main content

main content
29/07/201610:07
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Ábrese a inscrición para o I Encontro Coruña Dixital que terá lugar o 13 de setembro

A primeiros de mes dende o Concello da Coruña deron conta do seu novo programa de divulgación da cultura dixital, que principiará a súa programación o vindeiro 13 de setembro co I Encontro Coruña Dixital, que baixo o lema de Coñecemento e creatividade dixital en man comúnxuntará a persoas interesada na material no Centro Ágora entre as 10:00 e as 19:30 horas, estando xa aberta a súa inscrición en liña ante a limitación de prazas para esta actividade.

O encontro, do que tamén achegan detalles a través do seu evento en Facebook, pretende dar a coñecer as principais tendencias e as iniciativas máis interesantes no eido da cultura dixital, da innovación social a través das prácticas dixitais, dos proxectos tecnolóxicos sociocomunitarios, dos contidos dixitais colectivos, do espírito Maker e tamén de proxectos abertos de programación e robótica educativa. Para iso contarase con convidados como Juan Freire, coruñés actualmente involucrado no proxecto educativo Xtribe; José Luís de Vicente, comisario do Sónar+D; Beka Iglesias, artista galega especializada en interacción multimedia; Francisco Díaz, integrante de La Residencia Creación Colectiva e involucrado no MediaLab Prado; Fran Quiroga, entre outras cousas, coordinador do CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC; María Yáñez, experta en contidos dixitais comunitarios; Chus Prol, xestora de Doutroxeito Coworking; e a xente deEscornabot (proxecto nacido do colectivo coruñés Bricolabs).

A sesión matinal, de 10:00 a 14:30 horas acollerá charlas e conversas de formatos áxiles (menos de 20 minutos cada unha) para que, xa pola tarde, de 16:30 a 19:30 horas, calquera poida participar nas mesas redondas horizontais onde compartir coñecemento e experiencias cos convidados.

27/07/201609:07
Maiores asistentes ao curso.
Santiago de Compostela

Remata o proxecto “Coñece e desfruta as posibilidades do teu Smartphone”, levado a cabo grazas á colaboración de CONFEMAC e a Fundación Vodafone España

Formadas 1630 persoas maiores no uso destes dispositivos en Andalucía, Castela a Mancha, Estremadura e Galicia

Durante os meses de abril, maio, xuño e xullo CONFEMAC e a Fundación Vodafone España viñeron colaborando no proxecto "Coñece e desfruta as posibilidades do teu Smartphone".

Foron un total de 110 os obradoiros impartidos nas catro comunidades que se beneficiaron desta iniciativa facilitando aos seus maiores o uso e manexo dos dispositivos móbiles avanzados "smartphones e tablets" e o acceso desde os mesmos a internet e o seu mundo.

O proxecto formou a un total de 1630 persoas maiores das Comunidades Autónomas andaluza, castelán manchega, estremeña e galega. En Andalucía as provincias nas que se impartiu o proxecto foron Cádiz, Córdoba, Granada, Huelva, Xaén, Málaga e Sevilla. En Castela a Mancha impartiuse na provincia de Cidade Real. En Estremadura, nas súas dúas provincias e en Galicia, nas provincias da Coruña e Lugo.

O obxecto do proxecto foi diminuír a chamada "fenda dixital", facilitando ás persoas non nativas na era de internet, o acceso aos beneficios que proporcionan as Tecnoloxías da Información e Comunicación. Vantaxes que alcanzan tanto ao ámbito da xestión, como ao lecer e tempo libre, sen esquecer que as novas tecnoloxías son unha resposta á necesidade de estar en contacto con familiares e amigos e fomentar novas amizades e participación en grupos de interese. Con todos estes obradoiros deuse resposta ás necesidades de formación provintes do crecemento da Internet móbil, a través dos dispositivos móbiles avanzados.

26/07/201609:07
Participantes do curso
Santiago de Compostela

Persoas con discapacidade fórmanse en Big Data para mellorar a súa inserción laboral

A través dun curso da Fundación ONCE en colaboración co Popular, dentro do programa EmprendeTIC

Un grupo de persoas con discapacidade recibiu durante 32 días un curso intensivo de Big Data que pretende mellorar as capacidades e destrezas deste colectivo no ámbito das tecnoloxías e, con iso, a súa inserción laboral.
 
O curso, titulado "Incorporación laboral en Big Data", estivo organizado por Fundación ONCE no marco do programa EmprendeTIC, cuxa finalidade é fomentar o emprendemento entre persoas con discapacidade en profesións do sector da tecnoloxía e empregos emerxentes, e contou co financiamento do Popular.
 
Ao acto de entrega dos diplomas acreditativos, que tivo lugar este venres en Madrid, asistiron Sabina Lobato, directora de Formación, Emprego, Proxectos e Convenios de Fundación ONCE, Luís Alberto Rodríguez Carpizo, do Departamento de Responsabilidade Corporativa do Popular, e Lourdes Hernández, directora de datahack.
 
No curso, de 160 horas lectivas, participaron un total de once persoas con discapacidade en situación de desemprego que contan con estudos de Formación Profesional en informática ou con coñecementos básicos de programación, ou experiencia laboral neste campo.
 
Todas elas recibiron formación sobre Java, bases de datos relacionais e programación SQL, Coñecemento Linux, Hadoop, conceptos de Machine Learning e R, e Visualización, a través de varios módulos.
 
Ao termo da formación, os alumnos que pasaron o nivel de coñecemento mínimo e que son considerados aptos teñen a posibilidade de realizar prácticas laborais en empresas do sector, facilitadas pola empresa datahack.
 
A este respecto, durante o tempo que durou o curso traballouse tamén cos participantes en obradoiros de orientación laboral e titorías individuais, co obxectivo de detectar as súas capacidades, intereses e enfoque da súa traxectoria profesional.
 

22/07/201613:07
Sinatura do convenio con Vodafone España
Santiago de Compostela

Feijóo reafirma o compromiso da Xunta para poñer o desenvolvemento tecnolóxico ao servizo dos maiores e ao servizo das máis de 300.000 persoas con discapacidade en Galicia

  • O titular da Xunta presidiu esta mañá a sinatura do convenio de colaboración con Vodafone España para a posta en marcha dun novo centro tecnolóxico no Gaiás, “Connecting for good Galicia”
  • “Non imos deixar ninguén atrás”, asevera. E destaca que con este obxectivo nace Connecting for Good Galicia, que impulsará iniciativas emprendedoras de innovación social dixital con selo e acento galego
  • Explica que as solucións tecnolóxicas que se desenvolvan poranse a disposición do mercado. “Xuntos poderemos resolver mellor os problemas de moitas persoas que se senten excluídas das tecnoloxías porque non solucionan as súas necesidades específicas”, di
  • Lembra que as iniciativas levadas a cabo pola Xunta para reducir a fenda dixital e conseguir a inclusión social a través da tecnoloxía xa deron importantes froitos: máis de 700.000 galegos teñen cobertura de internet e seis de cada dez trámites coa Xunta pódense realizar a través da rede
  • Destaca entre os novos obxectivos que en 2020 o 100% dos galegos teñan unha conexión cunha calidade mínima de 30 megas; que tres de cada catro galegos accedan a internet de xeito habitual; e chegar aos máis de 160.000 galegos que aínda non se atopan cómodos coa tecnoloxía

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta para poñer o desenvolvemento tecnolóxico ao servizo da inclusión social; ao servizo dos maiores —o 25% da poboación galega— e ao servizo das máis de 300.000 persoas con discapacidade que hai na Comunidade. “Non imos deixar ninguén atrás”, aseverou, destacando que con este obxectivo nace Connecting for Good Galicia, que impulsará iniciativas emprendedoras de innovación social dixital con selo e acento galego.

“Hoxe asistimos a unha nova demostración de emprendemento con fins sociais”, afirmou durante a presentación deste novo centro tecnolóxico no Gaiás, produto da colaboración entre Vodafone e a Administración autonómica para guiar e asesorar a aquelas pemes e emprendedores que utilicen os avances tecnolóxicos para responder ás necesidades de dous grupos que, en ocasións, se senten excluídos dos avances tecnolóxicos.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que as solucións tecnolóxicas que desenvolvan estas empresas poranse a disposición do mercado. “Xuntos poderemos resolver mellor os problemas de moitas persoas que se senten excluídas das tecnoloxías porque non solucionan as súas necesidades específicas”, dixo. O presidente expresou o seu convencemento de que de Connecting for Good Galicia sairán moitas ideas útiles desde o punto de vista social, para mellorar a autonomía dos maiores e das persoas con discapacidade.

Logo de precisar que estas ideas se converterán en iniciativas empresariais co apoio dunha achega de preto dun millón de euros. Feijóo subliñou que de cada convocatoria sairán seis proxectos que recibirán unha axuda do Goberno galego de 2.000 euros cada un; “e optarán a un premio de 25.000 euros que concederemos ao mellor proxecto de cada convocatoria”, engadiu. Pola súa parte, Vodafone concederá outro premio de 10.000 euros “Conectados pola accesibilidade”.

Novos obxectivos
O titular da Xunta incidiu no obxectivo de que as novas tecnoloxías sexan inclusivas e non sirvan para afondar nas desigualdades, senón para reducilas de xeito efectivo. Nesta liña, lembrou que as iniciativas levadas a cabo polo Goberno galego para reducir a fenda dixital e conseguir a inclusión social a través da tecnoloxía xa deron importantes froitos. “Hoxe máis de 700.000 galegos teñen cobertura de internet, seis de cada dez trámites coa Xunta se poden realizar a través da rede e puxemos a tecnoloxía ao servizo das pemes a través do Centro demostrador TIC”, explicou, avogando por seguir traballando para acadar novos obxectivos.

“Logramos que tres de cada catro fogares teñan internet de banda larga, un 63% máis que en 2010, e o obxectivo é que en 2020 o 100% dos galegos teñan unha conexión cunha calidade mínima de 30 megas. O número de persoas que emprega internet xa creceu un 40% e queremos que, a finais da década, tres de cada catro galegos accedan a internet de xeito habitual. Facilitamos formación dixital gratuíta aos máis de 53.000 usuarios das aulas CeMIT e agora o obxectivo é chegar aos máis de 160.000 galegos que aínda non se atopan cómodos coa tecnoloxía e darlles formación dixital básica”, asegurou.

Feijóo concluíu subliñando que nestes avances teñen un papel importante os 700 aliados dixitais que se uniron ao Plan de Inclusión Dixital, ao que a Xunta destinou sete millóns de euros.

Así mesmo, referiuse tamén ao papel que están a desenvolver as trece empresas tecnolóxicas asinantes do Pacto Dixital de Galicia, que axudan a consolidar Galicia como unha terra dixital: “Somos unha terra dixital a través do impulso de Connecting for Good Galicia, a través da posta en marcha dentro de dez días do Centro de excelencia en intelixencia de negocio e Big Data no Museo de Galicia e somos unha terra dixital co Galicia Open Future que está a impulsar máis de 150 iniciativas emprendedoras tecnolóxicas”, resaltou.

22/07/201609:07
Consello da Xunta
Santiago de Compostela

A Xunta impulsa a formación en novas tecnoloxías de máis de 4.000 traballadores das pemes galegas para favorecer a consolidación da Industria 4.0

  • Feijóo afirma que se investirá preto dun millón de euros na formación en novas tecnoloxías
  • Di que este programa cubrirá o 50% do custo das accións formativas e a duración presencial mínima de 30 horas por participante

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Goberno galego porá en marcha un novo programa que, dotado cunha contía de preto dun millón de euros, impulsará a formación en novas tecnoloxías de máis de 4.000 empregados das pemes galegas que recibirán formación específica que promoverán clústers e centros tecnolóxicos relacionados coa fábrica intelixente.

“Estamos a falar dun programa para que os mandos intermedios das pemes sexan formados en eidos necesarios para desenvolver a fábrica intelixente como: robótica, o Big Data, o Internet das Cousas, a ciberseguridade, Loxística 4.0 ou vehículos autónomos, así como servizos de xestión e organización empresarial”, explicou Feijóo, ao que engadiu que ademais de beneficiar directamente aos 4.000 traballadores, contribuirán a que as empresas avancen no camiño cara o tecido empresarial intelixente que promove a Xunta a través do desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0.

As axudas deste programa cubrirán o 50% do custo das accións formativas. E, en cada iniciativa, deberán participar un mínimo de 5 traballadores de pemes con centro de traballo ou sede social en Galicia, ademais de contar cunha duración presencial mínima de 30 horas para cada participante.

22/07/201609:07
Sesión plenaria da Unidade da Muller e Ciencia
Santiago de Compostela

A Xunta continúa potenciando a igualdade de xénero nos ámbitos da ciencia, investigación e tecnoloxía

  • A secretaria xeral da Igualdade presidiu esta mañá a sesión plenaria da Unidade, no que se presentou o último borrador do II Programa galego de Muller e Ciencia
  • Ademais lembrou a figura de María Josefa Wonenburger e deu conta da itinerancia da exposición sobre as mulleres que obtiveron o premio Wonenburger

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella presidiu hoxe a sesión plenaria da Unidade da Muller e Ciencia, no que se presentou o último borrador do II Programa galego de Muller e Ciencia para por en marcha políticas de igualdade nos ámbitos da ciencia, investigación e tecnoloxía.

Na reunión, presentouse o II Programa de Muller e Ciencia, que está en fase de elaboración, estando estruturado en tres eixes estratéxicos, que son o cambio institucional e de organización; a presenza equilibrada de mulleres e homes no sistema de ciencia, tecnoloxía e innovación; e o terceiro eixe de perspectiva de xénero nos procesos e procedementos de traballo.

Por outra banda, López Abella lembrou a figura de María Josefa Wonenburger, a matemática coruñesa que foi un referente internacional no ámbito das ciencias, e fixo referencia á boa acollida que tivo o itinerario da exposición sobre as mulleres que obtiveron o Premio titulada, Premiadas María Josefa Wonenburger Planells, que recorreu os sete campus universitarios de Galicia e actualmente atópase exposta en San Caetano.

A secretaria xeral de Igualdade indicou que a visibilidade das actividades destas mulleres e do seu triunfo é unha combinación gañadora, por iso debese seguir recoñecendo ás mulleres científicas de Galicia, mulleres que souberon adiantarse ao seu futuro e que abriron camiños a moitas outras. Unha maior presenza de mulleres na investigación contribuiría a enriquecer a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas.

A presidencia do pleno da Unidade Muller e Ciencia recae na Secretaria Xeral da Igualdade, e a Unidade Muller e Ciencia creouse en 2007 coa finalidade de contar cun área de traballo interdepartamental estable que dinamice e transforme a ciencia e a tecnoloxía galega, co obxectivo de que as actuacións dende a perspectiva de xénero no ámbito social, tecnolóxico e educativo son estratéxicas para avanzar cara un modelo de sociedade máis xusta e acorde coas necesidades actuais.

1 mes 1 profesión dixital
Palacio de Congresos, Santiago de Compostela

Maker Faire Galicia 2016

Maker Faire é a maior feira de inventores do mundo, un escaparate para a creatividade e o enxeño pensado para todos os públicos e disciplinas: gastronomía, robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, música, electrónica, artesanía, etc.

Un lugar para compartir coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos profesionais.

21/07/201609:07
Logo Maker Faire Galicia
Santiago de Compostela

Ábrese a inscrición para a Maker Faire Galicia que terá lugar en outubro

A pasada fin de semana no marco do TEDxGalicia, Chus Prol, a xestora de Doutroxeito Coworking, deu conta da pasada celebración da Compostela Mini Maker Faire en Área Central, adiantando que este evento de reivindicación da cultura Maker reformularase este ano deixando o ámbito local para dirixir a vista a toda a comunidade galega, de xeito que teremos unha Maker Faire Galicia.

O novo evento vén de abrir a súa inscrición, para que os interesados en realizar obradoiros, espectáculos ou outras actividades Maker poidan manifestar o seu interese nesta cita que terá lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia entre os días 1 e 2 de outubro.

Tras o éxito do anterior encontro Maker é de esperar que estamos ante unha interesante feira da innovación galega que contribuirá a dar visibilidade a un xeito de facer as cousas no que a colaboración, o coñecemento aberto e as inquedanzas por aprender e experimentar con novas tecnoloxías abren unha chea de oportunidades para o emprendemento e a creación, de xeito que tanto poderemos atopar aplicacións artísticas ou artesanais, como iniciativas empresariais, servindo este tipo de eventos para facilitar tamén a creación de sinerxías entre os profesionais que avogan pola cultura Maker.

Tamén está aberta a inscrición a voluntarias e voluntarios para o apoio na preparación e desenvolvemento da Maker Faire Galicia.

19/07/201609:07
Mans sobre un libro de braille.
Santiago de Compostela

Acordo para facer máis accesibles os libros de texto

A Asociación Nacional de Editores de Libros e Material de Ensino e o Comité Español de Representantes de Persons con Discapacidade alcanzaron un acordo para analizar os contidos educativos dixitais das editoriais.

O obxectivo é conseguir que as persoas con discapacidade poidan ter acceso a recursos educativos dixitais de calidade en formatos accesibles.

Anele e o Cermi sinalan nun comunicado que a accesibilidade universal aos recursos educativos dixitais é fundamental para que as persoas con discapacidade consigan a inclusión educativa plena. Por iso, ámbalas asociacións crearán unha comisión técnica que estudará fórmulas para asegurar a accesibilidade dos recursos educativos dixitais.

Como un primeiro paso, os técnicos de Cermi analizarán a accesibilidade dos contidos que xa forman parte do catálogo das editoriais. A partir dos resultados estableceranse as medidas correctoras que se consideren necesarias.

Desde o Cermi facilitarase documentación e asesoramento en materia de accesibilidade e de ferramentas de apoio utilizadas polas persoas con algunha discapacidade.


Traballo de anos

Anele comprometeuse a potenciar o cumprimento da lexislación vixente en canto a accesibilidade así como a por en práctica as pautas e normas específicas referidas a accesibilidade para cada discapacidade.

"Desde Anele levamos traballando moitos anos con diversas organizacións de persoas con discapacidade para adaptar os nosos libros e materiais educativos ás súas necesidades. A adaptación dos contidos ás novas tecnoloxías debe seguir esta liña. Por iso, a colaboración con Cermi permitiranos asegurar que os libros e materiais educativos dixitais das empresas asociadas a Anele son accesibles a todas as persoas", explicou José Moyano, presidente de Anele.

Para o Cermi, é fundamental que as novas tecnoloxías aplicadas á educación supoñan un apoio real á inclusión educativa das nenas e nenos con discapacidade.

"Para iso é fundamental garantir que os recursos educativos dixitais cumpren todos os requisitos que esixe un modelo acorde cos criterios de accesibilidade universal, evitando así que a fenda dixital deixe fose do sistema a este grupo social", sinala o comité.

19/07/201609:07
Encontro de Tecnoloxías de Baixo Custo 2016
Albacete

Encontro de Tecnoloxías de Baixo Custo 2016

O Encontro Internacional sobre Tecnoloxías Libres, Deseño Aberto e Adaptacións elaboradas por Usuarios celebrouse os días 7, 8 e 9 de xullo de 2016 no CRMF (Centro de Recuperación de Persoas con Discapacidade Física) do IMSERSO en Albacete.

Este Encontro ten por obxecto constituirse como un espazo para a difusión, o intercambio de experiencias e o recoñecemento de ideas e creadores entorno a solucións de baixo custo.

A participación da Fundación Vodafone centrouse no seguinte:

O venres 8 de xullo tivo lugar o Obradoiro “Mefacilyta: experiencia de FUNDOWN en entornos laborais” que presentou o noso colaborador Alberto Sánchez de FUNDOWN, e ademáis tamén estivo presente a Fundación Vodafone España como responsable da plataforma “Mefacilyta”.

Ese mesmo día, Mari Satur Torre directora de Innovación da Fundación, presentou a ponencia “Connectiong for Good: Comunidad conecta2Xaccesibilidad” na que se falou dos últimos retos da Comunidade e o seu paso a plataforma multilingüe grazas ao proxecto europeo Desktop que apoia o programa Erasmus Plus.

Ademáis, os días 8 e 9 de xullo, a Fundación Vodafone impartiu o Obradoiro chamado “Cousas que facer cun móbil ou tableta” a dous grupos distintos, nos que se presentaron aplicacións especialmente dirixidas a persoas con discapacidade visual, auditiva, física e/ou cognitiva.

Como final do Encuentro, tivo lugar a Novena edición do "Concurso de Productos de Apoio e Solucións de Baixo Custo", onde o grupo de traballo que valorou as propostas presentadas considerou conceder o Primeiro Premio destinado a Institucións e Entidades á aplicación EVA FACIAL MOUSE desenvolvida por Cesar Mauri da Confederación ASPACE e financiada por Fundación Vodafone.

A organización do Encontro foi liderada por o Ministerio de Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade, a través do IMSERSO e o CEAPAT (Centro Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas), en colaboración co Fondo Social Europeo, o Departament de Educació da Generalitat de Catalunya, a Dirección Xeral de Solidaridade e Participación en Educación da Xunta de Andalucía, o Servizo de Atención aos alumnos con discapacidade da UCLM e á Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS