main content

main content
03/10/201610:10
Algunos dos mozos participantes, trabalando na súa 'app' ata o último minuto.
Santiago de Compostela

'Hackathóns': ¿pode o próximo Google nacer dun evento de 24 horas?

  • EXPANSIÓN ECONOMÍA DIXITAL foi testemuña do primeiro 'hackathon' organizado por Join, iniciativa de Telefónica. Vinte e catro horas de traballo intenso que deron lugar a 10 'apps' cun obxectivo: mellorar a vida das persoas.

 

O reto era tan amplo como ambicioso: crear unha aplicación móbil Android que servise para mellorar a vida das persoas, nos ámbitos da saúde, a educación e o benestar persoal. Só unha condición: utilizar para iso a tecnoloxía Snapdragon 625 de Qualcomm, co-organizadora do evento, que estaba patrocinado por BQ e Movistar.

O hackathon arrincou o xoves e durou ata a mañá do venres. A maioría dos participantes (máis de 300) pasou alí a noite; non había tempo que perder. Todos eles eran mozos de entre 18 e 30 anos (a maioría roldaba a vintena), atraídos "pola experiencia" e, para que negalo, polo atractivo premio que recibirían os tres proxectos gañadores: 5.000, 3.000 e 2.000 euros.

Este hackathon distinguíase por que os participantes coñecían as condicións do reto unha semana antes. Por tanto, moitos traballaran na súa idea con antelación. Noutras ocasións, os programadores chegan ao maratón de desenvolvemento completamente a cegas. A diferenza entre un formato ou outro estriba nos obxectivos que busque a organización. Dar aos mozos as instrucións con antelación garante probablemente un maior grao de desenvolvemento e unha mellor calidade dos proxectos, mentres que os hackathóns a cegas permiten identificar as persoas máis creativas e eficaces, e resultan ideais para a captación de novo talento.

Os hackathóns, de tódolos tipos, convertéronse nunha fórmula bastante corrente de buscar novas ideas e talento novo. Esta mesma semana, só en Madrid, a empresa de crowd engineering Ennomotive, en colaboración con IE Business School, Ferrovial e Endesa, organizou o primeiro hackathon de Europa para apps de Industria 4.0. E, o fin de semana pasado, alumnos do British Council School de entre 10 e 16 anos participaron nun hackathon sobre ciberacoso.

Pero volvamos á iniciativa de Join. As ideas que xurdiron desas 24 horas de traballo foron:

  • Unha app para servizos de emerxencia que envía a localización do usuario e permítelle enviar notas de audio
  • Unha app que, utilizando a cámara do teléfono e aplicando tecnoloxía de recoñecemento visual, permite identificar os síntomas previos de somnolencia.
  • Unha app de realidade virtual aplicada ao ensino
  • Unha app para que os nenos que van sós ao parque poidan enviar unha alerta rápida aos seus pais en caso dunha emerxencia.
  • Unha app para persoas maiores que viven soas, que identifica por exemplo se caen ao chan, ou se saen da súa ruta habitual.
  • Unha app para vehículos que, en caso de posible accidente, se o condutor non responde en 10 segundos, manda unha alerta aos servizos de emerxencias.
  • Unha app onde os individuos poden aloxar o seu historial médico, coa súa respectiva versión para os sistemas de emerxencia.
  • Unha app para que os estudantes que non poden asistir a clase poidan 'percorrer' os libros de texto a través de realidade virtual e aumentada (recibiu o primeiro premio).
  • Unha app onde o usuario informa das súas alerxias e que, en caso de emerxencia, notifica destas ao centro médico máis próximo.
  • Unha app que notifica automaticamente ao servizo de emerxencias máis próximo e informa a este do perfil médico e o posible diagnóstico do usuario.

Todas elas son boas ideas, pero probablemente estea a pensar en que moitas xa se lle ocorreron a vostede antes... En efecto, os mozos traen frescura a unha organización; unha nova maneira de entender a vida e o traballo; un punto de vista diferente sobre a realidade que é absolutamente necesario para enriquecer ao conxunto dun equipo. Agora ben, se nos fixamos, os modelos de negocio máis disruptivos hoxe en día non consisten en produtos e servizos verdadeiramente rompedores, senón máis ben nunha combinación inédita de produtos e servizos que xa existen.

Pense en Uber, Airbnb, Booking.com, Google... O valor destas empresas é a súa capacidade para integrar solucións e ofrecelas ao usuario dun modo simple, útil e atractivo.

A pregunta é, ¿pódese verdadeiramente extraer ideas disruptivas dun hackathon? Si, aínda que hai que saber mirar. Sen dúbida existen detalles de deseño e conceptualización que poden marcar a diferenza entre un produto de éxito e outro que cae no esquecemento.

O verdadeiro reto para Telefónica, de tódolos xeitos, empeza despois: ser capaz de integrar esas novas ideas na organización, que dean lugar, a través dunha metodoloxía de desenvolvemento áxil (a propia operadora fala do concepto lean elephant para referirse a este desafío), a unha app que cumpra aquilo para o que se concibiu: mellorar a vida das persoas.

1 mes 1 profesión dixital
Santiago de Compostela

Digital Marketing Day Galicia 2016

Evento que trae aos mellores bloggers nacionais e internacionais en Marketing Dixital e Social Media para aportar ferramentas e solucións prácticas e eficaces a marcas, empresas e proxectos dixitais.
 

01/10/201613:10
Celebración do día dos maiores en Lugo.
Lugo

Deputación e Concello de Lugo bótanse este sábado á rúa para recoller testemuños dos maiores e inmortalizalos na Rede

A Deputación e Concello de Lugo veñen de anunciar a súa iniciativa conxunta para conmemorar o Día Internacional das Persoas Maiores, que se celebra este sábado 1 de outubro, con accións de balde na praza Maior. As actividades (que foron dadas a coñecer polo vicepresidente Álvaro Santos e a alcaldesa Lara Méndez) consistirán en obradoiros de fotografía e do proxecto Memoria Dixital, que desenvolve a Fundación TIC (Deputación). Segundo fixo saber Santos Ramos, un dos alicerces da celebración será insistir e afondar nas moitas vantaxes das novas tecnoloxías para fomentar o envellecemento saudábel. Esta é base, por exemplo, do programa de accións formativas InLugo, da dita Fundación, do que falamos recentemente para salientar o interese xerado polas súas propostas entre a poboación. Por certo que a través do obradoiro do proxectoMemoria Dixital convidarase aos maiores a inmortalizar na Rede as súas vivencias.

Santos avanzou que “sairemos á rúa para que a sociedade coñeza a grande labor social que desenvolvemos dende a Fundación TIC”. Un traballo avalado, dixo, “pola alta demanda que hai dos cursos do InLugo, no que as prazas se esgotan en escasas horas”.

Serán dous obradoiros a desenvolver en horario de 17:00 a 19:00 horas diante da casa consistorial. Haberá un espazo no que todas as persoas interesadas poderán participar no programa Memoria Dixital Lugo, “un proxecto no que temos depositadas moitas ilusións porque entre todos lucenses estamos a crear un arquivo audiovisual de recordos sen precedentes na nosa provincia”. Neste caso, convídase a calquera persoa interesada que se achegue pola praza Maior a “contar os seus recordos”. Un equipo da TIC gravará o seu testemuño, que ficará recollido en www.memoriadixitallugo.es.

Ademais, haberá un obradoiro de fotografía para os maiores que incluirá un photocall. Segundo Santos, “os cursos e obradoiros de imaxe son, xunto aos relacionados co uso do móbil, os máis demandados polos usuarios das actividades que imparte o InLugo, tanto na súa sede en Lugo como en toda a provincia”. Tamén lembrou que a Fundación TIC desenvolverá no último trimestre deste ano 29 obradoiros ao abeiro de InLugo, cun total de 393 prazas, así como o programa Alimentatic con 15 obradoiros sobre alimentación saudábel e novas tecnoloxías, que estarán distribuídos en todas as comarcas da provincia.

30/09/201610:09
1946 – Mulleres enxeñeiras traballando na instalación do ENIAC , primeira computadora.
Santiago de Compostela

A muller no mundo tecnolóxico

Co título “A muller no mundo tecnolóxico” celebrouse unha xornada no salón de actos do centro tecnolóxico U-tad, que pretendeu concienciar sobre o déficit de talento feminino neste sector.

O encontro subliñou o feito de que a formación técnica e as competencias dixitais non aumentan ao mesmo ritmo que a demanda deste tipo de perfís na Unión Europea. Por este motivo, urxe un labor de concienciación que fomente a vocación feminina no ámbito tecnolóxico.

“Cremos que a muller ten un papel crucial na redución da fenda existente entre demanda e oferta de empregos TIC e unha das primeiras accións a realizar é animar ás mozas para estudar formación STEM: Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas”, sinalou Benigno Lacort, director xeral de AMETIC, entidade que exerce, desde o 2010, como Punto Nacional de Contacto da campaña e-Skills for Jobs.

A porcentaxe que representan as mulleres en carreiras técnicas e no sector TIC segue sendo unha minoría, tan só un 18%, mentres que as previsións da UE mostran que en 2020 haberá uns 825.000 postos de traballo no sector. Fóra do noso país, en Europa, de media, sobe a un 23% o número de mulleres que ocupan empregos no sector tecnolóxico.

Fernando Rey, director de Sistemas e Operacións en U-tad afirma “a formación tecnolóxica actualmente é fundamental. Facilitando formación tecnolóxica ás mozas nas primeiras etapas escolares axúdase a espertar nelas o interese por este tipo de titulacións, animándoas así a emprender carreiras STEM”. “Ver a unha muller ocupar postos de responsabilidade en departamentos e sectores tradicionalmente masculinos é algo que a día de hoxe segue sorprendendo, pero a curto prazo, dita situación irase revertendo co acceso das mulleres a carreiras tradicionalmente asociadas aos homes, como son as carreiras STEM” expón María do Pilar López Frutos, responsable de Tecnoloxía Académica en U-tad.

Unha das conclusións do Informe sobre a Ciencia da UNESCO' en canto á participación das mulleres pon de manifesto que aínda que lograron a paridade no estudantado que cursa estudos de máster en ciencias, soamente representan o 43% dos estudantes que obteñen un doutoramento. A disparidade entre os sexos agudízase no chanzo seguinte, xa que só un 28,4% do persoal de investigación no mundo son mulleres. Ademais, o acceso das investigadoras a fontes de financiamento da súa actividade é máis reducido que o dos seus colegas masculinos e son menos numerosas nas universidades de maior prestixio. Tamén son minoritarias nos postos de maior responsabilidade, tanto nos consellos directivos que administran as institucións científicas como nos que rexentan as universidades.

Laura Raya, responsable de Posgrao e directora do Máster Universitario de Computación Gráfica e Simulación é un claro exemplo de muller investigadora. “A investigación en enxeñería informática pode chegar a ser un mundo apaixonante. A informática non é traballar con código de maneira illada. Investigar en enxeñería informática, permitiume traballar con neurocientíficos desenvolvendo ferramentas que permitan analizar o cerebro humano para evitar enfermidades, ou traballar en realidade virtual axudando a estudantes autistas ou discapacitados visuais. É necesario contar con máis mulleres en enxeñería e en investigación, adoitamos ser organizadas e constantes, algo que se valora moito neste campo”.

 “Todas as contornas dixitais e creativos conflúen coa chegada da realidade virtual, a gran oportunidade dos perfís profesionais femininos”, asegurou Ana Echegoyen, directora de Operacións de GAZ Virtual Reality, que interveu no acto co relatorio “Empregabilidade e oportunidades profesionais na economía dixital”.

 

Sobre e-SKILLS for Jobs

A campaña e-SKILLS for Jobs é unha iniciativa da Dirección Xeral de Empresas e Industria da Comisión Europea que involucra a máis dunha vintena de países (Austria, Bélxica, Bulgaria, Croacia, Chipre, República Checa, Alemaña, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Malta, Países Baixos, Polonia, Romanía, Eslovaquia, Eslovenia, España e Reino Unido). Preténdese crear unha plataforma paneuropea que aglutine ás principais organizacións públicas e privadas para concienciar sobre a necesidade de fomentar as habilidades tecnolóxicas entre mozas e desempregados que busquen un novo enfoque a través da formación dixital. A campaña implica, así mesmo, a profesionais e emprendedores TIC, empresas e Pemes. Digitaleurope e European Schoolenet, entidades adxudicatarias do proxecto, confiou en AMETIC para desenvolver a cuarta edición da campaña e-Skills for Jobs en España que abarcará o período 2015-2016, como xa o fixeron nas tres campañas anteriores.

U-tad , Centro Universitario de Tecnoloxía e Arte Dixital é o primeiro centro universitario especializado 100% na formación en todas grandes áreas asociadas á cadea de valor da economía dixital.

AMETIC é a Asociación Multisectorial de Empresas da Electrónica, as Tecnoloxías da Información e Comunicación, das Telecomunicacións e dos Contidos Dixitais.

14/10/201618:30
1 mes 1 profesión dixital
Centro Abanca Obra Social - Santiago de Compostela Praza de Cervantes s/n Santiago de Compostela

Startup Weekend EDU GALICIA

Do 14 ao 16 de Outubro, terá lugar en Santiago de Compostela uno dos eventos para emprendedores máis estendidos por todo o mundo, con presenza en máis de 130 países: Startup Weekend.

Se tes unha idea de negocio e queres levala a cabo... ou simplemente queres participar en algo grande, aprender e facer networking... este é o teu lugar!

SWEDU Galicia organízano persoas vinculadas ao mundo da educación, a tecnoloxía e o emprendemento, e faise en colaboración con Startup Galicia. O obxectivo é identificar e propor solucións aos retos da educación de hoxe en día.

Os equipos que se formen traballarán xuntos durante 54 horas para crear ferramentas de base tecnolóxica enfocadas a resolver un problema concreto na educación ou entre os estudantes de calquera nivel educativo.

29/09/201612:09
Logo Cermi
Santiago de Compostela

Fallados os Premios cermi.es 2016 nas súas once categorías

  • Máis de 100 candidaturas competiron por facerse cos Premios cermi.es 2016 nalgunha das once categorías convocadas nesta edición.
 

O xurado dos Premios cermi.es 2016, que concede o CERMI, fallou estes galardóns, cos que se busca recoñecer as iniciativas ou accións ou o labor de persoas ou institucións que máis se distinguiron en favor das persoas con discapacidade e as súas familias.

O xurado distinguiu na categoría de Inclusión Laboral á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, polas súas consecucións en materia de acceso ao emprego público das persoas con discapacidade. Máis de 1.000 persoas con discapacidade traballan na AEAT, o que supón o 4 % dos seus efectivos totais, duplicando a reserva do 2 % establecida legalmente. Trátase dunha práctica excelente que pode e debe inspirar a outras Administracións Públicas.

Na categoría de Investigación Social e Científica concedeuse o galardón, de maneira compartida, ao sociólogo Antonio Jiménez Lara, ao que pode considerarse como o promotor máximo e pioneiro da socioloxía da discapacidade en España, dedicación evidenciada na multiplicidade de estudos e investigacións que permitiu profundar no coñecemento transformador desta realidade social. “Os efectos do estigma declarado e internalizado sobre o benestar das persoas con discapacidade”, levado a cabo pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) e a Asociación Convives con Espasticidad, aproximación fecunda para os efectos psicolóxicos e sociais do fenómeno da espasticidade presente en numerosas persoas con discapacidade e que condiciona o seu benestar mental e o seu desenvolvemento vital.

Na categoría Acción Social, resultou gañadora a Campaña “X Solidaria” do Terceiro Sector de Acción Social, despregada pola Plataforma de Organizacións de Acción Social (POAS), conxunto programado de accións de comunicación e imaxe, sostidas ano a ano, que permiten a crecente toma de conciencia por parte da cidadanía española acerca da asignación tributaria para fins sociais, principal vía de sostemento dos programas de acción social do terceiro Sector en España.

Na categoría de Accesibilidade Universal-Fundación Vodafone o xurado premiou ao Centro Español do Subtitulado e a Audiodescripción, CESyA, dependente do Real Padroado sobre Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, centro que celebra en 2016 o 10º aniversario da súa creación, por encabezar a acción pública en materia de accesibilidade audiovisual a través da investigación, a formación e implantación de solucións tecnolóxicas, e a xeración de conciencia sobre o subtitulado e a audiodescripción entre todos os operadores do audiovisual.

Na categoría de Acción Cultural Inclusiva, o premio recaeu de maneira compartida na Fundación Psico-Ballet de Maite León, compañía de danza referente da inclusión desde a propia acción creativa das persoas con discapacidade, levando a toda a sociedade, cunha proxección mediática importante, o valor de diversidade que representa a discapacidade. Así mesmo, concedeuse este premio á iniciativa “Accesibilidade para persoas xordas en espazos públicos, culturais e de lecer", promovida pola Confederación FIAPAS, por tratarse dunha iniciativa innovadora dirixida a facer accesibles para persoas con discapacidade sensorial espazos culturais emblemáticos, como o Teatro Real de Madrid, o Liceo de Barcelona ou a Maestranza de Sevilla, a través da instalación de bucles magnéticos para persoas xordas usuarias de próteses auditivas que necesitan este recurso para acceder e participar na vida cultural en igualdade de condicións.

Na categoría Fundación CERMI Mulleres - Acción en beneficio das Mulleres con Discapacidade, concedeuse o premio a Catalina Devandas, actual Relatora Especial da ONU para os Dereitos Humanos das Persoas con Discapacidade, muller con discapacidade, en recoñecemento ao seu labor en defensa das persoas en maior situación de exclusión social, entre as que se atopan de forma principal as mulleres e nenas con discapacidade.

Na modalidade de Medios de Comunicación e Imaxe Social da Discapacidade, o galardón recaeu no xornal “Solidariedade Dixital”, canle de comunicación punteiro, o primeiro de ámbito exclusivamente social editado desde o seu inicio en formato dixital, que se revelou como referente da comunicación social, con clara vocación de defensa da imaxe social das persoas con discapacidade a través dos medios de comunicación.

Como Mellor Acción Autonómica e/ou Local, o xurado decidiu conceder o premio ao Gobierno de Aragón pola regulación legal do concerto social, modalidade de xestión de servizos sociais desde a iniciativa cívica non lucrativa, que constitúe un referente valioso e inspirador para o resto dos territorios autonómicos que aínda non adoptaron esta fórmula innovadora de xestión.

Na categoría de Responsabilidade Social Empresarial/Discapacidade, o premio recaeu na Fundación Atresmedia, polos seus programas de formación e cualificación de persoas con discapacidade para exercer como profesionais do audiovisual, xa que con este labor contribúese a mellorar as oportunidades de emprego en sectores punteiros, favorecendo o protagonismo das propias persoas con discapacidade na produción de contidos audiovisuais.

Na modalidade de Activista-Traxectoria Asociativa, o xurado decidiu conceder o premio de maneira compartida a Carlos Laguna Asensi, activista que leva máis de tres décadas de loita incansable e produtiva en defensa das persoas con discapacidade física e orgánica na contorna de COCEMFE, tanto na Comunidade Valenciana como en todo o país . Así mesmo, o xurado premiou a Milagros Moreno Muñoz, nai dunha persoa con discapacidade, militante durante décadas de Plena Inclusión, pola súa contribución sostida ao movemento asociativo de familias de persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento.

Na categoría Institucional, o xurado decidiu conceder o premio aos Cursos de Especialización da Unidade de Familia e Muller, UFAM, do Corpo Nacional de Policía, por tomar en consideración a situación específica das mulleres con discapacidade no ámbito da violencia contra as mulleres.

29/09/201609:09
A Chocolatería
Santiago de Compostela

Pekecha pon en marcha en Ribadeo unha factoría de innovación laboral: A Chocolateira

Pekecha, firma coruñesa do ámbito da creatividade dixital, vén de informarnos dunha interesante iniciativa de innovación social dirixida a botar unha man ao amplo colectivo de persoas da nosa contorna que andan á procura de traballo ou formándose para incrementar as posibilidades de atopalo. Falamos de A Chocolateira, un proxecto de Pekecha promovido polo Concello de Ribadeo e La Caixa que bota a camiñar esta mesma semana na vila mariñá.

A iniciativa A Chocolateira (que toma nome da locomotora do tren que conectaba Ribadeo con Vilaodriz e que foi símbolo, a comezos do século XX, do desenvolvemento económico e social da bisbarra) é un programa de traballo en co-working, de “apoio mutuo”, dirixido a permitir que abrollen, de todos e cada un dos participantes, múltiples exemplos de talento individual e grupal. A innovación e a tecnoloxía serán, tamén, eixes fundamentais do proxecto.

Con A Chocolateira, cóntanos Verónica Ramallal (directora executiva de Peckecha), “queremos promover a adquisición de habilidades sociais e competencias básicas e dixitais das persoas, poñendo en valor o seu talento e iniciativa para mellorar a súa situación persoal e da contorna que as rodea”.

O programa, que terá unha duración de tres meses, abrangue unha metodoloxía de traballo de sesións individuais e colectivas guiadas por unha adestradora (unha coach). Haberá actividades de outdoor training, dinámicas de traballo en equipo e desenvolvemento de retos grupais, visual thinking, visual tatooing, adestramento relacional individual e formación teórica interactiva.

En termos máis concretos, con A Chocolateira preténdese que as/os participantes gañen en autoconfianza (mellorando as súas competencias transversais), en capacidade para identificar os seus perfís e obxectivos, en habilidades para achar novas oportunidades laborais (o mercado oculto), en recursos para facer un currículo axeitado ou para crearen a súa propia imaxe dixital (aprenderán a empregar as redes sociais e Internet para unha procura de traballo eficaz, cun “enfoque 2.0”) e en novas competencias (traballo en equipo, traballo por proxectos, creatividade, innovación social, etc).

29/09/201608:09
Cartel do premio.
Santiago de Compostela

O Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre da Amtega entra na súa fase final

  • O vindeiro 2 de outubro péchase o prazo de inscrición e o 21 celebrarase o acto de presentación dos finalistas e da entrega do premio
  • Entre as novidades deste ano están os materiais de apoio para os aspirantes, accesibles desde o portal Mancomún
  • Ademais, poden coñecer de primeira man a experiencia dos premiados de edicións anteriores, grazas a unha unha nova sección de entrevistas dispoñibles na páxina do premio

 

O vindeiro día 2 de outubro péchase o prazo para inscribirse no Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre, promovido pola Amtega, ao que pode optar calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do ano académico 2015-2016, sempre que o proxecto teña unha licenza libre.

Unha vez analizados e avaliados os proxectos presentados, elixiranse os finalistas que participarán no acto, que terá lugar o día 21 de outubro no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Nesta xornada os finalistas presentarán o seu proxecto diante do xurado que, posteriormente, emitirá a súa resolución. Ao remate do acto entregaranse os galardóns, cunha dotación económica de 1.500€ e 750€ para o primeiro e segundo respectivamente.

 

Materiais de apoio para os aspirantes

Esta edición conta con algunhas novidades como a posta á disposición dos aspirantes dunha serie de materiais de apoio, a través da wiki do portal Mancomún sobre diferentes aspectos a ter en conta nos proxectos de software libre, como o correcto licenciamento do proxecto ou as ferramentas que debería ter un proxecto de software libre para facilitar a creación dunha comunidade ao seu redor, como poden ser listas de correo, un repositorio público co código fonte.

 

Entrevistas aos gañadores doutras edicións

Como aliciente para a participación na convocatoria, a Oficina de Software Libre da Amtega vén publicando no último mes unha serie de entrevistas a galardoados de anteriores edicións, dispoñibles na páxina do premio. Nesta sección 2 gañadoras e 4 gañadores contan de primeira man o que supuxo para eles este premio, a influencia que puido ter na súa traxectoria xa profesional, se segue ligada dalgún xeito ao software libre, e mesmo achegan diferentes recomendacións ás alumnas e alumnos que vaian facer o seu proxecto de fin de carreira.

Os entrevistados coinciden en destacar aspectos como a posibilidade de que o su esforzo e traballo poida servir para alguén máis; as posibles portas laborais que abre contar cun repositorio aberto onde as empresas poidan ver directamente o teu traballo; a posibilidade de colaborar con outros proxectos libres e aprender do traballo en comunidade; ou simplemente unha forma de amosar interese polo coñecemento e por compartilo e o estímulo á curiosidade e a aprendizaxe autónoma.

 

IX edición do Premio

A Amtega convoca este premio, en colaboración co CIXUG e do GPUL, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na cidadanía galega recollidas no Plan de Acción en Materia de Software Libre 2016.

Está é a IX edición deste premio que ten por obxectivo o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, de xeito que poida incrementar o seu coñecemento sobre este tipo de tecnoloxías, e en consecuencia abrirlles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación.

 

28/09/201610:09
BeJob
Santiago de Compostela

Santillana lanza Bejob, o portal para mellorar a empregabilidade

  • O novo 'site' ofrece máis de 50 cursos online en materias tecnolóxicas
  • Todo o que se precisa para atender os cursos é un ordenador ou tableta e conexión a internet.
  • Os cursos abordan os nichos de mercado con maior demanda de traballo


As tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) avanzan tan rápido que moitos dos novos postos de traballo que xeran non se poden cubrir por falta de candidatos aptos. Hoxe en día custa atopar especialistas en realidade aumentada, robótica ou impresión 3D. A falta de especialistas en determinados ámbitos é especialmente sanguento tendo en conta que vivimos nun país con máis de tres millóns e medio de parados.
 
Contribuír a mellorar a empregabilidade dos usuarios é o obxectivo de Bejob, o novo portal de formación do grupo Santillana. O novo site (www.bejob.com) incorpora desde esta semana máis de 50 cursos distintos e de duración variable. A temática está sempre relacionada coas TIC, abarcando desde disciplinas máis técnicas como programación en distintas contornas ata para perfís máis asociados á xestión, como os cursos de experto en márketing e estratexia dixital, de medición de audiencias online ou ben o de compra programática de publicidade.
 
"Cando analizabamos que temáticas podiamos incluír nos nosos cursos vimos que as que tiñan máis demandas de emprego eran as relacionadas coas novas tecnoloxías", explica a directora xeral de Bejob, Mariola García Arellano. "Deseñámolos de tal forma que non fai falta ter coñecementos previos sobre a materia da que se queira aprender", engade. Así, por exemplo, quen se queira dedicar á realidade aumentada ten á súa disposición un pequeno curso de infografía 3D, e no caso de que decida seguir, pode chegar a realizar un máis amplo sobre ferramentas e aplicacións da realidade aumentada.
 
Esa é outra das características da oferta de Bejob: a duración dos programas de formación varía desde os chamados nanocursos, pensados para dar unha pequena visión sobre un tema en particular e que se completa en dúas semanas, ata os máis avanzados, a realizar nuns tres meses. Todos eles están certificados pola Universidade de Alcalá.
 
Os cursos impártense online, pensados para que se sigan desde o computador ou a tableta. En tódolos casos contan cun vídeo introductorio no que o profesor presenta o curso. A partir de aí, o alumno pode picar nas distintas leccións, transmitidas tamén por vídeo, e ir descargándose os apuntamentos e demais materiais para seguir as clases. Cada unha delas conclúe cunha tarefa ou exercicio de recapitulación, ademais de ofrecer ao estudante un apartado con links nos que atopar información adicional. No caso dos cursos máis técnicos, por exemplo de robótica ou programación, o alumno deberá descargarse tamén un software específico co que traballar. E, por suposto, os programas de formación contan con titorías nas que resolver as dúbidas dos usuarios.
 
Ofertas de emprego personalizadas
Outro dos puntos fortes de Bejob é que ofrece aos alumnos que completasen algún curso, a través de Bejob Emprego, ofertas de traballo relacionadas coa súa formación. Avísase en tempo real de 2.000 ofertas ao mes en España e outras 600 en Latinoamérica, zona na que o portal pretende tamén facerse forte.
 
"Os contidos dos cursos están deseñados por expertos en cada materia. O que é común a tódolos profesores é a metodoloxía de aprendizaxe", explica García Arellano. Así, por exemplo, detrás dos cursos de programación está o equipo da firma tecnolóxica española Bq. Conta tamén cun contrato de colaboración con Amazon, neste caso para que ofrecer o seu programa de aprendizaxe relacionada coa nube AWS Educate, que Bejob ofrecerá en exclusiva en lingua española.
 

De robótica a análise de audiencias dixitais
Tódolos cursos que ofrece o portal Bejob están orientados a formar ao usuario en competencias necesarias para cubrir perfís que agora mesmo teñen unha alta proxección de empregabilidade.
 
As seis categorías nas que se clasifican os cursos dispoñibles son reveladoras. 3D, cloud, desenvolvo web, linguaxes de programación, márketing e programación das cousas son as etiquetas dispoñibles.
 
Tódolos cursos clasifícanse tamén en tres niveles de dificultade: básico, no que non se require coñecementos previos sobre a materia; intermedio, no que si é conveniente ter experiencia no tema, e avanzado, que a miúdo esixen completar anteriormente outro curso de nivel inferior.
 
Hai algunhas temáticas que, pola súa complexidade, teñen cursos nos tres niveles mencionados. É o caso, por exemplo, de Didáctica de programación de Arduino con bloques, enfocado a profesores que queiran ensinar nocións de programación. Outros, sen ser a continuación de ningún curso, compleméntanse entre si ao tocar temáticas interrelacionadas.
 
Os prezos dos cursos oscilan desde os 30 euros dos nanocursos (os máis curtos e sinxelos) ata os ao redor de 500 que custan os cursos de especialización ou másteres. Como oferta de lanzamento, estes prezos contarán con importantes reducións (de case o 50%) durante as primeiras semanas.

28/09/201609:09
Portada informe
Santiago de Compostela

Un 40% de parados con discapacidade e un 26% de maiores de 45 anos usan Internet para buscar emprego

  • Un 40% dos parados con discapacidade e un 26% dos maiores de 45 años utilizan as Redes Sociais para buscar emprego, segundo se desprende das conclusións dun estudo realizado por Adecco e Infoempleo, no que se constata que estas porcentaxes son moi inferiores á media xeral, que se sitúa no 83%.

O informe subliña que, aínda que moi importantes, á hora de buscar emprego, xa non son suficientes as canles tradicionais como os portais online ou a rede de contactos. Neste sentido, as Redes Sociais de carácter profesional (fundamentalmente Linkedin e Twitter) convertéronse nun imperativo para toda persoa que está a buscar emprego.

Así, a maioría dos adultos (83%) xa as utiliza como recurso para optimizar a súa procura de traballo a pesar de que en certos sectores da poboación a súa presenza en redes é moi inferior á media, segundo puntualiza o estudo.

Neste sentido, o director xeral da Fundación Adecco, Francisco Mesonero, afirma que "os desempregados con discapacidade, os maiores de 45 anos ou as persoas con escasos recursos económicos, acostuman a atopar obstáculos engadidos na súa procura de emprego, fundamentalmente debido a prexuízos e estereotipos sociais que se trasladan ás empresas".

"A iso hai que engadir que, a miúdo, seguen unha estratexia incorrecta na súa procura de emprego, o que se reflicte, entre outras cuestións, no seu escaso uso das redes de carácter profesional. Linkedin e Twitter convertéronse nun recurso fundamental e, o feito de que non estean presentes, disminúe aínda máis as súas oportunidades profesionais, invisibilizando a súa candidatura e reforzando o estigma", denuncia.

Por este motivo, a Fundación Adecco presentará, proximamente, #RedesParaTodos, un manual para axudar ás persoas que o teñen máis difícil a ter presenza nas mesmas e a maximizar as súas oportunidades laborais.

Segundo Mesonero, "hai que desterrar o temor a usalas e pensamentos como son para xente máis nova, xa que estas reflexións levan á autodiscriminación e reforzan os estereotipos sociais. As Redes non deben ser un espazo segregacionista ou limitado a perfís hiper cualificados, senón que toda persoa que busque emprego ha de ter cabida".

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS