A Deputación de Pontevedra quere promover a igualdade a través de metodoloxías e ferramentas non discriminatorias, abertas, integradoras, útiles, accesibles e universais. Por exemplo as novas tecnoloxías da información. De aí xurdiu o programa de Conectadas 2016, que iniciou esta semana 16 novos obradoiros repartidos entre 12 concellos da provincia: Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Mos, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Silleda, Soutomaior, Vigo e Vilaboa. As accións xa encetadas abranguen temáticas moi diversas, que van dende as actividades físicas á artesanía, pasando polas TIC. Precisamente organízase estes días un obradoiro inserido no eido da alfabetización dixital, de fotografía e edición. Conectadas 2016 tamén aborda cuestións como o comercio electrónico ou administración de redes sociais, ademais doutras achegas (o programa está accesible en formato PDF).
Como lembraremos, Conectadas ten como obxectivo “potenciar a participación e promoción das mulleres, mellorar a súa formación básica e favorecer as relacións interpersoais en igualdade, así como o intercambio de experiencias”. Ademais, diríxese a contribuír á mellora da empregabilidade das mulleres e o seu mantemento no mercado de traballo, “reducindo a brecha dixital mediante o emprego da información e as novas tecnoloxías da información”. As actividades estanse a realizar ao longo de 60 concellos da provincia e son máis de 5.000 alumnas e alumnos os que se beneficiarán en total do programa. Cada un dos cursos ten unha duración de 35 horas e precisa un mínimo de 15 persoas participantes, organizándose en grupos de entre 20 e 25 persoas como máximo e con preferencia ás mulleres. Só un 25% das prazas se reservan para homes, agás no caso dos cursos relacionados coa cociña e alimentación, onde a distribución de prazas está a ser mixta. Conectadas 2016 é unha iniciativa desenvolvida polo servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra.
Este martes o Concello de Santiago presentou a Maker Faire Galicia adiantando algunhas novidades máis sobre o programa do evento, que se desenvolve os días 1 e 2 de outubro no Pazo de Congresos. O programa e os obxectivos da feira compostelá do movemento Maker (o movemento internacional das/os creadoras/es tecnolóxicos que reivindican a capacidade de todos e cada un de nós para facer tecnoloxía e contribuír a facer un mundo mellor a través dela) foron debullados pola concelleira de Turismo, Marta Lois, que estivo acompañada ante os medios de comunicación por dous membros do equipo organizador, Matilde Rodríguez e Enrique Saavedra.
Comezaron facendo referencia ás orixes da feira, cuxa primeira edición celebrouse en outubro de 2015, no centro comercial Área Central de Santiago, contando coa colaboración do Departamento de Promoción Económica do Concello. Esta primeira convocatoria foi quen de xuntar 138 makers. Ademais, asistiron como público arredor de 18.000 persoas. Agora, para a segunda entrega do evento, consolídase a arela de convertelo nun evento anual, referente, que “sirva de punto de encontro para a comunidade creadora, potenciando unha Galicia innovadora e colaborativa”.
Segundo fixeron saber Lois, Rodríguez e Saavedra, a fórmula de Maker Faire Galicia consiste “en reunir nun mesmo espazo e tempo a persoas que fan cousas incríbeis e están dispostas a partillalas co público”. E engadiron: “Facer visible a produción colaborativa da Galicia máis innovadora aumenta a inquedanza por aprender facendo á vez que se serve de punto de contacto para a transmisión de coñecemento entre as distintas xeracións”.
O programa da feira será do máis variado, tocando diferentes paus que teñen un marcado aquel de complementariedade. Serán, de feito, dous días de actividades e presentacións de proxectos sobre robótica, impresión 3D, gastronomía, electrónica, artesanía, música e arte urbana, entre outras moitas cousas. Ademais, sinalaron os organizadores, haberá espazo para obradoiros, mesas redondas, presentación de proxectos, espectáculos e actividades para todos os públicos. “Queremos ir alén das/os 150 makers participando no evento”, explicaron os impulsores da cita compostelá, ao tempo que debullaron o significado do movemento Maker: unha corrente de creación e de activismo tecnolóxico que xunta, baixo un mesmo teito, un crecente número de persoas de distintos perfís que acreditan ao máximo na filosofía do “faino ti mesmo” ou de traballar en mancomún cun mesmo obxectivo. Este obxectivo adoita ser construír tecnoloxías únicas e innovadoras que soen ter un marcado compoñente social ou solidario, ou de utilidade para o común da xente, ou para colectivos en risco. Segundo engadiron, “a cultura Maker e a súa filosofía de compartir coñecemento está permitindo a creación de novos espazos de encontro e traballo (Hackerspaces, Fablabs, Makerspaces, Techshops) nos que se fabrican as últimas vangardas tecnolóxicas e que favorecen a transferencia de coñecemento”.
Ademais, dixeron, estas novas metodoloxías impulsan a posta en marcha de novos e prometedores perfís profesionais (tecnólogo creativo, deseñador de interacción, emprendedor dunha startup de hardware, fabricante ou distribuidor de impresoras 3D, experto educativo, piloto de drons e moitos máis), de novas ferramentas educativas que funcionan con todos os públicos (e que son accesibles a todos a través de Internet” e, tamén, de novos tipos de festivais-feiras que potencian o uso das tecnoloxías creativas. É o caso, precisamente, da Maker Faire Galicia.
A Deputación de Pontevedra enfía o mes de setembro cunha longa listaxe de actividades formativas tecnolóxico-dixitais, a desenvolver ao abeiro do programa SmartPEME, que é como se coñece a nova liña de actividade da antiga rede CPAE 2.0. Segundo fai saber a entidade que preside Carmela Silva, os obradoiros de SmartPEME desenvolveranse nas oficinas que este programa (antes CPAE 2.0) ten en Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo. Todas as actividades darán comezo ás 19.00 horas. Tocarán cuestións tecnolóxicas do máis variado, facendo fincapé nas materias TIC de meirande utilidade para os nosos profesionais, PEME e autónomos. Por exemplo as ferramentas para favorecer a promoción, a comunicación con clientes e usuarios e as vendas.
Como lembraremos, a iniciativa SmartPEME diríxese a ofrecer aos emprendedores e pequenas e medianas empresas da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración e acompañamento no ámbito das TIC, “sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e de mozos e mozas autónomas”, informa da Deputación, que sinala que en Pontevedra, no propio edificio administrativo do organismo provincial, desenvolveranse seis obradoiros. O venres 9 de setembro, A túa páxina web en menos de 90 minutos. O venres 16, A túa páxina web con WordPress. O martes 20, LinkedIn: a túa rede de networking. O venres 23 de setembro,Comercializa os teus servizos a través das redes sociais. O martes 27, Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas. Por último, o xoves 29, Fotografía e vídeo para espazos interiores. A oficina SmartPEME de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n.
Na comarca de Vigo, as oficinas situadas nos concellos de Ponteareas, O Porriño e Vigo, acollerán dezaoito obradoiros. Na oficina de Ponteareas as actividades serán as seguintes: o venres 9, Vén descubrir que son e para que serven as redes sociais. O martes 13, Fotografía e vídeo para espazos interiores. O sábado 17, Seguridade informática: conceptos básicos. O luns 19 de setembro, A túa información sempre á man: almacenamento na nube. O venres 23, A túa páxina web en menos de 90 minutos. Por último, o mércores 28 de setembro, Como ser eficiente na organización do teu tempo: trello e toggl. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.
Pola súa banda, a oficina do Porriño desenvolverá os seguintes obradoiros: o mércores 7,Seguridade informática: conceptos básicos. O luns 12, Fotografía con smartphone: PIXLR para Android e IOS. O xoves 15, A túa páxina web en menos de 90 minutos. O martes 20 de setembro, Redes sociais para a empresa: é Twitter a túa solución?. O xoves 22, Como empregar Google e Google Apps for Business. Por último, o mércores 28 de setembro, Crea unha nube de información privada para a túa empresa. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
As quendas para o mes de setembro na oficina de Vigo son as seguintes: o martes 6 de setembro,LinkedIn: a túa rede de networking. O martes 13 de setembro, Facebook Ads. O venres 16,Fotografía e vídeo para espazos interiores. O luns 19 de setembro, Google Analytics: iniciación á analítica web. O 26 de setembro, Google Analytics: Interpretación dos datos e tomas de decisión. Por último, o xoves 29, Promove o teu perfil en Facebook con aplicacións externas. A oficina SmartPEME de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, nº 3.
En Cambados, realizaranse 6 obradoiros no Centro ExpoSalnés. As quendas desenvolveranse tamén en horario de 19:00 horas: o xoves 8 de setembro, Como facer unha campaña de publicidade exitosa en Google?. O venres 16 de setembro, Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio. O luns 19 de setembro, Fotografía e vídeo para espazos interiores. O xoves 22 de setembro, A túa páxina web con WordPress. O martes 27 de setembro, Rendibiliza o teu perfil profesional en redes sociais. Por último, o venres 30 de setembro, LinkedIn: a túa rede de networking. A oficina SmartPEME de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no Paseo da Calzada, s/n.
En Lalín, as quendas son as seguintes: o xoves 8 de setembro, Redes sociais para a venda. O luns 12 de setembro, Como facer unha campaña de publicidade exitosa en Google?. O xoves 15 de setembro, Aprende como facturar electronicamente. O mércores 21 de setembro, Fotografía e vídeo para espazos interiores. O venres 23 de setembro, Seguridade informática: conceptos básicos. Por último, o venres 30, Como ser eficiente na organización do teu tempo: trello e toggle. A oficina SmartPEME de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo.
As inscricións a todos eles formalizaranse a través do número de teléfono 886 20 20 20.
O Proxecto SmartPEME
SmartPEME, en palabras da presidenta da Deputación na presentación do proxecto aos Concellos celebrada a finais do pasado mes de xuño, “é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos". Co devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo poranse en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
A Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) organiza este xoves 8 unha xornada de inserción laboral para menores de 30 anos que se celebrará na súa sede da Praza de Luís Seoane de 10:00 a 19:30 horas. A xornada incluirá obradoiros de motivación, de procura de emprego a través das redes sociais, de como facermos marca persoal e de técnicas de venda. Tamén haberá relatorios sobre como emprender e como obter financiamento e máis unha mesa redonda de casos reais de novas firmas innovadoras galegas. Igualmente presentarase o proxecto Viveiro de Talento 2016.
O viveiro é un programa que a CEC lanza en colaboración coa Fundación INCYDE para incentivar o traballo por conta propia ou allea entre mozos desempregados menores de 30 anos, contando con co-financiamento do Fondo Social Europeo. Ao abeiro do proxecto escolmaranse 60 participantes que recibirán formación, asesoramento de balde e personalizado, orientación para a procura de emprego e o autoemprego e prácticas en empresas. Ademais, a CEC comprométese a fomentar a inserción laboral dos participantes entre as empresas que forman parte da Confederación.
Os 15 mozos lucenses en situación de desemprego que resultaron beneficiados do programa Communitteando visitaron este martes a sede da Deputación de Lugo, onde foron recibidos polo presidente da institución, Darío Campos. Como recordaremos, Communitteando é un programa formativo con obradoiros sociais e tecnolóxicos de emprego xuvenil envorcados nas novas canles e ferramentas dixitais. Foi posto en marcha pola Deputación para fornecer aos alumnos coñecementos teóricos e prácticos de utilidade para seren, en boa medida, comunicadores en liña. Ofrece formación remunerada cuns 650 euros mensuais (o salario mínimo interprofesional).
Segundo informa a Deputación, durante seis meses os participantes formaranse como community managers (referentes informativos nas comunidades en liña) e recibirán formación especializada sobre sistemas operativos, elementos da Rede e aplicacións informáticas e microinformáticas. Farano nas instalacións de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) na capital luguesa, colectivo que colabora coa Deputación no desenvolvemento deste obradoiro. Son un total de 960 horas de formación teórica.
Darío Campos, na visita dos participantes nos obradoiros, díxolles que grazas ao programa serán responsables da creación dunha nova páxina web para impulsar o traballo que leva a cabo COGAMI, así como “dunha pioneira aplicación tecnolóxica” coa que se tentarán detectar as barreiras arquitectónicas existentes, “que impiden un acceso universal ás instalacións públicas”. A través desta aplicación, engadiu, “os veciños poderán trasladar de xeito inmediato mediante os seus dispositivos móbiles ás dificultades de accesos coas que aínda se atopan moitos cidadáns”. Tamén sinalou que se tratar dun proxecto piloto que se porá en marcha na cidade de Lugo, “pero que se busca estender a toda a provincia”.
Do 9 ao 11 de setembro celebrarase no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA unha nova edición de Xuventude Galicia Net, LAN party que congregará competicións de videoxogos terán un papel protagonista e repartirán premios valorados en máis de 6.000 euros. Entre elas destacarán os torneos oficiais, os cales contarán con premios de maior relevancia e serán cinco, centrados nos populares videoxogos League of Legends, Hearthstone, FIFA 2016, Counter Strike: Global Offensive e Rocket League, sendo este último unha nova incorporación. A estes torneos oficiais engadiranse, tamén como novidade, tres non oficiais, dos videoxogos Overwatch, Heroes of Storm e DOTA 2.
As restantes competicións da festa informática serán propostas diversas, tales como a de Seguridade, na que os participantes poderán poñer a proba todos os seus coñecementos rompendo a seguridade dun sistema, a de preguntas e respostas sobre informática e videoxogos ou unha xincana. Neste programa de competicións soamente poderán participar os inscritos na zona Intranet da party, os cales desfrutarán nesta área dun posto de altas prestacións para o seu equipo informático e terán dereito a acampar no pavillón.
Aos torneos súmanse moitas outras actividades, as cales estarán orientadas tanto aos inscritos como a todo tipo de público que acuda ao recinto, polo que se celebrarán na Extranet, é dicir, na zona de acceso libre da party. Entre outras zonas, haberá unha de ordenadores e unha de consolas de última xeración, canchas de fútbol, baloncesto e tenis, un campo de paintball e unha pista de karting, zona Nerf (nela os asistentes poderán competir nun campo con obstáculos con diferentes armas de combate, como pistolas nerf ou armas de gomaespuma), zona Radiocontrol (orientada a xogos con coches teledirixidos), zona Drone (un circuíto onde os asistentes utilizarán minidrones para superar obstáculos) e tamén área de xogos con futbolíns, pimpón, air hockey, frisbie, xadrez e tiro con arco de ventosa. A elas sumaranse, entre outras actividades, exhibicións de tiro con arco olímpico, talleres de maquillaxe zombie, snookball (billar xigante no que se empregan pelotas de fútbol en lugar de bolas de billar), o (lan) piadas (parodia das olimpíadas con probas como petanca informática ou lanzamento de DVD), exposicións de artigos friki e de esculturas de súper heroes ou actividades relacionadas con Star Wars e a visita de personaxes desta saga da man da asociación Tropa Korriban.
As conferencias tamén formarán parte das actividades da nova edición de Xuventude Galicia Net, centrándose en temas como os e-sports, a creación de videoxogos e o radiocontrol.
Imos ter máis Lanzadeiras de Emprego de Galicia, unha iniciativa de formación e cooperación contra o desemprego posta en marcha pola Fundación Telefónica xunto coa Fundación Santa María A Real e, para a nosa terra, a Consellería de Economía e Industria. Máis polo miúdo, a ampliación destas palestras formativas abeiradas ás novas tecnoloxías materializarase a finais de ano con seis novos puntos de “lanzamento” en territorio galego. Así nolo contaron este luns os principais impulsores do programa reunidos en Compostela, na Cidade da Cultura, ao abeiro da celebración do Encontro en Lanzadeiras de Galicia 2016.
Participaron na xeira de hoxe o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca; a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez; o director de Coordinación Territorial de Fundación Telefónica, Joan Cruz; e máis a técnica de Comunicación do Programa Lanzadeiras na Fundación Santa María A Real, Marta Prieto.
Ademais, fixeron acto de presenza na cita celebrada na Cidade da Cultura as 150 persoas que se benefician arestora do devandito programa formativo-colaborativo na nosa terra. A convocatoria actualmente en activo abrangue lanzadeiras nas seguintes localidades galegas: Marín, Redondela, Arteixo, Lugo e Santiago (en colaboración coa Xunta) e Ourense (co Concello). A elas, como dixemos, engadiráselles na recta final de ano seis novos emprazamentos máis.
Na xuntanza do Gaiás os representantes das devanditas entidades coincidiron en animar ao centenar e medio de mozas e mozos presentes no acto a proseguir con valentía co camiño iniciado ao abeiro das lanzadeiras, apostando por desenvolver a súa capacidade innovadora e laboral, “que sen dúbida é moita” e que, segundo sinalou o conselleiro de Economía no remate da xornada, “está presente en todos e cada un de nós, o único que é preciso é termos oportunidades para que este potencial abrolle en calquera das súas manifestacións”.
Conde salientou que este programa mellora “a empregabilidade da mocidade e a súa cualificación a través dunha formación que busca a especialización dos participantes que se atopaban en situación de desemprego ao inicio da iniciativa en xuño”. O conselleiro defendeu que a aposta pola formación “permite á mocidade aumentar as súas oportunidades para atopar un emprego de calidade, ao tempo que contribúe a mellorar a competitividade do tecido empresarial e industrial galego ao contar con persoal máis cualificado”. Ademais, dixo, “estas lanzadeiras en concreto ofrecen novas oportunidades para os mozos e mozas dos cinco concellos participantes”.
Ao seu xuízo, estes centros de formación e colaboración afrontan “un problema moi serio”, que é o de contribuír a achegar solucións para o desemprego. Conde salientou tamén o feito de que se afronte este problema do noso tempo con respostas do noso tempo. “Dende un punto de vista económico, somos testemuñas dunha forte irrupción das novas tecnoloxías, que chegaron a todos os eidos da economía e ante as cales as empresas están a reaccionar”, destacou, engadindo que boa parte desta reacción emprega a mesma fórmula da que se tira proveito para as lanzadeiras: “Reaccionan mediante a cooperación”.
A edición en curso
Respecto da convocatoria en curso, o pasado mes de xuño confirmamos a posta en marcha de cinco lanzadeiras: a de Arteixo, a de Lugo, a de Marín, a de Redondela e a de Santiago. A estas cómpre engadir a de Ourense, impulsada co respaldo do Concello. Cada palestra formativa, como sinalamos, está integrada por 25 persoas desempregadas: mulleres e homes con idades comprendidas entre os 18 e os 59 anos. Durante estes meses os participantes das cinco Lanzadeiras de Emprego (150 en total) xuntáronse varios días á semana e nestas xeiras de traballo e formación puideron participar en sesións de adestramento e intelixencia emocional, en dinámicas de comunicación, de marca persoal e de procura de emprego 2.0, en prácticas de entrevistas persoais, en elaboración de mapas de laborabilidade, en visitas a empresas, en reunións con emprendedores e, tamén, en procesos de intermediación laboral con responsábeis de recursos humanos.
As palestras de Arteixo, Lugo, Marín, Redondela, Santiago e Ourense están incluídas nas 145 lanzadeiras que a Fundación Santa María A Real e Fundación Telefónica puxeron en marcha este ano por todo o ámbito estatal, para o que se contou (e se conta) tamén coa colaboración do Fondo Social Europeo.
Segundo informaron daquela os impulsores desta iniciativa laboral, durante 2014 e 2015 as lanzadeiras foron “unha demostración dun proxecto que responde con efectividade ao problema do desemprego” e cuxos resultados de inserción laboral, superiores ao 60%, “convidan a seguir loitando contra esta secuela social do desemprego”.
A sétima edición do Congreso Nacional CENTAC de Tecnoloxías da Accesibilidade, que se celebrará en Zaragoza os días 14 e 15 de novembro, contará con dúas plataformas de exposición pública: unha zona expositiva e un "speaker's corner", que poderán ser utilizadas polos participantes para mostrar as súas ideas e proxectos.
Co obxectivo de dar visibilidade á tecnoloxía accesible desenvolvida en España, e fomentar a participación no congreso, que este ano se centrará na transformación dixital accesible, o Centro Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade (CENTAC) puxo en marcha estes dous espazos nos que os proxectos e as tecnoloxías poderán ser expostos e explicados ao público asistente.
‘Speaker’s corner’
Responde á necesidade de fomentar a comunicación e a participación entre os asistentes ao congreso. O intercambio de coñecemento é un dos obxectivos desta cita que reunirá a ao redor de 40 relatores procedentes do mundo da empresa, centros tecnolóxicos, universidades, Startups ou asociacións. Por este motivo, esta área será un espazo aberto no que os participantes exporán e mostrarán os seus proxectos e desenvolvementos TIC. É condición imprescindible para presentarse que os proxectos destaquen polas súas características de accesibilidade e usabilidade e que melloren a calidade de vida das persoas.
Cada speaker disporá de 15 minutos para contar a súa idea a través dunha presentación, unha demo, unha charla ou outros formatos, e debe presentar a súa proposta antes do 10 de outubro a través deste formulario. Trala súa valoración por parte da organización, a partir do 17 de outubro notificarase que ideas foron seleccionadas para a súa exposición.
Zona expositiva
Será unha área destinada a que os asistentes coñezan de primeira man e interactúen coa tecnoloxía social que existe no noso país para a mellora da vida das persoas. Os proxectos presentados deberán estar baseados nun alto contido hardware, ter unha gran carga innovadora, e acharse en fase funcional de prototipo. Falamos de robótica, drons, impresión 3D, wearables, realidade virtual, etc.
Así mesmo, cabe destacar que a data límite de presentación é o 30 de setembro e a súa selección comunicarase a partir do 7 de outubro. Para participar, os interesados deben encher este formulario.
Por último, é importante destacar que os Congresos Nacionais CENTAC de Tecnoloxías da Accesibilidade son eventos gratuitos e sen ánimo de lucro, nos que todos os recursos económicos dispoñibles destínanse a dar visibilidade e potenciar as boas prácticas en accesibilidade. O rexistro gratuíto está aberto.
A iniciativa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’, promovida pola Fundación Vodafone España, ten como finalidade apoiar a emprendedores e PEMES de recente creación cuxos proxectos de negocio contribúan á innovación social a través do impulso e uso das tecnoloxías da información e a comunicación en Galicia.
Nesta convocatoria, que conta co apoio da Xunta de Galicia, seleccionaranse os seis mellores proxectos de emprendemento que pasarán a formar parte do Programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’ e desfrutarán dun lugar de traballo no espazo ‘Vodafone Connecting for Good’ na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
Os seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse de:
Por outro lado, tamén poderán optar a:
O prazo para a presentación de proxectos comeza o 5 de setembro de 2016 e remata o 30 de setembro de 2016.
Para presentar a candidatura débese completar o formulario que se mostra a continuación e envialo cumplimentado a infofve@corp.vodafone.es
Arquivos relacionados:
A Fundación Vodafone España abre a primeira convocatoria de ‘Connecting for Good Galicia’, o programa impulsado en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, para desenvolver iniciativas emprendedoras de innovación social dixital.
A finalidade de ‘Connecting for Good Galicia’ é apoiar a emprendedores e/ou pemes de recente creación cuxos proxectos de negocio contribúan á innovación social, en concreto, aqueles que resolvan algún reto social no ámbito da educación, saúde, participación cidadá, ou calquera dos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020, valorando especialmente o enfoque inclusivo cara os colectivos de persoas con discapacidade e de persoas maiores. O obxectivo do programa é conseguir que estas iniciativas empresariais se convertan en negocios reais e os seus produtos ou servizos despeguen coas maiores garantías de éxito.
Principais características do programa
Nesta convocatoria seleccionaranse ata un máximo de seis iniciativas de emprendemento, que contarán cun patrocinio de 2.000 euros cada unha, concedido pola Xunta, así como de axudas, outorgadas por Fundación Vodafone, para a contratación de persoas con discapacidade para o desenvolvemento das súas respectivas ideas de negocio. Doutra banda, tamén poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha. Ademais, a Fundación Vodafone outorgará o Premio “Conectados pola Accesibilidade” de 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.
Os proxectos incorporados ao Programa beneficiaranse de sesións de formación e mentoring e accederán a un conxunto de ferramentas e recursos a través dun traballo personalizado e dunha metodoloxía de aceleración específica baseada na innovación. Todas as iniciativas disporán dun espazo de traballo na sede de ‘Vodafone Connecting for Good’, situada nas dependencias do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, para facilitar a coordinación e xestión das propostas.
A convocatoria
O prazo para a presentación de proxectos comeza hoxe, 5 de setembro, e finalizará o 30 deste mes. O fallo do xurado notificarase antes do 7 de novembro. A fase de formación dos proxectos seleccionados terá unha duración de seis meses, desde o 14 de novembro 2016 ata o 14 de maio 2017.
Poderán solicitar a súa participación no programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’ todas aquelas empresas e emprendedores maiores de 18 anos que, desde Galicia, conten cun modelo de negocio innovador/novo e claras vantaxes competitivas para un produto e/ou servizo que resolva algún reto social no ámbito da educación, saúde, participación cidadá, ou calquera dos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020, e valorarase especialmente o enfoque inclusivo á hora de ter en conta a persoas con discapacidade e persoas maiores.
Para a valoración dos proxectos, deberase completar o formulario descargable desde www.fundacionvodafone.es. Poderanse anexar ata dous arquivos con información complementaria, cun máximo de extensión de 10 páxinas Word ó 10 diapositivas PowerPoint cada un.
A documentación debidamente cumprimentada remitiranse a Fundación Vodafone España, exclusivamente por correo electrónico á dirección infofve@corp.vodafone.es, indicando a referencia “Vodafone Connecting for Good Galicia”.
Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, comezará o proceso de selección dos participantes que constará de tres fases. Nunha primeira fase valoraranse todas as solicitudes en base á documentación achegada, nunha segunda fase os proxectos que sexan seleccionados terán que presentar documentación adicional, e nunha terceira fase convocaranse entrevistas persoais aos solicitantes que superasen as dúas primeiras fases, co fin de coñecer todos os detalles do seu proxecto.
Máis información: http://www.fundacionvodafone.es/premios