main content

main content
17/02/201709:02
Dron voando.
Santiago de Compostela

Pilotar drons faise accesible a persoas con discapacidade

A implantación de drons en diferentes aspectos da xestión das cidades no futuro non pechará as portas ás persoas con discapacidade, que poderán optar á licenza necesaria para pilotar estas aeronaves, facendo esta tecnoloxía accesible a todos os interesados. Así o explicou o Ministerio de Fomento, en resposta á petición da Asociación Droniberia e Ilunion sobre o acceso a esta licenza por parte de persoas con algún tipo de discapacidade.

Segundo informou o Ministerio, recentemente incorporou unha modificación no artigo 35 da normativa que regula o acceso ás licenzas para pilotar drons pola que se farán unhas probas determinadas para a discapacidade de cada persoa, que será avaliada de maneira individual.

 

Probas médicas específicas para persoas con discapacidade que queiran pilotar drons

Concretamente, a corrección indica que as persoas con discapacidade ou trastornos psicofísicos, cuxas disfuncionalidades lles permitan pilotar RPAs (sistema aéreo tripulado por control remoto), deberán ser titulares dun certificado médico nacional emitido conforme aos requisitos que se establezan por resolución do director da Axencia Estatal de Seguridade Aérea que determinase o formato e características deste certificado médico.

A lei actual di que os pilotos que operen aeronaves de ata 25 quilos de masa máxima ao despegamento deberán ser titulares, como mínimo, dun certificado médico que se axuste ao previsto nos requisitos técnicos e procedementos administrativos relacionados co persoal de voo da aviación civil en virtude do Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello. É dicir, deben cumprir os mesmos requisitos que un tripulante de cabina.

Con todo, esta esixencia fai que moitas persoas con discapacidade queden fóra do acceso aos títulos de piloto de drons. “Expomos que se estableza unha regulación médica específica, ‘ad hoc', dado que son realidades obxectivamente distintas, que permitan que as persoas con discapacidade poidan acceder a este desempeño profesional, ampliando as súas oportunidades de emprego de modo notable”, explicaba o presidente de Ilunion, Alberto Durán, na súa carta ao Ministerio.

17/02/201708:02
CESGA.
Santiago de Compostela

As instalacións do CESGA xa poden visitarse virtualmente a través dos mapas de Google

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é todo un referente da aplicación da computación de altas prestacións á investigación no panorama estatal, contando tamén con outras iniciativas que mediante o uso das TIC benefician á sociedade, e dentro das súas actividades non falta a divulgación, de aí que sexa frecuente que as súas instalacións en Santiago de Compostela reciban a visita de escolares de toda a nosa comunidade e incluso a celebración de xornadas de portas abertas para achegar á cidadanía o bo facer desta institución que vén de dar un paso máis adiante nesta dirección: a creación e publicación dunha visita virtual polas súas instalacións.

Deste xeito, a través de Google Street View podemos pasear polas infraestrutura científica e técnica singular CESGA, non sendo preciso ser un dos preto de mil alumnos de bacharelato e ciclos superiores de Galicia para poder coñecer as súas instalacións, o que permite, dende ver os obxectos da historia da informática que ocupan os seus corredores como mostra do moito que avanzou a tecnoloxía nas últimas décadas, até contemplar o impresionante sistema de computación Finis Terrae II, que pode conseguir un rendemento de até 328 TFLOPS.

Para poder gozar da visita virtual polo CESGA só temos que explorar o recinto a través de Google Maps dende o ordenador ou dispositivos móbiles, para o que realizaron detalladas fotografías de 360 graos das instalacións do centro, para o que contouse coa colaboración da empresa coruñesa Qualisure.

16/02/201713:02
Presentación dos proxectos.
Barcelona

A Fundación Vodafone España presenta en Barcelona os proxectos que mostrará no Mobile World Congress 2017

  • Presentaron en Barcelona as solucións que se mostrarán na próxima edición do Mobile World Congress (do 27 de febreiro ao o 2 de marzo), dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade a través da tecnoloxía.

 

Ao longo do acto, presidido por Santiago Moreno, Director Xeral da Fundación Vodafone España, e Albert Buxadé, Director de Vodafone en Cataluña, presentáronse aplicacións que facilitan a accesibilidade de distintos colectivos ás vantaxes dos dispositivos móbiles, incluíndo solucións de teleasistencia e xogos accesibles para todos.

Teleasistencia Móbil Accesible

A Fundación de Tecnoloxías Sociais (TECSOS), unha iniciativa de Cruz Vermella Española e a Fundación Vodafone España, presentará no Mobile World Congress o seu proxecto de Teleasistencia Móbil Accesible. Pioneira na teleasistencia móbil, TECSOS achégaa agora a persoas con discapacidade auditiva, visual ou física, facéndoa universal e compatible con produtos de apoio como lectores de pantalla e pulsadores.

TECSOS serviuse ademais da aplicación EVA Facial Mouse, desenvolvida polo tarraconense César Mauri, en colaboración coa Fundación Vodafone, para permitir o acceso ao servizo mediante o seguimento do rostro do usuario a través da cámara frontal dos dispositivos. EVA Facial Mouse, que conta xa con máis de 470.000 descargas, será a especial protagonista da próxima edición do Mobile World Congress, xa que se atopa entre as solucións nomeadas para os Global Mobile Awards 2017 da GSMA na categoría “Best Use of Mobile for Accessibility & Inclusion”.

Xogos accesibles para todos os colectivos

A Fundación Vodafone presentará no congreso dúas solucións móbiles desenvolvidas para achegar os xogos a persoas con discapacidade. A primeira delas, o “Adestramento Cerebral ONCE-Vodafone”, inclúe unha serie de xogos accesibles a persoas con discapacidade visual grave, os primeiros do mundo en ser deseñados especificamente para as persoas cegas, e aos que tamén podemos xogar todos. Grazas a estes xogos, os usuarios poden adestrar a súa mente en áreas como a memoria, o cálculo ou as funcións executivas á vez que se divirten. Os nove xogos dispoñibles ata agora están recompilados na aplicación Unobrain e están dispoñibles de forma gratuíta para iOS e Android para aqueles que utilizan os servizos de accesibilidade como lectores de pantalla.

Doutra banda, tamén mostrarán Bocciapp, unha aplicación accesible que recrea o popular deporte da boccia, dispoñible en Android tamén de forma gratuíta. Bocciapp pode xogarse tanto pulsando a pantalla táctil do móbil como con pulsadores, permitindo o seu uso por parte de persoas con parálise cerebral e discapacidade física.

 

A barcelonesa App&Town, gañadora nos X Premios de Innovación da Fundación

Na caseta de Vodafone do Mobile World Congress tamén estará presente un dos proxectos galardoados na última edición dos Premios Connecting for Good á Innovación en Telecomunicacións: a barcelonesa App&Town, desenvolvida por Massfactory, é un sistema que permite ás persoas con discapacidade intelectual, problemas de saúde mental e con risco de desorientación, realizar desprazamentos en transporte público cun guiado a través dunha aplicación móbil e unha monitoraxe constante.

15/02/201711:02
IES Brión.
Brión

O alumnado do IES Brión acada o terceiro posto no certame Wisibilízalas

Os días pasados puidemos saber que a equipa de mozas/os innovadoras/es Brión 2, pertencente ao IES de Brión, resultara finalista no concurso Wisibilízalas da Universitat Pompeu-Fabra, xunto con outros tres equipos de colexios e institutos de todo o ámbito estatal. Agora, o centro educativo e o Concello veñen de informar que a equipa local conseguiu finalmente o terceiro posto na final do devandito certame, unha iniciativa convocada co obxectivo de “dar visibilidade ás mulleres que traballan no ámbito das TIC e potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e da tecnoloxía”.

O concurso, que se resolveu este 11 de febreiro na Universitat Pompeu Fabra, consistía na creación dunha páxina web que describise a carreira de mulleres españolas contemporáneas que traballen no ámbito das novas tecnoloxías da información. O acto de entrega de galardóns coincidiu co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Nel participou a profesora de Tecnoloxía do IES de Brión, Luz Ramos López, quen foi a encargada de recoller o premio en Barcelona. Este galardón foi outorgado a un grupo formado por alumnado de 1º de Bacharelato (de TIC) e 4º de ESO (Educación Plástica, Visual e Audiovisual) en recoñecemento á calidade da páxina web Mulleres TIC, na que se describe a carreira de mulleres españolas contemporáneas que traballan no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación como Belén Masía, Begoña García, Rosa Monge, Sabela Ramos e Clara Bayarri.

O equipo gañador do certame estaba composto polos alumnos e alumnas: Carmen Alonso Lameiro, Pablo Bouzas Casal, Alejandro Dosil Souto, Carla Fernández Montero, Carmen González Pazos, Xosé Lois Piñeira, Martiño Lorenzo García, Karen Manukyan, Patricia Sánchez Petruk e Carmen Trigo Cobas. Dende o IES de Brión salientan que, detrás deste traballo e debido ás dinámicas de aula (que favorecen que o alumnado colabore e comparta materiais) hai un grupo máis nutrido de alumnado que merece este recoñecemento como: José David Aldana Sierra, Antón Carcedo Martínez, Hugo Fiz González Pérez, Ricardo Horta Cadenas, Brais Liñares Gesto, Alberte Xosé López Freire, Carmen Mª Martínez Santos, Irene Nimo Ares, Martín Soto García e Manuel Vázquez Dosil. O primeiro premio do certame foi para o IES Gorgs, de Cerdanyola del Vallés (Barcelona) por Wisiborgs, mentres que o segundo posto recaeu en MaristasAlicante2, do Sagrado Corazón HH. Maristas (Alacante).

15/02/201708:02
First Lego League Galicia.
Ferrol

Máis de 160 mozas e mozos participan este sábado na First League Galicia en Ferrol

Este sábado 18 celébrase en Ferrol a proba First Lego League Galicia. A cita, que se levará a cabo no auditorio ferrolán, vén da man da Universidade da Coruña, a través da Escola Universitaria Politécnica, a Facultade de Informática e a Escola Politécnica Superior de Ferrol. Segundo informan, a First Lego League, unha iniciativa internacional que promove a ciencia e a tecnoloxía na mocidade (a través de retos concretos que os equipos deben solucionar), é hoxe por hoxe o “meirande desafío de robótica educativa do mundo”, e a edición ferrolá será unha boa proba deste despregue de enxeño, creatividade e participación. Contará coa presenza de 161 rapaces procedentes de centros escolares de toda a nosa xeografía.

Nesta proba galega, clasificatoria para a gran final española que se celebra o 18 de marzo en Logroño, poderase ver polo miúdo a particular metodoloxía posta en xogo nos certames First Lego League: unha metodoloxía na que o proceso é máis importante có resultado (os criterios que máis se valoran son os traballos dos equipos e como fan eses traballos, salientándose en todo intre a importancia da experiencia como recurso de ensino). O desafío que teñen que resolver nesta ocasión os participantes (mozas e mozos da comarca ferrolá e do resto de Galicia e con idades comprendidas entre os 10 e os 16 anos) recibe o nome de Animal Allies. En virtude deste reto, os equipos poñeranse na pel de animais para descubriren “o que se consegue cando se axudan uns aos outros”, explican os organizadores. O obxectivo último, amais de fomentar hábitos de traballo colectivo e creativo, é tomar conciencia da importancia de protexer os dereitos dos animais.

First Lego League Galicia terá lugar integramente no Auditorio de Ferrol, onde se habilitarán catro salas, a zona PIT, e o auditorio. Dará comezo ás 9:30 e rematará ás 14:30 horas. Participan alumnos de colexios de toda a Comunidade (Ferrol, Fene, Valdoviño, Ortigueira, San Sadurniño, A Coruña, Culleredo, Ourense...). Na páxina web de FLL Galicia pódese consultar toda a información relativa ao torneo clasificatorio que se celebrará este sábado e que reunirá a decenas de mozos galegos. Tamén están presentes en Facebook, Twitter e Instagram.
 

Datos sobre a edición estatal
Arredor de 12.000 mozos de toda España traballarán en equipo nestas probas por Comunidades. A nivel internacional, fano máis de 250.000 estudantes de 88 países de todo o mundo. Segundo informan os organizadores da competición galega, España é o país de Europa con maior número de equipos, con 31 torneos de clasificación, máis de 1.600 equipos e 12.000 participantes. Todos eles veranse ante o desafío común de resolver problemática reais e presentar solucións creativas para salvaren a vida dos animais. En Galicia serán 23 equipos e 161 participantes. A iniciativa First Lego League está impulsada en España, desde o ano 2006, pola Fundación Scientia, que en colaboración con universidades, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación, organiza o programa por todo o territorio.

14/02/201717:02
Logo Aliados dixitais.
Santiago de Compostela

O Plan de Inclusión Dixital 2020 da Amtega conta con cinco novos aliados dixitais

  • Os concellos de Arbo e Sober, a Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia, e as empresas ICONWEB e SENES CIT veñen de formalizar a súa adhesión
  • O Plan conta xa con 758 aliados dixitais entre entidades, asociacións, empresas e organismos públicos e persoas voluntarias
  • As novas entidades colaboradoras suman recursos e iniciativas para poñer en marcha novas actuacións de capacitación dixital

 

Nas últimas semanas, cinco novos aliados dixitais formalizaron a súa adhesión ao Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Os concellos de Arbo e Sober, a Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia, e as empresas ICONWEB e SENES CIT sumarán os seus esforzos e recursos para poñer en marcha novas actuacións nos tres eixos do Plan de Inclusión Dixital: alfabetización dixital, capacitación dixital e innovación social dixital e participativa.

Os municipios de Arbo e Sober colaborarán na difusión da inclusión dixital nas súas localidades, organizando actividades formativas, eventos ou iniciativas de divulgación e dinamización das TICs.

A Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia (EFA Galicia), ten como obxectivo a promoción colectiva do medio rural e conta ademais, cunha participación activa no CDTIC (Centro Demostrador TIC de Galicia). Como aliado dixital EFA Galicia participará dinamizando a rede de aulas CeMIT con actividades formativas en solucións TIC especializadas, seminarios e iniciativas singulares con outros aliados dixitais e coa colaboración de persoas voluntarias. Todas estas actividades estarán orientadas a dar resposta e solucións aos problemas e necesidades que se presentan nas zonas rurais da Comunidade.

A axencia de deseño e marketing ICONWEB adhírese ao Plan para desenvolver actividades de capacitación dixital, difusión e sensibilización de novos produtos e servizos tecnolóxicos que interesen á cidadanía. Tamén participará na actividade formativa das aulas da Rede CeMIT e en iniciativas en colaboración con outros aliados dixitais.

A empresa SENES CIT (Centro de Iniciativas transversais) súmase a esta alianza dixital cun amplo catálogo de servizos en proxectos de alfabetización dixital, en especial, para persoas maiores e en formación para a busca activa de emprego, e-commerce, marketing dixital e competencia dixital en ofimática (CODIX). Tamén achegará a súa experiencia en proxectos de Innovación Social Dixital como o deseño de aplicacións móbiles para sensibilizar á poboación escolar contra a violencia de xénero, bullying e outros tipos de ciberacoso.

 

Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 - Aliad@s Dixitais

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia do Goberno autonómico para facilitar que calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, poida avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación, consenso, implicación e participación de todos os axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta xa con máis de 750 aliados dixitais.

Este novo modelo de relación e participación articúlase por medio dunha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) que permite que todas as entidades, empresas, asociacións e organismos interesados en colaborar co Plan poidan adherirse coma aliados dixitais de forma telemática na sede electrónica da Xunta de Galicia, se así o desexan.

14/02/201711:02
Cartel do concurso.
Londres

A competición de startups tecnolóxicas para mulleres chega a Europa

O Women Startup Challenge estréase en Europa, onde 10 finalistas competirán para levar o gran premio: 50.000 euros. ¿O principal requisito para participar? Ser muller.

A quinta edición do Women Startup Challenge terá lugar o próximo 3 de maio en Londres. A competición está aberta a todas as startups tecnolóxicas fundadas por mulleres en Europa.

Elixiranse 10 finalistas que presentarán a súa startup fronte a un tribunal formado por xuíces de recoñecido prestixio. Entre eles elixirase un candidato gañador que obterá un premio moi atraínte de 50.000 euros, xunto a outros servizos para startups que de momento non foron especificados.

Ademais do factor feminino, esíxense algúns requisitos secundarios. Dominio do inglés, unha tecnoloxía expansible e un orzamento inferior a 2 millóns de euros.

O evento celébrase en asociación con Craig Newmark de craiglist, que manifestou que “tan só o 10% do investimento global destínase a startups fundadas por mulleres, con todo as compañías lideradas por mulleres xeran un 35% máis de intereses que aquelas lideradas por homes“.

Os finalistas enfrontaranse á fundadora de Doteveryone, Martha Lane Fox, o cofundador de Wikipedia, Jimmy Wales, e o anterior editor de TechCrunch, Robin Wauters, que formarán parte do tribunal.

Chama a atención tamén a escaseza de startups fundadas por mulleres en España. Segundo un mapa do emprendemento elaborado por Spain Startup, a porcentaxe de mulleres que deciden emprender sitúase no 17%. Con todo, no noso país o 52% das empresas que logran sobrevivir están lideradas por mulleres.

14/02/201710:02
Cartel Trastea 2017.
Madrid

Gran éxito da Feira Tecnoloxía e Autismo Trastea 2017

  • O venres 10 de febreiro clausurouse a Feira Tecnoloxía e Autismo Trastea 2017, un evento que superou as expectativas dos organizadores en canto a afluencia de público e expositores.

Coas palabras de agradecemento do Director Xeral de Autismo Madrid, Alberto Gutiérrez Pozuelo e de Manuel Álvaro Dueñas, Decano da Facultade de Formación de Profesorado e Educación, na Sala de conferencias da Facultade de Ciencias da UAM deuse por clausurada a Feira Trastea 2017 Tecnoloxía e Autismo, que deixa unhas cifras moi por encima do esperado ao tratarse da primeira vez que se celebra.

A expectación por parte do público foi de tal magnitude que se completou o aforamento unha semana antes da inauguración e os expositores tiveron a oportunidade de presentar os seus produtos a uns usuarios ávidos de solucións tecnolóxicas coas que mellorar a vida das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA).

De feito, realizáronse varias presentacións de produtos innovadores, como a aplicación gratuíta para móbil Taimun Watch por parte da Fundación Orange, na que se entrega á persoa con autismo as ferramentas para medir e controlar o seu nerviosismo de forma discreta co uso dun simple reloxo intelixente, de calquera marca, que detecta as pulsacións do usuario e axúdalle con exercicios a recuperar a estabilidade.

Tamén utilizaron a plataforma de Trastea para darse a coñecer os profesionais que crearon a aplicación Autismind coa finalidade de axudar a familias e profesionais a estimular a cognición social e a teoría da mente dos nenos con TEA, utilizando aplicacións para Tablet que resultan motivadoras, divertidas e facilitan a aprendizaxe e integración das habilidades traballadas

Lembremos ademais, que esta feira contou cunha mañá dedicada en exclusiva para os usuarios finais destas aplicacións, onde ao redor de 150 persoas con TEA puideron pasearse por cada unha das casetas e “trastear” cos produtos o que resultou moi gratificante tanto para os usuarios como para os expositores ao tratarse dunha experiencia pioneira neste tipo de eventos.

En definitiva, a feira acolleu a unhas 500 persoas que gozaron da tecnoloxía aplicada aos Trastornos Do Espectro do Autismo, onde ademais foi posible asistir a charlas e debates sobre o uso adecuado destas tecnoloxías nos diferentes pasos da vida do usuari@.

14/02/201709:02
Pantallazo da web.
Santiago de Compostela

Menores en Rede, finalista nos Premios Zapping

Hai presenza galega entre os finalistas da XXII edición dos Premios Zapping. Máis polo miúdo a da web Menores en Rede, posta en marcha polo animador sociocultural Jorge Castro. A entrega destes galardóns con sede en Catalunya celebrarase o vindeiro 16 de marzo en A CaixaForum de Barcelona. A páxina galega, máis en detalle, figura na listaxe final das tres mellores plataformas seleccionadas ao abeiro da categoría Mellor Iniciativa de Internet ou App dos Premios Zapping. Estas tres finalistas foron elixidas polo propio público a través dunha rolda de votacións na que participaron un total de dez webs. Menores en Rede comparte recta final do galardón con The Capsuled e Tú decides en Internet.

A páxina galega, como lembraremos, arrancou a súa andaina en 2010 co obxectivo de guiar ás rapazas e aos rapaces no emprego das ferramentas dixitais. A canle, que nos seus comezos foi un blog e despois unha web, ten arestora unha firme vertente pedagóxica, centrándose en cousas como fornecer consellos para as persoas máis novas que navegan na Rede ou recursos de comportamento e metodoloxías para as nais, os pais e os docentes, facendo fincapé en axudar aos colectivos menos dixitalizados a encher posibles baleiros de información en relación ao uso da Internet e as redes sociais. Por temáticas máis concretas tócanse ámbitos como o emprego de etiquetas nas comunidades dixitais, o uso de imaxes con menores en Internet, a presenza de recursos na Rede para levarnos a sitios de malware ou os problemas derivados dun mal uso do Whatsapp a nivel escolar.

14/02/201709:02
Momento da xornada.
A Coruña

AGALURE e a Deputación da Coruña advirten do medre das adicións derivadas dun mal uso das TIC

O pasado venres, 10 de febreiro, a sede da Deputación da Coruña celebraba as II Xornadas de Adiccións sen Substancia, convocadas pola Asociación AGALURE coas que colabora a área de Servizos Sociais da Deputación da Coruña. Este encontro centrouse na difusión e prevención como ferramentas para a eliminación das adicións sen substancia ou comportamentais. Pola súa banda, a responsábel da Área de Servizos Sociais da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, agradeceu na súa intervención inicial o traballo desenvolvido por AGALURE á hora de facer visíbel unhas "adiccións que todo o mundo coñece mais ás que, en moitas ocasións, non se lles dá a relevancia que merecen, en especial en tempos como os que vivimos que se está a dar un notábel incremento co uso das redes sociais e Internet", o que repercute, tamén, no medre dos malos hábitos.

E indo ás xornadas, dicir que se levou a cabo unha charla coloquio Adiccións sen substancia. Ludopatía, compras compulsivas, rede sociais, móbiles; co psicólogo clínico de AGALURE, José Manuel Recouso Ramos; outro relatorio foi Xogo Responsábel, de Máximo Enrique Gutiérrez, presidente de FEJAR, amais da intervención de Gerardo Rodríguez Velo, secretario da Asociación que falou do seu labor como instrumento de prevención.

Francisco Gil, de Agalure, sinalaba que: "Pensamos que co tratamento non abonda e decidimos que tiñamos que adicarnos tamén á difusión das adiccións sen substancia, enfermidades que non son recoñecidas pola sociedade", engadiu ao tempo que fixo fincapé na necesidade de traballar cos centros de ensino e agradeceu á área de Servizos Sociais da Deputación a colaboración á hora de traballar polo seu coñecemento social. Alertou tamén de que as novas xeracións van "a moitísima máis velocidade" no uso das novas tecnoloxías, o que está a reverter nun incremento das dependencias.

A asociación AGALURE botaba a andar hai máis de vinte anos na Coruña, nacía con vontade de facer fronte á ludopatía, pero coa chegada das novas tecnoloxías, as redes sociais e o uso do teléfono móbil, ampliaron o seu labor de axuda a estas outra áreas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS