores a quen se lles ofrecerá un curso de refresco dos seus coñecementos para que actualicen as destrezas adquiridas en novas tecnoloxías aplicadas á vida laboral.

Coa confianza derivada dos resultados obtidos nos dous anos previos "nos que se conseguiron preto de 150 contratos laborais para os alumnos con síndrome de Down", esta terceira edición do proxecto deseñouse coa intención de lograr un alcance inédito até agora para este programa. Así, en 2016 "Yo me prep@ro" desenvolverase en 20 localidades distintas de todo o país: Ávila, Barcelona, Burgos, Cádiz, Castellón, Compostela, Córdoba, Granada, Málaga, Murcia, Ourense, Palencia, Pamplona, Pontevedra, Sabadell, Toledo, Valencia, Valladolid, Vigo e Zaragoza. Serán as asociacións federadas a DOWN ESPAÑA en cada unha destas localidades as que impartan os cursos.

Ademais de mellorar a súa formación, os 240 alumnos con síndrome de Down que participen nesta nova edición de "Yo me prep@ro" terán a oportunidade de realizar prácticas en contornas laborais ordinarias. Tras esas dúas primeiras fases, DOWN ESPAÑA alcanzou o compromiso de lograr a inserción laboral de polo menos o 30% do total dos alumnos.

Outro dos puntais deste proxecto é a realización de sete vídeos-tutoriais que, cunha linguaxe sinxela e accesible, detallarán os pasos e instrucións para que os alumnos aprendan a navegar por Internet, xestionar o correo electrónico ou manexar redes sociais como LinkedIn. Todo cunha presentación visual atractiva, directa e moi comprensible.

Ao mesmo tempo Down España levará a cabo unha experiencia piloto que comprenderá o uso da plataforma Mefacilyta desenvolvida pola Fundación Vodafone. Esta experiencia piloto comprende o deseño e validación dos contidos e itinerarios formativos complementarios ao Proxecto

Por último, esta terceira edición de "Yo me prep@ro" vai facer especial fincapé nun dos aspectos que máis decisivamente contribúen a mellorar a inserción laboral do colectivo: a sensibilización no propio mundo empresarial.

Por iso, en cada unha das localidades onde se desenvolva o programa, vai realizarse unha xornada de networking entre representantes do tecido empresarial da zona e mozos e mozas con síndrome de Down. A intención é que os empresarios coñezan persoalmente aos alumnos do curso, que poidan apreciar as súas aptitudes e que comprendan os beneficios que achegan as persoas con discapacidade intelectual no traballo: melloran o clima laboral, achegan alegría e optimismo, e son metódicos e organizados nas súas tarefas.

A realización deste proxecto enmárcase dentro do Convenio Marco subscrito con data 8 de novembro de 2013 entre Fundación Vodafone España, a Confederación Española de Organizacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual "FEAPS" e DOWN ESPAÑA para a realización de actividades conxuntas en materia de accesibilidade e inserción laboral que redunden en mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade intelectual.

Este convenio busca fomentar a innovación tecnolóxica aplicada á accesibilidade e fará especial fincapé naquelas iniciativas que contribúan á participación das persoas con discapacidade intelectual no ámbito laboral a través de proxectos piloto de innovación e  sesións formativas e de divulgación.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS