main content

main content
23/02/201708:02
Aula tecnolóxica das Campás.
Pontevedra

A Aula Tecnolóxica do Campus de Pontevedra achega as claves que permiten levar unha web a calquera soporte

  • Ata o 28 de febreiro permanece aberto o prazo de inscrición nun taller gratuíto sobre deseño responsivo
  • A vindeira semana será posible inscribirse nun curso sobre retoque de imaxes que se desenvolverá en marzo

A multitude de dispositivos desde os que hoxe en día se accede a internet fan obrigado que o deseño de páxinas web deba ter como punto de partida o concepto de “responsivo”, a capacidade de adaptar a súa visualización a diferentes soportes e resolucións. Achegar as claves do deseño de webs responsivas a través das plantillas Bootstrap é a base do curso co que a Aula Tecnolóxica da Vicerreitoría do campus arrinca o 3 de marzo o seu programa formativo gratuíto e aberto a toda a cidadanía para este segundo cuadrimestre. “A día de hoxe navégase máis desde o móbil que desde un ordenador, polo que unha web que non se vexa nun teléfono está perdendo a maioría do seu público”, salienta o deseñador gráfico Alberto García Ariza, responsable de impartir un taller que mantén aberto o seu prazo de preinscrición.

Ter coñecementos de linguaxe html e ccss, para poder aproveitar os contidos do curso é o único requisito para nunha actividade que se desenvolverá entre o 3 e o 24 de marzo e que cubrirá a súa cota máxima de 20 alumnos e alumnas por orde de inscrición. Un curso que estará centrado nunha das ferramentas máis habituais para dotar ás webs desa capacidade de adaptación, o Bootsrap, “un conxunto de estilos e funcionalidades que podemos aplicar á nosa web”, como explica García Ariza. Nese senso, “explicar como se poden utilizar eses estilos que xa existen e como podemos modificalos para que se adapten ao noso deseño, xa que hai moitas páxinas nas que se traballa con Bootstrap e non son todas iguais”, constitúen os obxectivos centrais deste curso de doce horas. “Trátase dun framework moi sinxelo, co que podes traballar perfectamente cuns coñecementos de html e ccss”, engade García Ariza deste conxunto de funcionalidades que permite, “a través de retículas variables dependendo da resolución”, adaptar unha web á súa visualización a través de múltiples dispositivos sen necesidade de coñecementos de programación avanzados.
 

Do deseño web ao tratamento fotográfico

Abertos todos eles a calquera persoa interesada, a programación formativa promovida pola Vicerreitoría para a súa Aula Tecnolóxica abrangue entre marzo e maio outros catro cursos de doce horas, que se desenvolven en catro ou seis sesións en horario de tarde. Así, entre o 7 e o 16 do vindeiro mes, chegará a quenda de iniciarse no deseño e retoque de imaxes con software libre, nunha actividade impartida polo profesor de CCSS e da Comunicación Luis Fernández, que abrirá o vindeiro luns 27 a súa inscrición.

Xa en marzo, o día 17 dará inicio a preinscrición no taller Edición de video con software gratuíto: Blackmagic Davinci Resolve, que impartirá entre o 27 de marzo e o 5 de abril Alfonso Merino, mentres que a partires do 23 do vindeiro mes será posible inscribirse en Introdución ao retoque fotográfico con Adobe Photoshop, unha actividade impartida tamén por García Ariza que se desenvolverá entre o 31 de marzo e o 28 de abril e dedicada á afondar “desde cero, nun curso introdutorio” nas múltiples funcionalidades dun programa “que empregan tanto deseñadores gráficos, como ilustradores ou arquitectos”.

Este programa formativo pecharase, entre o 18 de abril e o 4 de maio con Deseño dun e-Portfolio, un curso impartido polo profesor José Vicente Novegil que abrirá a súa inscrición o 4 de abril e dirixido a achegar ao alumnado unha serie de destrezas tecnolóxicas e metodolóxicas que lles permitan elabora e utilizar este dossier como expresión da súa experiencia académica e profesional. 

22/02/201708:02
De esq. a der.: Ignacio Carrasco, secretario xeral de Eurocloud, Juan Carlos Ramiro, director xeral de CENTAC e Marlon Molina, director xeral de Computerworld TV.
Santiago de Compostela

A usabilidade é parte esencial do cloud

  • Así o asegura Ignacio Carrasco, secretario xeral de EuroCloud, durante as entrevistas IDG – CENTAC sobre tecnoloxías sociais
  • O cloud é a base de todos os servizos da Sociedade da Información para Juan Carlos Ramiro, director xeral de CENTAC

A usabilidade é a parte esencial do cloud computing cando chega ao usuario final, segundo recoñece Ignacio Carrasco, secretario xeral de Eurocloud, asociación europea para fomentar o cloud, durante as entrevistas IDG-CENTAC sobre tecnoloxías sociais. Por iso, “as aplicacións moi intuitivas son as que teñen máis éxito”. Á súa vez define o cloud como unha tecnoloxía “integradora” que tivo en conta desde o principio criterios de accesibilidade e usabilidade.

Pola súa banda, o director xeral de CENTAC considera que “o acceso aos servizos na nube, aos teus datos, por exemplo, facilita a vida de persoas con algún tipo de limitación para os desprazamentos”, ademais permite a integración laboral, ao acceder a través dela a unha diversidade de plataformas adaptadas a distintas capacidades, xerando unha verdadeira inclusión social, apuntou.

Carrasco tamén afirmou que a “mobilidade, a velocidade e a inmediatez” son as grandes vantaxes dos servizos cloud. “Unha persoa pode realizar tarefas interaccionando co sistema mentres se está desprazando e tamén a distancia. Ese é o gran mérito dese tipo de tecnoloxías”, engade.

 

Seguridade e autenticación

Para Juan Carlos Ramiro, director xeral de CENTAC, o cloud é a base de todos os servizos que xera a Sociedade da Información como Big Data, Internet das Cousas, Realidade Virtual ou Wearables.

Nese sentido, para acceder con seguridade aos servizos de cloud é fundamental a “autenticación por diferentes vías” para ter en conta a todas as persoas, explica Carrasco.

O secretario xeral de EuroCloud así mesmo avoga por prescindir da interrelación única con respecto aos sentidos do tacto e a vista e aposta por outras alternativas como a imaxe do rostro ou mesmo a voz. “Xa hai aplicacións que permiten un recoñecemento facial a través dun sistema logarítmico”, sinala.

Acceso á entrevista

22/02/201708:02
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

COCEMFE inicia un programa nacional de empoderamento e integración sociolaboral para mulleres con discapacidade

  • Esta iniciativa desenvólvese a nivel estatal grazas ao convenio establecido entre a Obra Social ”la Caixa” e COCEMFE e participarán preto de 500 mulleres con discapacidade.

A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) pon en marcha o “Programa de Empoderamento e Activación para o Emprego” para mulleres con discapacidade, iniciativa que se desenvolve a nivel estatal grazas ao convenio establecido entre a entidade e a Obra Social ”la Caixa”.

O obxectivo principal do programa é fomentar o empoderamento e potenciar a integración sociolaboral das mulleres con discapacidade. A partir da intervención individual e grupal e de itinerarios personalizados de inserción sociolaboral, preténdese cubrir a necesidade de emponderar ás mulleres con discapacidade como proceso que fomenta a súa autonomía social e económica e que serve como motor para a activación para o emprego naquelas mulleres con discapacidade en desemprego de longa duración e/ou en situación de maior vulnerabilidade.

Desta forma a través deste programa, no que participarán preto de 500 mulleres con discapacidade de oito provincias do país, realizarase un itinerario personalizado de inserción sociolaboral; sesións grupais de apoio psicosocial; coaching grupal orientado ás habilidades prelaborales e alfabetización tecnolóxica e seguimento a nivel individual para a consecución de obxectivos e metas específicas expostas con cada beneficiaria.

Ademais, traballarase de forma coordinada co Programa Incorpora da Obra Social ”la Caixa”, no que tamén colabora COCEMFE e que ofrecerá orientación laboral e intermediación para o emprego ás beneficiarias do programa en procura activa de emprego.

Transversalmente levaranse a cabo accións de formación e/ou sensibilización en materia de xénero e discapacidade enfocadas á centralidade do traballo como perspectiva fundamental para o empoderamento e independencia da muller con discapacidade.

Esta iniciativa vaise desenvolver en 2017 nas provincias de A Coruña, Alacante, Barcelona, Cádiz, Huesca, Madrid, Navarra e Teruel. As mulleres con discapacidade interesadas no programa, poden poñerse en contacto coa coordinadora do mesmo, Isabel Jiménez, a través do correo electrónico igualdad@cocemfe.es e o teléfono 917443600.

A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) é unha Organización non Gobernamental sen ánimo de lucro que se constituíu en 1980. O seu obxectivo é aglutinar, fortalecer, formar e coordinar os esforzos e actividades das entidades que traballan a favor das persoas con discapacidade física e orgánica para defender os seus dereitos e mellorar a súa calidade de vida. A Entidade congrega a máis de 1.600 organizacións en todo o país divididas en Confederacións Autonómicas, Entidades Estatais e Federacións Provinciais que á súa vez, agrupan ás diferentes asociacións locais.

Máis información na Web Oficial de COCEMFE.

07/03/201709:30
1 mes 1 profesión dixital
Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela

3ª Edición CeMIT-Innova 2017

Un novo ano nunha nova edición do Programa CeMIT-Innova
Innovación Social Dixital pensada e coordinada por vós, desenvolvida e contada polos vosos veciños e veciñas, converténdovos en pioneiros deste tipo de iniciativas.

Dez aulas liderarán de novo estes pilotos, cos que se validará unha metodoloxía participativa na resolución de desafíos sociais. Animámoste a participar nunha, co obxectivo de que xurdan esas ideas que te convertan en líder dun cambio compartido cos teus veciños e veciñas.

1 mes 1 profesión dixital
Vigo

HackForGood 2017 en Vigo

Os Hackers ForGood son xente positiva, entusiasta, produtiva, estimulante, con ideas e ganas de facer cousas, que saltan barreiras e rompen regras, que contaxian o seu optimismo, persoas motivadas por crear solucións innovadoras aos problemas que aínda ninguén resolveu.

Esta será, sen dúbida, a mellor das 5 edicións. O seu foco temático é o desenvolvemento de aplicacións e servizos que fagan uso masivo de datos e teñan un gran impacto social. Contará con relatores de luxo que inspirarán aos Hackers ForGood, novas sedes, premios excelentes, o HackForGood Big Day e grandes sorpresas.

21/02/201708:02
Cartel do evento.
Vigo

Colle corpo a cuarta edición de HackforGood, de novo con sede na UVigo

A cuarta edición do HackforGood recunca en Vigo entre o 9 e o 11 de marzo. Será, unha vez máis, un espazo para a colaboración, o enxeño e a creatividade ao servizo do ben común e as causas en solidarias en calquera das súas moitas manifestacións (de aí precisamente o de “hack for good”, algo así como “hackear en positivo”). Serán, en palabras da Universidade de Vigo (entidade co-organizadora da vertente galega de HackforGood), tres días de traballo intensivo, tanto de deseño como de programación. O evento chega á súa quinta edición, promovido por Telefónica a nivel estatal.

A carón da operadora de telecomunicacións atópanse a ETSI de Telecomunicación da Politécnica de Madrid, a Fundación HazloPosible e a start-up MashmeTV, co apoio da Rede de Cátedras Telefónica, entre elas, a da Universidade de Vigo. O evento celebrarase de maneira conxunta en 15 sedes de todo o Estado e conta coa participación activa de máis de 20 universidades. “A aposta é pola innovación social”, explican dende a UVigo, salientando que por este motivo os organizadores procuran entre o alumnado “respostas, creatividade, I+D, deseño, etc. que se convertan en aplicacións tecnolóxicas que acheguen solucións a demandas sociais, a unha serie de retos que pode presentar calquera persoa”. A UVigo tamén lembra que “todos os perfís son benvidos, xa sexan técnico, deseñador, emprendedor, psicólogo, educador, sociólogo, etc.”.

Durante os tres días de duración deste evento tecnolóxico, cada grupo creará e deseñará a súa propia resposta a un dos retos propostos (o prazo para a inscrición aínda está aberto). A previsión é chegar aos 100 inscritos, indo alén das cifras da pasada edición, na que xa se dobraron as de 2015. Na pasada edición, entre toda as sedes, participaron 1.000 hackers, presentáronse 300 retos e desenvolvéronse máis de 120 proxectos nas 14 sedes repartidas ao longo da xeografía española.

O galardón principal do certame, o Premio HackForGood Global, ofrece 8000 euros ao equipo dunha das 15 sedes que desenvolva a mellor solución a un dos retos propostos, atendendo a criterios como a creatividade e innovación da solución proposta, o grao de acabado da mesma e a súa pegada social. O gañador elixirase entre os tres gañadores de cada unha das fases locais e outorgarase un segundo premio de 3.000 e outro terceiro de 1.000. Tamén a nivel global concederanse os premios Think Big (un en cada sede) e o Premio Telefónica Open Future, así como varios galardóns formativos. Ademais entregaranse premios temáticos á Innovación Social, á Innovación Tecnolóxica e ao Desenvolvemento Sostible, dotados cada un con 500 euros. De maneira complementaria ao hackathon, os participantes poderán participar en actividades formativas e relatorios tanto dende Vigo como dende outras sedes vía Internet. O venres 10 teremos a oportunidade de escoitar a Chema Alonso, actualmente CDO (Chief Data Officer) de Telefónica, que intervirá dende Madrid para falar sobre información masiva e o impacto das tecnoloxías da información na sociedade. O día antes, o xoves, abrirase o HackforGood 2017 cunha conferencia titulada Videoxogos, da idea á pantalla, unha breve viaxe polo deseño, desenvolvemento e distribución dun produto de entretemento interactivo que impartirá a profesora da Universidade de Vigo Beatriz Legeren e o produtor de videoxogos e socio director da empresa Gato Salvaje, Fernando Prieto.

21/02/201708:02
O equipo gañador da competición, que participará na proba estatal en datas vindeiras.
Ferrol

A terceira edición First Lego League Galicia foi un éxito en participación e creatividade

Finalmente celebrouse este sábado no Auditorio de Ferrol a terceira edición da proba First Lego League Galicia, unha cita que en palabras dos seus organizadores “foi un éxito rotundo en todos os sentidos”, sobre todo a nivel de calidade e creatividade de proxectos científicos desenvolvidos e, tamén, a nivel de valores transmitidos a través deses proxectos. Por outra banda, tamén se conseguiu un fito en materia da asistencia: pola competición pasaron preto de 900 persoas (superándose amplamente as expectativas). No que atinxe a participantes, houbo 23 equipos, 161 rapaces (111 na First Lego League -de 10 a 16 anos- e 50 na First Lego League Jr. -de 6 a 10 anos).

Os organizadores (A Universidade da Coruña, a través da Escola Universitaria Politécnica, a Facultade de Informática e a Escola Politécnica Superior de Ferrol) amosaron a súa satisfacción por ter acadado estas cifras. E, tamén, por asistir ao divertimento dos máis cativos e ao abrollar de todas as súas grandes capacidades creativas e solidarias (de feito o leit motiv da proba foi a defensa e protección dos animais a través do desafío Animal Allies). Os organizadores tamén salientaron o traballo despregado polos alumnos, profesores e familias. Os galardoados foron os seguintes:

  • Premio ao Comportamento do Robot: Equipo Eco Keepers (CPI A Xunqueira).
  • Premio ao Deseño do Robot: Equipo AnonymousBot (IES de Fene).
  • Premio ao Proxecto Científico: Equipo Eco Keepers (CPI A Xunqueira).
  • Premio aos Valores First Lego League: Equipo CasanovasQuad (IES Sofía Casanova).
  • Premio Fundación Princesa de Girona ao Emprendemento: The Shark Byte (IES Ortigueira).
  • Premio Lego Education Robotix ás novas promesas: Equipo Infinity (Colexio Montespiño).
  • Premio Global Innovation Award: Equipo Fire Detectors (CPI A Xunqueira).

E o primeiro premio, que ademais dá acceso para a gran final First Lego League España que se celebrará o 18 de marzo de 2017 en Logroño foi para o equipo Fire Detectors. O desafío que tiveron que resolver os equipos recibía o nome de Animal Allies, debían poñerse na pel dos animais para “descubrir que se consigue cando nos axudamos os uns aos outros”.

Participaron alumnos de colexios de toda a comunidade (Ferrol, Fene, Valdoviño, Ortigueira, San Sadurniño, A Coruña, Culleredo, Ourense...).

Unha historia de compromiso compartido
First Lego League está impulsado en España, desde o ano 2006, por Fundación Scientia que en colaboración con universidades, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación (os socios First Lego League) organizan o programa por todo o territorio. A evolución do programa ao longo destes 11 anos foi en crecemento, sendo hoxe España o país de Europa con maior participación en número de equipos.

20/02/201712:02
Logo Sede Electrónica Xunta.
Santiago de Compostela

A Xunta activa o servizo de emisión de certificados a través da súa sede electrónica

  • Xa están dispoñibles o título de familia numerosa e o certificado de discapacidade
  • A ampliación de servizos da sede electrónica é unha das esixencias da lei 39/2015, que establece as directrices para garantir unha Administración dixital

A Xunta activa o servizo de emisión de certificados a través da súa sede electrónica, segundo se recolle nunha resolución conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), publicada hoxe no DOG. A partir de mañá xa será posible obter o título de familia numerosa e o certificado de discapacidade de xeito automatizado a través da sede, sen necesidade de desprazarse ata as unidades administrativas correspondentes.

Estes certificados pódense obter en formato electrónico desde calquera lugar e en calquera momento, no apartado "Obtención de certificados" da sede, https://sede.xunta.gal/obtencion-de-certificados, empregando calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).  

Paulatinamente, iranse incorporando máis certificados co obxectivo de facilitar e axilizar as xestións administrativas e reducir tempos e custos. Na actualidade cidadanía e empresas poden obter diversos certificados da Administración en soporte papel, o que implica un dobre custo: o do desprazamento para o cidadán e o de elaboración e emisión do documento para a Administración.

Novos servizos na sede electrónica

A ampliación de servizos da sede electrónica é unha das esixencias da lei 39/2015, que entrou en vigor o pasado mes de outubro, e que establece as obrigas para garantir unha Administración dixital.

A sede electrónica da Xunta entrou en funcionamento en 2010 e o pasado ano rexistrou  máis de 89.000 xestións online. Actualmente ten dispoñibles 1.244 trámites así como a  consulta de todos os procedementos administrativos e os requisitos de tramitación. O pasado ano habilitouse o acceso á sede co Servizo Chave 365, que substitúe o uso de certificados electrónicos por un sistema de claves concertadas no móbil. dende a súa posta en marcha hai xa 13.700 usuarios do sistema rexistrados.

As pezas da Administración Dixital en marcha

Galicia ten en marcha parte das medidas que esixe a leis 30/2015  como o sistema de notificacións electrónicas  Notific@ que, unha vez completada a súa implantación, permitirá un aforro de 2 millóns de euros fronte á notificación en papel.

Ademais, a Xunta conta xa desde 2015 coa Plataforma de Interoperabilidade Pasaxe!,  con preto de 40 certificados dispoñibles, que o pasado ano  evitou aos cidadáns a presentación de   millóns de documentos que xa obraban en poder da Administración. A entrada en funcionamento de novos servizos na sede electrónica como a obtención de certificados, o Arquivo Electrónico ou o inicio da dixitalización dos Rexistros son outras das medidas xa en marcha.

Plan de Goberno e Administración Dixital 2020

O desenvolvemento destas actuacións está enmarcado o Plan de Goberno e Administracións Dixital 2020, que a Xunta puxo en marcha en 2015 para acadar unha administración accesible, áxil nas respostas, con capacidade para anticiparse ás necesidades das sociedade e eficiente no uso dos recursos públicos e que ofrece. Unha vez completado, o Plan permitirá un aforro estimado de máis de 41 millóns de euros.

 

20/02/201708:02
Firma dol convenio entre a Fundación Orange e a UAM.
Madrid

A Fundación Orange lanza un Curso de Tecnoloxía e Autismo en colaboración coa Universidade Autónoma de Madrid

  • Pretende proporcionar unha guía de utilización da tecnoloxía para persoas con trastornos do espectro do autismo.

A Fundación Orange e a Universidade Autónoma de Madrid poñen en marcha o curso online e gratuíto Aplicacións móbiles e outras tecnoloxías para persoas con trastornos do espectro do autismo (TEA), que pretende proporcionar unha guía de utilización da tecnoloxía para persoas con autismo que cada vez demandan máis profesionais, familias e as propias persoas con TEA.

O curso desenvolverase desde o 6 de marzo durante 16 semanas lectivas (as prazas cubríronse en apenas tres horas, o que mostra o gran interese suscitado). Os participantes que superen o curso obterán un certificado de realización emitido pola Universidade Autónoma de Madrid e a Fundación Orange.

O auxe nos últimos anos dos smartphones e das tabletas significou unha explosión do número de aplicacións desenvolvidas pensando nas persoas con TEA. Eses dispositivos, coa súa interface gráfica e táctil, a súa portabilidade, etc., pasaron a ser grandes compañeiros de moitas persoas con autismo, e atraeron o interese de moitos pais, profesionais, empresas e entidades en crear apps que sirvan a este colectivo. Numerosos estudos de investigación xa empezaron a validar a efectividade do emprego destas ferramentas e, como exemplo, celebráronse xa dúas edicións do congreso internacional ITASD sobre tecnoloxías e autismo, que supuxeron unha referencia na análise deste novo ecosistema. Pero o “éxito” das apps no campo dos TEA expuxo, á súa vez novos desafíos, entre eles cal é a mellor maneira de utilizar todas estas solucións dixitais e tecnoloxías no ámbito educativo, profesional, familiar.

É neste escenario no que xorde a necesidade deste curso, dirixido a profesionais de diversos ámbitos relacionados cos TEA (intervención, educación, asistencia…), profesionais do ámbito da tecnoloxía (como desenvolvedores de software), estudantes deses mesmos ámbitos, familiares de persoas con TEA ou as propias persoas con TEA.

Cun contido teórico e práctico, o curso consta de 16 unidades que abarcan desde conceptos do uso de dispositivos móbiles ata a investigación no ámbito da tecnoloxía para os TEA, con temáticas como, por exemplo: Comunicación alternativa e aumentativa, Xestión do tempo, das actividades e da contorna, Habilidades socio-emocionais, Lecer ou Linguaxe e lectoescritura. Respecto das tecnoloxías, este curso céntrase basicamente en apps, dado o amplo volume de aplicacións existentes, pero sen esquecer outras plataformas como programas para computadores, páxinas web de referencia, pizarras táctiles... nin tampouco os máis novos traballos en robótica ou dispositivos wearables.

Os materiais foron desenvolvidos por un equipo de 25 profesionais expertos en autismo e tecnoloxía e provintes de distintos ámbitos (formadores, logopedas, terapeutas, educadores, informáticos, pais, etc.), os cales foron seleccionados en atención ao seu recoñecido prestixio neste ámbito. En 2016 realizouse unha primeira edición piloto, cun grupo de 50 alumnos.

20/02/201707:02
María Victoria Carrera.
Ourense

Un estudo ourensán lembra que o ciberabuso na mocidade vén sobre todo da man dos mozos

O acoso a través das canles dixitais en calquera das moitas manifestacións (ciberbullying, sexting, etc) está a ser fondamente estudado polas investigadoras da nosa terra. Un bo exemplo de análise pormenorizado destas prácticas vén de chegar da man de María Victoria Carrera, profesora da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense, quen aborda nun estudo estes fenómenos desde unha perspectiva na que se atende tamén ás dimensións de xénero e etnia. Entre as principais conclusións do seu exhaustivo informe figuran, entre outras, as seguintes: as mensaxes ferintes ou ameazantes son hoxe por hoxe a principal manifestación do ciberacoso nas nosas vilas e cidades; ademais, os principais responsables das mensaxes insultantes, violentas ou denigrantes son os mozos. Por outra banda, medran ao abeiro das canles TIC as actitudes racistas e sexistas.

No estudo, financiado na convocatoria de axudas a proxectos de investigación INOU2016, participaron 623 adolescentes da cidade de Ourense, un 53% mozas e un 47% mozos, escolarizados nos dous últimos cursos de Educación Secundaria Obrigatoria do curso escolar 2016/2017, sendo a media de idade de 14.73 anos. O obxectivo xeral da investigación, en palabras da autora, oriéntase ao estudo da permanencia do ciberbullying, así como “a influencia dos estereotipos de xénero e as actitudes sexistas cara a diversidade sexual e etnocentristas na participación como agresor ou agresora nos diferentes tipos de malos tratos entre iguais”.

Segundo apunta a investigadora, todas as condutas de abuso e ciberabuso estudadas prodúcense nos centros escolares ourensáns, cunha relación inversa entre as condutas máis severas e a súa manifestación. En relación ao acoso por teléfono móbil ou Internet as situacións con maior incidencia detectadas son enviar mensaxes ameazantes ou insultantes a outras persoas; escribir brincadeiras, rumores, chismes ou comentarios que poñen en ridículo a un compañeiro ou compañeira; difundir segredos, información ou imaxes comprometidas de alguén; pendurar ou enviar imaxes de compañeiros ou compañeiras que poden ser humillantes; apartar a alguén de modo intencional dun grupo nunha rede social ou enviar a outras persoas ligazóns con rumores ou dixomedíxomes sobre un compañeiro ou compañeira. No que atinxe o ás situacións de ciberabuso con menor incidencia son “gravar vídeos ou facer fotos a un compañeiro ou compañeira nalgún tipo de comportamento de carácter sexual ou mentres é golpeado ou humillado por outras persoas, e pendurar ou enviar estes vídeos e imaxes”. A incidencia detectada, apunta, “é semellante á doutros estudos que a analizaron”. Como dixemos, no estudo certifícase que eles son máis violentos e abafantes ca elas. En cuestión de vítimas e da súa perpetuación, pola contra, a investigación non achou diferenzas significativas en función do xénero, aínda que se observan maiores niveis de “vitimización” por acoso nos mozos, mentres que no caso do ciberacoso as puntuacións son maiores nas mozas. Ademais, engade María Victoria Carrera, “os mozos apoian máis significativamente ao agresor ou agresora mentres que as mozas apoian máis significativamente ao defensor ou defensora da vítima”. Como conclusión do estudo, a investigadora recalca como “estes datos poñen de manifesto que para previr o fenómeno do ciberbullying é preciso levar a cabo programas educativos inclusivos que promovan a empatía e a ética do coidado, actitudes non sexistas, así como actitudes positivas cara a diversidade sexual e cultural”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS