A Fundación Vodafone España e a Fundación CNSE colaboran estreitamente para que as persoas xordas, grazas ao uso das novas tecnoloxías, poidan participar dunha forma máis activa na nosa sociedade. Desta frutífera colaboración podemos destacar as seguintes iniciativas:
A iso súmase o desenvolvemento dunha experiencia piloto nalgúns puntos da rede de tendas Vodafone, que incorporaron o devandito servizo para asegurar unha atención sen barreiras entre as persoas xordas.
É un encontro internacional sobre tecnoloxías emerxentes (tech trends) que se desenvolverá na cidade de Pontevedra entre o 27 de setembro e o 1 de outubro de 2016. Contará con diferentes actividades que se realizarán progresivamante: workshops, conferencias, instalacións e performances de diversa natureza.
Tecnoloxías como o big data, a realidade virtual, a arte dixital ou as cartografías urbanas serán as protagonistas da I edición do TEK-FEST, Encontro Internacional de Tecnoloxías Emerxentes, que baixo o lema de #ACidadeDoFuturo pretende «situar a Pontevedra no mapa das novas tecnoloxías e fomentar o emprego destas tecnoloxías para mellorar o mundo», tal como sinalou o venres pola mañá en rolda de prensa a Concelleira de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra, Anabel Gulías, que estivo acompañada polo director creativo do TEK-FEST, Toño Cabanelas, para presentar os contidos e programación do evento.
Cabanelas destacou a presenza de expertos, tecnólogos e artistas «de calado internacional» como Miguel Espada de EspadaySantaCruz, un dos mellores estudos creativos de arte dixital, que realizará no Pazo da Cultura o 30 de setembro unha instalación interactiva feita con lámpadas incandescentes, baseada no proxecto Light Kinetics que presentou recentemente no MOMA de New York. A instalación, unha obra de arte efémera que só se poderá ver ese día no TEK-FEST, e que está inspirada na Ponte do Burgo de Pontevedra, será aberta a todos os veciños da cidade, visitantes e participantes nas actividades do TEK-FEST, xunto cunha performance sonora a cargo do crítico de arte José Manuel Costa , do programa Retromanía (Radio 3) que fará un percorrido pola historia dos distintos soportes sonoros ao longo do século XX e como estes foron modificando o comportamento das persoas nas cidades.
Anabel Gulías salientou especialmente esta unión entre tecnoloxía e música, como exemplo da visión que o TEK-FEST quere mostrar, que vai máis alá de mostrar meras ferramentas, senón que pretende mellorar a vida da cidadanía a través da información, a educación, o turismo ou a industria . Así o detallou Toño Cabanelas presentando a programación do Symposium do 30 de setembro, no que persoas relevantes a nivel internacional procedentes da filosofía, o deseño, a moda, a programación e a música reflexionarán sobre a cidade do futuro no entorno dixital. Como mestre de cerimonias actuará o xornalista Manuel González, director do programa de Televisión Española Zoom Net, dedicado á información tecnolóxica.
A conferencia inaugural do Symposium correrá a cargo do filósofo Pedro Medina e o deseñador Javier Maseda, do estudio Sopalmo, que reflexionarán sobre a evolución histórica da noción de cidade e como a tecnoloxía dixital proxecta o seu futuro. Tras eles intervirá a deseñadora Isabel Berz, unha das maiores innovadoras do mundo na fusión de moda, tecnoloxía e proxectos sociais, que falará sobre A nova educación: cara a un novo modelo baseado na innovación e na investigación. Javier Noguerol de CARTO achegaralles ás persoas asistentes unha introdución ao big data relacionado coas cidades, e Jimena Merino, unha das primeiras directoras artísticas de realidade virtual que hai en España, falará da democratización da realidade virtual e da imaxe inmersiva a través do seu uso nas redes sociais, con exemplos prácticos.
Para as persoas máis ganas de fedellar o TEK-FEST ofrecerá a posibilidade de probar de primeira man moitas das tecnoloxías de realidade virtual máis avanzadas , mesmo algunhas que aínda non están no mercado, como a próxima consola en realidade virtual de Sony, a PlayStation VR , que revolucionará o mundo dos videoxogos con entornos inmersivos en 360º. Para poder probar esta consola e outros gadgets como as gafas de VR interactiva HTC Vive ou os últimos modelos desenvolvidos por marcas como Samsung, todas as persoas que queiran poderán achegarse o 30 de setembro pola tarde ao Pazo da Cultura ou o 1 de outubro durante todo o día na Casa da luz de Pontevedra.
A convocatoria para os obradoiros do TEK-FEST está aberta ata o 20 de setembro, quedando algunhas prazas dispoñibles para os profesionais que queiran asistir. Trátase de dous obradoiros de 12 horas que se celebrarán simultaneamente durante 3 días, do 27 ao 29 de setembro . O primeiro deles titúlase VR 360: Audio, Video & Programming e estará impartido por Antonio Víctor García-Serrano (Zakato), un dos mellores camarógrafos 360 a nivel mundial, e polo estudio Bermudas Land , pioneiros da VR en España con sede en Galicia e Madrid. Xuntos veñen de ser seleccionados pola prestixiosa mostra Kaleidoscope pola súa obra Fragments, realizada en 2015 na Illa de San Simón e considerado o primeiro fashion film en realidade virtual en todo o mundo. A peza poderá verse en San Francisco o 30 de setembro, data na que se conectará dende o TEK-FEST en directo para presentar ese gran fito da VR en España.
O segundo taller leva por título Carto: Location Intellingence e estará impartido por Javier Noguerol, responsable de intelixencia de produto de CARTO , unha empresa con sede en Madrid que é das máis destacadas internacionalmente na análise e visualización de datos xeolocalizados. Neste obradoiro os participantes crearán os seus propios mapas interactivos da cidade de Pontevedra a partires de datos abertos relacionados co medio ambiente e o gasto enerxético, e aprenderán a usar esta tecnoloxía a través da ferramenta CARTO Builder, pensada para deseñadores, xornalistas e perfís profesionais que traballan con datos pero sen precisar saber programación.
A matrícula de cada obradoiro custa 300 euros e formalizarase logo dun proceso de selección entre os aspirantes a participar. Para o simposio, que será a xornada de conferencias do día 30 de setembro, as entradas están xa á venda a un prezo de 30 euros. As actividades do venres pola tarde e o sábado todo o día son de entrada libre.
A aula Cemit (Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica) de Cuntis continúa durante este mes de setembro cun proxecto piloto de inclusión dixital. Grupos de nenos, algúns con discapacidades, reciben durante estas semanas formación para o uso de impresoras 3D, creando as súas propias pezas e obxectos tridimensionales e continuando así as sesións xa iniciadas en agosto nesta materia. Ademais, durante o verán tamén traballaron con tabletas, achegadas pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), aprendendo a utilidade de múltiples aplicacións.
A Cidade da Cultura de Galicia convida aos escolares galegos a ser parte do Spin 2016, o maior evento de emprendemento universitario de Iberoamérica, participando en obradoiros nos que descubrir e experimentar coa tecnoloxía.
No marco do Spin 2016, que terá lugar do 29 de setembro ao 1 de outubro no Gaiás, escolares de 8 a 12 anos poderán achegarse dunha forma creativa ao concepto do Design Thinking a través de obradoiros de programación, robótica e modelado 3D. Os obradoiros contan con até 400 prazas e están deseñados tendo en conta o programa curricular dos cursos aos que están dirixidos e en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación e Paideia.
Así, os días 29 e 30 de setembro, o Museo Centro Gaiás acollerá o Taller de Programación con Scratch, que lles permitirá aos escolares programar a súa propia aplicación de realidade virtual ou conectar un videoxogo cun dispositivo robótico. Tamén terá lugar o taller de Electrónica divertida, no que poderán construír o seu propio artbot ou programar unha secuencia musical.
Entre os obradoiros escolares que formarán parte do Spin 2016 está tamén a Programación de vehículos robóticos, espazo no que os pequenos programarán o seu propio vehículo robótico; e o de Impresión 3D, para realizar os seus propios deseños e imprimir unha peza que levar a casa.
Estes obradoiros tecnolóxicos forman parte da axenda do Spin 2016, encontro bianual da RedEmprendia que nace coa vocación de espertar, apoiar e impulsar o talento emprendedor e fortalecer a contribución da universidade ao desenvolvemento económico e social. Esta terceira edición terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia entre o 29 de setembro e o 1 de outubro e contará con conferencias, marketplace, obradoiros e seminarios e networking, ademais dos premios aos mellores proxectos emprendedores e un foro de investimento.
O número de aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 segue a medrar a bo ritmo. A última incorporación (que non a derradeira) suma á Asociación Inserta Empleo da Fundación ONCE, quen, xunto coa Amtega, veñen de poñer en marcha unha interesante acción formativa.
A Asociación Inserta Empleo, é a entidade da Fundación ONCE para a formación e emprego de persoas con discapacidade que e busca posibilitar a súa integración plena na sociedade mellorando a súa cualificación profesional; promover a creación de emprego para persoas e apoiando a creación de prazas ocupacionais en colaboración coas entidades do movemento asociativo de persoas con discapacidade e as súas familias.
Ese é o título da acción conxunta que ofrece capacitación en ofimática a persoas en situación de desemprego con certificado de discapacidade igual ou superior ao 33%, co fin de garantir o seu acceso ao mercado laboral.
As primeiras actividades formativas de ofimática tiveron lugar nas aulas da Rede CeMIT de A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Santiago e Lugo, onde se desenvolven as 190 horas formativas do curso para a obtención da certificación en ofimática (CODIX). Unha vez rematado o período de formación, as persoas participantes poderán obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX) mediante a superación dunha proba presencial de carácter voluntario baixo a supervisión tanto de Inserta Empleo como da Amtega.
Inserta Empleo colaborará tamén co Plan de Inclusión organizando outras actividades formativas, eventos ou iniciativas de divulgación e dinamización das TICs e na difusión da inclusión dixital en Galicia.
Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta xa con 700 aliados dixitais, aos que se vén de sumar á Asociación Inserta Empleo da Fundación ONCE.
Lembra que podes formar parte dos Aliados Dixitais da Xunta de Galicia solicitándoo aquí.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, participou hoxe na presentación do Programa Formativo en Big Data que Hewlett Packard Enterprise (HPE) ofrece desde o seu novo Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) do Gaiás. A multinacional abriu ás portas do CEIN o pasado 1 de agosto, no marco dos compromisos adquiridos como asinante do Pacto Dixital de Galicia.
No acto interviñeron tamén o Vicerreitor de Comunicación e Coordinación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), José Pereira, e o director do CEIN, Andres García-Rodeja, quen explicou que o Programa formativo en Big Data para o curso 2016-2017 pon a disposición de 4 graduados en Informática e dun 1 asistente ao Máster Interuniversitario de Big Data da Universidade de Santiago de Compostela unha rede de titores para desenvolver o seu proxecto fin de grao. Cada un dos seleccionados contará co apoio dun profesional de Hewlett Packard Enterprise, que asesorarán aos participantes nas diferentes fases do seu proxecto así como na súa orientación cara a necesidades reais de posibles clientes.
O programa contempla, ademais, 4 bolsas para facer prácticas na nova sede da compañía na Cidade da Cultura, onde conta tamén cun espazo para networking no Centro de Emprendemento desde o que se coordinarán e executarán as iniciativas de formación e difusión de tecnoloxías de Intelixencia de Negocio, organización e dinamización de eventos sobre Big Data.
Os novos perfís dixitais
A máxima responsable da política tecnolóxica autonómica destacou a importancia da especialización dos profesionais TIC para poder cubrir a demanda de novos perfís dixitais que reclaman tanto as empresas tecnolóxicas como as doutros sectores. A Axenda Dixital para Europa estima que en 2020 haberá 825.000 postos vacantes para profesionais das TIC .
Neste sentido, a directora da Amtega lembrou que, segundo datos publicados o pasado mes de agosto polo Osimga, as empresas galegas demandarán máis de 1.400 novos empregos TIC en Galicia para 2016, da que dous terzos se corresponden con novos empregos no sector TIC e o terzo restante nos demais sectores económicos galegos.
Ademais, as empresas tractoras da Comunidade necesitarán doutros 1.500 profesionais TIC para o período 2017-2018. En total, o tecido empresarial galego demandará máis de 2.000 novos empregos dixitais entre 2016 e 2018.
Así mesmo destacou que, segundo este estudo, as empresas TIC prognostican unha maior demanda de perfís vinculados ao ámbito da mobilidade, Big Data e Business Intelligence, á xestión administrativa e comercial, cloud ou e-commerce, mentres que nas empresas non TIC predomina a demanda de perfís profesionais relacionados coa xestión administrativa e comercial, seguido en segundo plano por aqueles do eido da mobilidade, Big Data, e-commerce ou marketing dixital.
Pereira afirmou que “desde a Administración autonómica somos conscientes de que é imprescindible contar con profesionais formados nas novas profesións dixitais, e de que debemos colaborar tanto coas universidades como coas empresas do sector en iniciativas para promover esta especialización. Polo tanto este programa de formación que ofrece HPE é unha excelente oportunidade”.
A Deputación de Lugo confirmou esta semana que segue adiante, ampliada, a súa liña de traballo a prol de favorecer hábitos saudábeis entre os maiores da provincia. Hábitos, moitos deles, directamente relacionados co uso das novas tecnoloxías e os novos dispositivos. Esta nova liña de traballo a prol do envellecemento activo botando man das ferramentas dixitais foi presentada este mércores polo presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos, que achegou detalles sobre o programa de actividades da iniciativa social InLugo no último trimestre de 2016, “que inclúe máis cursos, varias novidades e máis presenza na provincia e na rúa”.
Campos, que estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou que “hoxe mesmo ábrese o prazo para inscribirse nos 29 cursos gratuítos que se impartirán na sede doInLugo, cinco máis que no trimestre anterior, cun total de 393 prazas”. Ao fío do devandito, salientou “a alta demanda que teñen estas actividades formativas sobre o emprego de novas tecnoloxías e lembrou que “na anterior tempada, cubríronse todas as prazas o mesmo día da apertura de prazo”.
Segundo fixo saber, a nova tempada na sede de InLugo fará “especial fincapé” nos cursos e obradoiros relacionados co uso do móbil e a fotografía, “os máis demandados”, incluíndo dous obradoiros novos: Facemos vídeo con fotografía e Taller de retoque fotográfico. O prazo de inscrición ábrese este mércores, 14 de setembro. Os interesados poden apuntarse a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 225 186.
No acto de presentación celebrado este mércores tamén se fixo saber que, “con motivo da celebración o 16 de outubro do Día Mundial da Alimentación”, o InLugo organizará até finais de ano 15 talleres distribuídos en todas as comarcas da provincia, e dúas conferencias maxistrais sobre a importancia de mellorar as prácticas alimentarias a través das novas tecnoloxías da información. Segundo fixo saber Campos a conto destas actividades en concreto, “o obxectivo de Alimentatic é amosar aos nosos maiores a coidar da súa saúde cunha dieta saudábel empregando as novas tecnoloxías”. Ademais de participar nestes obradoiros, nos que haberá postos con alimentos beneficiosos para os asistentes, “os maiores terán a súa disposición unha guía de alimentación en formato dixital co deseño, por exemplo, dun menú semanal saudábel ou con consellos para comer ben a prezos económicos”, engadiu.
O presidente provincial tamén avanzou que neste trimestre o InLugo desenvolverá varias xornadas monográficas, como as dedicadas ao Nadal ou ao Día do Maior, e que sairá á rúa con diversas actividades para achegar á sociedade o traballo que desenvolve. Unha das máis próximas será no San Froilán, “un escaparate excelente para que todos os lucenses e visitantes que veñen ás festas patronais de Lugo nos coñezan de primeira man, neste caso concreto, cun obradoiro de fotografía”, explicou.
Todas estas actuacións desenvólvense no marco do programa de Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia, que xestiona a Fundación TIC a través dunha encomenda da Deputación de Lugo.
A empresa galega Balidea, adicada ao sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), vén de anunciar o desenvolvemento da plataforma de cloud-learning do proxecto europeo UnderstAID, financiado a través do programa Active and Assisted Living (AAL). Trátase dunha proposta de aprendizaxe adaptativo para emprestar asistencia a persoas coidadoras informais de doentes con demencia, pois a tarefa do coidado de doentes ten un gran impacto na vida da persoa coidadora, implicando trastornos físicos e psicolóxicos (fatiga, desordes do sono, ansiedade, depresión...), sobrecarga ou mesmo illamento social, o que repercute á súa vez na atención achegada ao seu familiar enfermo.
Esta plataforma TIC educativa e de apoio en liña quer facer máis doada a súa vida de xeito personalizado, centrándose nas súas necesidades actuais e situacións futuras. Indo á plataforma en si, cómpre dicir que consta de tres conceptos básicos: tecnoloxía, contidos personalizados e mobilidade para a aprendizaxe en liña dende calquera lugar e dispositivo (smartphones, tabletas, PC''s).
Para o desenvolvemento dos seus elementos diferenciais creouse un consorcio de entidades, cun equipo multidisciplinar de expertos. Médicos e especialistas en demencia encargáronse de definir e construír os contidos; pedagogos, sociólogos e expertos en e-learning participaron no seu enfoque e a definición dos modelos de aprendizaxe; e Balidea realizou a construción da plataforma tecnolóxica.
A dita aplicación achega información personalizada, unha canle de comunicación con profesionais expertos, unha canle de comunicación con outras persoas en situacións semellantes e diferentes funcionalidades de apoio (xestión de eventos, alarmas, recordatorios, posibilidade de compartir material, etc.). Durante o proceso de desenvolvemento desta iniciativa, que durou 3 anos (2013-2015), realizáronse probas e validacións mediante unha experiencia piloto con corenta familias de España, Dinamarca e Polonia. Finalizada a ferramenta, entra agora en fase de comercialización.
Un novo faladoiro dixital organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) desenvolverase o vindeiro 21 de setembro dentro da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital. O encontro, que abordará a ciberseguridade coa participación de expertos na materia, desenvolverase no Edificio CINC da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, de 09.45h. a 14.00h.
Despois da benvida institucional a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, ás 10.15h. intervirá Susana de la Fuente, coordinadora de Xestión do Talento do Instituto Nacional de Ciberseguridade de España (Incibe).
Tras un breve descanso, ás 11.30h. abordaranse boas prácticas en ciberseguridade, cos casos de Adolfo Domínguez e a adega Pepe&Lola como exemplos. Por parte da empresa téxtil falará Pablo Aranda, responsable de Microinformática de Adolfo Domínguez, e en representación da adega intervirá Carlos Rodríguez, responsable de Proxectos TI. Ás 12.30h. celebrarase un debate entre todos os relatores, aberto tamén á participación das persoas asistentes.
As persoas interesadas en acudir ao faladoiro poden inscribirse xa de balde no enderezo eventos@cpeig.gal e tamén través da web www.profesionsdixitais.org, onde atoparán máis información do programa e dos relatores.
1 mes, 1 profesión dixital
A campaña 1 mes, 1 profesión dixital desenvolve a segunda edición durante o presente ano, abordando as oportunidades profesionais e boas prácticas. O obxectivo xeral é crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado no presente ano entre o CPEIG e a AMTEGA.