main content

main content
28/09/201609:45
1 mes 1 profesión dixital
Sede de Gradiant Edificio CITEXVI, local 14. Campus Universitario de Vigo

Faladoiro Dixital ao redor da Internet das Cousas (IoT)

A campaña 1 mes 1 profesión dixital, promovida pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), nace co obxectivo de crear conciencia por parte da mocidade, universitarios/as, profesionais TIC e da cidadanía en xeral da necesidade de adquirir novas competencias e habilidades dixitais. Nesta ocasión aboradaráse o tema da Internet das Cousas (IoT).

22/09/201608:09
“Maiores Apptivados”
Santiago de Compostela

A Fundación Esplai e a Fundación Vodafone España promoven o uso do móbil entre as persoas maiores

  • Iníciase a segunda edición do proxecto “Maiores Apptivados”, sobre o uso dos dispositivos móbiles avanzados

 

Desde setembro e até mediados do mes de xuño do 2017, 2.700 persoas de máis de 55 anos participarán en obradoiros que os capacitarán para o uso dos seus dispositivos móbiles: smartphones e tablets. A primeira edición do programa, que se realizou en 2015, formou a máis de 2.400 participantes de 10 comunidades autónomas diferentes.

Os obxectivos do proxecto "Maiores Apptivados" son, por unha banda, mostrar as posibilidades que os actuais teléfonos intelixentes ofrecen en relación aos servizos de Internet e, por outro, mellorar a calidade de vida das persoas maiores potenciando a súa autonomía, diversificando o seu lecer e aumentando as súas capacidades comunicativas, todo iso a través do uso de dispositivos móbiles dixitais.

O proxecto desenvólvese no marco da Rede Conecta, unha rede estatal de organizacións sociais que traballan pola inclusión social mediante a capacitación e o empoderamiento dixital da cidadanía.

Cada organización pon en marcha obradoiros, con 15 participantes por obradoiro, de 6 horas de duración cada un, que inclúen 3 sesións de 2 horas.

Dinamizadores de cada entidade participante están ao cargo de cada grupo e utilizan unha metodoloxía práctica baseada no “bring your own device” («trae o teu propio dispositivo»), desta forma cada participante aprende coas ferramentas que usa no seu día a día.

 

22/09/201608:09
Google Expeditions
Santiago de Compostela

Google Expeditions xa está dispoñible en España

Na última edición do Google I/O deixaron clara a aposta pola realidade virtual e os sistemas inmersivos, sendo un dos eidos nos que consideraron de maior interese a aplicación desta tecnoloxía o educativo, polo que propuxeron Google Expeditions, un novo xeito de realizar viaxes virtuais valéndose do cartón de Google, e hoxe presentan a aplicación de balde que xa está dispoñible en Google Play e na App Store, e que permite guiar a pequenos grupos de usuarios conectados localmente dende un teléfono ou tableta.

A nova aplicación pode funcionar en modo guía ou modo explorador, de xeito que o usuario que escolle ser guía elixirá os contidos que explorarán o resto de usuarios que empreguen a aplicación conectados á mesma rede Wi-Fi. Os móbiles ou tabletas poden servir como unha fiestra a un mundo envolvente que, de contarmos cun visor como o cartón de Google, achega unha experiencia moi inmersiva, na que os estudantes teñen a sensación de estar a viaxar en algunha das máis de 200 expedicións que van incrementándose en número paulatinamente. En España dende Google Arts & Culture desenvolveron expedicións co Museo Nacional de Ciencias Naturais e tamén relativas a Cervantes, o que permite organizar visitas virtuais nas que o guía pode ir explicando aos exploradores o que están a ver, para o que conta con información de apoio na aplicación que convértese así nunha ferramenta educativa moi práctica. O mestre pode ir seguindo os puntos de interese que indica a aplicación, guiando aos nenos nos percorridos, podendo ir ao seu ritmo, facilitando así que os nenos exploren pola súa conta.

Un punto forte da aplicación é que, aínda que os contidos estean principalmente en inglés, os textos están orientados ao guía, de xeito que o profesor poderá iniciar moitas experiencias para os seus alumnos explicándolles o que están a ver na lingua que estime oportuno (ou sexa, que o idioma só sería unha barreira para o docente, non para o alumno).

22/09/201607:09
Pantallazo de YoTeCuido Alzhéimer
Santiago de Compostela

Unha app galega de balde apoia aos doentes de Alzhéimer e aos seus coidadores

Onte celebrábase en todo o mundo o Día do Alzhéimer e por este motivo queremos lembrar que as novas tecnoloxías son nalgunhas ocasións boas ferramentas das que botar man á hora de axudarnos a combater doenzas como esta da que falamos. Desta volta referímonos a unha aplicación móbil galega, de balde, que foi lanzada ao mercado pola start-up coruñesa Lapisoft. Trátase de YoTeCuido Alzhéimer. A dita ferramenta, encamiñada a coidadores e doentes de Alzhéimer, foi elaborada xunto con AFACO (Asociación de Familiares de enfermos de Alzhéimer de A Coruña), e é un proxecto desenvolvido con fins sociais (non económicos), que pode axudar moito no caso concreto de Galicia, pois no rural hai poucos recursos e información dispoñíbles para as familias que se enfrontan ao Alzhéimer.

A app tenta dar resposta e apoio a doentes diagnosticados de Alzhéimer e aos seus coidadores, xa que a falta de información é moi grande neste senso.

Que contidos achega esta ferramenta? Pois dende os distintos síntomas e coidados específicos de cada fase, resposta a multitude de dúbidas relacionadas coa alimentación, a saúde, a vivenda, ou recursos sociais e legais dispoñíbeis, rutinas de estimulación física e cognitiva para facer na casa, unha sección propia para que o coidador se coide e un apartado con recursos sobre o Alzhéimer (asociacións de familiares de toda España, libros e filmes…).

Asemade, a aplicación conta coa posibilidade de enviar directamente calquera dúbida relacionada coa enfermidade, que será respondida polo equipo de especialistas de AFACO e incorporada á aplicación de xeito que esa nova información poida servir de axuda a outros afectados ou coidadores.

Os contidos de YoTeCuido foron elaborados tanto por familiares como por coidadores, polo que a información que se achega está baseada na experiencia de persoas que conviviron coa doenza.

YoTeCuido Alzhéimer xa está dispoñíble en GooglePlay e tamén poderá descargarse en dispositivos iOS a través de iTunes.

Para máis información, cómpre visitar a web da aplicación.

22/09/201607:09
Cartel das xornada.
Santiago de Compostela

O CPETIG e a Amtega reúnen en Santiago a grandes expertos en ciberseguridade na VI Xornada de Informática Xudicial

  • A cita, que será o 28 de setembro, abordará a seguridade xurídica ante a nova realidade tecnolóxica
  • Entre os relatores, David Barroso, o profesional que protexe os datos informáticos de empresas do IBEX con técnicas de contraespionaxe, o conselleiro xefe TIC da CE, Francisco García Morán ou o maxistrado da Audiencia Nacional, Eloy Velasco

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), celebran o vindeiro 28 de setembro a VI edición das Xornadas de Informática Xudicial, que reunirán a algúns dos máis reputados expertos na materia.

Esta xornada, que leva por título Privacidade, e-Xustiza e Seguridade en infraestruturas críticas, está dirixida a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e xuristas en xeral e ten como obxectivo contribuír a dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica e mellorar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial, mediante o uso das novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas.

A iniciativa, que reunirá a máis dun cento de asistentes, enmárcase no compromiso do Cpetig e da Amtega de ofrecer formación para que o colectivo de profesionais da xustiza coñeza mellor a esixente nova realidade tecnolóxica. A xornada contribuirá a informar e concienciar a estes profesionais dos avances en materia probatoria nos casos nos que interveña o factor informático no proceso e poñer en valor os importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial.

 

Contidos e relatores

Os contidos da VI Xornada de Informática Xudicial abordarán a privacidade, a e-xustiza e a seguridade en infraestruturas críticas. A sesión comezará cun primeiro relatorio de Samuel Parra, avogado TIC e autor dun dos blogs máis seguidos e premiados sobre protección de datos, que falará da repercusión da ciberdelincuencia na privacidade. Despois, Francisco García Morán, conselleiro xefe TIC da CE, explicará as políticas comunitarias en favor dunha maior ciberseguridade e Iñaki Vicuña, director do Centro de Documentación Xudicial, exporá a incorporación das TIC á Administración de Xustiza.

O programa matinal da xornada complétase cunha mesa redonda sobre privacidade, seguridade e xustiza, que será moderada por Victor Salgado, avogado TIC e director técnico desta VI Xornada de Informática Xudicial.

Polo serán intervirá David Barroso, fundador de CounterCraft, unha startup española que está revolucionando o panorama da ciberseguridade aplicando técnicas de contraespionaxe, e que ten entre os seus clientes a empresas e gobernos de todo o mundo aos que asesora para definir e desenvolver campañas de contraintelixencia dixital. Entre outras, protexe os datos informáticos de empresas do IBEX.

E para poñer fin á sesión, Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional, intervirá como relator-moderador dunha mesa redonda sobre os medios de proba dixitais.

21/09/201614:09
Imaxe da gravación
San Sadurniño

O proxecto “Teño unha horta en San Sadurniño” divúlgase a nivel galego

O proxecto "Teño unha horta en San Sadurniño", xurdido como complemento á formación que se imparte na aula CeMIT do municipio, protagonizará un dos últimos capítulos do programa da TVG "Cos pés na horta". A produtora A Fonsagrada Producións pasou toda unha xornada acompañando á responsable da aula CeMIT, Carmen Suárez e ás protagonistas do proxecto que aúna alfabetización audiovisual coa preservación dos saberes da agricultura tradicional que as protagonistas -Lucita de Ernesto, Consuelo da Curuxa, Crucita de Piñón, Maruxa da Laxe e Carmiña Couce- dan a coñecer a través da súa canle de Youtube.

Como plantar leitugas, enristrar cebolas ou abordar a plantación de chícharos ou de pementos, entre outros, constitúen ata o momento unha colección de doce videotutoriais que poden verse na canle web.

A filmación levou a cabo nas parroquias de San Sadurniño, Naraío, Igrexafeita, Lamas e Ferreira e tamén recolleu o proceso de gravación dos vídeos.

21/09/201611:09
Capítulo 3 de la serie
Santiago de Compostela

‘ON Fologüers’, a serie animada da Fundación ONCE, viaxa ao Parlamento Europeo no seu terceiro capítulo

A Fundación ONCE lanzou onte o terceiro capítulo da miniserie animada "ON Fologüers". Nesta ocasión os seus protagonistas son Laura, unha moza cega que viaxou ao Parlamento Europeo para defender os dereitos das persoas con discapacidade, e Dani, o camareiro que escoitará as peripecias da súa amiga en Bruxelas.

O personaxe de Dani representa a unha persoa con discapacidade intelectual. Trátase dun mozo independente que traballa no bar "Ileven", lugar de encontro dos personaxes da serie. Capaz de desenvolverse na súa vida diaria con autonomía, vive cos seus pais por decisión propia, e é que, segundo di, "como en casa non se vive en ningún lado".

Marcos Santiago é o encargado de dar voz a Dani. El é un novo actor de dobraxe con Asperger que soña con dedicarse profesionalmente á interpretación.

A serie, que se distribúe a través de Internet e redes sociais, pretende promover a normalización das persoas con discapacidade e mostrar a discapacidade sen que se fale dela.

Os personaxes da serie, que consta de oito capítulos, son mozos con e sen discapacidade que desenvolven a súa vida en distintas contornas e protagonizan tramas a través das que coñecemos as barreiras sociais e arquitectónicas ás que deben facer fronte no seu día a día.

"Reflectimos en cada un dos capítulos o concepto do deseño para todos. Transmitimos cun sorriso valores como a solidariedade, o compromiso, o compañeirismo, que levados ao noso día a día permítennos lograr a inclusión das persoas con discapacidade", explica José Luís Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE.

Esta terceira entrega é un dos dous capítulos que foron financiados polo Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación, dentro do programa da Secretaría de Estado para a Unión Europea "Falamos de Europa".

Ao longo da tempada coñeceremos ao resto da cuadrilla e en cada capítulo veremos como cada personaxe conseguirá os seus obxectivos, facendo unha denuncia construtiva e con humor de situacións concretas que se atopan as persoas con discapacidade.

A Fundación ONCE pretende contribuír, desde un prisma innovador e en clave de humor, a concienciar e sensibilizar á cidadanía de que o crecemento, unha do tres prioridades do novo ciclo europeo, pode e debe ser inclusivo e no que as persoas con discapacidade participan activamente.

A serie emitirase nas canles de redes sociais de Fundación ONCE:

21/09/201607:09
Adolescente usando un móbil
Lugo

Os menores e os riscos dun mal uso das TIC, a debate os días vindeiros en Lugo

A Asociación Penitenciaria Concepción Arenal de Lugo está a ultimar a celebración das súas xornadas divulgativas, que van pola edición número 30 e que desta volta centraranse nun dos aspectos máis preocupantes do espallamento das novas ferramentas: o acceso indiscriminado dos nenos e os adolescentes ás novas contornas en liña, sen un labor complementario de sensibilización, concienciación e asesoramento sobre os riscos que poden atopar. As Xornadas Penitenciarias Lucenses desenvolveranse os días 26, 27 e 28 de setembro baixo o epígrafe Os menores e as novas tecnoloxías.

Segundo informa a asociación, “logo de trinta anos organizando estas xornadas, seguimos a procurar cuestións de actualidade que estean a xerar repercusión e interese social”, e para o presente ano decidiuse abordar o ámbito das novas ferramentas na nenez e na adolescencia, “entre outras cousas debido ao forte desenvolvemento teórico-práctico experimentado pola cuestión ao longo dos últimos anos, e debido tamén á gran dificultade que supón a súa detección e abordaxe”. A isto cómpre engadir a importante sensibilidade social que esperta este fenómeno e que afecta, en todos os niveis, a un meirande número de poboación no ámbito estatal, engade a entidade penitenciaria. As xornadas están organizadas pola devandita asociación e contan para o seu desenvolvemento co apoio (financiamento) do Concello e a Deputación de Lugo. Arrincarán o 26 de setembro no salón de actos da sede da Deputación de Lugo, contándose coa presenza de Álvaro Santos Ramos, vicepresidente do organismo provincial. A continuación haberá unha entrega de medallas e logo comezará a conferencia Os menores e os delitos informáticos a cargo de José Antonio Vázquez, maxistrado do Xulgado do Penal número 2 da Coruña. Presenta e modera Félix Mondelo Santos, decano do Colexio Provincial de Avogados de Lugo.

Ao día seguinte, 27, no mesmo escenario, celebrarase ás 19.30 horas a conferencia Prevención e loita contra os delitos informáticos: especial referencia aos menores. Será impartida por Gonzalo Sotelo, responsábel do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra. Presenta e modera Víctor Souto, capitán da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil de Lugo.

Xa no último día de actividades, o 28, desenvolverase a conferencia Metodoloxía Coaching: Medida de intervención eficaz con menores en risco. Virá da man de Fernando González Truque, director de Alar Galicia. Presenta e modera Óscar Piñes Penelas, director do Centro de Menores Santo Anxo de Rábade. A clausura das xornadas correrá a cargo da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

21/09/201607:09
Cartel do evento
Chantada

O encontro Pingueira converterá Chantada na capital galega da innovación educativa

O verán enfía a súa recta final e a nosa terra reborda de actividades de divulgación e información tecnolóxica. Sen ir máis lonxe estes días 23 e 24 de setembro celébrase en Chantada o Encontro Pingueira, unha xuntanza “transdisciplinar” para profesionais da comunicación, da educación e da tecnociencia co fin de espremer e avaliar cuestións como a necesidade de crear liñas pedagóxicas que atenda o mundo actual ou a necesidade de xuntar colectivos (comunicadoras, tecnólogas, científicas, historiadoras, creadoras, alumnado, familias e colectivos) para construír “unha educación pública actual que contemple a diversidade”. Tamén se buscarán metodoloxías para tirar partido consciente das novas tecnoloxías para multiplicar os recursos e a interactividade nas aulas. Asemade, visualizaranse os proxectos educativo-innovadores que se están a desenvolver na nosa terra.

“O Encontro Pingueira”, sinala a organización do evento, “quere ser un espazo dende o cal dinamizar a nosa cultura audiovisual, dixital e online, a través doempoderamento tecnolóxico, valorizando especialmente os coñecementos locais e facilitando a interacción entre xeracións”.

O encontro contará coa intervención, a través de conferencias e táboas redondas, de blogueiras e educadoras como Irene Lapuente (La Mandarina de Newton), Francesc Josep Deó (Aula Mèdia), Deborah García Bello (Dimetilsulfuro), Tucho Méndez (Bricolabs), Javier Conde (IES Lama das Quendas), Manolo González (ClipHistoria), Xosé Manuel Rosales (Proxecto Terra), José Antonio Quiroga (Ecomuseo de Arxeríz), Rita González (pedagoga crítica), Silvia Villar (Casa Colorida) ou o Colectivo Velaísca.

Asemade, Pingueira componse de dúas sesións de presentación de proxectos pedagóxicos innovadores, saídas de campo e momentos de intercambio e dinámicas entre todas as persoas participantes. Ademais, o xoves 22 celebrarase o coloquio Novos usos e novos hábitos de consumo das pantallas con nais e pais sobre emprego das novas tecnoloxías na nenez e na adolescencia, e a cargo de Francesc Josep Deó, presidente de Aula Mèdia.

O encontro Pingueira está organizado pola asociación educativo-cultural Airoá Comunicación e Nova Escola Galega e vai ter lugar entre o IES Val do Asma en Chantada e o Ecomuseo de Arxeríz. Dende o equipo responsábel da xuntanza fan un convite a toda a comunidade educativa (docentes, persoal investigador, comunicadoras/es, familias, alumnado e axentes sociais diversos interesados nestas temáticas) para participaren neste importante foro de debate.

20/09/201609:09
Un jugador con parálisis cerebral
Santiago de Compostela

Como xogar a videoxogos cuando tes parálise cerebral

Hai uns meses saíu ao mercado Arcade Land, o primeiro xogo comercial adaptado para xogadores con parálise cerebral. En esencia, falamos de versións dos grandes clásicos como Pac-Man, Space Invaders ou a serpe que permiten adaptar o xogo "coma se fose unha luva" á capacidade dos xogadores.

Se ledes algo sobre o xogo veredes que permite adaptar a dificultade á mobilidade do xogador e que os seus movementos están deseñados para favorecer certos tipos de movementos e evitar outros que son prexudiciais. Iso é moi interesante, pero seguramente non sexa o máis importante dun xogo deste tipo.

 

O mundo da parálise cerebral

Segundo os datos de ASPACE (a Confederación Española de Asociacións de Atención ás Persoas con Parálise Cerebral), unha de cada cincocentas persoas nace con algún tipo de parálise cerebral. En España son unhas 120.000 persoas e en México chegan ao medio millón (con 12.000 novos casos cada ano).

Aínda que tendemos a pensar na parálise coma se fose unha enfermidade, estritamente falando non o é, insístennos desde ASPACE. Non require tratamentos (nin farmacolóxico, nin de ningún tipo) e, polo menos neste momento, non ten cura.

Iso non quere dicir que a parálise sexa unha laxa inamovible. Ao contrario, cunha atención apropiada poden mellorar os seus movementos, desenvolver as súas habilidades e alcanzar bos niveis de autonomía. Esa atención adóitase resumir en catro alicerces (fisioterapia, terapia ocupacional, educación compensatoria e logopedia) pero esa clasificación non esgota todas as necesidades das persoas afectadas.

Álvaro Galán, presidente da Federación Madrileña de Deportes de Parálise Cerebral, comentaba que un dos maiores retos aos que se enfrontan as persoas con parálise cerebral é o tránsito da nenez á adolescencia. E sábeo por propia experiencia, "veste descolgado do resto, é complexo sentirse membro dun grupo de iguais".

 

¿Unha innovación tecnolóxica?

Esa é a primeira dúbida. ¿Trátase dunha innovación tecnolóxica ou simplemente é que non se fixo nunca? Javier Lupiáñez, desenvolvedor de videoxogos, non explica que "tendo en conta todos os sistemas de recoñecemento de input non tradicionais que se foron mellorando nos últimos anos, o reto inicial non está relacionado con adaptalo a determinadas persoas".

É certo que, aínda que Kinnect ou Wii son os dispositivos máis coñecidos, o mundo dos videoxogos deu un salto moi importante durante os últimos anos. "Agora, coa última xeración de realidade virtual, tamén podemos contar con estes dispositivos", di Lupiáñez.

O problema 'técnico' é que estes dispositivos "ata certo punto, están limitados a entender ou recoñecer patróns estándares" e iso é un pescozo de botella. "Aínda que a tecnoloxía (o recoñecemento de imaxes e movementos) xa está aí, hai que desenvolver un bo sistema para adaptalo ás necesidades de cada persoa". É dicir, a tecnoloxía está aí, pero Arcade Land é o primeiro en poñelo en marcha.

 

O xogo no desenvolvemento da persoa

E é unha pena porque o xogo ten un papel crave tanto na nosa evolución como especie como no noso desenvolvemento individual. A crianza é un proceso moi social no que, aínda que soe a cliché, intervimos todos. Desde o pai ou o profesor ao dependente ou o condutor do autobús. Os nenos son esponxas que aprenden constantemente das nosas interaccións con eles.

Un dos maiores problemas que temos cando pensamos no proceso de desenvolvemento das persoas con parálise cerebral é que non sabemos que facer. E aquí, os videoxogos poderían ter un papel moi interesante en 'normalizar' este proceso. Hai xogos como A Blind Legend (que non ten gráficos e no que o xogador se debe valer só de ruídos, sons e descricións orais), Iredia (que trata de axudar ao xogador para entender o mundo do son e a xordeira) ou Depression Quest (un xogo que simula a depresión). Pero o seu obxectivo declarado é educativo, experiencial ou formativo.

Arcade Land ten outra mirada. Non trata de que os mozos se conciencien sobre a parálise cerebral, nin de desenvolver unha terapia simpática. Trátase de crear marcos e referencias culturais que permitan aos mozos divertirse, desenvolverse e ser iguais. É dicir, crear espazos onde as persoas con parálise cerebral poidan pasar de nenos a mozos de forma sa e natural.

 

¿É algo tecnicamente posible?

É dicir, a posibilidade é excitante pero non é tan sinxelo. Arcade Land non deixa de ser unha colección de xogos clásicos. Non estamos a falar do próximo Pokémon Go: é un anticipador, non un disruptor. Polo que a pregunta é se é posible levar esta lóxica ao resto de xogos.

"O gran reto tecnolóxico sería que se puidese xogar a calquera xogo cos movementos que cada un quixese", dinos Lupiáñez. De feito, non é só un problema técnico, é un problema que afecta a toda a industria. "Hoxe en día, falando por exemplo de Realidade Virtual, cada fabricante ten as súas propias especificacións e os publishers de xogos teñen que ir pechando convenios fabricante a fabricante para dar soporte a todo o hardware".

"En Android, ata hai un ano, non había un estándar de gamepad para os xogos de Android, é dicir, eu como desenvolvedor non podo probar o meu xogo cun mando e supoñer que funcionará co de todos os fabricantes, porque cada un é distinto". Este é o problema real. A fragmentación do mercado e a falta de estándares fan que proxectos deste tipo sexan moi difíciles de desenvolver. Lupiáñez cre que "ao cabo do tempo estenderase e medrará. É unha liña de traballo técnico con moitas máis aplicacións. "Pero non creo que chegue ao cento por cento. Sempre haberá mecánicas de xogo que non son compatibles".

Arcade Land é un paso a boa dirección. Un paso pequeno. Pero se conseguimos persistir nesta liña e achegarnos a ese obxectivo de crear espazos e referencias culturais inclusivos estaremos a contribuír á calidade de vida das persoas con parálise cerebral dunha forma nova e revolucionaria.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS