main content

main content
14/06/201608:06
Firma do convenio marco FUAM - FVE
Madrid

A Fundación da Universidade Autónoma de Madrid e a Fundación Vodafone España, unidas por a inclusión social

A Fundación Vodafone España e a Fundación da Universidade Autónoma de Madrid asinaron un novo Convenio Marco de Colaboración co obxectivo de promover e facilitar a inclusión social e a mellora da calidade de vida das persoas tanto maiores como con discapacidade.

Ámbalas entidades coinciden na necesidade de axuntar esforzos para impulsar e profundar, desde o seu ámbito de actuación, a formación e o desenvolvemento de investigacións relacionadas coas tecnoloxías da información e as comunicacións, e en especial as dirixidas ás persoas maiores.

O Director Xeral da Fundación da Universidade Autónoma de Madrid, Fidel Rodríguez Batalla, agradeceu á Fundación Vodafone España a firma deste acordo co que, segundo dixo, "mellorará a calidade de vida dun colectivo tan importante".

Pola súa banda, a Directora de Proxectos Sociais da Fundación Vodafone España, Mar Fernández, mostrou a súa satisfacción pola cooperación e o alto grao de entendemento que ámbalas entidades alcanzaron desde a firma do primeiro Convenio Marco de Colaboración en 2011, que permitiu facilitar a accesibilidade auditiva do Salón de Actos do Colexio Maior Universitario "Juan Luís Vives", así como a colaboración con diferentes departamentos da Universidade Autónoma de Madrid na realización de proxectos de I+D: Sistema Móbil de Tele-emerxencia para persoas con necesidades especiais; desenvolvemento de Sistema de Guiado GPS para invidentes sobre un Teléfono Intelixente; apps de mantemento físico e monitorización biométrica para persoas cegas; proxecto "Assit-out: ferramenta para guiado en exteriores de persoas con discapacidade cognitiva mediante dispositivos móbiles"; elaboración, aplicación e avaliación de materiais educativos interactivos para persoas con discapacidade intelectual a través do ibooks author (ipad), e o proxecto MEDETEC-detección de medicamentos e asistente de tratamentos.

13/06/201612:06
CCSS e da Comunicación acolleu a presentación do proxecto RecThink
Santiago de Compostela

Cámaras que dan voz ao rural

  • Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo acolle un foro internacional sobre vídeo participativo
  • A actividade forma parte do programa das xornadas de cooperación 'Des-Igualdade Global'

Empregar o audiovisual como unha ferramenta para promover o traballo e reflexión conxunta dun determinado colectivo é a esencia do vídeo participativo, temática central das actividades coas que este venres se trasladaron ata a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación as xornadas sobre cooperación Des-Igualdade Global, que promove a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso). Representantes desta ONG presentaron no campus o proxecto RecThink, no que tratan de dar voz á mocidade de zonas rurais de diferentes puntos de Europa a través do vídeo participativo, eixo tamén do coloquio no que participaron o británico Chris High, da Open University; Gusztav Nemesz, da Hungarian Academy os Sciences, e José Manuel Moreno, da Universidad de Sevilla.

“No vídeo participativo o importante non é o resultado, o produto final, senón todo o proceso”, sinala a técnica de Agareso María Lobo, responsable de presentar, xunto a Roi Guitián, o proxecto no que esta organización vén traballando xunto con mozos e mozas dos Ancares e da Limia, no marco dunha iniciativa financiada polo programa Erasmus+ da que tamén forman parte organizacións de Portugal, Italia e Francia. “Potenciar a participación da xente nova de zonas rurais con grave risco de despoboamento” é o propósito, apunta, dunha iniciativa na que é son os propios participantes os que asumen os traballos de guión, gravación e edición dunhas curtas documentais nas que “eles sexan os narradores e os protagonistas” dun relato orientado a posta en valor das súas áreas. “Nós soamente somos os asistentes técnicos, porque o que nos interesa é ter a súa voz, un relato contado desde o seu punto de vista, no que falen dos principais retos que se atopan para quedar alí e desenvolver o seu futuro”, salienta Lobo do traballo que desenvolven con 15 mozos na zona dos Ancares e outros oito na comarca da Limia.

Entre estes últimos, atópase a estudante de Publicidade e RRPP Aldara Paz, quen achegou a esta presentación as súas experiencias nunha iniciativa na que tratan de amosar "á xente de que no rural hai moitas cousas que facer, que non está esquecido”. De feito, no documental no que traballan recollen os testemuños “de xente nova que montou as súas empresas na Limia”, co propósito de “empezar a mentalizar á xente de que hai moitas posibilidades para fomentar o rural”.
 

“A diferencia, que é divertido”

“O máis importante desta técnica, o que a fai diferente doutras que intentar facer o mesmo traballo de animar á xente a traballar e pensar conxuntamente é que é máis divertida e isto é moi importante, porque cando a xente se está a divertir é máis imaxinativa e participativa”, salienta Chris High, que nesta xornada puxo en valor o potencial do vídeo participativo para que grupos de persoas poidan “aprender e comunicarse conxuntamente”. Con ese propósito, High relatou neste coloquio as súas experiencias co vídeo participativo na India ou en Hungría, onde traballou conxuntamente con Gusztav Nemesz, nun proxecto tamén vinculado ao desenvolvemento rural.

“O vídeo participativo crea un espazo social onde falar e interactuar”, engade neste mesmo senso Nemesz, que incide na diferencia entre convidar a unha comunidade a “falar sobre o futuro da súa área” e invitala a “facer unha película xuntos”. A participación é nese senso unha das principais potencialidades dunha técnica que abrangue desde os proxectos nos que “exerces como axudante e facilitador e non tocas a cámara, para que todo estea feito pola xente” a aqueles nos que “a rodaxe é importante” e que polo tanto requiren de profesionais á fronte da gravación e a edición, co apoio da cidadanía no guión, a organización ou a realización de entrevistas. “Hai moitas versións, depende do que queiras lograr”, salientou Nemesz do eixo dunhas xornadas que se clausuran pola tarde cun obradoiro práctico sobre esta técnica.

13/06/201610:06
Cartel da I Xornada de Ciberseguridade en Galicia.
Santiago de Compostela

Expertos en Ciberseguridade danse cita en Compostela nunha xornada organizada polo CPEIG

A seguridade e a privacidade son dous grandes retos aos que se enfrontan a cidadanía e as administracións

Un amplo elenco de expertos en ciberseguridade daranse cita en Santiago de Compostela o vindeiro 16 de xuño convidados polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), baixo o patrocinio da firma Emetel e a colaboración de Abanca e Ackcent. Mediante a “I Xornada de Ciberseguridade en Galicia. Protexendo os nosos Activos”, o colexio profesional conecta co reto da seguridade e a privacidade, unha das principais preocupacións de usuarios e administracións.

A asistencia ao encontro é aberta, previa inscrición no correo electrónico eventos@cpeig.gal e terá lugar no Centro Abanca Obra Social, na praza de Cervantes, en Santiago de Compostela.

 

Programa

A xornada comezará ás 10 da mañá cunha benvida institucional na que participarán o presidente do CPEIG, Fernando Suárez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o director xeral de Emetel, Manuel Lago; e Roberto Baratta, Global Executive VP and director of Loss Prevention, Business Continuity and Security de Abanca.

A continuación, ofrecerase uha serie de relatorios a cargos dos seguintes expertos: Francisco García Morán, chief IT advisor da Comisión Europea; Daniel Fírvida, IT security analyst, CEH, GCFA&CISSP do Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe); e Gianluca D’Antonio, director de Seguridade da Información e Riscos Tecnolóxicos do ISMS, Asociación Española para o Fomento da Seguridade na Información.

Despois dun descanso, celebrarase a mesa redonda "Ciberseguridade, retos diante da nova ameaza", moderada por Roberto Baratta e na que intervirán Guillermo Llorente, subdirector xeral de Seguridade e Medio Ambiente de Mapfre; Román Ramírez, fundador de Roote, responsable de Seguridade en Arquitecturas, Sistemas e Servizos de Ferrovial; e Fernando Picatoste, leader of Security Practice de Deloitte España.

Ás 13 horas terá lugar unha nova mesa redonda baixo o epígrafe de "As empresas galegas no novo contexto tecnolóxico", moderada por Domingo Olmos, chief sales officer de Ackcent e expresidente do Colexio Oficial de Enxeñaría Informática de Cataluña (Coeinf). Intervirán Andrés Tarascó, socio fundador de Tarlogic Security e director da área de Ciberseguridade, especialista en seguridade informática e hacking ético; Rafael Ave, director adxunto de Emetel; e Carlos Eloy López Blanco, xerente de Tecnoloxía e Contornos Colaborativos de Estrella Galicia.

O peche da xornada está previsto ás 14 horas coa intervención de Domingo Olmos, Fernando Suárez, Roberto Baratta e Francisco García Morán.

 

87% das pemes afectadas

Segundo os datos que manexa o CPEIG, de acceso a través dos medios de comunicación, o 93 por cento das grandes organizacións e o 87% das pemes tiveron unha fenda de ciberseguridade no último ano. O tempo medio de reacción tras un ataque informático é, a nivel mundial, de 256 días.

Os atacantes informáticos profesionalizáronse e os expertos alertan de que a súa motivación xa non é técnica nin intelectual, senón económica e política. Trátase dun risco global que pode ter gravísimas consecuencias para a economía ou a seguridade da cidadanía, alerta o CPEIG.

Con máis de 70.000 ciberincidentes, España foi o ano pasado o terceiro país do mundo, tras Estados Unidos e Reino Unido, que máis ataques sufriu. Non se trata só dun dano virtual, senón físico en coches, dispositivos médicos, fábricas, redes eléctricas e de comunicacións, etc.

En opinión do CPEIG, a resposta vai máis alá da tecnoloxía, require un enfoque multidisciplinar, e unha estreita colaboración de gobernos e empresas que cómpre reforzar. Xornadas como a que convoca o CPEIG, fortalece ese enfoque máis amplo.

16/06/2016De 10:00h a 14:00h
1 mes 1 profesión dixital
Centro Abanca Obra Social, Praza de Cervantes, Santiago de Compostela

I Xornada de Ciberseguridade en Galicia. Protexendo os nosos Activos

O vindeiro 16 de xuño o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai organizar un encontro para avaliar e impulsar na nosa terra metodoloxías para salvagardar datos ao abeiro das novas tecnoloxías. A primeira Xornada de Ciberseguridade en Galicia. Protexendo os nosos Activos contará cunha nutrida presenza de expertos nos devanditos recursos a prol dunhas redes máis seguras. O evento, patrocinado por Emetel e en cuxo desenvolvemento colabararán Abanca e Ackcent, busca atender unha “das principais preocupacións” de usuarios e administracións: afrontar o reto da seguridade e privacidade.

13/06/201608:06
Administración electrónica
Santiago de Compostela

Cidadáns e empresas xa poden acceder electronicamente a máis de 1.200 procedementos administrativos da Xunta de Galicia

  • A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, compareceu no Parlamento de Galicia para informar da execución do ‘Plan Achega’
  • En 2014 o Goberno galego puxo en marcha este Plan, co obxectivo de acadar unha administración máis áxil, eficiente e próxima nas súas relacións coa cidadanía
  • As case 63.000 presentacións electrónicas de 2015 consolidan á sede electrónica como “a canle de referencia para a atención, información e relación co cidadán”

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, compareceu o venres no Parlamento, onde anunciou que xa son 1.210 os procedementos administrativos aos que os galegos e galegas poden acceder a través da sede electrónica:https://sede.xunta.es.

A directora xeral acudiu á Cámara galega para informar do nivel de execución do Plan de axilización administrativa 2014-2016 ou ‘Plan Achega’, unha iniciativa que como o seu propio nome indica, pretende alcanzar o máximo grao de achegamento da administración á cidadanía, a través dunha relación entre ambos máis simple, rápida e fluída; e grazas ao papel fundamental que xogan na actualidade as novas tecnoloxías e os medios electrónicos.

Segundo explicou Prieto, os 1.210 trámites aos que agora se pode acceder de xeito electrónico supoñen máis do 80 por cento do total que oferta a Xunta de Galicia ou, o que é o mesmo, a día de hoxe “a administración galega está aberta todos os días do ano as 24 horas do día para 4 de cada 5 trámites que oferta”.

Ademais, para estes procedementos xa foron eliminados un total de 36 documentos que xa non se solicitan na Administración e que son consultados directamente pola Xunta, grazas ao avance da plataforma de interoperabilidade. En concreto, os mais significativos son o certificado da renda, a consulta dos datos de identidade, o certificado de discapacidade ou o os datos catastrais e de residencia ou título de familia numerosa, entre outros.

Ao longo de 2015 fixéronse preto de 63.000 presentacións electrónicas, case o dobre que no ano anterior, o que da boa mostra do interese que a medida suscita tanto en particulares como en empresas e, en palabras de Natalia Prieto, reafirma á sede electrónica como “a canle de referencia para a atención, información e relación co cidadán”.

As consellerías que xa participaron neste proceso de revisión e simplificación no marco do ‘Plan Achega’ foron as de Medio Rural e do Mar; Traballo e Benestar; Economía, Emprego e Industria; Infraestrutura e Vivenda e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; así como á Presidencia e á Vicepresidencia da Xunta.

Actualmente, só faltan 253 procedementos por revisar e incorporar á sede electrónica pertencentes ás consellerías de Sanidade e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo, explicou a directora xeral, é que os traballos poidan estar finalizados despois do verán, de xeito que a Xunta de Galicia sexa unha oficina que funciona as 24 horas do día para a práctica totalidade dos seus trámites.

As claves do ‘Plan Achega’
Os eixos centrais do ‘Plan Achega’ son potenciar a sede electrónica da Xunta mediante a culminación da incorporación de todos os procesos administrativos á disposición do cidadán, a simplificación dos procedementos e a eliminación dos documentos que progresivamente se incorporen na plataforma de interoperabilidade; é dicir, que non se lle pida presentar novamente ao cidadán documentos que a propia Administración poida obter directamente.

O Plan recolleu unha serie de medidas planificadas no marco temporal 2014-2016 destinadas a revisar os procedementos administrativos que a administración galega pon a disposición dos cidadáns para melloralos, simplificalos e posibilitar a súa presentación electrónica como garantía do principio de celeridade que a administración galega asume dentro dos seus compromisos na súa actuación.

En definitiva, trátase dun plan que ten por obxectivo aproximar a Administración galega á cidadanía mediante a adopción das medidas necesarias para incorporar todos os procedementos administrativos á sede electrónica da Xunta, eliminar todos os trámites superfluos para reducir os tempos de resolución, exixir só os documentos estritamente necesarios e facilitar a presentación de documentos non susceptibles de supresión, axilizando así a prestación dos servizos públicos a disposición dos cidadáns.

1 mes 1 profesión dixital
Recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, Silleda

Xuventude Galicia Net 2016

O XGN 2016, que conta co apoio da Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, manterá a súa formulación. Contará cunha área intranet orientada a inscritos, que poderán gozar durante tres días dun posto con conexión de altas prestacións para o seu equipo informático e terán dereito a acampar no pavillón e a participar en numerosas actividades e torneos, como o do LoL. A extranet acollerá un completo programa con multitude de actividades ás que poderán acceder tanto os inscritos como os visitantes que acudan ao recinto.

09/06/201608:06
Logo AceleraTIC
Santiago de Compostela

Arranca o programa formativo AceleraTIC da Amtega para a tranformación dixital da Peme galega

  • A sesión “Estratexia para a nova contorna dixital” inaugura hoxe este itinerario formativo para directivos e xerentes de pequenas e medianas empresas
  • Impartido pola Escola de Negocios Afundación, aborda en seis xornadas as estratexias de negocio para a nova contorna dixital

O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acolle hoxe a primeira xornada do  Programa Formativo AceleraTIC para a Transformación Dixital da Peme (https://cdtic.xunta.gal/programa-formativo-aceleratic), impartido pola Escola de Negocios Afundación.  

A finalidade principal deste programa formativo, que esgotou as prazas dispoñibles, é achegarlles ás persoas asistentes as claves e as principais novidades no ámbito dixital, que poden ser de utilidade no día a día das empresas. AceleraTIC busca contribuír á creación dun perfil directivo que manexe o dixital dende un punto de vista estratéxico, é dicir, que adquira as habilidades necesarias para entender o valor que achegan as tecnoloxías ao negocio e impulse os cambios necesarios na empresa para unha verdadeira transformación dixital.

Os directivos seleccionados pola Amtega que completen o ciclo formativo recibirán o diploma “Programa Especializado en Transformación Dixital da Empresa” outorgado pola Escola de Negocios Afundación.

Un total de seis sesións conforman o programa
O programa formativo desenvolverase en Santiago de Compostela ao longo de seis sesións de 8 horas de duración nos meses de xuño e xullo. Cada unha das sesións céntrase en distintos aspectos fundamentais para a transformación dixital da empresa.

A sesión inaugural de hoxe, “Estratexia para a nova contorna dixital”, trata os fundamentos dunha estratexia dixital, os novos modelos de negocio baseados no dixital e as tendencias (cloud, bigdata, mobilidade ou internet das cousas), e analizará as oportunidades e os retos da contorna dixital.

Seguiranlle o día 16 deste mes “Marketing dixital para pemes”; “Comercio electrónico”, o día 23; e “Big Data & Business Intelligence para o control de xestión empresarial”, o 29. Xa no mes de xullo impartiranse as sesións “Análise de datos para o control da estratexia dixital”, o día 7; e “Transformación e xestión do cambio na organización”, o 13.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.

08/06/201614:06
Logo Codix
Santiago de Compostela

A Amtega abre unnha nova convocatoria do curso para obter a Certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática da Xunta

  • O prazo de inscrición será de cinco días hábiles desde mañá, 9 de xuño
  • Tras 12 semanas de teleformación titorizada, as persoas inscritas terán que superar un exame presencial en novembro
  • O certificado, que emite a Amtega, acredita a formación en ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada
  • En outubro abriranse novas convocatorias de avaliación para aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios e non precisen cursos de formación

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá o prazo de inscrición para a obtención da Certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) con 180 prazas para este curso preparatorio, que comezará en setembro e cuxo exame presencial terá lugar en novembro.

Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuarios da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame. O curso de preparación impartirase desde setembro na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

O prazo de inscrición será de cinco días hábiles a partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días desde a data da súa publicación a taxa de 10 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.

 

Plan Formativo Ofimático de Galicia
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

 

Próximas convocatorias de exames presenciais
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este segundo semestre do ano 2016, que tivo o seu inicio na primeira metade do ano cunha primeira edición dun curso de teleformación titorizada que vén de rematar o mes pasado.

Ademais destes cursos preparatorios, realízanse ao longo do ano dúas convocatorias de exames presenciais en marzo e outubro para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios ou que opten pola modalidade autoformativa, ata chegar a un total de 1.000 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no dito plan.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron preto de 1.000 as prazas convocadas en cursos de teleformación titorizada e de 1.900 as persoas que se someteron á avaliación dos seus contidos nas diferentes edicións das probas presenciais convocadas e que se realizaron en diversas aulas da rede CeMIT.

 

A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

07/06/201608:06
PC con la imagen de ILUNION
Santiago de Compostela

Fundación ONCE lanza unha enquisa para analizar a accesibilidade web de medios de comunicación

O seu obxectivo é coñecer as barreiras que atopan as persoas con discapacidade nestes sitios web e poder mellorar o seu acceso.

O Observatorio de Accesibilidade TIC da Fundación ONCE deseñou unha enquisa para coñecer as barreiras de acceso que presentan as páxinas web dos medios de comunicación en España para as persoas con discapacidade.
 
Desta forma, o obxectivo da sondaxe é coñecer as barreiras que atopan as persoas con discapacidade cando tratan de acceder aos sitios web de xornais, emisoras de radio e canles de televisión, para poder así mellorar a súa relación con Internet e o exercicio do seu dereito á información.
 
Na enquisa online, á que se pode acceder mediante a aplicación accesible desenvolvida por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, pregúntase aos usuarios cales son as principais barreiras que atopan cando acceden á versión dixital de diferentes medios de comunicación a través da web ou de aplicacións móbiles.
 
A enquisa, que é anónima, estará dispoñible até o próximo 20 de xuño a través da seguinte ligazón: http://mediosdecomunicacion.consultaopinion.com/encuesta.aspx?idEncuesta...
 
Convídase a participar nela a calquera persoa con discapacidade usuaria de televisión, prensa e/ou radio.
 
O Observatorio de Accesibilidade TIC de Fundación ONCE leva desenvolvendo estudos desde 2004, dispoñibles no portal Discapnet
(www.discapnet.es).
 
A súa finalidade é, por tanto, contribuír ao desenvolvemento dunha sociedade da información inclusiva a través de iniciativas orientadas a xerar coñecemento sobre a accesibilidade dos produtos e servizos baseados nas tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC).
 

07/06/201608:06
Proyecto “Somos, estamos y te lo contamos”
Santiago de Compostela

Descobre como a tecnoloxía axuda a persoas con parálise cerebral no proxecto "Somos, estamos e contámoscho"

Este proxecto xorde da colaboración de Fundación Vodafone España con Confederación ASPACE, APAMP Vigo e AVAPACE.

O proxecto "Somos, estamos e contámoscho" púxose en marcha en 2015 nas dúas entidades APAMP Vigo e AVAPACE. Tivo como obxectivo difundir a realidade e os dereitos das persoas con parálise cerebral desde a súa propia perspectiva, xa sexa realizando visitas a centros educativos, institutos ou universidades, ou ben aproveitando as visitas que fan distintos colectivos aos centros de parálise cerebral.

Este proxecto ten as súas raíces na iniciativa "Mellor cóntocho eu" que impulsou AVAPACE no 2012 e que tamén foi premiada en #ASPACEnet. Agora, dúas entidades traballan conxuntamente e suman esforzos para dar voz ás persoas con discapacidade.

Coñece as súas experiencias destes meses a través da videomemoria.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS