A Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación (AGGETT), entidade profesional de recente creación, vai organizar os días vindeiros un interesante e ambicioso encontro sobre as posibilidades dos vehículos aéreos non tripulados, coñecidos como UAV ou drons. O congreso DIC Galicia''17 celebrarase na cidade de Ourense os días 31 de marzo, 1 e 2 de abril. A idea de AGGETT é a de “ofrecer mesas redondas nas que se falará da lexislación neste ámbito dos vehículos aéreos, do futuro do sector e das súas aplicacións por parte das firmas e entidades da nosa terra”. Ademais, o evento centrará parte do seu programa en casos concretos de uso e integración tecnolóxica dos drons. A maiores, haberá unha competición e máis un obradoiro de tecnoloxías aéreas a disposición do público en xeral.
O congreso, que xa ten programa provisional para informarnos dos principais contidos a tratar e, tamén, dos persoeiros que formarán parte das actividades, inaugurarase o venres 31 cunha sesión de apertura oficial na que intervirán Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, José Javier Medina, decano-presidente do COGITT, José Manuel Martínez Pérez, presidente da AGGETT e delegado destas entidade en Galicia. A continuación arrincarán diferentes mesas de presentacións a cargo de relatores expertos, entre os que se contan representantes de AESA, a Asociación Española de Drons (AEDRON), o Colexio de Enxeñeiros Xeomáticos da Comunidade de Madrid, a Garda Civil en Galicia, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, a Escola de Enxeñaría de Aeronáutica e do Espazo da UVigo. Tamén se darán a coñecer presentacións de aplicacións profesionais a cargo de empresas como EGATEL, Prosegur (DroneService) ou Marine Instruments. O evento, que se vai desenvolver en ExpoOurense, contará co patrocinio do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación, o COITT. Colaboran Caldaria e ExpoOurense.
“Hai moitas iniciativas para paliar un problema que afecta especialmente a carreiras como informática, enxeñería ou telecomunicacións, onde a presenza feminina é case inexistente“, comentan as autoras dun traballo sobre iniciativas e estratexias para achegar ás mulleres ás enxeñerías TIC, que publica a Revista Iberoamericana de Tecnoloxías da Aprendizaxe.
A mesma situación corrobórana diversos estudos internacionais da UNESCO que, tras recompilar datos de 14 países, conclúen que a probabilidade de que só un 18% das estudantes terminan unha licenciatura de ciencias, mentres que nos homes esa porcentaxe elévase ata o 37%.
En España, as mulleres matriculadas en carreiras de Enxeñería e Arquitectura só representan un 25,8%, segundo o último informe do Ministerio de Educación. Respecto dos estudos superiores de carreiras técnicas, a situación tamén é moi desigual, xa que as mulleres non chegan a representar o 30% de estudantes de doutoramento.
Tras estudar boas prácticas en España e no resto do mundo, o equipo multidisciplinar de investigadoras da Universidade de Granada, Universidade de Lleida, Universidade de La Laguna e da Universidade Internacional de La Rioja elaborou un decálogo de suxestións que se demostraron útiles para que as estudantes se interesen polas carreiras técnicas.
Os dous primeiros puntos son dar información sobre a profesión de enxeñeiro desde Educación Primaria, e introducir algunha materia en pouca idade para familiarizarse cos conceptos básicos da informática de forma amena e divertida.
Tamén hai que Incorporar nos plans de formación do profesorado as competencias dixitais, con por exemplo: formación específica sobre didáctica da informática; ademais de asociar un carisma ou proxección social á función do enxeñeiro, “xa que se demostrou que as mulleres séntense atraídas por proxectos de enxeñería que tratan de mellorar a sociedade”, segundo as profesoras da Universidade Internacional de la Rioja (UNIR) que colaboraron no artigo.
Por outra banda, os mestres deben usar a tecnoloxía de forma innovadora. Pódense obter, por exemplo, bos resultados coa 'gamificación', ou converter o proceso de aprendizaxe nun xogo. Tamén hai que incentivar que as propias mulleres non se vexan menos capaces e se poñan barreiras a si mesmas.
Espertar nas nenas a curiosidade pola ciencia e a tecnoloxía
O estudo sinala, ademais, a importancia de impartir cursos para espertar nas nenas a curiosidade pola ciencia e a tecnoloxía, e que hai que visibilizar o papel da muller na ciencia e nas carreiras técnicas, co apoio dos medios de comunicación.
Por último, o artigo sinala que na escola hai que fomentar o traballo en equipos mixtos con perfís de rendemento heteroxéneos, ademais de promover unha aprendizaxe baseada por proxectos, no que se favoreza que todos os alumnos pasen por diferentes roles.
"Posiblemente, as mozas escollerán con máis alta probabilidade os roles 'asociados a mozas', polo que resultaría beneficioso facer rotacións e permitir que todos realicen todas as tarefas. Desta forma, podemos axudar a todos, non só ás mozas, a descubrir novos intereses que non coñecían”, comenta Natalia Padilla-Zea, investigadora da UNIR.
Estas observacións fundaméntanse en varios experimentos levados a cabo nestas universidades, nas cales tamén se observou que ensinar habilidades básicas de informática ten bos resultados en ambos os sexos, e que o nivel de interese das mulleres aumenta se teñen un sentimento de pertenza a un grupo interesado polo tema, ou perciben expectativas de éxito.
As investigadoras conclúen que “se poden reformular os obxectivos da investigación en enxeñería e nos plans de estudo facendo que sexan relevantes ás necesidades da sociedade, potenciando o compromiso social, e non enfocándoo só como un tema relacionado coa igualdade de xénero”.
El secretario de Estado de Servicios Sociales e Igualdad, Mario Garcés; la vicepresidenta ejecutiva de la Fundación CERMI Mujeres (FCM), Ana Peláez, y el director general de la Fundación Vodafone España, Santiago Moreno presentarán hoy lunes, 13 de febrero, a las 10.30 horas, ‘Pormi’, una aplicación móvil contra la violencia de género accesible que cuenta con información en lectura fácil y lengua de signos.
Esta herramienta digital ha sido impulsada por la FCM y LA Fundación Vodafone España. Ambas entidades han contado con la colaboración de la Delegación del Gobierno para la Violencia de Género, el Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad, el Cuerpo Nacional de Policía, Cruz Roja y diferentes entidades miembros del Cermi. Además, la aplicación ha sido desarrollada por ILUNION Tecnología.
UAVlab é unha xornada dirixida a empresas do sector para coñecer as tecnoloxías que se están a desenvolver no CiTIUS e as súas aplicacións futuras no campo dos UAVs.
O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información) vai organizar os días vindeiros unha sesión monográfica de probas e experimentación sobre as diferentes tecnoloxías avanzadas das que podemos dispor para xestionar e manexar un vehículo aéreo non tripulado e, tamén, para procesar a información que o vehículo nos forneza. A xornada de demostración tecnolóxica UAVlab desenvolverase na sede do CiTIUS o vindeiro 24 de febreiro, con horario de 10.00 a 14.00 horas.
A xornada, que segue o ronsel das recentes edicións da iniciativa Inside The Lab, será un encontro de portas abertas para os profesionais da nosa contorna empresarial científico-tecnolóxica. Entre as tecnoloxías exhibidas ó longo do UAVlab, os visitantes poderán asistir a demostracións de solucións deseñadas para a pilotaxe autónoma de vehículos aéreos non tripulados mediante visión artificial, a reconstrución 3D da contorna a partires de imaxes, ou a identificación de superficies a partir de imaxes hiperespectrais (LiDAR), entre outras. Segundo informa o CiTIUS, tódalas solucións amosadas nesta xornada “teñen o seu fundamento en resultados de investigación punteiros ó máis alto nivel, situándose nalgúns casos coma os mellores do mundo”. Para participar nesta xornada, teremos que cubrir o formulario publicado na web do evento. A inscrición fica aberta até o 22 de febreiro.
O Concello de Fene está a organizar actividades para favorecer durante o ano en curso o que se coñece como envellecemento activo a través das novas tecnoloxías da información. Trátase do programa de accións Tardes Activas, un variado feixe de propostas que inclúe entre os seus bloques temáticos a introdución e o manexo das novas ferramentas, co fin de contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e, tamén, a ampliar a súa formación e os seus xeitos de empregar o tempo de lecer. Tardes Activas, que é un programa itinerante, vén da man da Concellaría de Benestar Social e Igualdade de Fene. Prolongarase dende este mes de febreiro até decembro.
As Tardes Activas están estruturadas en catro obradoiros distintos. A veciñanza poderá participar neles de maneira indistinta, “mesmo aínda que non pertenzan á parroquia onde se impartan cando se trate de actividades itinerantes”. Un dos obradoiros trata sobre activación da memoria (“recomendable para persoas que teñen esquecementos cotiáns”, outro tratará sobre lembranzas (“traballando diferentes funcións cognitivas a través de recordar vivencias”) e outro xirará arredor dos recursos para manter a raia a aparición de demencias. A última actividade para a veciñanza da terceira idade é un obradoiro para aprender a empregar os teléfonos móbiles intelixentes, cos que, segundo sinala o Concello, “ademais de falar tamén se pode navegar por Internet, acceder ás redes sociais e mesmo dispor de aplicacións moi útiles a partir de certas idades”. O Concello, que lembra que neste caso é necesario que cada persoa leve o seu propio teléfono, sinala que este obradoiro desenvolverase nas mañás dos venres entre as 11 e as 13.00h. a partir do 24 de febreiro. O curso impartirase na aula de formación municipal situada na avenida Naturais de Fene nº 44, entresollado.
Hai dez meses botaba a andar o Centro do Coñecemento de La Molinera de Ourense, "un elemento dinamizador e promotor da creatividade, tanto desde o punto de vista persoal como profesional" e unha "xanela aberta á innovación, creatividade e incorporación das novas tecnoloxías", segundo palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Proba disto é que neste mes de febreiro La Molinera achegará obradoiros de robótica para nenas e nenos, formación en comunicación dixital para mozas e orientación para as persoas interesadas en montar unha empresa dixital.
Máis polo miúdo, as actividades programadas en La Molinera consistirán nun Networking Startup, que converterá á cidade en punto de encontro entre a mocidade, administracións, empresas e universidade; e a xornada Novas canles de empregabilidade, na que se abranguerán temas como a marca persoal e a vídeo presentación persoal.
Asemade, este espazo adicado ás novas tecnoloxías que é La Molinera quere abrir novos vieiros de traballo para a mocidade, e nesta liña insírese o programa Xoves inspiradores. Así, ao abeiro deste ciclo, os días 9 e 23 de febreiro haberá un obradoiro de argumentación e debate; mentres que o 16 de febreiro realizarase outro obradoiro de redes sociais.
En canto aos máis novos, están previstos os obradoiros: Team makers kids, adicado á robótica, programación e proxectos dixitais; e o obradoiro educacional Arquimakers-kids.
Alén disto, La Molinera abre o prazo para os cursos da aula CeMIT (que neste mes de febreiro estará centrada nos obradoiros de Deseño e Impresión 3D) e para a creación dunha tenda a través de Internet. Aproveitando a presentación dos cursos que se celebrarán en febreiro, este martes o alcalde de Ourense facía fincapé na participación de La Molinera na Semana Europea do Emprendemento, unha actividade que se realiza en máis de 40 países (do 6 ao 10 de febreiro), sendo Ourense e Pontevedra "as únicas cidades galegas" que participan neste foro.
Como un xeito de fomentar as vocacións científicas entre os máis novos celebráronse un par de encontros da FIRST LEGO League Galicia na que se xuntaron estudantes de primaria e secundaria con interese nas TIC e ganas de traballar en equipo para presentar un proxecto científico.
A FIRST LEGO League Galicia está organizada dende a Universidade da Coruña, e ao igual que en 2016 recalou na Facultade de Informática da Coruña, a edición de 2017, que terá lugar o vindeiro día 18, trasladouse até Ferrol, onde desenvolverase o torneo clasificatorio que facilitará o acceso á grande final da FIRST LEGO League España. O campionato está dividido en dúas grandes categorías por idade: a FIRST LEGO League Jr., para cativos de entre 6 e 9 anos, que non será competitiva; e a FIRST LEGO League ordinaria, na que participarán cativos de entre 10 e 16 anos acompañados por un adestrador. Esta última consta con proba de robótica, un proxecto científico e a demostración do desenvolvemento de valores como a cooperación, a valoración do traballo ben feito, o respecto do traballo dos demais...
Nos vindeiros días renovarán a páxina web do evento para incluír información sobre como participar nesta cita imprescindible para os interesados na tecnoloxía LEGO Mindstorms ou na introdución dos máis novos ao mundo da robótica.
Coincidindo significativamente coa celebración esta semana (o 11 de febreiro) do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, un evento mundial para lembrarnos os nomes concretos das grandes investigadoras da historia (amais de para espertar vocacións e tirar barreiras de xénero), a Deputación de Pontevedra vén de presentar a edición 2017 do seu programa Conectadas, unha iniciativa impulsada polo departamento de Igualdade e que ten como obxectivo mellorar a formación das mulleres, a súa empregabilidade e as súas posibilidades de botar abaixo atrancos de desigualdade. Conectadas 2017, informa a Deputación, está xa aberto ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres (poderán presentar as súas solicitudes até 9 de marzo). Un dos obxectivos básicos de Conectadas, como lembraremos, é facer que caian, un por un, os atrancos que separan ás mulleres das ferramentas en liña. A chamada fenda dixital de xénero.
Ademais, búscase favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias; contribuír a mellorar a empregabilidade e o mantemento no mercado de traballo; e superar os malestares das mulleres derivados da desigualdade de xénero, impulsando accións formativas que incorporen os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar. A Deputación de Pontevedra achega neste exercicio a cantidade de 324.000 euros, un orzamento un 1% maior có de 2016. A oferta inicial de cursos é de 270 (en 2016 ofertáronse inicialmente 267), puidéndose incrementar segundo o prezo definitivo da empresa adxudicataria do proxecto. As accións formativas de Conectadas 2017 suman un total de 47 obradoiros distribuídos entre oito bloques temáticos: Muller emprende (emprendemento), Muller e cultura (adicado ás artes visuais), Actualízate (alfabetización dixital), Coas túas mans (traballos manuais), Porque ti o fas(xardinería e ornamentación floral), Súmate ao cambio (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), Ponte en forma (deportes) e Coidados persoais.
A Deputación de Pontevedra volve pór en marcha este proxecto ao considerar que “a formación é un instrumento imprescindible á hora de acadar unha igualdade real”.